BIBLIOTECA EN LIÑA Watchtower
BIBLIOTECA EN LIÑA
Watchtower
Galego
  • BIBLIA
  • PUBLICACIÓNS
  • REUNIÓNS
  • w26 febreiro páxs. 2-7
  • Como ter unha boa relación cos nosos familiares non crentes

Ningún vídeo dispoñible.

Sentímolo, houbo un erro ó cargar o vídeo.

  • Como ter unha boa relación cos nosos familiares non crentes
  • A Atalaia. Anunciando o Reino de Xehová (estudo) 2026
  • Subtítulos
  • Información relacionada
  • SÉ COMPASIVO CON ELES
  • PASA POR ALTO AS PALABRAS E ACCIÓNS NEGATIVAS
  • SÉ PACIENTE E NON PERDAS A ESPERANZA
  • DEMÓSTRALLES QUE OS QUERES
  • NON TE RENDAS
  • A verdade non trae “paz senón espada”
    A Atalaia. Anunciando o Reino de Xehová (2017)
  • Apunta as respostas ás seguintes preguntas
    2025-2026 Programa para o Congreso de Circuíto con Superintendente de Circuíto
  • Demostra que confías en Xehová cando tomes decisións
    Vida e actividades cristiás. Caderno de estudo (2023)
  • Podemos seguir aprendendo das ensinanzas básicas da Biblia?
    A Atalaia. Anunciando o Reino de Xehová (estudo) 2025
Ver máis
A Atalaia. Anunciando o Reino de Xehová (estudo) 2026
w26 febreiro páxs. 2-7

6-12 DE ABRIL DE 2026

CANCIÓN sn 45 Vaiamos cara adiante!

Como ter unha boa relación cos nosos familiares non crentes

“Non deixemos de facer o que está ben” (GÁL. 6:9).

OBXECTIVO

Aprender a ter unha boa relación cos nosos familiares non crentes e a falarlles de Xehová de maneira amable se están dispostos a escoitar.

1, 2. Cales son algunhas das razóns polas que quizais non teñamos unha boa relación cos nosos familiares que non son Testemuñas?

XESÚS díxolle a un home que quería ser o seu discípulo: “Vai para a casa, coa túa familia. Cóntalles todo o que Xehová fixo por ti” (Mar. 5:19). Díxolle isto porque sabía que a maioría das persoas queren darlle á súa familia boas noticias.

2 Recordas o que sentiches cando escoitaches as boas noticias por primeira vez? Seguro que estabas tan emocionado que llo querías contar a toda a túa familia. Pero poida que os teus familiares non reaccionasen ben. Ou quizais se ofenderon porque lles falaches da verdade con pouco tacto. Se che pasou isto, que podes facer para manter ou recuperar a boa relación cos teus familiares sen pasar por alto as normas de Xehová?

3. Que veremos neste artigo?

3 Neste artigo veremos: 1) Como pode motivarnos a compaixón a interesarnos polos nosos familiares que non son crentesa, incluso se non reaccionan ben, 2) como podemos pasar por alto as súas palabras e accións negativas, 3) como podemos axudarlles a que sirvan a Xehová algún día se somos pacientes e non perdemos a esperanza e 4) como podemos demostrarlles que os queremos.

SÉ COMPASIVO CON ELES

4. Como trataba Xesús as persoas que non mostraban interese na súa mensaxe?

4 Xesús non deixou de intentar axudarlles ás persoas que non mostraban interese na súa mensaxe. Comparouse a si mesmo cun home que coidaba unha viña e que probou diferentes métodos para que unha figueira medrase e dese froito (Luc. 13:6-9). Cando Xesús puxo esta comparación, levaba máis de tres anos intentando que os xudeus tivesen fe nel e que se fixesen os seus discípulos. Por que seguía intentando axudarlles? Porque sentía compaixón pola xente, e iso axudoulle a ser paciente con eles.

