BIBLIOTECA EN LIÑA Watchtower
BIBLIOTECA EN LIÑA
Watchtower
Galego
  • BIBLIA
  • PUBLICACIÓNS
  • REUNIÓNS
  • w26 xaneiro páxs. 26-31
  • Fala da verdade dunha maneira agradable

Ningún vídeo dispoñible.

Sentímolo, houbo un erro ó cargar o vídeo.

  • Fala da verdade dunha maneira agradable
  • A Atalaia. Anunciando o Reino de Xehová (estudo) 2026
  • Subtítulos
  • Información relacionada
  • ONDE PODEMOS ATOPAR A VERDADE?
  • POR QUE DICIR A VERDADE
  • COMO FALAR DA VERDADE
  • CANDO FALAR DA VERDADE
  • Sabes recoñecer a verdade?
    A Atalaia. Anunciando o Reino de Xehová (estudo) 2024
  • Apunta as respostas ás seguintes preguntas
    2025-2026 Programa para o Congreso de Circuíto con Superintendente de Circuíto
  • “O Deus da verdade” sempre leva a cabo o seu propósito
    A Atalaia. Anunciando o Reino de Xehová (estudo) 2026
  • Sexamos humildes e aceptemos que hai cousas que non sabemos
    A Atalaia. Anunciando o Reino de Xehová (estudo) 2025
Ver máis
A Atalaia. Anunciando o Reino de Xehová (estudo) 2026
w26 xaneiro páxs. 26-31

30 DE MARZO–5 DE ABRIL DE 2026

CANCIÓN sjj 76 Como te fai sentir?

Fala da verdade dunha maneira agradable

“Xehová, o Deus da verdade” (SAL. 31:5, TNM).

OBXECTIVO

Saber como falar da verdade para que teña o mellor efecto posible nas persoas.

1. Que temos que facer para formar parte da familia de Xehová?

CANDO coñecemos por primeira vez a alguén que adora a Xehová, unha das primeiras cousas que lle preguntamos é: “Como coñeciches a verdade?”. Algúns quizais respondan que foron “criados na verdade” e outros que “levan pouco tempo na verdade”. Respondemos así porque a verdade da Palabra de Deus guía a nosa maneira de vivir por completo. Por que? Porque sabemos que só podemos formar parte da familia de Xehová se amamos a verdade e a aplicamos na nosa vida. Unha maneira na que demostramos isto é sendo honestos co que dicimos ou facemos (Sal. 15:1-3).

2. a) Que reputación tiña Xesús? b) Que efecto terían na xente as verdades que ensinaba Xesús?

2 Xesús sempre dixo a verdade. Ata os seus inimigos admitiron que sempre era sincero, incluso cando o que tiña que dicir non lles ía gustar a todos (Mat. 22:16). Falando sobre como reaccionarían as persoas ás súas ensinanzas, Xesús dixo: “Vin para causar división. O fillo estará en contra do seu pai, a filla en contra da súa nai e a nora en contra da súa sogra” (Mat. 10:35). Xesús non quería que as persoas reaccionasen de maneira negativa á mensaxe que predicaban el e os seus seguidores, pero era realista (Mat. 23:37). El sabía que a súa mensaxe dividiría o mundo en dous grupos: os que aman a verdade da Biblia e os que non (2 Tes. 2:9-11).

3. Que veremos neste artigo?

3 Igual que Xesús, nós tamén intentamos ser sinceros e dicir sempre a verdade, incluso se iso fai que non lle caïamos ben á xente. Tamén predicamos e ensinamos a mensaxe da Biblia, aínda que a algunhas persoas lles poida molestar o que dicimos. Significa isto que non temos que ter coidado con como e cando dicimos cousas que son verdade, por exemplo cando predicamos as boas noticias? Para nada! Neste artigo primeiro responderemos unha pregunta básica: onde podemos atopar a verdade? Despois responderemos a outra pregunta relacionada: por que, como e cando deberiamos falar da verdade? As respostas a estas preguntas axudarannos a falarlles a outros das boas noticias dunha maneira aínda máis agradable, é dicir, con tacto e no momento apropiado.

