Grazas á súa fe fixo recuar un exército poderoso
IMAXINA que tes diante túa un exército de soldados inimigos. Teñen o armamento máis moderno que hai e están listos para usalo. Diante deles, ti e mailos teus compañeiros parecedes indefensos.
Barac, Déborah e outros 10.000 israelitas pasaron por unha experiencia semellante nos días dos xuíces de Israel. Diante deles estaba o exército cananeo liderado polo seu comandante militar, Sísera. Estes tiñan carros de guerra equipados con fouces de ferro nas rodas. O lugar da batalla era o monte Tabor e o val torrencial de Quixón. O que pasou ese día mostra que Barac era un home de fe exemplar. Imos ver que pasou antes de esa batalla.
Israel chama por Xehová
O libro dos Xuíces conta as repetidas ocasións nas que Israel abandonou a adoración pura e as consecuencias que tiveron ó facelo. Cando tiñan problemas pedíanlle axuda a Xehová, e el escollía a un dos seus servos para que lles axudase. Pero cando estaban a salvo volvían facer cousas malas. Iso foi o que pasou nos días de Barac: “En morrendo Ehud [un xuíz que os salvou dos moabitas], volveron os fillos de Israel face-lo mal diante do Señor”. De feito, “elixíanse deuses novos”. Cal foi o resultado? “O Señor entregounos nas mans de Iabín, rei de Canaán, que reinou en Hasor, e que tiña de capitán do seu exército a Sísera [...]. E berraron os fillos de Israel ó Señor, pois aquel tiña novecentos carros de ferro, e el xa oprimira fortemente ós fillos de Israel durante vinte anos” (Xuíces 4:1-3; 5:8).
Sobre a vida en Israel neses días, a Biblia di: “Valeiros os camiños, iban os homes por atallos tortos. Deserta estaba a terra de Israel, deserta” (Xuíces 5:6, 7, Sagra Biblia en Galego, Manuel Casado Nieto). A xente tíñalles pánico ós cananeos que andaban nos seus carros buscando a quen atacar. Un experto di: “A vida en Israel estaba condicionada polo medo, o país enteiro parecía paralizado e indefenso”. Así que, como xa fixeran a miúdo antes, os desanimados israelitas pedíronlle axuda a Xehová.
Xehová escolle un líder
A opresión que o pobo de Israel sufría por parte dos cananeos era unha crise nacional. Deus usou a profetisa Déborah para comunicarlles o seu xuízo e o que debían facer. Dese xeito deulle o privilexio de ser coma unha nai en Israel (Xuíces 4:4; 5:7).
Déborah mandou chamar a Barac e díxolle: “¿E logo non mandou o Señor, Deus de Israel, vai e mora no monte Tabor, e colle contigo dez mil homes de entre os fillos de Naftalí e de Zebulón, e eu empurrarei onda ti, xunto ó torrente Quixón, a Sísera —o capitán do exército de Iabín—, e mais ós seus carros e á tropa, e poreino nas túas máns?” (Xuíces 4:6, 7). Ó dicir: “¿E logo non mandou o Señor...?”, Déborah recalcaba que ela non tiña ningunha autoridade persoal sobre Barac. Ela era sinxelamente a canle pola que chegaba a mensaxe divina. Como respondeu Barac?
El dixo: “Se vés ti comigo, vou; pero se non vés comigo, non vou” (Xuíces 4:8). Por que dubidaba Barac en aceptar a responsabilidade que lle dera Xehová? Estaba sendo covarde? Sería que non confiaba nas promesas de Xehová? Non. Barac non rexeitou a misión nin desobedeceu a Xehová. En realidade, a súa resposta indica que non se sentía capacitado para seguir as ordes de Xehová por si mesmo. Se a representante de Xehová ía con eles, aseguraríase de contar coa guía de Deus e daríalle seguridade tanto a el coma ós seus homes. Así que en lugar de ser un sinal de debilidade, a condición que puxo Barac mostrou que tiña unha fe forte.
