22-28 DE XUÑO DE 2026
CANCIÓN sjj 90 Animémonos uns ós outros
Aprendamos do “Deus de todo consolo”
“[Consolemos] co consolo que recibimos de Deus” (2 COR. 1:4).
OBXECTIVO
Aprender como consolar a outros seguindo o exemplo de Xehová e dos que o imitan.
1. Por que deberiamos consolar a outros?
TODOS pasamos “por diferentes probas” que nos angustian, así que ás veces necesitamos consolo e ánimo (1 Ped. 1:6). Igual que nós agradecemos recibir consolo dos demais, temos que estar dispostos a dárllelo ós que o están pasando mal (Mat. 7:12). Xehová, “o Deus de todo consolo”, móstranos como podemos animar “ós que están pasando por calquera clase de proba”. Podemos seguir o seu exemplo “[consolándonos] uns ós outros” (2 Cor. 1:3, 4; 1 Tes. 4:18). E iso facémolo, non porque nos sintamos obrigados, senón porque queremos ós nosos irmáns. Neste artigo veremos 1) o que di a Biblia sobre o consolo, 2) como podemos animar a outros e 3) que podemos facer cando necesitamos consolo.
COMO DESCRIBE A BIBLIA O CONSOLO
2. Na Biblia, que diferentes significados pode ter a palabra traducida como consolo?
2 Na Biblia, a palabra grega que se traduce como consolo pode ter varios significados segundo o contexto. Pode significar “animar”, “exhortar” ou “aconsellar” (Rom. 12:8; ver tamén a nota de estudo “el que anima”, nwtsty-S). Esta palabra en grego significa literalmente que alguén é chamado para ir ó lado doutra persoa que necesita axuda. Isto fainos imaxinar a alguén correndo para axudar a un amigo que está sufrindo. Faga o que faga por el, o resultado sempre será o mesmo: o seu amigo quedará animado e fortalecido.
3. Que podemos aprender de Bernabé? (Ver tamén a imaxe).
3 Vexamos un exemplo da Biblia. A un cristián chamado Xosé dábaselle tan ben consolar e animar a outros que os apóstolos chamábanlle Bernabé, que significa “fillo do consolo” (Feit. 4:36). Este nome íalle tan ben que a Biblia non se volve referir a el como Xosé. En diferentes ocasións, Bernabé estivo a altura do seu nome pois axudou a miúdo ós seus irmáns cando o necesitaron. Por exemplo, pouco despois de facerse cristián, Saulo foi a Xerusalén porque quería coñecer os discípulos de alí, pero estes tíñanlle medo porque sabían que perseguira moitos irmáns no pasado. Pero Bernabé confiou en Saulo e presentóullelo ós apóstolos (Feit. 9:26-28).
Bernabé fixo honor ó seu nome (ver o parágrafo 3).
COMO PODEMOS CONSOLAR A OUTROS
4. Cal é unha das mellores maneiras de consolar a alguén? (Romanos 1:11, 12)
4 Visítaos se é posible. Xehová usa os seus servos para animar a outros. Por exemplo, cando o profeta Elías estaba deprimido, Xehová utilizou un anxo para consolalo (1 Reis 19:4-7). O apóstolo Paulo tamén viu a importancia de visitar en persoa os irmáns para animalos (le Romanos 1:11, 12). Cando visites alguén para darlle ánimo, non o fagas só de pasada e queda o tempo que sexa necesario con el (1 Cor. 16:7). Pero se non che é posible ir en persoa, non subestimes o poder dunha chamada, dunha carta, dunha tarxetiña ou dunha mensaxe para animalo. Entón, deixarás que Xehová te use para consolar a outros?
5. Que dificultades podemos esperar?
5 A vida nestes últimos días cada vez vai ser máis difícil, así que quizais tamén sexa máis complicado visitar os nosos irmáns para consolalos. Podemos aprender do exemplo de Onesíforo, que era de Éfeso. Mentres Paulo estaba preso en Roma, este home buscouno para animalo correndo o risco de que o encarcerasen ou incluso o matasen (2 Tim. 1:16-18). As Testemuñas en Rusia tamén demostran unha actitude parecida cando algunhas delas son perseguidas pola súa fe. Cando as levan a xuízo, os irmáns están presentes alí para mostrar o seu apoio, aínda que iso poida poñer en perigo a súa propia liberdade. Por que non te preparas para seguir o seu exemplo? Podes facelo estudando como os servos de Deus de tempos antigos e modernos se apoiaron uns ós outros e foron felices a pesar da persecución.