ONDE PODEMOS ATOPAR A VERDADE?

4. Por que podemos dicir que Xehová é a Fonte da verdade?

4 Xehová é a Fonte da verdade, todo o que di é certo. Por exemplo, di a verdade cando fala do que está ben e do que está mal (Sal. 19:10 [19:9, TNM]; 119:142, 151). Todo o que di sobre o futuro cúmprese (Is. 55:10, 11). Sempre fai todo o que promete (Núm. 23:19). De feito, é imposible que Xehová minta! (Heb. 6:18) Con razón, coñéceselle como “o Deus da verdade” (Sal. 31:5, TNM).

5. Por que non é difícil encontrar “o Deus da verdade”? Explica a túa resposta. (Feitos 17:27).

5 A pesar do que diga a xente, non é difícil encontrar a Xehová, “o Deus da verdade”. Toda a creación é proba de que Deus existe (Rom. 1:20). Cando o apóstolo Paulo lle estaba falando a un grupo de intelectuais gregos en Atenas, dixo que Deus quere que o encontremos e que “el non está moi lonxe de cada un de nós” (le Feitos 17:27). De feito, Xehová acerca a el ás persoas humildes que buscan a verdade (Xoán 6:44).

6. Que verdades encontramos na Biblia, e por que agradeces coñecelas?

6 Unha das maneiras nas que podemos encontrar a Xehová é estudando a Biblia. Este libro foi escrito por homes inspirados polo espírito santo de Deus (2 Ped. 1:20, 21). Así que todo o que se di na Biblia é certo e confiable. Por exemplo, podemos confiar no que di sobre a orixe do Universo e da vida na Terra (Xén. 1:1, 26). Tamén podemos crer no que di sobre por que pecamos, sufrimos tanto e morremos (Rom. 5:12; 6:23). Podemos confiar completamente na Biblia cando di que Xehová, a través de seu Fillo, vai desfacer todo o dano causado por Satanás, “o pai da mentira” (Xoán 8:44; Rom. 16:20). E tamén podemos estar seguros de que se cumprirá a promesa da Biblia que di que Xesús destruirá os malvados, resucitará os mortos, fará da Terra un paraíso e axudaranos a ser perfectos (Xoán 11:25, 26; 1 Xoán 3:8). Que grande honor nos deu Xehová! El ensinounos a verdade e deunos a oportunidade de ensinárllela a outros (Mat. 28:19, 20).

POR QUE DICIR A VERDADE

7, 8. Importan os motivos que temos para dicir a verdade? Pon un exemplo. (Marcos 3:11, 12). (Ver tamén as imaxes).

7 Como se mencionou antes, temos que dicir a verdade se queremos formar parte da familia de Xehová. Pero, se queremos facelo feliz, temos que facer algo máis que falar con sinceridade, pois a Xehová impórtalle por que dicimos a verdade. Fixémonos no que sucedeu durante o ministerio de Xesús na terra (le Marcos 3:11, 12). Nunha ocasión na que Xesús estaba predicando cerca do mar de Galilea, xuntouse moita xente ó seu arredor. Entre eles había algunhas persoas que estaban posuídas por demos e que se botaron ó chan en fronte de Xesús e lle berraron: “Ti es o Fillo de Deus!”. Por que dixeron os demos a verdade sobre Xesús? Puido ser que o fixesen para gañarse a confianza dos que os escoitaban e despois intentar evitar que servisen a Xehová. Os demos dicían a verdade, pero os seus motivos eran egoístas. Xesús sabía o que tramaban e por iso non lle gustou o que fixeron. De feito, ordenoulles que non falasen sobre el.

8 Que lección podemos aprender deste relato? Que a Xehová lle importan os motivos polos que dicimos a verdade. Que importante é que os motivos polos que ensinamos a verdade sexan puros e que lle deamos toda a gloria que recibimos a Xehová e non nola quedemos para nós! (Mat. 5:16; compara con Feitos 14:12-15).

