23-29 DE MARZO DE 2026
CANCIÓN sjj 18 Grazas polo rescate
Como demostrarás que agradeces o rescate?
“O amor de Cristo obríganos” (2 COR. 5:14).
OBXECTIVO
Ver como demostrar que valoramos o rescate.
1, 2. Que debe motivarnos a facer o sacrificio de rescate de Xesús, e por que? (2 Corintios 5:14, 15). (Ver tamén a imaxe).
SE TE rescatasen de entre os restos dun edificio derrubado, non te sentirías en débeda coa persoa que che salvou a vida? Incluso se tamén salvou a outros, seguro que llo quererías agradecer persoalmente para demostrarlle que nunca esquecerás o que fixo por ti.
2 Como vimos no artigo anterior, non podemos rescatarnos a nós mesmos dos efectos do pecado que herdamos. Pero o sacrificio de rescate de Xesús pode darnos a oportunidade de 1) que os nosos pecados sexan perdoados, 2) ter a esperanza de ser perfectos no futuro e 3) poder reconciliarnos con Deus. Como resultado temos a esperanza de vivir para sempre no novo mundo de Xehová. Dende logo, o rescate destaca o amor de Xesús pola xente, un amor que tiña dende moito antes de nacer como humano perfecto (Prov. 8:30, 31). O apóstolo Paulo escribiu que “o amor de Cristo obríganos” (le 2 Corintios 5:14, 15). Isto significa que o amor de Xesús debe motivarnos a actuar, a demostrar que non damos por sentado o seu sacrificio de rescate.
Igual que se nos rescatasen de entre os restos dun edificio derrubado, sentímonos en débeda con quen nos rescatou do pecado que herdamos (ver os parágrafos 1 e 2).
3. Por que é posible que cada persoa demostre de maneira diferente o seu agradecemento polo rescate?
3 Como demostrarás ti que agradeces o rescate? Cada un pode ter unha resposta diferente. Para entendelo mellor, imaxina que tres persoas viaxan ó mesmo destino, pero cada unha sae dunha cidade diferente, así que non seguirán a mesma ruta. De maneira parecida, o “camiño” que fagas para demostrar canto agradeces o rescate dependerá de en que punto estea agora a túa relación con Xehová. Tendo iso en conta, neste artigo imos dirixirnos a tres grupos de persoas: 1) os estudantes da Biblia, 2) os cristiáns bautizados e 3) as ovellas que se separaron do rabaño.
OS ESTUDANTES DA BIBLIA
4. De que maneiras se fixa Xehová nos que están estudando a Biblia?
4 Se estás recibindo un curso da Biblia, pensa nisto: o feito de que queiras aprender sobre Xehová e sobre as ensinanzas da Biblia mostra que el quere que sexas o seu amigo e que che está axudando a conseguilo (Xoán 6:44; Feit. 13:48). El “proba os corazóns”, é dicir, fíxase en canto te esforzas por coñecelo mellor, e alégrase ó ver como avanzas e os cambios que fas para vivir de acordo coas súas normas (Prov. 17:3; 27:11). O rescate fai posible que teñas unha boa amizade con Xehová (Rom. 5:10, 11). Nunca deas iso por sentado.
5. Como poden aplicar os estudantes da Biblia o consello de Filipenses 3:16?
5 Se estás estudando a Biblia, como podes demostrar que agradeces o rescate? Unha maneira é seguindo o consello que lles deu o apóstolo Paulo ós filipenses: “Sen importar canto progresásemos ata agora, sigamos andando correctamente por este mesmo camiño” (Filip. 3:16). Outra tradución da Biblia exprésao así: “Debemos seguir na mesma dirección na que imos”.a Seguindo este consello, non deixes que nada free o teu progreso no camiño á vida (Mat. 7:14; Luc. 9:62).
6. Que poden facer os estudantes da Biblia se lles custa facer algún cambio? (Deuteronomio 30:11-14). (Ver tamén a imaxe).
6 E se che custa aceptar unha ensinanza da Biblia que aprendiches hai pouco? Investiga sobre ela e óralle a Xehová para que che axude a entendela mellor (Sal. 86:11). Se aínda así se che fai difícil comprendela, déixaa a un lado pero non deixes de estudar a Biblia. E se non es capaz de deixar de facer algo que a Xehová non lle gusta? Recorda que el nunca nos pide nada que nos sexa imposible de facer ós humanos imperfectos. Ti es capaz de vivir segundo as súas normas (le Deuteronomio 30:11-14). E Xehová promete que che axudará (Is. 41:10, 13; 1 Cor. 10:13). Así que non te rendas. En vez de pensar continuamente no problema polo que estás pasando, céntrate en tódalas cousas boas que Xehová fixo por ti, incluíndo o rescate. A medida que vaia medrando o teu amor por el, daraste conta de que “os seus mandamentos non son unha carga” (1 Xoán 5:3).b
Xehová nunca nos pide nada que nos sexa imposible. El axudaranos a vivir de acordo coas súas normas (ver o parágrafo 6).