A reacción de Barac parécese á de Moisés, Xedeón e Xeremías. A eles tamén lles preocupaba non ser capaces de facer o que Deus lles mandara, pero non por iso se lles considerou menos fieis (Éxodo 3:11–4:17; 33:12-17; Xuíces 6:11-22, 36-40; Xeremías 1:4-10). E que podemos dicir da actitude de Déborah? Non intentou tomar o control da situación. En lugar diso, foi humilde e díxolle: “De certo, que irei contigo” (Xuíces 4:9). Estaba disposta a deixar a seguridade do seu fogar e arriscar a súa vida para ir con Barac e o seu exército. Ela tamén foi un exemplo de fe e valor.
Seguiron a Barac con fe
Os soldados israelitas foron convocados para reunirse no monte Tabor. Ese era un bo lugar pois as tribos de Neftalí e Zabulón vivían cerca. Así que, seguindo as ordes de Xehová, os 10.000 voluntarios e Déborah subiron con Barac a esa montaña.
Tódolos que se uniron a Barac necesitaban ter fe. Xehová prometéralle a Barac que vencerían ós cananeos, pero con que armas contaban? Xuíces 5:8 di que “non se vía escudo nin lanza entre corenta mil en Israel”. Así que os israelitas estaban moi mal equipados. E aínda que tivesen algunhas armas, non serían suficientes para loitar contra carros de guerra con fouces de ferro. Cando escoitou que Barac subira ó monte Tabor, Sísera reuniu tódalas súas tropas e carros no val do torrente Quixón (Xuíces 4:12, 13). Do que Sísera non se decatou é de que estaría loitando contra o Deus Todopoderoso.
Barac derrota o exército de Sísera
Cando chegou o momento de loitar, Déborah díxolle a Barac: “Érguete, pois é este o día no que puxo o Señor a Sísera nas túas mans. ¿E logo non vai o Señor diante de ti?”. Barac e os seus homes debían descender ó val dende o alto do monte Tabor. Pero alí os carros de Sísera terían vantaxe. Como te sentirías se estiveses no exército de Barac? Obedecerías sen dubidar, lembrando que a orde viña de Xehová? Así o fixeron Barac e os seus 10.000 homes, “e o Señor destrozou a Sísera con tódolos seus carros e mailo exército polo gume da espada diante de Barac” (Xuíces 4:14, 15).
Grazas á axuda de Xehová, Barac acabou co exército de Sísera. O relato da batalla non dá tódolos detalles, pero a canción de vitoria de Barac e Déborah di que “os ceos rezumaron; mesmo as nubes deitaron auga”. O máis probable é que unha treboada fixese que os carros de Sísera quedasen atascados na lama, dándolle unha vantaxe a Barac. A arma principal dos cananeos tornouse nunha debilidade. A canción di sobre os corpos sen vida dos homes de Sísera: “O torrente Quixón arrebatounos” (Xuíces 5:4, 21).
Podemos confiar neste relato? O torrente Quixón é un uadi, é dicir, o leito dun río que normalmente leva pouca auga. Pero é normal que estes pequenos ríos se convertan en torrentes rápidos e perigosos despois dunha tormenta ou de choivas torrenciais. Nunha batalla que tivo lugar no mesmo sitio durante a Primeira Guerra Mundial, os soldados que ían a cabalo xa tiñan dificultades para loitar despois de chover tan só 15 minutos. E os informes din que na batalla de Napoleón contra os turcos no monte Tabor do 16 de abril de 1799, “moitos destes afogaron intentando escapar por unha zona do val inundada polo Quixón”.
O historiador xudeu Flavio Xosefo di que cando os exércitos de Sísera e Barac estaban a piques de enfrontarse, “unha gran treboada veu dos ceos, traendo unha enorme cantidade de choiva e graínzo. O vento sopraba na cara dos cananeos facendo que a choiva lles nubrase a vista, así que os seus arcos e fondas non lles servían de nada”.
