Que a túa boa disposición louve a Xehová!
“Cando o pobo se ofrece voluntario, ¡louvade ó Señor!” (XUÍ. 5:2).
1, 2. a) Que dixeron Elifaz e Bildad sobre os nosos esforzos por servir a Deus? b) Como demostrou Xehová o que pensaba sobre este tema?
“¿VAI poder un home beneficiar a Deus? ¡Non! Só de si mesmo tira proveito o sabio. ¿Que vantaxe tira Deus de que ti sexas xusto? ¿Que gaña con que ti te portes ben?” (Xob 22:1-3) Algunha vez pensaches na resposta a preguntas coma estas? Cando Elifaz o temanita lle dixo isto a Xob, pensaba que a resposta era negativa. O seu compañeiro, Bildad o xuhíta, incluso dixo que para os humanos non é posible que Deus os considerase xustos (le Xob 25:4).
2 Estes falsos amigos dixeron que os nosos esforzos para servir lealmente a Xehová non lle aportan nada, e que para Deus valemos o mesmo que unha traza, un verme ou unha miñoca (Xob 4:19; 25:6). A primeira vista pode parecer que Elifaz e Bildad estaban sendo humildes (Xob 22:29). Despois de todo, os humanos poden parecer insignificantes vistos dende o alto dunha montaña ou a ventá dun avión. Pero é así como Xehová ve os nosos esforzos por servilo cando nos mira dende a súa posición? Deus expresou o que pensaba cando corrixiu a Elifaz, Bildad e Sofar por dicir mentiras. Tamén demostrou o contento que estaba con Xob ó chamalo “o meu servo” (Xob 42:7, 8). Así que, como vimos, unha persoa si que pode “beneficiar a Deus”.
“¿QUE É O QUE LLE DÁS?”
3. Que expresou Elihú sobre os nosos esforzos por servir a Xehová, e que quixo dicir?
3 Xehová non corrixiu a Elihú por dicir : “Se es bo, ¿que é o que lle dás [a Deus] ou que vai recibir da túa man?” (Xob 35:7). Estaba Elihú dicindo que os nosos esforzos por servir a Xehová non valen para nada? Non. O que estaba a dicir é que Xehová non depende da nosa adoración. É un ser completo, non podemos facelo máis rico ou máis forte. Pola contra, calquera tipo de calidade, talento ou fortaleza que poidamos ter é un agasallo de Xehová, e toma boa nota de como o usamos.
4. Con que compara Xehová as cousas boas que facemos polos demais?
4 Xehová ve o amor leal que lles mostramos ós seus servos coma se llo mostrásemos a el. Proverbios 19:17 di: “Quen é bo co pobre préstalle ó Señor, que lle reparará cumpridamente a débeda”. Quere dicir este versículo que Xehová se fixa en tódalas veces que lles mostramos bondade ós demais? Podemos concluír que o Creador do Universo considera que está en débeda con simples humanos que mostran compaixón a outros, e que ve as súas accións coma préstamos que pagará coa súa bendición? Si, e o propio fillo de Deus confirmouno (le Lucas 14:13, 14).
5. Que preguntas imos responder?
5 Xehová pediulle ó profeta Isaías que falase no seu nome, deixando claro que lle agrada que os seus servos fieis colaborasen no cumprimento do seu propósito (Is. 6:8-10). Isaías aceptou a invitación de Deus con gusto. Hoxe, miles de persoas aceptan responsabilidades difíciles no seu servizo a Xehová, demostrando ter a mesma actitude que o profeta Isaías cando dixo: “Aquí estou, mándame a min”. Aínda así, pode que nos preguntemos: “Importan de verdade os meus esforzos individuais? Aínda que Xehová é moi xeneroso ó permitirme participar, non cumprirá o seu propósito independentemente do que eu faga?” Vexamos como o que sucedeu nos días de Déborah e Barac contesta estas preguntas.
PARALIZADOS POLO MEDO, PERO FORTALECIDOS POR XEHOVÁ
6. Que diferenza había entre os israelitas e o exército de Iabín?
6 O rei cananeo Iabín “xa oprimira fortemente” ós israelitas durante vinte anos. A xente das vilas tiña tanto medo que non se atrevía a saír da súa casa. Dende un punto de vista militar non tiñan nada que facer, pois nin tiñan armas para atacar nin armaduras para defenderse. En cambio os seus inimigos tiñan novecentos carros de guerra con fouces de ferro (Xuí. 4:1-3, 13; 5:6-8).a
7, 8. a) Que instrucións lle deu Xehová a Barac? b) Como derrotou Israel ó exército de Iabín? (Ver a imaxe do principio do artigo).
