28 DE SETEMBRO–4 DE OUTUBRO DE 2026
CANCIÓN sjj 79 Ensinémoslles a estar firmes na fe
Axuda a outros a coñecer a Xehová
“Isto significa vida eterna: que te coñezan a ti, o único Deus verdadeiro” (XOÁN 17:3).
OBXECTIVO
Ver como axudar ós nosos estudantes da Biblia a coñecer a Xehová, incluídas as súas cualidades, o que lle gusta e o que non.
1. Como te sentes cando un estudante da Biblia empeza a progresar?
COMO te sentes cando un estudante da Biblia vai á súa primeira reunión, empeza a comentar, lles predica a outros por primeira vez e co tempo decide bautizarse? Seguro que te alegras moito! Por suposto, sabemos que o mérito de que o estudante progrese espiritualmente é de Xehová, e nós louvámolo por facer isto (1 Cor. 3:5-9; 3 Xoán 3, 4).
2. Que desexa Xehová que fagan os estudantes da Biblia? (1 Timoteo 2:3, 4).
2 Xehová quere que “todo tipo de persoas se salven e cheguen a ter un coñecemento exacto da verdade” (le 1 Timoteo 2:3, 4). É dicir, el desexa que a xente o chegue a coñecer o mellor posible, tanto a el como as marabillosas cousas que fixo e fará no futuro (Xer. 9:23 [9:24, TNM]). E para iso necesítase ter un coñecemento exacto. A palabra orixinal que se traduce como “coñecemento exacto” non transmite a idea dunha persoa simplemente obtendo información sobre Deus, senón que, como explica un experto na Biblia, “refírese a un coñecemento que impulsa á persoa a facer todo o posible por achegarse a Deus”.a Cando un estudante da Biblia coñece a Xehová, quere facer cambios na súa vida e iso dálle a esperanza de desfrutar da “vida eterna” (Xoán 17:3).
3. Que veremos neste artigo?
3 Xehová deunos o privilexio de axudar a outros a coñecelo. Neste artigo responderemos as seguintes preguntas: Por que necesitan coñecer ben a Xehová os estudantes da Biblia? De que maneiras podemos ensinarlles como é Xehová? Como podemos axudarlles a poñer en práctica o que aprendan sobre el?
AXUDA Ó TEU ESTUDANTE A COÑECER BEN A XEHOVÁ
4. Segundo Marcos 12:30, cal debería ser o noso obxectivo principal ó dirixir un curso da Biblia?
4 Xesús dixo que o mandamento máis importante é amar a Xehová con todo o noso corazón, alma, mente e forzas (le Marcos 12:30). Un estudante da Biblia ten que coñecer a Deus para poder amalo. E queremos que se bautice por amor a Xehová e non porque queira ser o noso amigo, amigo doutras Testemuñas ou porque lle gusten algunhas ensinanzas bíblicas. Polo tanto, o noso obxectivo principal ó dirixir un curso da Biblia é axudarlle ó noso estudante a coñecer e amar a Xehová.
5. Que se sentirá motivado a facer o teu estudante da Biblia se ama a Xehová?
5 O amor e a obediencia son dúas cousas que están relacionadas. Cando o teu estudante empece a coñecer e amar a Xehová, sentirase impulsado a obedecelo. Xesús dixo: “Para que o mundo saiba que eu amo o Pai, fago exactamente o que o Pai me mandou” (Xoán 14:31). Así que, igual que Xesús, un estudante da Biblia que ame realmente a Xehová quererá obedecelo e manterse leal a el (1 Xoán 5:3).
6. Como lle axudará ó teu estudante da Biblia o coñecemento que teña sobre Xehová a tomar boas decisións? Pon un exemplo.
6 Os estudantes da Biblia que cheguen a coñecer ben a Xehová estarán mellor preparados para tomar boas decisións. Podémolo comparar ós pilotos de avión. Un piloto non aprende a voar simplemente estudando as normas de voo ou facendo un exame escrito. Tamén ten que pasar moitas horas pilotando o propio avión. Co tempo, aprende como voar en diferentes situacións e como tomar boas decisións mentres pilota. De maneira parecida, un estudante da Biblia chega a coñecer a Xehová non só estudando, senón vendo como a súa vida mellora ó tomar decisións baseadas no que aprende da Biblia. A medida que aumenta o seu coñecemento sobre Deus e ve como o seu Pai celestial lle axuda, estará mellor preparado para tomar boas decisións en calquera circunstancia.
7. Como lle axudou a Xosé a tomar unha boa decisión o seu coñecemento sobre Xehová?
7 O coñecemento que Xosé tiña sobre Xehová lle axudou cando a muller de Potifar intentou seducilo. Dende pequeno, seguro que Xosé escoitou sobre os relatos de Adán e Eva e tamén de Abrahán e Sara (Xén. 2:24; 20:3, 6). Por iso, tiña claro cal era o punto de vista de Xehová sobre o matrimonio e o regalo das relacións sexuais. Xosé chegou a coñecer tan ben a Xehová que rexeitou a muller de Potifar e díxolle: “¿Como podería eu cometer un crime semellante, e pecar contra Deus?” (Xén. 39:7-9). Xosé sabía que estaba ben e que estaba mal ós ollos de Xehová e comprendía que podería ferilo. Así que, como resultado, tomou a decisión correcta. Se axudamos ós nosos estudantes da Biblia a coñecer ben a Xehová e a aprender como é, eles tamén poderán tomar decisións que lle agraden.