Escenas que contrastan como unha irmá dirixe un curso da Biblia cunha rapaza. 1. A irmá fala dela mesma mentres ten a Biblia boca abaixo na mesa. 2. A irmá ten a Biblia aberta e móstralle un texto da Biblia á estudante.

Cando ensinas a verdade, cara a quen dirixes a atención? (Ver os parágrafos 7 e 8).


9. Que temos que evitar facer, e por que?

9 Pensemos noutra situación na que non temos que buscar recibir louvanzas. Imaxinemos que un irmán con responsabilidades comparte con nós información que é confidencial e que nós llela contamos a outros. Se as persoas que nos escoitaron despois se dan conta de que o que lles dixemos era certo, quizais se queden impresionados con todo o que sabemos e asuman que se nos confía moita información confidencial. Isto pode impresionarlles ás persoas, pero non a Deus (Prov. 11:13). Por que? Porque non só compartimos asuntos confidenciais, senón que os nosos motivos para contar a verdade non eran os correctos.

COMO FALAR DA VERDADE

10. Que significa falar con “palabras agradables”? (Colosenses 4:6).

10 Le Colosenses 4:6. O apóstolo Paulo recordoulles ós cristiáns que vivían en Colosas que as súas palabras tiñan que ser “sempre agradables”. A que se refería con iso? Esa expresión no idioma orixinal transmite a idea de que a nosa maneira de falar non só ten que ser de axuda para quen nos escoita, senón que tamén ten que ser amable e atraente.

11, 12. Por que temos que ter coidado ó ensinar a verdade? Pon un exemplo. (Ver tamén as imaxes).

11 Temos que aplicar o consello de Paulo de ser agradables cando lles ensinemos a verdade a outros. A propia Biblia compara as verdades que contén cunha espada afiada que pode dividir a nosa alma e espírito. Noutras palabras, pode sacar á luz os nosos verdadeiros sentimentos e motivos (Heb. 4:12). Pero se non usamos a Biblia da maneira correcta poderiamos ofender a outros ou causar conflitos innecesariamente. Como podería pasar isto?

12 Imaxina a seguinte situación: mentres predicamos coñecemos un home interesado que lle ora a imaxes con regularidade e que lle gusta celebrar o Nadal e a Pascua coa súa familia. Poderiamos mostrarlle a este home, usando a Biblia, o absurdo que é orarlle a estatuas sen vida e mostrarlle que o Nadal e a Pascua son festas que van en contra do que ensina a Biblia (Is. 44:14-20; 2 Cor. 6:14-17). Se lle dixésemos iso xa a primeira vez que falásemos con el, estariámoslle dicindo a verdade pero non estariamos usando ben a Palabra de Deus.

Escenas que contrastan como un matrimonio lle predica a un home na porta da súa casa mentres a familia del decora unha árbore de Nadal. 1. O matrimonio móstralle o artigo “¿Qué dice la Biblia acerca de la Navidad?” de jw.org. O home escoita con brazos cruzados e cunha mirada seria. 2. O matrimonio móstralle o artigo “Cómo ser un buen papá” de jw.org. O home escoita sorrindo.

Como podes ensinar a verdade con habilidade? (Ver os parágrafos 11 e 12).a


13. Como podemos botarlles un chisquiño de sal ás nosas palabras?

13 Paulo tamén dixo que deberiamos botarlle un chisquiño de sal ó que dicimos. Isto non significa que debamos intentar disfrazar ou esconder a verdade. Máis ben, estaba animándonos a “aderezar” a nosa maneira de falar para presentar a verdade dunha maneira que estea ó “gusto” de quen nos escoita (Xob 12:11). Facer isto pode ser todo un reto. Se falamos de comida literal, pode ser que pensemos que o que nos sabe ben a nós vailles gustar ós demais. De maneira parecida, quizais pensemos que a nosa maneira de falar lle gusta a todo o mundo, pero isto non é así. Por exemplo, nalgunhas culturas as persoas quizais expresen a súa opinión dunha maneira moi directa, incluso cando falan con persoas de máis idade. Noutras culturas iso pode ser impensable ou incluso ofensivo. Paulo dixo que debemos saber como “responder a cada persoa”. Isto significa que debemos aderezar o que dicimos segundo o gusto de quen nos escoite, e non segundo o noso gusto ou a nosa cultura.