6. Como podemos imitar a Xehová cando consolemos a outros? (Ver tamén a imaxe).
6 Escóitaos. Cando o profeta Elías sentía que a súa vida estaba en perigo, oroulle a Xehová de todo corazón. O noso amoroso Deus escoitouno mentres expresaba como se sentía aínda que El xa sabía que era o que lle preocupaba. Incluso escoitouno con paciencia a pesar de que dicía o mesmo unha e outra vez! (1 Reis 19:9, 10, 14) Tamén permitiu que o profeta Habacuc lle contase as súas preocupacións e dúbidas aínda que o fixo dunha maneira que podía parecer que estaba cuestionando a súa autoridade (Hab. 1:2, 3). Hoxe en día Xehová escoita con moita atención as nosas oracións aínda que xa sabe que é o que necesitamos. Podemos imitalo se escoitamos con atención e respecto o que nos contan os nosos irmáns. Temos que “ser rápidos para escoitar” cando nos falen e evitar interrompelos ou ofendernos, incluso se falan de maneira brusca ou se se repiten (Sant. 1:19; Ecl. 7:9).
Imita a Xehová escoitando con atención cando os teus irmáns falen (ver o parágrafo 6).
7. Como podemos comprender o que necesita alguén que o está a pasar mal?
7 Intenta comprender o que a persoa necesita. Nós non podemos ler os corazóns, como fai Xehová, así que só podemos entender que necesita se a escoitamos con atención. Non deas por sentado que xa o sabes só porque teñas claro o que ti quererías nunha situación parecida. Todos somos diferentes. Por iso, tómate o teu tempo, escoita con atención e fai preguntas con tacto para comprender os seus sentimentos (Prov. 20:5).
8. Como animou Xesús a Marta e María despois de que Lázaro morrese? (Ver tamén as imaxes).
8 Vexamos como consolou Xesús a Marta e María despois de que morrese seu irmán Lázaro. As dúas estaban moi tristes, pero Xesús non as animou da mesma maneira. Despois de que Marta falase con el, Xesús axudoulle a fortalecer a súa fe na resurrección ó falarlle dela. Pero cando María foi onda el chorando, parece ser que Xesús non falou da resurrección. En vez diso, chorou con ela e preguntoulle onde puxeran a Lázaro (Xoán 11:20-35). Que podemos aprender? Que cando consolemos ós que sofren, temos que comprender que necesitan en vez de intentar animalos a todos da mesma maneira.
Cando consoles a outros, esfórzate por comprender que é o que necesitan (ver o parágrafo 8).a
9. Como podemos usar a Biblia para animar a outros? (Romanos 15:4, 5).
9 Usa a Biblia. Cando compartes “o consolo que dan as Escrituras” con alguén, podes axudarlle a ver máis real a súa esperanza (le Romanos 15:4, 5). A súa vez, esta esperanza dálle máis consolo e ánimo (Is. 40:31). Onde podes encontrar textos da Biblia para animar a alguén? Algúns teñen gardada unha lista de versículos, como os que hai no libro Textos bíblicos para a nosa vida baixo o tema “Consolo”, e mírana cando a necesitan. Pídelle a Xehová que che axude a usar a súa Palabra da mellor maneira posible para dar ánimo. O seu espírito pode axudarche a recordar versículos animadores cando os necesites (Xoán 14:26).
10. Por que debemos falar con cariño cando intentemos animar a outros?
10 Fala con cariño. Como vimos, a palabra no idioma orixinal usada para consolo tamén pode traducirse “aconsellar” ou “exhortar”. Ás veces teremos que consolar os nosos amigos axudándolles a cambiar a maneira na que ven o seu problema. Se isto é necesario, pensa ben no que vas dicir antes de falar para que as túas palabras curen en vez de facer dano (Prov. 12:18). Podemos imitar a maneira na que Xehová axudou a Elías. El pensaba que era o único que seguía servindo a Xehová e que lle fallara como profeta. Deus axudoulle con cariño a corrixir a súa maneira de pensar sen referirse directamente ós seus erros (1 Reis 19:15-18). Ti tamén podes axudar ós irmáns se es amable e pensas con coidado no que vas dicir. Cando discurses ou comentes nas reunións, fala sempre dunha maneira cariñosa e positiva para animalos e fortalecelos.