ENSÍNALLE COMO É XEHOVÁ
8. Como podes usar o libro Desfruta da vida para sempre! para axudar a un estudante a coñecer a Xehová?
8 Entón, como podes ensinarlle a un estudante da Biblia como é Xehová? O propio Deus axudou a Xob a aprender sobre El facéndolle máis de 50 preguntas (Xob 38:1–40:24; 40:25–41:26 [41:1-34, TNM]). Nós tamén podemos facer preguntas. As que encontramos no libro Desfruta da vida para sempre! están deseñadas para axudar a un estudante a saber cada vez máis sobre a personalidade de Xehová (mira o recadro “Preguntas que nos axudan a ensinar mellor”). Así que úsaas para axudarlle ó teu estudante a coñecelo.
9, 10. a) Que lles axudará ós estudantes a sacarlle o máximo partido á súa lectura da Biblia? (Santiago 5:11) b) Pon un exemplo de como un relato bíblico pode mostrar o que lle gusta e non lle gusta a Xehová.
9 Ó pouco de empezar un curso da Biblia, anímase á persoa a ler a Biblia tódolos días.b Como podemos axudarlle a aproveitar ó máximo a súa lectura? Podes suxerirlle que cada vez que lea unha pasaxe da Biblia, pense en por que Xehová a incluíu na súa Palabra e en que cualidades mostra sobre el. Fíxate en como o discípulo Santiago fixo xusto isto cando falou da historia de Xob. El non só dirixiu a atención cara a unha cualidade de Xob (o aguante) senón tamén cara ás de Xehová (o seu cariño e misericordia) (le Santiago 5:11).
10 Queremos que os nosos estudantes da Biblia aprendan de cada relato o que lle gusta a Xehová e o que non. Por exemplo, pode ser que o noso estudante use o apartado “Por onde empezar a ler a Biblia” do libro Desfruta da vida para sempre! e nos diga que escolleu ler a historia de Daniel no foxo dos leóns. Quizais o animemos a meditar en preguntas como: “Por que salvou Xehová a Daniel? Que me di isto sobre o que lle fai feliz a Xehová?” (Dan. 6:11, 23 [6:10, 22, TNM]). Tamén podería preguntarse: “Que lles pasou ós homes que acusaron a Daniel? Que me di isto sobre o que non lle gusta a Xehová?” (Dan. 6:5, 6, 25 [6:4, 5, 24, TNM]). Ademais, podería pensar noutras cualidades de Deus que se mostran claramente no relato (Dan. 6:27, 28 [6:26, 27, TNM]).
11. Como podemos axudar ó noso estudante a ver o seu curso da Biblia como un regalo de Xehová?
11 Encántanos cando o noso estudante empeza a ver que as cousas que está aprendendo lle axudan na súa vida. Pero é moi importante que lle axudemos a ver que todo iso vén de Xehová, o noso Grande Instrutor (Is. 30:20, 21). Pode ser que nos dea as grazas polo que está aprendendo ou nos diga o ben que ensinamos. Aínda que isto non está mal, deberiamos intentar redirixir esa louvanza e gratitude cara a Xehová.
AXÚDALLE A USAR O QUE SABE SOBRE XEHOVÁ
12, 13. Cando un estudante le un relato da Biblia que se lle fai difícil, como lle axuda a entendelo coñecer a Xehová? (Ver tamén a imaxe).
12 Para beneficiarnos ó máximo do coñecemento exacto, temos que usar o que sabemos. Como podes axudarlle ó teu estudante da Biblia a facer isto? Primeiro, ensínalle a recordar o que sabe sobre Xehová cando lea un relato bíblico que se lle faga difícil de entender. Por exemplo, cando lea sobre os xuízos de Xehová quizais se pregunte por que executou a uns e deixou con vida a outros. Como podes axudarlle a razoar sobre isto?
13 Podes animar ó teu estudante a meditar no que leva aprendido sobre Deus. Por exemplo, canto valor ten para Xehová a vida? (2 Ped. 3:9) Ata onde estivo disposto a chegar para salvarnos, aínda que somos pecadores? (Ef. 2:4, 5) Castiga a quen non o merece? Deixa sen castigar a quen si o merece? (Éx. 34:6, 7) Ás veces os relatos da Biblia non nos dan os detalles que nos axudarían a comprender mellor a decisión de Xehová. Pero en realidade non os necesitamos porque o coñecemos e estamos convencidos de que sempre fai o correcto.
Ensínalle ó teu estudante a recordar o que sabe sobre Xehová cando lea un relato bíblico que se lle faga difícil de entender (ver os parágrafos 12 e 13).
