Cando morre un ser querido
SE PERDICHES algún ser querido, pode que pasases por moitas emocións diferentes coma a tristeza, a soidade e a impotencia. Pode que tamén sentises ira, culpa e medo. Quizais incluso te preguntaches se vale a pena seguir vivindo.
Podes estar seguro de que estar triste pola perda dun ser querido non é un sinal de debilidade. En realidade, iso mostra canto querías a esa persoa. Pero, é posible aliviar un pouco esa dor?
O QUE LLES AXUDOU A ALGUNHAS PERSOAS
Aínda que pode parecer que nunca te sentirás mellor, estas ideas quizais che axuden un pouco:
DARSE TEMPO PARA CHORAR
Non tódalas persoas pasan o dó da mesma maneira nin durante o mesmo tempo. Aínda así, chorar pode axudarche a sentir un pouco de alivio. Vanessa, de quen xa falamos antes, di: “Simplemente choraba, necesitaba sacar fóra a dor”. E Sofía, que perdeu de repente a súa irmá, conta: “Pensar no que pasou doe moito, é como abrir e limpar unha ferida infectada. Doe tanto que parece case imposible de aguantar, pero axuda a que cure a ferida”.
FALAR DO QUE PENSAN E DE COMO SE SENTEN
É normal que ás veces queiras estar só. Pero perder un ser querido é unha carga demasiado pesada para levala ti só. Jared, que ten 17 anos e perdeu a seu pai, conta: “Falei con outros de como me sentía. Creo que o que dixen non tiña moito sentido, pero sentoume ben poder expresarme”. Janice, de quen falamos no primeiro artigo, comenta outro beneficio: “Falar con outros animoume moito. Sentinme comprendida e deime conta de que non estaba tan soa”.
ACEPTAR A AXUDA DOUTROS
Unha doutora dixo: “As persoas que perderon un ser querido e deixan que os amigos e os familiares lles axuden a pasar o shock inicial normalmente superan máis fácil as seguintes fases”. Dilles ós teus amigos o que poden facer para axudarche, pois é posible que queiran botarche unha man pero non saiban como facelo (Proverbios 17:17).
ACERCARSE MÁIS A DEUS
Tina conta: “Cando perdín o meu marido de repente por culpa do cáncer, xa non podía contarlle as miñas preocupacións, medos e sentimentos, así que llo contaba a Deus. Empezaba cada mañá pedíndolle que me dese forzas para aguantar o día. E el axudoume de moitas maneiras”. Tarsha, que tiña 22 anos cando a súa nai morreu, di: “Ler a Biblia tódolos días animábame. Dábame algo positivo no que pensar”.
IMAXINAR COMO SERÁ A RESURRECCIÓN
Tina di: “Ó principio, a esperanza da resurrección non me consolaba porque necesitaba ter o meu home comigo, e os meus fillos necesitaban a seu pai. Pero agora, despois de catro anos, agárrome a esa esperanza. É o que me axuda a seguir adiante. Imaxino o que será volver a velo, e iso dáme moita paz e fai que me sinta feliz”.
É probable que non sintas alivio inmediatamente, pero o que di Vanessa poida que te anime: “Cres que nunca vas ser capaz de superalo, pero virán días mellores”.
Recorda que vale a pena vivir, aínda que te sigas sentindo baleiro por dentro. Coa axuda de Deus, aínda podes desfrutar de estar cos teus amigos e podes ter un propósito na vida. Dentro de pouco, Deus resucitará as persoas que morreron. El quere que poidas volver a abrazar os teus seres queridos outra vez. Cando chegue ese momento, esa dor que agora sentes desaparecerá para sempre!