7. En que podedes pensar os rapaces que estades sendo criados na verdade?
7 E que hai dos rapaces que estades sendo criados na verdade? Vós tamén sodes estudantes da Biblia. É máis, sodes os estudantes da Biblia máis importantes dos vosos pais. A Biblia di: “Acercádevos a Deus e el acercarase a vós” (Sant. 4:8; 1 Crón. 28:9). Cando ti tomas a iniciativa e dás o primeiro paso para acercarte a Xehová, el responde acercándose a ti. Xehová non se fixa en ti simplemente porque naceses nunha familia de Testemuñas. Fíxase en ti porque quere que sexas o seu amigo. Que fixo posible que ti poidas ter unha amizade persoal con Xehová? O rescate, algo que nunca deberías dar por sentado (Rom. 5:1, 2). Así que antes de ir á Conmemoración deste ano, por que non meditas no que significa a morte de Xesús para ti? Despois pensa en como queres vivir a túa vida e en que metas queres poñerte para demostrarlle a Xehová o agradecido que estás.c
OS CRISTIÁNS BAUTIZADOS
8. Como demostraron xa os cristiáns bautizados a súa fe no rescate?
8 Se estás bautizado, xa demostraches fe no rescate de moitas maneiras. Por exemplo, deches pasos para acercarte a Xehová e para agradarlle. Obedeciches o mandato de Xesús de facer discípulos compartindo as boas noticias con outros. Dedicácheste a Xehová e bautizácheste. Tiveches que enfrontarte a oposición por poñerte de parte da adoración verdadeira? (2 Tim. 3:12) O teu fiel aguante demostra canto amas a Xehová e canto agradeces o rescate (Heb. 12:2, 3).
9. Con que deben ter coidado os cristiáns bautizados?
9 Se xa levamos algún tempo bautizados, temos que ter coidado con algo que é perigoso: acabar dando por sentado o rescate. Como podería pasar isto? Pensemos no que lles pasou ós cristiáns do primeiro século de Éfeso. Eles mostraran moito aguante e Xesús felicitounos por iso. Pero tamén lle dixo a esta congregación: “Teño algo na túa contra: que perdiches o amor que tiñas ó principio” (Apoc. 2:3, 4). O que dixo Xesús mostra que a nosa adoración como cristiáns pode converterse pouco a pouco nunha rutina mecánica. Unha persoa pode estar orando, indo ás reunións e participando na predicación simplemente porque é un hábito para ela e non porque a motive o amor. Que podes facer se sentes que o teu amor por Xehová xa non é tan forte coma antes?
10. Como podes aplicar o que Paulo lle dixo a Timoteo? (1 Timoteo 4:13, 15).
10 O apóstolo Paulo díxolle a Timoteo que estivese atento á calidade da súa adoración a Xehová e se dedicase de cheo ás actividades cristiás (le 1 Timoteo 4:13, 15). Ti tamén podes pensar en que facer para manter o entusiasmo na túa adoración a Xehová (Rom. 12:11). Por exemplo, poderías dedicar máis tempo a preparar as reunións para alí estar máis atento. Ou poderías facer o teu estudo persoal nun lugar tranquilo para poder meditar no que acabas de aprender, así sacaraslle máis partido. Igual que hai que atizar o lume para que non se apague, podes facer cousas coma estas para avivar o teu aprecio por todo o que che deu Xehová, incluído o rescate. Ademais, por que non aproveitas as semanas previas á Conmemoración para meditar en tódalas bendicións especiais que desfrutamos coma testemuñas de Xehová? Sen dúbida, isto axudarache a apreciar máis o rescate, que é o que permite que sexas amigo de Xehová.
11, 12. Se ás veces non sentes o mesmo entusiasmo ca antes, significa iso que Xehová deixou de darche o seu espírito santo? Explica a túa resposta. (Ver tamén a imaxe).
11 Se sentes que non estás servindo a Xehová co mesmo entusiasmo ca antes, iso non significa que El deixase de darche o seu espírito santo. Acórdate do que lles dixo o apóstolo Paulo ós corintios sobre a súa predicación: “Incluso se o fago en contra da miña vontade, aínda así, é a responsabilidade que se me encargou” (1 Cor. 9:17). Que quería dicir con isto?
12 A Paulo ás veces non lle apetecía predicar. Aínda así, estaba decidido a seguir predicando sen importar como se sentise nese momento. Ti tamén podes facer algo parecido. Decídete a facer o correcto aínda que non che apeteza. Para conseguilo pídelle a Xehová en oración que che dea “tanto o desexo como as forzas para actuar” (Filip. 2:13). Mantente activo na túa rutina espiritual. Entón podes estar seguro de que despois dun tempo o teu amor por Xehová será forte de novo e volverás a ter o mesmo entusiasmo de antes.
Mantente activo na túa rutina espiritual incluso se nalgún momento non te sentes motivado (ver os parágrafos 11 e 12).
