6-12 DE XULLO DE 2026
CANCIÓN sn 37 A Palabra de Deus é a nosa guía
Por que son importantes os principios bíblicos?
“[Usade] a vosa capacidade de razoar para darlle servizo sagrado” (ROM. 12:1).
OBXECTIVO
Entender que son os principios e como podemos identificalos ó ler a Biblia.
1, 2. a) Por que se pode dicir que a Biblia é un libro antigo? b) Por que segue sendo útil a Biblia hoxe?
A BIBLIA é un libro moi antigo que se empezou a escribir hai uns 3500 anos e que se completou hai cerca duns 2000 anos. Aínda así, “a palabra de Deus” que encontramos nas súas páxinas está viva e segue actuando con poder hoxe en día (Heb. 4:12; 2 Tim. 3:16, 17). Millóns de persoas afirman que a Biblia lles axudou a tomar boas decisións e a ser máis felices no mundo actual.
2 E como pode un libro tan antigo seguir sendo relevante hoxe en día? Hai dúas razóns principais. A primeira é que a súa mensaxe vén do “Deus vivo”, o noso Creador infinitamente sabio (1 Tim. 4:10; Rom. 16:26, 27). A segunda é que está escrito dunha maneira que transmite principios que non se ven afectados polo paso do tempo. Seguen sendo útiles para as persoas sen importar a época na que vivan nin a que problemas se estean enfrontando.
3. Que preguntas responderemos neste artigo?
3 Que son os principios bíblicos? Por que son tan importantes para nós actualmente? Como podemos identificalos ó ler a Biblia? Neste artigo responderemos estas preguntas. Tamén veremos como as ensinanzas de Xesús destacan o seu valor.
QUE SON OS PRINCIPIOS BÍBLICOS?
4. Que son os principios bíblicos?
4 Os principios bíblicos son as verdades fundamentais nas que se basean as leis de Deus. Así que os principios pódense definir como a razón que hai detrás da lei, e sempre hai unha boa razón detrás de cada lei de Xehová. Ás veces, un principio pode estar claramente recollido nunha lei (Mat. 22:37). Non obstante, os principios son superiores ás leis específicas xa que estas poden ter unha aplicación limitada. Pode ser que Xehová nos dea unha lei para unha situación ou momento específico, pero os principios móstrannos a súa maneira de pensar dun xeito máis amplo, poden aplicarse a moitas circunstancias e son atemporais (Sal. 119:111). As leis quizais necesiten cambiar, pero os principios non caducan nin quedan anticuados (Is. 40:8).
5. Con que exemplo podemos explicar a diferenza entre as leis e os principios? (Ver tamén as imaxes).
5 Vexamos un exemplo para entender mellor a diferenza entre as leis e os principios. Unha nai quizais lle diga ó seu neno pequeno: “Non toques a pota que está no lume”. Isto é unha orde ou lei. Pero a razón ou principio que hai detrás dela é: “Non toques nada que estea quente se non te queres facer dano”. Este principio non só aplica á pota, senón a outras cousas que están quentes como unha prancha ou un forno. E non só é útil na casa, senón tamén noutros lugares. Por suposto, a medida que o neno creza empezará a usar as cousas da cociña, pero terá que ter coidado de non tocar nada que o poida queimar. Así que a lei pode cambiar, pero o principio que hai detrás dela non.
Unha lei pode cambiar, pero non o principio que hai detrás dela (ver o parágrafo 5).
POR QUE SON IMPORTANTES OS PRINCIPIOS BÍBLICOS?
6. a) Que nos dá Xehová na súa Palabra? b) Como nos dignifica Xehová?
6 Como nos quere moito, Xehová deunos instrucións específicas en forma de leis para que poidamos evitar poñernos en perigo (Sant. 2:11). Ademais, axúdanos a entender os principios ou as razóns que hai detrás desas leis. El guíanos mediante a súa Palabra en moitos aspectos da vida para os que non hai leis específicas. Os principios bíblicos axúdannos a tomar boas decisións na vida e a facer o correcto. Ó non darnos unha lei para cada situación, Xehová dignifícanos e permítenos usar a nosa liberdade para tomar decisións que demostren o noso amor por el e polas súas normas (Gál. 5:13).
7. Pon un exemplo da importancia que teñen os principios bíblicos. (Ver tamén a imaxe).
7 Podemos comparar como nos axudan os principios bíblicos cos sinais de tráfico que hai nalgúns países. Moitos deses sinais informan sobre leis que resultan nunha multa se non se cumpren. Quizais especifiquen a velocidade máxima da vía ou se un condutor ten que deter o vehículo. Pero moitos outros sinais advirten de posibles perigos. Hai algúns que avisan de que a estrada pode estar escorregadiza ou de que quizais pasen por ela certos animais. Un condutor de experiencia usará o bo xuízo e conducirá con coidado se ve sinais que o alertan de certos perigos. Ademais, se está chovendo ou nevando, adaptará a súa condución a estas condicións perigosas. De maneira parecida, os cristiáns evitan estritamente calquera conduta que estea especificamente condenada na Palabra de Deus. Pero non só iso, senón que tamén evitan calquera pensamento ou acción que os poidan levar a incumprir as leis de Deus. Para isto necesitan ter bo xuízo.
