Imagination World/stock.adobe.com
Unha mensaxe da Palabra de Deus. Esperanza para os refuxiados
Cada ano, millóns de persoas vense obrigadas a fuxir dos seus fogares. Estás pasando ti tamén por esta situación tan traumática? Non tes por que facelo só. Hai alguén que che pode axudar: Deus. El dános a esperanza de poder desfrutar dunha vida mellor. Na Biblia aprenderás máis sobre ela.
Christos Stylianides, un excomisario da Unión Europea,a dixo: “Os refuxiados e os desprazadosb non só necesitan a nosa axuda de emerxencia, tamén necesitan [...] esperanza para o futuro”. As persoas que teñen esperanza son quen de ter un punto de vista positivo sobre o futuro. Pero, ademais de esperanza, os refuxiados tamén necesitan consolo para curar en sentido emocional.
“Cando tiven que fuxir do meu país e deixar a miña familia, sentín unha sensación de baleiro insoportable. Estaba cheo de medo, ansiedade e tristeza” (Emmanuel, Haití).
Sentícheste algunha vez así? Se tiveches que fuxir do teu fogar, necesitas atopar algún lugar onde haxa consolo e esperanza. Como pode axudarche a Palabra de Deus, a Biblia?
A Palabra de Deus dános consolo
A Biblia di que Xehovác “ama ó emigrante” (Deuteronomio 10:17, 18).
Isto significa que non estás só. Xehová Deus, o autor da Biblia, entende a túa situación, quérete e preocúpase por como te sentes.
A Biblia di: “O Señor está cerca dos que o chaman” (Salmo 145:18).
Isto significa que cando oras, Xehová escóitate. El pode axudarche a atopar paz. E, ademais, a súa Palabra dá sabedoría para que poidas facerlle fronte á túa situación.
A Biblia di: “É impensable que o Deus verdadeiro actúe con maldade, [...] o Todopoderoso non torce a xustiza” (Xob 34:10, 12, TNM).
Isto significa que Deus non é o causante do teu sufrimento. Nin te está castigando, nin tampouco che fai a vida difícil para poñerte a proba.
A Palabra de Deus dános esperanza
A Biblia explica que fará Deus por nós no futuro. Fíxate en como lles está axudando esta esperanza a persoas que tiveron que deixar os seus fogares.
A Biblia di: “[Deus] secaralles tódalas lágrimas dos seus ollos, e a morte deixará de existir. Xa non haberá máis tristeza, nin choros, nin dor” (Apocalipse 21:4).
Isto significa que atoparemos alivio do sufrimento. Deus promete solucionar tódolos problemas que poden facer que te sintas sen esperanza.
“Moi pronto, Deus vai acabar con tódalas inxustizas e con tódalas cousas malas que ocorren ó noso arredor. Esta esperanza axúdame a centrar os meus pensamentos no día en que tódolos sufrimentos rematen” (Karla, O Salvador).
A Biblia di: “Non serán lembradas as cousas vellas, nin pasarán á consideración de ninguén” (Isaías 65:17).
Isto significa que nunca máis volveremos sufrir por recordos dolorosos. Deus vaise asegurar de que os pensamentos dolorosos polas vivencias do pasado nunca te volvan angustiar.
“A Biblia prométenos que nin sequera lembraremos a dor ou as perdas que teñamos sufrido. Esta esperanza axúdame a seguir loitando coa situación tan difícil que estamos vivindo, xa que sei que moi pronto todo vai cambiar” (Natalia, Ucraína).
A Biblia di: “O Deus do ceo suscitará un reino que [...] destruirá e acabará con todos estes reinos” (Daniel 2:44).
Isto significa que un goberno celestial perfecto reinará sobre toda a terra. Deus pronto substituirá a tódolos gobernos humanos co seu propio goberno. Este Reino gobernará dende os ceos. Traerá paz, xustiza, seguridade e prosperidade para tódalas persoas (Miqueas 4:3, 4).
“Dáme forzas saber que problemas coma a opresión, a discriminación, a desconfianza e o racismo son temporais. O Reino de Deus vai acabar con todos estes problemas moi pronto” (Mustafa, Oriente Medio).