13. Que podemos facer para estar seguros de que estamos “firmes na fe”?
13 De vez en cando é bo que pensemos en como estamos vivindo, tal e como nos aconsella Paulo en 2 Corintios 13:5: “Seguídevos analizando a vós mesmos para saber se estades firmes na fe. Seguide comprobando o que sodes”. Por exemplo, podes preguntarte: “Sigo poñendo o Reino en primeiro lugar na miña vida?” (Mat. 6:33). “As cousas que vexo ou o que fago no meu tempo libre demostran que odio o que é malo?” (Sal. 97:10). “Intento dicir e facer cousas que axuden a manter a paz e a unidade na congregación?” (Ef. 4:2, 3). A Conmemoración é un bo momento para pensar nestas cousas. Cando meditamos no que fixeron por nós Xehová e Xesús, sentimos a necesidade de demostrarlle o noso agradecemento a Deus e tamén que estamos vivindo para Cristo e non para nós mesmos, tal e como dixo Paulo.d
AS OVELLAS QUE SE SEPARARON DO RABAÑO
14. Cales poden ser os motivos de que algúns irmáns deixen de ir ás reunións?
14 Algúns irmáns deixaron de ir ás reunións despois de levar meses ou incluso anos servindo fielmente a Xehová. Por que? Algúns víronse superados polas “preocupacións da vida” (Luc. 21:34). Outros tropezaron polo que dixo ou fixo alguén da congregación (Sant. 3:2). E outros cometeron un pecado grave e non estiveron dispostos a pedir axuda. Sexa cal sexa o motivo, que podes facer se xa non estás tan cerca da congregación coma antes? Que te impulsa a facer a ti o rescate e o amor que che teñen Xehová e Xesús?
15. Como demostra Xehová que se preocupa polas ovellas que se afastaron? (Ezequiel 34:11, 12, 16).
15 Pensa no que sente Xehová polos que se afastaron da congregación. Deus non está enfadado nin se esquece deles. En vez diso, el busca as ovellas perdidas, aliméntaas e axúdalles a volver a el (le Ezequiel 34:11, 12, 16). Estará Xehová facendo isto por ti? Claro! O feito de que esteas lendo este artigo indica que aínda te preocupas por El. Deus viu cousas boas en ti cando che axudou a coñecelo e a formar parte do seu pobo e segue véndoas, por iso quere que volvas a ser parte da familia.
16. Que lles pode axudar a volver a Xehová ás ovellas perdidas? (Ver tamén a imaxe).
16 O folleto Volve a carón de Xehová di o seguinte: “Non dubides que Xehová sempre vai estar aí cando decidas volver ó Seu carón. Podes contar coa súa axuda para loitar contra as preocupacións, superar os sentimentos feridos, e atopar a paz interior que dá ter unha conciencia limpa. Entón, podes chegar a sentir de novo o desexo de servir a Xehová en compañía dos teus irmáns”. Recorda tamén que os anciáns están desexando axudarche. Eles poden ser “como un refuxio contra o vento, un pendello para o temporal” (Is. 32:2). Para mostrar agradecemento polo rescate, pregúntate: “Que pasos podo dar para volver a ser un bo amigo de Xehová?” (Is. 1:18; 1 Ped. 2:25). Por exemplo, poderías ir a unha reunión ó Salón do Reino? Poderías falar cun ancián e dicirlle que queres volver a Xehová? Quizais faga plans para que alguén estude a Biblia contigo durante algún tempo. Podes estar seguro de que Xehová bendicirá tódolos esforzos que fagas por volver ó seu lado e por mostrar o teu agradecemento polo rescate.
Pregúntate: “Que pasos podo dar para volver a ser un bo amigo de Xehová?” (ver o parágrafo 16).
QUE FARÁS TI?
17, 18. Cal é unha boa maneira de usar o noso tempo antes da Conmemoración deste ano?
17 Xesús dixo que Xehová o enviou para dar a súa vida e así “quen demostre fe nel non sexa destruído, senón que teña vida eterna” (Xoán 3:16). Grazas a que Xesús morreu por nós, Xehová pode liberarnos do pecado e da morte. Ningún de nós debería dar por sentado o rescate nunca (Rom. 3:23, 24; 2 Cor. 6:1). Os días anteriores á Conmemoración apartemos tempo para meditar no amor que nos mostraron Xehová e Xesús. Isto motivaranos a demostrar o agradecidos que estamos.
18 Como demostrarás ti que agradeces o rescate? Cada un pode ter unha resposta diferente. Pero podes estar seguro de que Xehová bendicirá os teus esforzos e tamén os de millóns de irmáns e irmás por todo o mundo que “xa non [viven] para eles mesmos senón para o que morreu por eles” (2 Cor. 5:15).
CANCIÓN sjj 14 Louvemos o novo Rei da Terra
a Holy Bible—Contemporary English Version, ©1995, 1999 (American Bible Society, Nova York, NY), “Philippians 3:16”, páxina 1549.
b Para axudarche a aplicar o que aprendes da Biblia, usa o recadro “Intenta isto” que hai cara ó final de cada lección do libro Desfruta da vida para sempre!.
c Para máis ideas sobre que metas poñerte, mira o artigo “Jóvenes, ‘sigan obrando su propia salvación’” da revista La Atalaya de decembro de 2017.
d Para máis ideas sobre como ser agradecidos con Xehová, mira o artigo “¿Qué lo motiva a servir a Dios?” da revista La Atalaya do 15 de xuño de 1995.