5. Por que lles tiña Xesús compaixón ós seus compañeiros xudeus?

5 Xesús sentía compaixón polos seus compañeiros xudeus porque sabía que os líderes relixiosos non lles axudaran a coñecer a verdade sobre Xehová. El víaos “coma ovellas sen pastor” (Mar. 6:34). Pouco antes de morrer, incluso chorou pola cidade de Xerusalén porque sabía que a maioría dos seus habitantes perderían a vida por non ter fe (Luc. 19:41-44). De maneira parecida, se sentimos compaixón polos nosos familiares, teremos aínda máis ganas de axudarlles.

6. Por que deberiamos ser pacientes cos nosos familiares non crentes? (Gálatas 6:9).

6 Le Gálatas 6:9. Aínda que os nosos familiares non estean interesados en aprender acerca de Xehová agora mesmo, nós temos que ser pacientes con eles e non deixar de “facer o que está ben”. Sabemos que pode pasar tempo ata que unha persoa cambie as súas crenzas, sobre todo se están moi arraigadas, e empece a ter fe en Xehová. Pasouche a ti tamén? Eras dos que tamén estaban sen “esperanza e sen coñecer a Deus”? (Ef. 2:12) Se é así, non hai dúbida de que alguén foi paciente e che axudou a cambiar e a aprender sobre Xehová. Se es paciente cos teus familiares, seguro que tamén terás a oportunidade de axudarlles a coñecer a Deus.

PASA POR ALTO AS PALABRAS E ACCIÓNS NEGATIVAS

7. Cales poden ser as razóns polas que os irmáns de Xesús non se fixesen discípulos del?

7 É probable que os irmáns de Xesús escoitasen falar dos milagres que el fixera en Galilea (Luc. 4:14, 22-24). Pero ó principio non tiñan fe nel (Xoán 7:5). Por que? A Biblia non o di. Pero si que explica polo menos dúas razóns polas que algúns xudeus non se fixeron discípulos de Xesús. Algúns tiñan medo de que os outros xudeus os rexeitasen (Xoán 9:18-22). Outros coñecían a Xesús dende pequeno e facíaselles difícil crer que el puidese ser o representante de Deus (Mar. 6:1-4). Quizais os irmáns de Xesús tamén pensasen desa maneira. Podería ser que os teus familiares pensen cousas parecidas sobre ti?

8. Que razón pode haber para que os nosos familiares nos digan ou fagan cousas pouco amables?

8 Pensa nos motivos que pode haber detrás do que din e do que fan. Pode que os irmáns de Xesús fosen uns dos familiares que unha vez dixeron del: “Volveuse tolo!” (Mar. 3:21). Que puido levalos a pensar así? O relato conta que Xesús estaba tan ocupado predicando e axudándolle á xente que nin sequera tiña tempo para comer (Mar. 3:20). Pensarían os seus familiares que estaba sendo un fanático? Pode que si. Quizais os nosos familiares crean que nos tomamos a nosa relixión demasiado en serio. Se pensan así, sigue demostrando coas túas accións que somos persoas razoables.

9. Como lles poderiamos axudar ós nosos familiares a cambiar a súa opinión sobre as testemuñas de Xehová? (1 Pedro 3:1, 2). (Ver tamén as imaxes).

9 Sigue sendo amable e razoable. Se falamos e actuamos dunha maneira amable cos nosos familiares, poida que cambie a súa opinión acerca das testemuñas de Xehová (le 1 Pedro 3:1, 2). Por exemplo, é fácil que un marido non crente se moleste ou sinta que a súa muller o deixa de lado cando vai ás reunións ou a predicar. Como ela non quere facelo sentir así, poida que faga axustes na súa rutina de actividades espirituais para poder pasar máis tempo con el. Quizais saia a predicar cando o seu home estea ocupado ou non estea na casa. Se ela é flexible e razoable, pode ser que lle axude a el a cambiar a súa opinión sobre as Testemuñas.