11. Que necesitan a miúdo os que están sufrindo? (1 Xoán 3:18).
11 Dá axuda práctica. Os que o están a pasar mal a miúdo necesitan máis que palabras de ánimo (le 1 Xoán 3:18). Bernabé deixounos un bo exemplo cando vendeu un campo que tiña e lles levou os cartos ós apóstolos para que puidesen axudar ós irmáns que eran pobres (Feit. 4:36, 37). Moitos irmáns da actualidade seguen o seu bo exemplo dándolles a outros cousas que necesitan. Gabriela, que é de Polonia, estaba moi triste e preocupada cando unha inundación danou gravemente a súa casa. Ela di: “Estaba moi asustada e tamén meus pais, que vivían comigo. Preguntábame como ía saír adiante. Pero os irmáns das congregacións da zona viñeron e repararon moitas cousas nun só día. Pasar por isto fortaleceu a miña fe en que Xehová dirixe o seu pobo para consolar os que están sufrindo”.
12. Como podes axudar ós irmáns cando ti esteas pasando por problemas?
12 Mantente fiel a Xehová. Paulo díxolles ós tesalonicenses canto o alegrou e fortaleceu saber que se mantiveran fieis a pesar da persecución. Como se esforzara tanto por axudarlles, animouno moito saber que seguían servindo a Xehová (1 Tes. 3:5-8). E Paulo tamén esperaba consolar os seus irmáns, incluso ós que non o coñecían, contándolles como el mesmo se mantivera fiel a pesar das probas que sufrira (Col. 2:1, 2). De maneira parecida, podemos animar moito ós nosos irmáns se ven como Xehová nos axuda a enfrontarnos ás nosas dificultades con éxito.
13. Que máis temos que facer se queremos animar a outros?
13 Sé paciente. Cando os irmáns están moi desanimados, quizais non se sintan mellor inmediatamente despois de que lles deamos consolo. Pero as Escrituras dinnos: “Seguide animándovos uns ós outros”. Esta expresión describe unha acción continua, algo que temos que facer unha vez tras outra (1 Tes. 5:11). Así que necesitamos paciencia para seguir consolando os que están desanimados (1 Tes. 5:14). Por suposto, haberá momentos nos que seremos nós os que necesitemos consolo. Que podemos facer nese caso?
CANDO TI NECESITES CONSOLO
14, 15. Que deberiamos facer se nos sentimos preocupados ou angustiados?
14 Óralle a Xehová. Se te sentes preocupado ou angustiado, pídelle a Deus que che axude a estar calmado (Sal. 94:19). Sé específico e ábrelle o teu corazón por completo (Sal. 62:9 [62:8, TNM]). É verdade que Xehová xa sabe como te sentes incluso antes de que lle ores, pero se lle contas os teus pensamentos e sentimentos máis profundos demostraraslle a túa fe. Ademais, Xehová nunca deixará sen resposta as oracións que fagamos con fe, aínda que non as responda da maneira na que o esperamos (Mar. 11:24). Filipenses 4:6, 7 anímanos a facer o seguinte: “Facédelle saber a Deus as vosas peticións [...]. E a paz de Deus, que vai máis alá do que calquera ser humano pode entender, protexerá o voso corazón e a vosa mente”.
15 Pídelles axuda a outros. Cóntalle como te sentes a un amigo ou a un ancián no que confíes. Os irmáns poden darche consolo, pero quizais non saiban como te sentes ou que necesitas a menos que llelo contes (Prov. 14:10). Podes pedirlles que te escoiten mentres lles explicas como te sentes ou que compartan contigo un texto ou un artigo que lles pareza animador.
16. Que pode pasar cando intenten animarte, pero que debes recordar?
16 Sé paciente e perdoa. Os irmáns quizais metan a pata cando intenten animarte. Por exemplo, pode ser que digan ou fagan algo que te faga sentir aínda peor. Se che pasa isto, sé paciente con eles (1 Cor. 13:4, 7). Recorda as palabras de Santiago 3:2: “Se alguén non tropeza nunca cando fala é unha persoa perfecta”. Céntrate nas boas intencións dos teus irmáns e recorda que “a intención é boa, pero o corpo é débil” (Mat. 26:41).
17. Que debemos estar decididos a facer?
17 Todos necesitamos que nos consolen e nos animen, e necesitarémolo aínda máis a medida que os últimos días se poñan máis difíciles e os inimigos de Deus nos persigan con máis odio. Así que fagamos todo o posible por consolarnos e animarnos uns ós outros.
CANCIÓN sjj 130 Perdoemos os demais
a DESCRICIÓN DA IMAXE: Un ancián escoitando con atención a un irmán que acaba de quedar viúvo. Máis tarde, o mesmo ancián visita a outro irmán que tamén perdeu a muller pero hai máis anos e falan xuntos dalgúns bos recordos sobre ela.