7 A pesar de todo, Xehová deulle a Barac a través da profetisa Déborah estas instrucións claras: “Vai e mora no monte Tabor, e colle contigo dez mil homes de entre os fillos de Naftalí e de Zebulón, e eu empurrarei onda ti, xunto ó torrente Quixón, a Sísera —o capitán do exército de Iabín—, e mais ós seus carros e á tropa, e poreino nas túas máns” (Xuí. 4:4-7).
8 Axiña correuse a voz e os voluntarios xuntáronse no monte Tabor. Barac non perdeu tempo e seguiu as instrucións de Xehová (le Xuíces 4:14-16). Durante a batalla en Tanac, un temporal inesperado converteu os arredores nun lamazal. Entón, Barac perseguiu ó exército de Sísera uns 24 km ata chegar a Haróxet. Nalgún punto deste camiño, Sísera abandonou o seu temible carro, que xa era inútil, e correu ata chegar a Saanaim. Alí, buscou refuxio na tenda de Iael, a muller de Héber o quenita, e ela recibiuno. Esgotado pola batalla, quedou profundamente durmido. Agora Sísera era vulnerable, e Iael foi valente e acabou coa súa vida (Xuí. 4:17-21). O inimigo de Israel foi derrotado!b
DÚAS ACTITUDES MOI DIFERENTES CARA Ó SERVIZO VOLUNTARIO
9. Que detalles dá Xuíces 5:20, 21 sobre a batalla contra Sísera?
9 Os capítulos 4 e 5 de Xuíces deben estudarse xuntos, pois cada capítulo revela detalles que non aparecen no outro. Por exemplo, Xuíces 5:20, 21 conta: “Desde os ceos loitaron elas: as estrelas, sen saíren do seu curso, loitaron contra Sísera. O torrente Quixón arrebatounos”. Quere dicir que os israelitas recibiron axuda dos anxos, ou que houbo algún tipo de choiva de meteoritos? O relato non dá detalles. Pero se non recibiron axuda divina, como podemos explicar que nese preciso lugar e momento caese tal cantidade de choiva como para inutilizar novecentos carros de guerra? En Xuíces 4:14, 15 atribúese tres veces a vitoria a Xehová. Ningún dos 10.000 israelitas podía dicir que o mérito fose seu.
10, 11. Que era “Meroz”, e por que recibiu unha maldición?
10 É curioso que, no medio da canción na que Déborah e Barac louvaron a Xehová por esta vitoria milagrosa, cantaron: “¡Maldicide a Meroz!, dixo o anxo do Señor; ¡maldicide rexamente ós seus veciños, por non viren auxiliar ó Señor, a axudar ó Señor cos seus guerreiros!” (Xuí. 5:23).
11 Sabemos que a maldición contra Meroz tivo éxito, xa que hoxe en día é difícil saber que era exactamente. Sería unha cidade que non enviou voluntarios para loitar? Como é que non escoitaron cando Xehová chamou para a batalla? Tiveron que facelo, pois 10.000 homes da súa rexión presentáronse como voluntarios. Ou quizais Sísera pasou por alí mentres escapaba. Sería que os seus habitantes tiveron a oportunidade de detelo pero non o fixeron? Imaxina a xente de Meroz vendo este feroz guerreiro correndo pola cidade só e desesperado. Esta sería unha moi boa oportunidade para colaborar co propósito de Xehová e recibir a súa bendición. Pero nese momento crítico no que tiveron que escoller se ían actuar ou quedarse de brazos cruzados, decidiron quedarse á marxe? Se foi así, que gran contraste co valor que mostrou Iael, do que se fala nos seguintes versículos! (Xuí. 5:24-27).
12. Que dous tipos de persoas se describen en Xuíces 5:9, 10, e como nos afecta isto hoxe en día?
12 En Xuíces 5:9, 10, vemos outra diferenza entre os que se uniron a Barac e os que non o fixeron. Déborah e Barac felicitaron “os capitáns de Israel; cando o pobo se [ofreceu] voluntario”. Que diferentes dos que cabalgaban “sobre xumentos brancos”, que foron demasiado orgullosos para axudar. A Biblia di que estes estaban sentados “encima dos tapices”, porque amaban o luxo, e que ían polos camiños, pois buscaban unha vida cómoda. A diferenza deles, os homes que acompañaron a Barac estiveron dispostos a loitar nas rochosas pendentes de Tabor e no val de Quixón, cheo de lama! A tódolos que buscaban unha vida cómoda lles dixeron: “Matinade”. Iso é xusto o que tiñan que facer, meditar na oportunidade que perderon de colaborar co propósito de Xehová. O mesmo debería facer quen hoxe en día non se decide a servir a Xehová con tódalas súas forzas.