Serie de imaxes: 1. Unha irmá preparándolle algo de comer e un café ó seu marido que non é Testemuña antes de que marche ó traballo. 2. Máis tarde, ela predicando con outra irmá e compartindo unha idea da Biblia co seu teléfono a unha muller na porta da súa casa.

Se o noso home ou a nosa muller non é testemuña de Xehová, as nosas palabras e accións amables poden cambiar a súa opinión sobre as Testemuñas (ver o parágrafo 9).g


10. Como podemos imitar a Xesús cando fagan comentarios negativos sobre nós?

10 Non sintas que tes que responder a tódolos comentarios negativos. Cando acusaron falsamente a Xesús de comer moito e de beber moito viño, el non se puxo á defensiva. Máis ben, animou á xente a que comprobase se as cousas malas que dicían sobre el eran certas ou non (Mat. 11:19). Tamén lles demostrou que era razoable e que desfrutaba da vida (compara con Xoán 2:2, 6-10). De maneira parecida, non sintas que tes que responder a cada comentario negativo que che fagan os teus familiares. En vez diso, demóstralles coas túas accións que es unha persoa razoable e feliz, e deixa que eles mesmos saquen as súas propias conclusións. Cando vexan isto, quizais se dean conta de que as cousas malas que escoitan sobre nós non son certas.

SÉ PACIENTE E NON PERDAS A ESPERANZA

11. Como tratou Xesús os seus familiares non crentes?

11 A Biblia mostra que Xesús foi moi paciente cos seus irmáns. Por exemplo, parece ser que estaban en Caná cando fixo o seu primeiro milagre (Xoán 2:11, 12). Aínda así, como vimos antes, os familiares de Xesús non tiñan fe nel. Pero el non deixou de preocuparse por eles. De feito, a Biblia di que uns tres anos despois do seu primeiro milagre, Xesús faláballes con amabilidade (Xoán 7:5-8).

12. Que nos pode axudar a manter a esperanza de que os nosos familiares cheguen a servir a Xehová algún día?

12 Entender mellor como é a misericordia de Xehová pode axudarnos a manter a esperanza. Cando as relixións falsas sexan destruídas, é posible que os nosos familiares recorden que nós xa lles dixeramos que iso ía pasar (Apoc. 17:16).b Poida que incluso decidan servir a Xehová con nós despois de que empece a gran tribulación. E se os nosos familiares están pasando por dificultades agora, fagamos todo o que poidamos por axudarlles. Quizais estean máis dispostos a aprender as verdades da Biblia se ven que o amor e a bondade que lles mostramos son sinceros.

DEMÓSTRALLES QUE OS QUERES

13. Aínda que estamos ocupados servindo a Xehová, con que temos que ter coidado?

13 Aínda que estamos ocupados servindo a Xehová, non queremos que os nosos familiares teñan a impresión de que non temos tempo para eles ou de que xa non os queremos (Mat. 7:12). Como podemos demostrarlles que nos preocupamos por eles? Vexamos algunhas cousas que podemos facer.

14, 15. Cal é unha maneira de demostrarlles ós nosos familiares non crentes que os queremos? Pon un exemplo.

14 Fala regularmente con eles e demóstralles que os queres. Demostramos que queremos os nosos familiares cando lles contamos como nos vai. Por exemplo, podemos mandarlles unha mensaxe e algunhas fotos de algo divertido que fixemos hai pouco, como ir de vacacións, de viaxe ou ó xuntarnos cos amigos. Un pequeno regalo ou unha carta cariñosa pode ser xusto o que faga falta para mellorar a relación. Ó tomar a iniciativa en cousas coma estas, axudámoslles a ver que os queremos de verdade.

