APRENDE DE XESÚS
Haberá paz en toda a terra
Tódalas persoas desexan vivir nun mundo onde haxa paz. Ó longo da historia, os líderes mundiais intentaron poñerlles fin ós conflitos e conseguir a paz. Ás veces puideron logralo por un tempo pero, a miúdo, as persoas acaban loitando de novo. Haberá algunha vez paz no planeta? Por suposto! Pensa no que aprendemos do que dixo Xesús.
O que fará Xesús
A Biblia explica que vai facer Xesús dentro de pouco para traer paz en toda a terra.
“[A Xesús] chamaráselle por nome [. . .] Príncipe de Paz. A expansión do seu goberno e a paz non terán fin” (Isaías 9:6, 7, TNM). Como Rei do Reino de Deus, Xesús fará que haxa paz no mundo para sempre.
“El librará ó pobre que suplica, ó aflixido que está sen axuda” (Salmo 72:12-14). Xesús usará a súa autoridade para establecer xustiza de verdade e acabar con tódalas guerras, a violencia e tamén o sufrimento.
“Non levantará un pobo contra outro a espada, nin aprenderán de novo a face-la guerra” (Isaías 2:4). Cando Xesús goberne sobre a terra tódalas persoas aprenderán a ser pacíficas en lugar de aprender a loitar.
Se queres saber como Xesús vai traer paz á terra e que significará iso para ti, mira o vídeo Que é o Reino de Deus?
O que ensinou Xesús
As ensinanzas de Xesús están axudando a millóns de persoas a vivir en paz hoxe en día. No seu famoso Sermón do Monte, Xesús ensinou principios, ou verdades básicas, que axudan ás persoas a vivir en paz unhas coas outras. Pensa nos seguintes exemplos.
“Felices os que promoven a paz” (Mateo 5:9). Xesús animou os seus discípulos non só a evitar as discusións senón a facer as paces.
“Primeiro, fai as paces co teu irmán, e despois volve e fai a túa ofrenda” (Mateo 5:23, 24). Xesús animou os que o escoitaban a solucionar os problemas rapidamente. Ensinou que facer as paces con outros é esencial para ter unha boa relación con Deus.
“Deixade de xulgar para que non se vos xulgue a vós” (Mateo 7:1). Xesús advertiu sobre xulgar a outros con dureza e sobre ser hipócritas, xa que isto pode levar a ter conflitos. Máis que andar buscando faltas, Xesús ensinoulles ós seus discípulos a seguir perdoando as faltas dos seus semellantes (Lucas 6:37).
Moitas persoas por todo o mundo esfórzanse por poñer en práctica os consellos de Xesús. Aínda en lugares cheos de violencia e divisións, aprenden a solucionar os problemas sen violencia, a perdoar e a demostrar amor incluso cando outras persoas as tratan de forma pouco amable.
Para ver como as ensinanzas de Xesús axudan a moitas persoas a atopar paz, le o artigo “Como podemos ter paz a pesar da guerra e dos conflitos violentos?”.