Moitos sinais de tráfico advirten de posibles perigos ós condutores. Os principios bíblicos axúdannos dunha maneira parecida (ver o parágrafo 7).
8. Segundo Romanos 12:1, 2, que aprendemos ó buscar principios na Biblia?
8 Ademais, hai outros beneficios importantes que sacamos ó buscar principios bíblicos e vivir de acordo con eles. Por exemplo, aprendemos a pensar como Xehová sobre certos asuntos. Cando lemos os relatos das Escrituras, aprendemos a buscar leccións prácticas, a preguntarnos por que as incluíu na Biblia e a entender como nos benefician a nós. Desta maneira, aprendemos a usar a nosa “capacidade de razoar” para servir a Xehová. Así comprobamos por nós mesmos “cal é a boa, agradable e perfecta vontade de Deus” (le Romanos 12:1, 2).a
9. Que outro beneficio obtemos ó vivir de acordo cos principios bíblicos? (Hebreos 5:13, 14).
9 Aprender a vivir segundo os principios bíblicos axúdanos a chegar a ser cristiáns maduros. Cando vivimos de acordo cos principios bíblicos, facémonos máis amigos de Xehová (le Hebreos 5:13, 14). Os nenos pequenos quizais necesiten unha longa lista de leis, ou normas, para saber que facer en diferentes situacións. E posiblemente obedezan esas normas simplemente porque teñen medo de que os castiguen. Pero Xehová non nos trata coma nenos pequenos, senón coma adultos maduros. El espera que tomemos decisións que estean de acordo coa súa vontade e cando o facemos alegrámolo moito (Sal. 147:11; Prov. 23:15, 26; 27:11).
COMO PODEMOS IDENTIFICAR OS PRINCIPIOS BÍBLICOS?
10. Como podemos identificar os principios bíblicos?
10 Cando intentamos extraer leccións da Biblia, atopamos principios que nos axudan a comprender como pensa e se sente Xehová sobre certos temas. Tamén podemos pensar en por que fixo algunhas leis. Canto mellor entendamos isto, mellor entenderemos a Xehová. Pero cando estudemos, é moi importante que lle oremos, que lle pidamos que nos axude a entender o que pensa e que aprendamos a usar a nosa propia capacidade de razoar (Prov. 2:10-12). Podemos preguntarnos: “Por que deu esta lei Xehová? Se a Xehová non lle gusta que faga isto, como se sentirá se fago algo parecido? Que lección aprendo deste relato e como podo aplicala na miña vida?”. Unha vez que identifiquemos as razóns e leccións que hai detrás das leis e relatos da Biblia, seremos capaces de tomar boas decisións na vida, decisións que agraden a Xehová.
11. Como nos axudou Xesús a identificar os principios bíblicos no seu Sermón do Monte? (Ver tamén a imaxe).
11 No seu Sermón do Monte, Xesús ensinounos como podemos identificar principios bíblicos. Vexamos tres exemplos. En cada un deles, Xesús primeiro dicía cal era a lei e despois explicaba cal era a razón, ou o principio, detrás dela. Ó meditar no que Xesús ensinou, veremos como aplicar estes principios nas nosas vidas e os beneficios de facelo.
No Sermón do Monte, Xesús ensinounos como podemos identificar os principios bíblicos que hai detrás das leis de Deus (ver o parágrafo 11).
12. Cal é o principio detrás da lei de Mateo 5:21, 22? (Ver tamén a imaxe).
12 Le Mateo 5:21, 22. “Non asasines”. Cal é o principio detrás desta lei? Xehová non quere que odiemos a ninguén, xa sexa coas nosas accións, palabras ou incluso pensamentos. Xesús dixo que aínda que unha persoa non asasine a ninguén, podería estar desobedecendo o principio ou razón que hai detrás da lei se odia a seu irmán. Se alguén segue “estando furioso co seu irmán” ou lle di cousas crueis, estaría desagradando moito a Xehová. De feito, son estas mesmas actitudes e accións as que levan a unha persoa a cometer asasinato (1 Xoán 3:15).
13. Como podemos aplicar o principio de Mateo 5:21, 22 na nosa vida? (Ver tamén a imaxe).
13 Como podemos aplicar o principio de Mateo 5:21, 22 na actualidade? Temos que esforzarnos por evitar seguir enfadados con alguén aínda que nos tratase mal (Lev. 19:18; Xob 36:13). Por que? Porque se seguimos enfadados podemos chegar a odiar a persoa e que isto nos leve a dicir ou facer cousas crueis (Prov. 10:12). Isto inclúe contar cousas malas ou incluso mentiras sobre outros para danar ou acabar coa súa reputación (Prov. 20:19; 25:23). Por iso, antes de que existisen cousas como as redes sociais, os blogs, Internet ou as aplicacións de mensaxes, Xesús deu un principio que pon en sobre aviso ós cristiáns maduros dos posibles perigos de usar estas ferramentas modernas. Igual que nunca asasinariamos a ninguén, tampouco queremos dicir nada que destrúa a súa boa reputación.