15 Fíxate no exemplo de Anna, unha irmá de Armenia. A súa familia pasa moito tempo xunta, sobre todo nos cumpreanos e nas festas. Cando Anna se fixo Testemuña, os seus familiares empezaron a preocuparse por se a súa relación cambiaba. Tamén lles preocupaba como lle ía afectar esa decisión ó seu futuro. Que fai Anna para tranquilizalos? Ela di: “Cando visito os meus familiares, [...] cóntolles cousas sobre a miña vida e sobre o que estiven facendo. Tamén os invito á miña casa e preséntolles ós meus amigos. Grazas a isto, a maioría deles coñecen ben os meus amigos e séntense cómodos falando con eles”. Anna engade: “Moitos dos meus familiares dixéronme que me ven feliz, e xa non están preocupados por min”.

16. Como mostrou Xesús interese persoal polo seu irmán Santiago? (Ver tamén a nota).

16 Interésate polo que pasa nas súas vidas. Despois de resucitar, Xesús mostroulle ó seu irmán Santiago que lle importaba de verdade ó aparecérselle persoalmente (1 Cor. 15:7). Podes imaxinar como se debeu sentir Santiago cando se deu conta de que Xesús non se esquecera del? É probable que esa visita fose o que o convenceu de que Xesús era o Mesías. Despois, pode ser que Santiago axudase a outros familiares a chegar á mesma conclusión (Feit. 1:14).c

17. Como podemos aplicar o principio de Romanos 12:15? (Ver tamén a imaxe).

17 Le Romanos 12:15. Se nos interesamos polos nosos familiares cando máis o necesitan, tanto nos bos como nos malos momentos, pode que cambien a súa opinión sobre nós.d Por exemplo, poderiamos felicitalos cando teñen un fillo ou darlles un regalo para que saiban que nos alegramos por eles. Se un familiar perde un ser querido, poderiamos falar con el para consolalo, axudarlle dalgunha maneira práctica ou mandarlle unha carta para animalo. E, por suposto, podemos chamalos ou mandarlles algunha mensaxe regularmente, sobre todo cando están pasando por momentos difíciles.

A irmá das anteriores imaxes sacándose unha foto co seu marido non crente e coa súa sogra, que está sentada nunha cadeira de rodas.

Se lles demostras ós teus familiares que te preocupas por eles, sobre todo cando máis o necesitan, podería cambiar a súa opinión sobre ti e as túas crenzas (ver o parágrafo 17).h


Deberías ir a unha voda ou a un funeral dun familiar non crente?

As vodas e os funerais son ocasións nas que normalmente se xunta a familia. Antes de decidir se vas ir á voda ou ó funeral dun familiar, ten en conta estes principios bíblicos.

  • Se a cerimonia inclúe algún servicio relixioso e asistes, serás capaz de resistir a presión de participar nalgunha práctica ou costume que vaia en contra do que di a Biblia? (Prov. 22:3; 2 Cor. 6:14, 15).

  • Saben os teus familiares non crentes que non vas participar en nada que vaia en contra do que di a Biblia?

  • Se vas entrar nun edificio relixioso, que poderían pensar os irmáns da túa zona? (Filip. 1:10).

Sen importar o que decidas, intenta sempre explicarlles a túa decisión ós teus familiares dunha maneira clara e con tacto. E o máis importante, fai todo o posible por tomar unha decisión que che permita ter unha boa conciencia diante de Deus.f

18. Como podemos imitar a Andrés?

18 Preséntalles os irmáns da congregación. Cando Andrés soubo que Xesús era o Mesías, foi correndo onda seu irmán Pedro para presentarlle a Xesús (Xoán 1:40-42). Podemos facer algo parecido cos nosos familiares? Por exemplo, poderiamos dicirlle de vez en cando a un familiar que veña a unha reunión con nós ou invitalo a comer cos nosos amigos? Se lles presentamos a outras testemuñas de Xehová, verán que somos persoas normais e amables.

19. Aínda que os nosos familiares non entendan por completo algunhas das nosas crenzas, como deberiamos tratalos? (1 Pedro 3:15).