CANDO FALAR DA VERDADE

14. Ensinoulles Xesús ós seus discípulos todo o que sabía mentres estivo na terra? Explica a túa resposta.

14 Xesús sempre lles falou ós seus seguidores de maneira agradable e ensinoulles con amabilidade moitas cousas (Mar. 6:34). Pero aínda tiñan moito que aprender. Xesús non intentou ensinarlles todo o que sabía, senón que tivo en conta as súas limitacións. Entendeu que non era o momento apropiado para que aprendesen algunhas verdades. De feito, díxolles que non serían capaces de soportalas (Xoán 16:12). Que nos ensina isto?

15. Temos que ensinarlles todo o que sabemos ós nosos estudantes cando empezan o curso da Biblia? Explica a túa resposta. (Proverbios 25:11). (Ver tamén a imaxe).

15 O exemplo de Xesús móstranos que o feito de coñecer a verdade non significa que teñamos que ensinar todo o que sabemos dunha soa vez. Como podemos imitalo? Temos que ter en conta as circunstancias das persoas. Pensa outra vez no home que lle gusta celebrar o Nadal e a Pascua coa súa familia. Nós sabemos que esas celebracións teñen orixe pagá e que Deus non as aproba, pero imaxina que empezas a estudar con el unha ou dúas semanas antes do Nadal. Estariámoslle falando dunha maneira agradable se lle ensinamos o que di a Biblia sobre as festas pagás e esperamos que as deixe de celebrar nese mesmo momento? É certo que algúns estudantes quizais apliquen moi rápido o que aprenden da Biblia, pero a outros lévalles máis tempo cambiar a súa maneira de pensar e actuar. Podemos axudarlles a progresar se lles ensinamos o que necesitan saber e no momento oportuno, é dicir, cando poidan soportalo (le Proverbios 25:11).

O matrimonio da imaxe anterior estudando o folleto “Desfruta da vida para sempre” co home na casa del. Hai unha árbore de Nadal cerca deles.

Sigue o exemplo de Xesús ó ensinar a verdade: pensa en cando e canto vas ensinar (ver o parágrafo 15).


16. Como podemos axudar ós nosos estudantes a seguir “andando no camiño da verdade”?

16 Poucas cousas fannos tan felices como axudar a outros a coñecer a verdade sobre Xehová. Poderemos axudarlles a seguir “andando no camiño da verdade” se lles poñemos un bo exemplo (3 Xoán 3, 4). Asegurémonos de que a maneira na que vivimos sexa unha proba de que cremos nas promesas que se atopan na Palabra de Deus. Digamos a verdade coa motivación correcta. Falemos de maneira agradable e con palabras cariñosas e amables no momento oportuno cando ensinemos sobre a verdade. E deámoslle tódalas louvanzas que recibamos a Xehová. Se facemos todo isto, demostraremos que servimos a Xehová, o Deus da verdade.

QUE APRENDICHES DOS SEGUINTES TEXTOS?

  • Feitos 17:27

  • Colosenses 4:6

  • Proverbios 25:11

CANCIÓN sjj 160 Boas novas!

a DESCRICIÓN DA IMAXE: Na primeira foto un irmán ve a árbore de Nadal do dono da casa e móstralle un artigo sobre a orixe pagá desa celebración. Na segunda foto, o irmán ensínalle ó dono da casa un artigo que ten consellos prácticos para os pais. Cal das dúas conversas terá mellor resultado?

    Publicacións en galego (1986-2026)
    Pechar sesión
    Iniciar sesión
    • Galego
    • Compartir
    • Axustes
    • Copyright © 2026 Watch Tower Bible and Tract Society of Pennsylvania
    • Termos de uso
    • Política de privacidade
    • Axustes de privacidade
    • JW.ORG
    • Iniciar sesión
    Compartir