13. En que se diferenciou a actitude das tribos de Rubén, Dan e Aser da de Zabulón e Neftalí?
13 Os que se ofreceron voluntarios viron de primeira man como Xehová defende a súa soberanía. Cando cantaron “as victorias do Señor” puideron falar de cousas que eles mesmos viran (Xuí. 5:11). Por outro lado, en Xuíces 5:15-17 chamóuselles a atención ás tribos de Rubén, Dan e Aser por darlles máis importancia ós seus bens materiais —os seus rabaños, barcos e portos— que ó que Xehová estaba a facer. Pola contra, a tribo de Zabulón “desafiou a morte” xunto coa de Neftalí para apoiar a Déborah e Barac (Xuí. 5:18). Esta diferenza nas súas actitudes cara ó traballo voluntario ensínanos unha importante lección.
“¡LOUVADE Ó SEÑOR!”
14. Como demostramos que apoiamos a soberanía de Xehová?
14 Hoxe en día non temos que loitar nunha guerra física, pero si que temos o privilexio de mostrar valor predicando con entusiasmo. Nunca houbo tanta necesidade de voluntarios na organización de Xehová coma agora. Millóns de irmáns e irmás, xoves e maiores, ofrécense para colaborar en diferentes aspectos do servizo a tempo completo como pioneiros, betelitas, na construción de Salóns do Reino e como voluntarios nos congresos. Tamén recordamos os anciáns que teñen grandes responsabilidades no Comité de Enlace cos Hospitais e na organización de congresos. Estamos seguros de que Xehová aprecia profundamente a túa boa disposición e de que nunca a esquecerá (Heb. 6:10).
Antes de tomar unha decisión, pensa no efecto que terá na túa familia e na congregación (ver o parágrafo 15).
15. Que pode axudarnos a determinar o importante que é o servizo a Xehová para nós?
15 Cada un de nós ten que preguntarse a si mesmo: “Deixo que outros carguen coa maior parte do traballo? Estou permitindo que o meu amor polas cousas materiais afecte o meu desexo de facer máis por Xehová? Igual que Barac, Déborah, Iael e os 10.000 voluntarios, teño a fe e o valor de usar todo o que teño á miña disposición para obedecer o claro mandato de Xehová? Se estou pensando en mudarme a outra cidade ou país para gañar máis cartos, meditei baixo oración nos efectos que isto podería ter na miña familia e congregación?”.c
16. Que podemos darlle a Xehová que non teña xa?
16 Xehová dános o honor de defender a súa soberanía. Dende a primeira vez que o Demo intentou convencer os humanos de que apoiasen o seu ataque contra a soberanía de Xehová, os que se poñen do lado de Deus mandan unha mensaxe alta e clara. A Xehová agrádanlle a fe e a integridade que alimentan o noso espírito disposto (Prov. 23:15, 16). Co noso apoio leal, pode darlle unha resposta ás burlas de Satanás (Prov. 27:11). Polo tanto, cando obedeces con lealdade estaslle dando a Xehová algo moi valioso que o fai moi feliz.
17. Que di Xuíces 5:31 sobre o futuro?
17 Pronto, a Terra estará chea de persoas que poñerán a soberanía de Xehová por enriba de calquera outra. Canto desexamos que chegue ese día! Igual que Déborah e Barac, cantamos: “Así morran os teus inimigos, Iavé; e sexan os que te aman coma o sol cando se ergue, cheo de esplendor” (Xuí. 5:31). Xehová responderá a esta petición cando acabe co malvado mundo de Satán! Na batalla de Armaxedón non farán falta voluntarios humanos para acabar co inimigo. O único que teremos que facer será quedarnos “quietos e firmes contemplando como [nos] salva o Señor” (2 Crón. 20:17). Pero mentres tanto, temos moitas oportunidades para apoiar a vontade de Deus con valor e entusiasmo.
18. Como axuda o noso traballo voluntario a outros?
18 Déborah e Barac non comezaron a súa canción de vitoria louvando a homes, senón louvando ó Señor. Dixeron: “Cando o pobo se ofrece voluntario, ¡louvade ó Señor!” (Xuí. 5:1, 2). Hoxe en día, queremos que o noso espírito disposto tamén axude a outros e os motive a louvar sempre a Xehová.
a As fouces eran follas afiadas, longas e ás veces curvas que sobresían dos seus carros, probablemente dos eixes das rodas. Quen se atrevería a achegarse a unha máquina de guerra tan aterradora?
b Podes ver máis detalles deste emocionante relato na revista La Atalaya do 1 de agosto de 2015, páxinas 12 a 15 (dispoñible en español).
c Mira o artigo “Ansiedad por la economía” na revista La Atalaya do 1 de xullo de 2015 (dispoñible en español)