Como empezou a vida?
Como rematarías a seguinte frase?
A VIDA É RESULTADO DA...
EVOLUCIÓN
CREACIÓN
Algúns poderían dar por feito que unha persoa de mente científica vai escoller a opción da evolución e unha persoa relixiosa vai escoller a opción da creación.
Pero non sempre é así.
A verdade é que moitas persoas con estudos superiores, incluídos varios científicos, teñen dúbidas sobre a teoría da evolución.
Pensa no exemplo de Gerard, un profesor de entomoloxía que estudou a evolución na universidade. El di: “Nos exames respondía o que os profesores querían, pero non cría o que me estaban ensinando”.
Como pode ser que incluso a algunhas persoas de mente científica lles custe aceptar que a vida empezou por evolución? Para encontrar a resposta, vexamos dúas preguntas que os científicos seguen sen poder contestar: 1) Como empezou a vida? e 2) Como chegaron a existir os organismos vivos?
Como empezou a vida?
O QUE ALGÚNS DIN: A vida xurdiu de forma espontánea a partir de materia inanimada.
POR QUE HAI PERSOAS ÁS QUE NON LLES CONVENCE ESTA IDEA: Os científicos saben máis que nunca sobre a estrutura química e molecular dos seres vivos, pero non poden definir con exactitude que é a vida. Hai unha enorme diferenza entre a materia inanimada e a célula máis simple.
Os científicos só poden especular sobre como eran as condicións na Terra hai miles de millóns de anos. E entre eles mesmos teñen distintas opinións sobre a orixe da vida. Algúns pensan que empezou dentro dun volcán e outros debaixo do fondo do océano. Hai quen cre que os compoñentes necesarios para a vida xurdiron primeiro noutro lugar do Universo e que chegaron aquí dentro de meteoritos. Pero esta teoría non responde á pregunta sobre como empezou a vida, só di que empezou noutro lugar.
Algúns científicos pensan que o material xenético que coñecemos hoxe xurdiu de moléculas que existían no pasado. Supostamente este tipo de moléculas ten máis probabilidades de xurdir espontaneamente de materia inanimada e de replicarse por si mesmas. Pero a ciencia non encontrou probas que demostrasen que estas moléculas existisen. E os científicos tampouco foron capaces de crear ningunha molécula deste tipo nun laboratorio.
Os organismos vivos son os únicos que almacenan e procesan información. As células transmiten, interpretan e executan as instrucións que están dentro do seu código xenético. Algúns científicos comparan a estrutura química da célula cun ordenador e o código xenético co programa que controla ese ordenador. Pero a evolución non pode explicar de onde saíu a información do código xenético.
As proteínas son necesarias para o funcionamento da célula. Unha proteína típica contén centos de aminoácidos que están agrupados nunha orde específica. Ademais, a proteína ten que adquirir unha forma tridimensional específica para funcionar. Algúns científicos chegaron á conclusión de que a probabilidade de que tan só unha proteína se formase por si soa é extremadamente baixa. De feito, o físico Paul Davies escribiu que “como unha célula necesita miles de proteínas diferentes para funcionar, [...] non é crible supoñer que as proteínas se formasen só por casualidade”.
CONCLUSIÓN: Despois de décadas de investigación en practicamente tódalas ramas da ciencia, está comprobado que a vida só pode formarse a partir de vida que xa existe.
Como chegaron a existir os organismos vivos?
O QUE ALGÚNS DIN: O primeiro organismo vivo evolucionou gradualmente ata producir diferentes formas de vida, incluídos os humanos, a través dun proceso de mutación aleatoria e selección natural.
POR QUE HAI PERSOAS ÁS QUE NON LLES CONVENCE ESTA IDEA: Algunhas células son máis complexas que outras. Segundo a Britannica Online Encyclopedia, a evolución de células simples en células máis complexas é “o segundo maior misterio da evolución despois da orixe da vida”.
Os científicos descubriron máquinas moleculares moi complexas dentro de cada célula. Estas máquinas están compostas por moléculas de proteínas que cooperan para realizar tarefas moi difíciles. Algunhas destas tarefas son transportar e converter nutrientes en enerxía, reparar partes da célula e mandar mensaxes por toda a célula. Poderían estas máquinas tan sofisticadas estar ensambladas e funcionar como resultado de mutacións aleatorias e selección natural? A moitas persoas fáiselles difícil aceptar esta idea.
Os animais e os humanos fórmanse a partir dun óvulo fecundado. Dentro do embrión, as células multiplícanse e co tempo especialízanse, é dicir, chegan a ter diferentes formas e funcións para formar as distintas partes do corpo. A evolución non pode explicar como cada célula é capaz de “saber” en que se ten que converter e a que parte do organismo ten que ir.
Agora os científicos saben que para que un animal pase a ser outro tipo de animal tería que haber cambios dentro da célula, a nivel molecular. Tendo en conta que os científicos non poden demostrar que a evolución producise nin sequera a célula “máis simple”, tería sentido que os diferentes tipos de animais que hai no planeta fosen o resultado de mutacións aleatorias e da selección natural? Falando sobre a anatomía dos animais, o profesor de bioloxía Michael Behe di que aínda que as investigacións “revelaron unha complexidade inesperada e impresionante, non se conseguiu comprender como se chegou a esa complexidade sen procesos intelixentes”.
Os seres humanos son conscientes da realidade que os rodea e tamén teñen conciencia de si mesmos. Ademais teñen a capacidade de pensar e razoar, e cualidades morais como a xenerosidade, o espírito de sacrificio e o sentido do que está ben e o que está mal. As mutacións aleatorias e a selección natural non poden explicar que a mente humana teña estas cualidades únicas.
CONCLUSIÓN: Aínda que moitos insisten en que é un feito innegable que a vida empezase por evolución, a outros non lles convencen as respostas que dá a evolución sobre como empezou a vida e como chegaron a existir os seres vivos.
Unha resposta que vale a pena analizar
Despois de analizar as probas, moitas persoas chegan á conclusión de que a vida é resultado dunha intelixencia superior. Fíxate no exemplo de Antony Flew, un profesor de filosofía que antes era un firme defensor do ateísmo. Cando descubriu a impresionante complexidade da vida e as leis físicas do Universo, cambiou de opinión. Facendo referencia á forma de razoar que tiñan os antigos filósofos, escribiu: “Temos que seguir os argumentos a onde sexa que nos leven”. Para o profesor Flew as probas apuntaban a que existe un Creador.
Gerard, mencionado ó principio deste artigo, chegou a unha conclusión parecida. A pesar da súa educación superior e da súa carreira de entomoloxía, dixo: “Non vin probas de que a vida xurdise espontaneamente a partir de materia inanimada. A orde e a complexidade dos organismos vivos convéncenme de que ten que haber un Organizador e Deseñador”.
Igual que unha persoa pode aprender moito dun artista ó analizar a súa obra, Gerard chegou a coñecer as cualidades do Creador ó estudar a natureza. Tamén dedicou tempo a analizar a Biblia, un libro que para moitos vén do Creador (2 Timoteo 3:16). Nela encontrou resposta ás preguntas sobre a orixe do ser humano e solucións prácticas para os problemas ós que se enfronta a xente na actualidade. Isto convenceuno de que a Biblia tamén é o resultado dunha intelixencia superior.
Gerard deuse conta de que vale a pena analizar as respostas da Biblia. Anímate a analizalas ti tamén.
a No idioma orixinal, o termo bíblico que se traduce como “especie” ten un significado máis amplo. Por iso, non debe confundirse co que a ciencia considera na actualidade unha especie.