Preguntas dos lectores
Por que lle pediu Eliseo a Elías “dúas partes” do seu espírito?
Xusto antes de que Elías rematase o seu labor en Israel, o profeta Eliseo pediulle: “Que do teu espírito reciba eu dúas partes” (2 Reis 2:9). Parece que Eliseo estaba pedindo unha porción dobre do espírito de Elías, tal e como un primoxénito recibe unha porción dobre da herdanza de seu pai (Deuteronomio 21:17). Analizar brevemente este relato axudaranos a entendelo mellor e a aprender algunhas leccións para nós.
Seguindo as instrucións de Xehová, Elías unxiu a Eliseo como o seu sucesor (1 Reis 19:19-21). Durante uns seis anos, Eliseo foi o axudante de Elías e nunca quixo abandonalo. Nin sequera o deixou o último día que Elías foi profeta en Israel. Aínda que Elías lle pediu a Eliseo que deixase de seguilo, o profeta máis novo díxolle tres veces: “Non te deixarei” (2 Reis 2:2, 4, 6; 3:11). Por que estaban tan apegados? Para Eliseo, Elías era o seu pai espiritual (2 Reis 2:12).
Hai que ter en conta que Eliseo non era o único fillo espiritual de Elías. Estes dous profetas xuntáronse cun grupo de homes que eran coñecidos como “os fillos dos profetas” (2 Reis 2:3). O Segundo libro dos Reis indica que estes “fillos” tamén tiñan un vínculo estreito co seu pai espiritual, Elías (2 Reis 2:3, 5, 7, 15-17). Pero como Eliseo era o elixido para continuar co labor de Elías, era o fillo máis importante, coma se fose o primoxénito. No antigo Israel, o primoxénito recibía dúas partes da herdanza e os demais fillos recibían unha. É por iso que Eliseo pediu dúas partes do espírito santo que Xehová lle dera a Elías.
Por que lle pediu iso nese preciso momento? Porque non lle ía ser nada fácil continuar o traballo de Elías como profeta. Eliseo sabía que só podería cumprir esa responsabilidade se contaba co poder que Xehová lle podía dar. Necesitaba ter o mesmo valor que Elías (2 Reis 1:3, 4, 15, 16). Por iso pediu dúas partes do seu espírito, para poder ter valor e entusiasmo. Dúas cualidades moi necesarias que proveñen do espírito santo (1 Reis 19:10, 14). Cal foi a reacción de Elías?
Elías sabía que o espírito santo era algo que só Deus podía dar. Por iso, foi humilde e respondeu: “Pides cousa difícil. Pero terala, se me ves cando eu sexa arrebatado de onda ti” (2 Reis 2:10). E pasou tal e como dixo. Xehová permitiulle a Eliseo ver como o profeta era levado ós ceos en medio de fortes ventos (2 Reis 2:11, 12). Entón, cumpriuse a petición de Eliseo. Xehová deulle o espírito santo que necesitaba para cumprir coa súa nova responsabilidade e para enfrontarse a novos desafíos.
Nos nosos tempos, os cristiáns unxidos e os demais servos de Deus poden animarse moito ó ler este relato. Ás veces podemos sentirnos superados ou incompetentes para unha nova responsabilidade. Ou pode que xa non sexamos tan valentes á hora de predicar por culpa da falta de interese da xente e da oposición. Se nos sentimos así, podémoslle pedir a Xehová que nos axude. Seguro que nos dará o seu espírito santo para non rendernos ante os problemas ou ante os cambios de circunstancias (Lucas 11:13; 2 Corintios 4:7; Filipenses 4:13). Tal e como Xehová fortaleceu a Eliseo para cumprir coas súas grandes responsabilidades, tamén nos axudará a todos nós, sexamos mozos ou vellos, a cumprir por completo o noso ministerio (2 Timoteo 4:5).