(ver os parágrafos 12 e 13).
14. Cal é o principio detrás da lei de Mateo 5:27, 28? (Ver tamén a imaxe).
14 Le Mateo 5:27, 28. “Non cometas adulterio”. Cal é o principio detrás desta lei? Xehová non só odia a inmoralidade sexual, senón tamén os pensamentos que poden levar á ter unha conduta inmoral. Xesús explicou que calquera home casado que seguise mirando unha muller que non é a súa ata o punto de querer ter relacións sexuais con ela, xa pecou. Así que hai que evitar os pensamentos inmorais a toda costa, aínda que teñamos que esforzarnos moito para conseguilo (Mat. 5:29, 30). Este principio tamén aplica ós cristiáns solteiros.
15. Como podemos aplicar o principio de Mateo 5:27, 28 na nosa vida? (Ver tamén a imaxe).
15 Como podemos aplicar o principio de Mateo 5:27, 28 na actualidade? Temos que evitar pensar en cousas inmorais (2 Sam. 11:2-4; Xob 31:1-3). Así que evidentemente un cristián maduro evitará calquera clase de pornografía. Non razoa que simplemente está mirando algo inmoral e que polo tanto non fai nada malo. Non é como a xente do mundo que pensa que hai algúns tipos de pornografía que son un entretemento inofensivo. Nos días de Xesús non había dispositivos electrónicos, películas nin fotografías, pero aínda así nos ensinou o que pensa Xehová sobre as imaxes e vídeos inmorais. Isto axúdanos a entender que a Xehová lle desagradarían moito algunhas prácticas de hoxe en día como o sexting ou participar en actividades virtuais que simulan actos sexualmente inmorais. Este principio axuda ás persoas casadas a manterse leais á súa parella (Mal. 2:15). Isto tamén axuda a tódolos cristiáns, xa sexan casados ou solteiros, a evitar calquera cousa que os poida levar a cometer un acto de inmoralidade sexual (Prov. 5:3-14).
(ver os parágrafos 14 e 15).
16. Cal é o principio detrás da lei de Mateo 5:43, 44? (Ver tamén a imaxe).
16 Le Mateo 5:43, 44. “Ama os demais”. Cal é o principio detrás desta lei? Xehová quere que amemos a tódalas persoas. Tristemente, os xudeus dos días de Xesús fixeron un mal uso desta lei para dar a entender que podían odiar os seus inimigos. Pero Xesús sabía que iso non era o que quería seu Pai, senón que espera que amemos a tódalas persoas sen importar a súa raza ou nacionalidade (Mat. 5:45-48).
17. Como nos axuda aplicar o principio de Mateo 5:43, 44 na nosa vida? (Ver tamén a imaxe).
17 Como podemos aplicar o principio de Mateo 5:43, 44 na actualidade? O noso amor polos demais motivaranos a manternos á marxe das guerras e conflitos deste mundo (Is. 2:4; Miq. 4:3). Axudaranos a ser amables cos que son dunha raza, nacionalidade ou relixión diferente á nosa (Feit. 10:34, 35). E tamén fará que nos sexa máis fácil perdoar os que nos fixeron dano a nós ou ós que queremos (Mat. 18:21, 22; Mar. 11:25; Luc. 17:3, 4).
(ver os parágrafos 16 e 17).
DECIDÁMONOS A VIVIR DE ACORDO COS PRINCIPIOS BÍBLICOS!
18. a) Que debemos estar decididos a facer? b) De que falaremos no seguinte artigo?
18 Que agradecidos estamos de que Xehová queira tratarnos coma adultos e non coma nenos pequenos! El quere que apliquemos os principios que aprendemos na Biblia para poder tomar boas decisións (1 Cor. 14:20). Así que cando teñamos que tomalas, esteamos decididos a entender “cal é a vontade de Xehová” (Ef. 5:17). O que nos axudará a tomar decisións que estean de acordo coa vontade de Xehová será o noso amor por el e non o medo a ser castigados. Pero a maiores temos outro regalo que nos axuda a facer isto: a nosa conciencia. Iso é do que falaremos no seguinte artigo.
CANCIÓN sjj 95 A luz non deixa de medrar
a Os cristiáns temos que sopesar a miúdo os principios bíblicos con coidado. Temos que comprender como se relacionan entre eles e coas decisións que quizais teñamos que tomar. Podemos usar a capacidade de razoar que nos deu Deus para tomar decisións equilibradas que teñan a aprobación e a bendición de Xehová. No primeiro século, isto foi todo un cambio para moitos xudeus que se fixeran cristiáns, porque eles viviran seguindo todas aquelas normas que crearan os seus líderes relixiosos.