Cando o teu home ou a túa muller che é infiel
A INFIDELIDADE nun matrimonio é devastadora. É certo que algunhas persoas foron capaces de perdoar a súa parella arrepentida e de recuperar a súa relación.a Pero, tanto se esa relación segue adiante coma se non, os que descobren que a súa parella lle foi infiel sempre senten unha dor enorme. Que podería axudarlles a loitar contra esas emocións tan intensas?
TEXTOS BÍBLICOS QUE CHE PODEN AXUDAR
A Biblia consolou a moitas persoas que foron vítimas dunha infidelidade, aínda que se sentían moi tristes. Chegaron a entender que Deus ve as súas lágrimas e que sente compaixón por eles (Malaquías 2:13-16).
“Cando as preocupacións me angustiaban, ti consolábasme e tranquilizábasme” (Salmo 94:19, TNM).
Bill recorda: “Cando lía este versículo, imaxinábame a Xehováb calmándome con cariño, igual que o faría un pai cariñoso”.
“Co piadoso móstraste piadoso” (Salmo 18:26 [18:25, TNM]).
Carmen, unha muller á que o seu home lle foi infiel durante meses, explica: “O meu home non foi leal, pero eu sabía que Xehová sempre o será. Deus nunca me vai decepcionar”.
“Non vos angustiedes por nada. En vez diso, en calquera situación, facédelle saber a Deus as vosas peticións con oracións e súplicas [...]. E a paz de Deus, que vai máis alá do que calquera ser humano pode entender, protexerá o voso corazón” (Filipenses 4:6, 7).
Sasha di: “Lía este texto unha e outra vez. Canto máis oraba, máis paz me daba Deus”.
Tódalas persoas que mencionamos neste artigo pensaron en renderse nalgún momento. Pero confiaron en Xehová e estudaron a Biblia, e iso animounas moito. Por exemplo, Bill di: “Cando todo parecía virse abaixo, a fe dáballe sentido á miña vida. Aínda que durante un tempo pasei por momentos moi tristes, Deus estivo comigo” (Salmo 23:4).
a Se desexas saber máis sobre o perdón cando hai unha infidelidade, mira a serie de artigos “Cuando el cónyuge es infiel” da revista ¡Despertad! do 22 de abril de 1999 (dispoñible en español).
b Segundo a Biblia, Xehová é o nome de Deus. Este nome tamén pode traducirse como Iavé.