Xuíces 5:20 relata: “Desde os ceos loitaron elas: as estrelas, sen saíren do seu curso, loitaron contra Sísera”. Como foi isto? Algúns din que se refire a axuda de Deus. Outros pensan que interviñeron anxos, que houbo unha choiva de meteoritos ou que as predicións que Sísera fixera baseándose nas estrelas non se cumpriron. A Biblia non explica como foi que as estrelas loitaron nesta batalla, pero está claro que Xehová axudou ó exército de Israel. E os israelitas aproveitaron esa vantaxe: “Barac abourou os carros [...], e caiu todo o exército de Sísera polo gume da espada: non quedou sequera un” (Xuíces 4:16). Que pasou con Sísera, o comandante do exército cananeo?
O opresor cae “nas mans dunha muller”
A Biblia di que despois de escapar da batalla “Sísera fuxiu a pé á tenda de Iael, a muller de Héber, o quenita, pois había paz entre Iabín —o rei de Hasor— e a casa de Héber, o quenita”. Iael invitou o esgotado Sísera a que entrase na súa tenda, deulle leite e cubriuno, así que este quedou durmido. Entón, Iael apañou dúas cousas que calquera persoa que vivise en tendas usaría a miúdo: “Colleu un fungueiro da tenda, [e] botou man dun martelo”. Despois “achegouse onda el ás caladiñas, e chantoulle o fungueiro nas tempas, e foise espetar no chan (e el, que xa non se tiña, morreu)” (Xuíces 4:17-21).
Iael entón saíu ó encontro de Barac e díxolle: “Vén, que che mostro o home que buscas”. O relato engade: “E el entrou onda ela, e velaquí que Sísera xacía morto co fungueiro nas tempas”. Canto debeu fortalecerse a fe de Barac! Tempo antes, a profetisa Déborah dixéralle: “O recoñecemento no camiño que emprendas non será para ti, pois nas mans dunha muller porá o Señor a Sísera” (Xuíces 4:9, 22).
Foi Iael unha traidora? Xehová non a viu así. A canción de vitoria de Barac e Déborah dixo dela: “¡Bendita entre as mulleres das tendas!”. Esta canción axúdanos a ter o punto de vista correcto sobre a morte de Sísera. Fala da súa nai esperando nerviosa a que volva da batalla e preguntándose: “¿Por que o seu carro demora tanto en chegar?”. As súas damas intentaban calmala dicíndolle que seguro que estaba repartindo o que lles quitou ós israelitas, coma fermosas roupas bordadas ou mulleres para os seus homes. Dicíanlle: “¿Non será que pillaron e repartiron os espolios? ¡Unha ou dúas mozas para cada home!; espolios de tecidos de cores para Sísera; [...] un ou dous panos de cores, para o pescozo das prisioneiras” (Xuíces 5:24, 28-30).
Leccións para nós
O relato de Barac ensínanos importantes leccións. A xente que afasta a Xehová da súa vida vai ter moitos problemas. Pero aqueles que se arrepinten, buscan a guía de Deus e mostran fe nel poderán desfrutar dunha vida sen inxustizas. Tamén nos ensina que temos que ser obedientes. Incluso cando nos pareza que o que Deus nos pide non ten sentido, podemos estar seguros de que as súas instrucións son sempre para o noso ben (Isaías 48:17, 18). Barac puido facer “que os exércitos invasores escapasen” porque demostrou fe en Xehová e obedeceu as súas instrucións (Hebreos 11:32-34).
A canción de Déborah e Barac acaba coas emocionantes palabras: “Así morran os teus inimigos, Iavé; e sexan os que te aman coma o sol cando se ergue, cheo de esplendor” (Xuíces 5:31). Veremos o cumprimento destas palabras cando Xehová acabe co malvado mundo de Satanás!
[Imaxe]
Xehová usou a Déborah para darlle instrucións a Barac.
[Imaxe]
O río Quixón desbordado.
[Recoñecementos]
Pictorial Archive (Near Eastern History) Est.
[Imaxe]
Monte Tabor.