Atopa consolo na mensaxe de esperanza da Biblia.
A Palabra de Deus dános sabedoría
Os prácticos consellos da Biblia poden axudarche mentres lle fas fronte a todo o que viviches. Tamén che poden axudar a adaptarte á nova situación, o que pode incluír a perda de cousas materiais. Mira como lle están axudando os seguintes principios bíblicos a moitos refuxiados:
A Biblia di: “Aínda que alguén teña moito, as cousas que ten non lle poden dar a vida” (Lucas 12:15).
Como che poden axudar estas palabras en momentos difíciles? É moi probable que esteas en shock ou te sentas moi triste por todo o que tiveches que deixar atrás. Pero parar un momento e pensar que a túa vida vale moito máis que calquera cousa que deixases atrás vaiche axudar a non estar tan triste por todas esas cousas materiais.
“A vida é máis importante que as cousas materiais. Mesmo hai situacións nas que as posesións ou os cartos non poden axudarche” (Natalia, Ucraína).
A Biblia di: “Non penses: ¿Como é que os tempos pasados eran mellores ca estes?” (Eclesiastés 7:10).
Como che poden axudar estas palabras en momentos difíciles? A situación actual pode ser moi difícil, pero intentar non comparala coa anterior vaiche axudar a non estar amargado.
“Ó aceptar a miña situación actual, son capaz de manter un punto de vista positivo” (Eli, Ruanda).
A Biblia di: “Se temos comida e roupa, esteamos contentos con iso” (1 Timoteo 6:8).
Como che poden axudar estas palabras en momentos difíciles? Intenta estar satisfeito coas cousas básicas para a vida. Estar contento axudarache a non estar tan preocupado e a estar máis calmado.
“A Biblia estame axudando a ver as cousas doutro xeito e a non centrarme no que perdín. Miña muller mais eu estamos contentos de estar vivos e nun lugar seguro” (Ivan, Ucraína).
A Biblia di: “Polo tanto, facede polos demais todo o que vos gustaría que fixesen por vós” (Mateo 7:12).
Como che poden axudar estas palabras en momentos difíciles? Vaste levar mellor con outros se fas todo o posible por ser paciente e amable. Con esforzo, conseguirás reducir os prexuízos e ser aceptado na comunidade local.
“A maioría das persoas agradecen que os traten con respecto, amabilidade e amor. Estas calidades vanche axudar a ter boas relacións coas persoas da túa nova localidade” (Angelo, Sri Lanka).
A Biblia di: “Facédelle saber a Deus as vosas peticións [...]. E a paz de Deus, [...] protexerá o voso corazón e a vosa mente” (Filipenses 4:6, 7).
Como che poden axudar estas palabras en momentos difíciles? Cóntalle a Deus como te sentes, o que necesitas, o que che dá medo e tamén o que che preocupa. Oracións coma estas poden axudarche a aliviar a ansiedade e a evitar que a situación te supere.
“Órolle a Deus sempre que teño problemas, e el respóndeme. O que aprendín na Biblia deume verdadeira paz mental” (Yol, O Sudán do Sur).
“Os bos consellos da Biblia axúdanme a atopar a paz interior que necesito para loitar con esta difícil situación” (Valentina, Ucraína).
“Saber que Xehová promete unha vida mellor dáme forzas” (Emmanuel, Haití).
Gustaríache saber máis sobre as promesas da Biblia que nos dan consolo e esperanza? Queres descubrir por que podes confiar nelas? Pídelle unha visita gratuíta ás testemuñas de Xehová. Estarán encantados de axudarche.
a Excomisario da Unión Europea para a Axuda Humanitaria e a Xestión de Crises.
b A Axencia das Nacións Unidas para os Refuxiados inclúe entre os refuxiados e os solicitantes de asilo tanto a aqueles que foron desprazados dentro do seu propio país, como a aqueles que tiveron que marchar a outro país aínda que non cualifiquen legalmente coma refuxiados.
c Xehová é o nome persoal de Deus. Este nome tamén pode traducirse como Iavé (Isaías 42:8). Mira o artigo: “Quen é Xehová?”.