Cando hai un desastre
SE VIVICHES un desastre seguro que entendes o que sentiron estas persoas: shock, negación, confusión, ansiedade e pesadelos. Moitas persoas que sobreviven a un desastre séntense tan tristes e cansadas que case non encontran razóns para seguir vivindo.
Se o perdiches todo por culpa dun desastre, quizais sintas que xa non podes máis. Ó mellor pensas que xa non vale a pena vivir. Pero a Biblia explica que si vale a pena e que hai boas razóns para confiar en que haberá un futuro mellor.
CANDO SABEMOS O QUE DI A BIBLIA VALE A PENA VIVIR
Eclesiastés 7:8 di: “Mellor é o remate dun asunto có comezo”. Se estás empezando a recuperarte despois dun desastre, quizais sintas que non hai esperanza. Pero con paciencia e esforzo as cousas mellorarán.
A Biblia predí que chegará o momento no que “non se volverá a oír [...] ruído de choros nin ruído de berros” (Isaías 65:19). Isto cumprirase cando o Reino de Deus converta a Terra nun paraíso (Salmo 37:11, 29). Os desastres serán cousa do pasado. Calquera recordo triste ou calquera trauma serán borrados para sempre, porque o Deus todopoderoso promete: “Non serán lembradas as cousas vellas, nin pasarán á consideración de ninguén” (Isaías 65:17).
Pensa nisto: o Creador fixo todo o necesario para darnos “un porvir e unha esperanza”, é dicir, unha vida pacífica baixo o seu Reino perfecto (Xeremías 29:11). Saber isto pode axudarche a ver que vale a pena vivir. Como? Sally, de quen falamos no primeiro artigo, di: “Recordarte a ti mesmo tódalas cousas marabillosas que fará o Reino de Deus por nós no futuro pode axudarche a deixar atrás o pasado e a aguantar a situación pola que estás pasando”.
Gustaríache saber máis sobre o que fará moi pronto o Reino de Deus pola humanidade? Facer isto pode axudarche a estar convencido de que, sen importar o desastre polo que pasases, vale a pena vivir mentres esperas con ilusión a que chegue ese futuro no que xa non haberá máis desastres. Mentres tanto, a Biblia pode darche consellos prácticos que che axudarán a soportar as consecuencias dun desastre. Vexamos algúns exemplos.