14. Como podes axudarlle ó teu estudante se lle custa levarse ben con alguén da congregación?
14 Vexamos unha segunda maneira na que un estudante da Biblia pode poñer en práctica o seu coñecemento sobre Xehová. Imaxínate que agora está indo ás reunións pero lle custa levarse ben con alguén da congregación que quizais o ofendeu. Anímao a analizar como ve Xehová os nosos irmáns. Que sacrificio fixo El para mostrarlles o seu amor? (Xoán 3:16) É importante para Deus que os seus servos se leven ben? (Sal. 133:1) Como se sente cando nos esforzamos por protexer esa unidade? (2 Cor. 13:11) Axúdalle ó teu estudante a ver o contento que se poñerá Xehová cando nos centremos nas boas cualidades dos demais en vez de nas súas faltas.
15, 16. a) Como pode un estudante da Biblia imitar a Xesús cando teña que tomar unha decisión importante? (Xoán 8:29) b) Como axudou Marianne á súa estudante a tomar unha boa decisión? (Ver tamén a imaxe).
15 Por último, podes axudar ó teu estudante a usar o que sabe sobre Xehová para tomar boas decisións. Podes empezar ensinándolle a lección 35 do libro Desfruta da vida para sempre! titulada: “Como podemos tomar boas decisións?”. Pero, e se xa orou e investigou e aínda así lle custa tomar unha decisión? Quizais non saiba cal de tódolos principios bíblicos aplica mellor na súa situación. Nese caso, podes suxerirlle que medite no exemplo de Xesús. Como tomaba el as decisións? El mesmo dixo: “Eu sempre fago o que a [meu Pai] lle agrada” (le Xoán 8:29). Anímao a preguntarse: “Polo que investiguei e polo que sei sobre Deus, que decisión lle gustará máis?”. Calquera decisión que lle guste a Xehová é unha boa decisión.
16 Unha muller de Chile que estaba estudando tiña que tomar unha decisión importante. A súa familia insistíalle en que aceptase unha oferta de traballo onde gañaría moitos cartos pero que lle faría perder algunhas reunións. A irmá que lle daba o curso da Biblia, Marianne, conta: “Pedinlle que meditase en como a súa decisión faría sentir a Xehová, en se o poñería feliz ou triste. Tamén a animei a que orase de maneira específica sobre este asunto e que se fixase en como lle respondía Xehová. Ó final rechazou aquela oferta e en pouco tempo encontrou outro traballo que lle permitía ir ás reunións”. Fíxate que en vez de dicirlle que facer, Marianne axudoulle a meditar no que xa sabía sobre Xehová. Como resultado, esta experiencia non só fortaleceu a amizade entre a estudante e Marianne, senón tamén a que ela tiña con Xehová. A nosa irmá di: “Ela aprendeu que Xehová coida de nós se poñemos a nosa adoración a el en primeiro lugar”.
Axúdalle ó teu estudante a aprender a tomar decisións que lle agraden a Xehová (ver os parágrafos 15 e 16).c
XEHOVÁ BENDICE OS QUE CHEGAN A COÑECELO BEN
17. Que é o máis importante que aprendan os estudantes da Biblia?
17 Os nosos estudantes aprenden cousas moi importantes durante o seu curso da Biblia, entre elas as ensinanzas básicas da Biblia como que pasa cando alguén morre, por que morreu Xesús por nós e que fará o Reino. Tamén aprenden sobre como estamos organizadas as testemuñas de Xehová, que sucede durante as reunións, que fan os anciáns e que é o Consello Reitor. Pero non queremos que os nosos estudantes só acumulen información, senón que coñezan ben a Xehová.
18. Que bendicións lles esperan ós que coñecen a Xehová?
18 Que privilexio tan grande para nós é poder axudar a outros a coñecer a Xehová! Os que chegan a coñecer a Xehová e o adoran desfrutan da vida máis feliz que se pode ter hoxe en día (Sal. 25:12-15). No futuro, os que cheguen “a coñecer a aquel que é verdadeiro”, é dicir Xehová, terán vida eterna (1 Xoán 5:20). Pero iso non é todo, pois a Biblia di que Deus coñece a quen se esforza por coñecelo e amalo (1 Cor. 8:3). O noso gran Deus Xehová fíxase en nós e considéranos os seus amigos. Esta é unha enorme recompensa por chegar a coñecer o único Deus verdadeiro!
CANCIÓN sjj 84 Imos dar o mellor
a Lenski, R. C. H. The Interpretation of St. Paul’s Epistles to the Colossians, to the Thessalonians, to Timothy, to Titus, and to Philemon. Minneapolis: Augsburg Publishing House, 1964, páxinas 543–544.
b O recadro “Intenta isto” da lección 5 do libro Desfruta da vida para sempre! di: “Empeza a ler a Biblia con regularidade usando o recadro ‘Por onde empezar a ler a Biblia’”.
c DESCRICIÓN DA IMAXE: Unha representación da estudante da Biblia de Marianne rechazando unha oferta de traballo.