19 Le 1 Pedro 3:15. Pode que os nosos familiares non entendan por completo por que nos negamos a facer certas cousas, pero sempre recordarán que somos amables e respectuosos. Pode que tamén agradezan os esforzos que facemos para compensalos polo tempo que non pasamos con eles nalgunhas ocasións. Por exemplo, non podemos participar con eles en celebracións ou costumes que van en contra do que di a Biblia, pero podemos visitalos, comer xuntos e darlles regalos noutras épocas do ano.

NON TE RENDAS

20. Por que nos anima o exemplo de Santiago?

20 Santiago perdeu a oportunidade de acompañar a Xesús no seu ministerio, pero co tempo fíxose discípulo (Gál. 1:18, 19; 2:9). Aínda que non foi un dos que acompañou a Xesús dende o principio, é evidente que as súas ensinanzas lle chegaron ó corazón. Por exemplo, escribiu unha carta baixo inspiración na que menciona leccións parecidas ás que ensinou Xesús no Sermón do Monte.e

21. Por que non deberiamos rendernos cos nosos familiares non crentes?

21 Aínda que fagamos todo o que poidamos polos nosos familiares, poida que non reaccionen ben ou que non queiran aprender máis sobre Xehová. Entón, por que deberiamos seguir esforzándonos por ser amables e por preocuparnos por eles? Porque cada vez que o fagamos estaremos imitando a Xehová, o noso Deus misericordioso, e ó seu Fillo, Xesús (Luc. 6:33, 36). Co tempo, pode que a nosa actitude amorosa faga que cambien a súa opinión sobre nós, e pode que incluso recorden as crenzas que compartimos con eles no pasado. Se non nos rendemos, teremos a alegría de ver como algúns dos nosos familiares deciden servir a Xehová con nós!

QUE RESPONDERÍAS?

  • Como nos motiva a compaixón a axudarlles ós nosos familiares non crentes?

  • Por que necesitamos ser pacientes e manter a esperanza cos nosos familiares non crentes?

  • Como podemos demostrarlles ós nosos familiares non crentes que os queremos?

CANCIÓN sjj 60 Hai vidas que salvar

a IDEA IMPORTANTE: Na Biblia, a expresión non crente non se refire só a unha persoa que non é relixiosa ou que non cre en Deus (1 Cor. 7:12; ver a nota “una esposa que no es creyente”, nwtsty-S). Neste artigo, esta expresión úsase para referirse a unha persoa que non é testemuña de Xehová.

b Mira o artigo “Que sabemos sobre os futuros xuízos de Xehová?” da revista A Atalaia de maio de 2024, páxina 11, parágrafos 11 ó 13.

c Polo menos dous dos irmáns de Xesús, Santiago e Xudas, fixéronse cristiáns despois de que el morrese e resucitase.

d Mira o recadro “Deberías ir a unha voda ou a un funeral dun familiar non crente?”.

e Compara Santiago 1:2 e Mateo 5:11, 12; Santiago 1:19 e Mateo 5:22; Santiago 1:22; 2:24 e Mateo 7:21; Santiago 2:13 e Mateo 5:7; 6:14, 15.

f Para máis información sobre este tema, mira os artigos “Preguntas dos lectores” das revistas La Atalaya do 15 de maio de 2002 e do 15 de novembro de 2007.

g DESCRICIÓN DA IMAXE: Antes de ir predicar, unha irmá prepáralle con cariño a comida ó seu home.

h DESCRICIÓN DA IMAXE: A mesma irmá tamén dedica tempo a estar coa súa sogra que non é Testemuña.

    Publicacións en galego (1986-2026)
    Pechar sesión
    Iniciar sesión
    • Galego
    • Compartir
    • Axustes
    • Copyright © 2026 Watch Tower Bible and Tract Society of Pennsylvania
    • Termos de uso
    • Política de privacidade
    • Axustes de privacidade
    • JW.ORG
    • Iniciar sesión
    Compartir