16-22 DE MARZO DE 2026
CANCIÓN sjj 20 Deches o teu querido Fillo
Por que necesitamos o rescate?
“Quen me vai librar do corpo que me está levando a esta morte?” (ROM. 7:24).
OBXECTIVO
Ver como, grazas ó rescate, Xehová pode perdoar os nosos pecados, podemos ter a esperanza de ser perfectos e podemos chegar a ser amigos del.
1, 2. Por que necesitamos que alguén nos rescate? (Romanos 7:22-24). (Ver tamén a imaxe).
IMAXINA a seguinte situación. Un edificio derrúbase e un home queda atrapado entre os restos. Está vivo, pero non se pode mover e necesita axuda para saír. Todo o que pode facer é berrar por axuda e esperar que alguén o salve.
2 Cada un de nós está nunha situación parecida. En que sentido? Cando Adán se rebelou contra o Creador, converteuse nun pecador. E, como somos os seus descendentes, nós tamén somos pecadores. Como resultado, tódolos humanos estamos atrapados no pecado que herdamos e necesitamos axuda para saír. Na súa carta ós romanos, Paulo describiu como nos fai sentir ser pecadores (le Romanos 7:22-24). El preguntouse quen o rescataría daquela situación. Sentíase atrapado no pecado herdado de Adán, que o levaría inevitablemente á morte (Rom. 6:23). Todos estamos na mesma situación. Necesitamos que nos rescaten!
Igual que un home atrapado nun edificio que se derrubou necesita que o rescaten, nós estamos atrapados no pecado que herdamos e necesitamos ser rescatados (ver os parágrafos 1 e 2).
3. Que pode facer Xehová por medio do rescate?
3 Paulo non só mencionou a difícil situación na que estaba, senón que tamén nos deu esperanza. Despois de preguntar: “Quen me vai librar do corpo que me está levando a esta morte?”, dixo: “Doulle grazas a Deus porque me rescatou por medio de Xesucristo, o noso Señor!” (Rom. 7:25). Paulo estábase referindo ó sacrificio de rescate de Xesús.a Grazas a el 1) Xehová pode perdoar os nosos pecados, 2) temos a esperanza de ser perfectos no futuro e 3) temos unha boa amizade con Deus. Ó ir analizando estes puntos, medrará o noso amor por Xehová, “o Deus que dá esperanza” (Rom. 15:13). Tamén lle estaremos máis agradecidos a Xesús, porque “grazas [a el] temos a nosa liberación por rescate” (Col. 1:14).
XEHOVÁ PODE PERDOARNOS GRAZAS Ó RESCATE
4, 5. Por que necesitamos todos o rescate? (Eclesiastés 7:20).
4 Necesitamos o rescate para que os nosos pecados sexan perdoados, porque tódolos humanos imperfectos pecamos co que dicimos ou co que facemos (le Eclesiastés 7:20). Algúns pecados son especialmente graves. Por exemplo, a Lei mosaica dicía que o adulterio e o asasinato castigábanse coa morte (Lev. 20:10; Núm. 35:30, 31). Por suposto, non tódolos pecados son tan graves coma eses, pero seguen sendo pecados. Por exemplo, o salmista David dixo: “Propúxenme coidar do meu comportamento, non errar [ou pecar] coa miña lingua” (Sal. 39:2 [39:1, TNM]). Isto ensínanos que incluso podemos pecar co que dicimos (Sant. 3:2).
5 Pensa nas túas palabras e accións. Dixeches nalgún momento algo e despois desexaches non telo dito? Fixeches algunha vez algo do que te arrepintas? Seguro que respondiches as dúas preguntas cun “si”. A Biblia di: “Se dicimos ‘Non temos pecado’, estámonos enganando a nós mesmos e a verdade non está no noso corazón” (1 Xoán 1:8).
6, 7. Cal é a base para que Xehová poida perdoar os nosos pecados? (Ver tamén a imaxe).
6 Como a xustiza de Xehová é perfecta, el necesitaba ter unha base para poder perdoar os nosos pecados. O rescate é o que o fai posible (Ef. 1:7). De todas formas, iso non significa que Xehová simplemente pase por alto os nosos pecados como se non lle importasen, el odia que pequemos (Is. 59:2).
7 A Lei Mosaica indicaba que os israelitas tiñan que facer sacrificios de animais para cubrir os seus pecados (Lev. 4:27-31; 17:11). Eses sacrificios mostraron que os humanos necesitabamos algo que fose mellor: o sacrificio de Xesús. Este traería moitos beneficios marabillosos para os humanos, como poñer a base legal para que Xehová puidese perdoar os nosos pecados. A través da carta que Paulo lle escribiu ós cristiáns de Corinto podemos ver como comprendeu o valor do sacrificio de Xesús. Despois de facer unha lista das cousas malas que fixeran no pasado, díxolles: “Fostes lavados, fostes santificados, fostes declarados xustos no nome do Señor Xesucristo e co espírito do noso Deus” (1 Cor. 6:9-11).
Os israelitas tiñan que sacrificar animais para cubrir os seus pecados. Pero isto demostrou que necesitabamos o sacrificio de Xesús para que os nosos pecados fosen perdoados e poder obter bendicións marabillosas (ver os parágrafos 6 e 7).
8. Sobre que podes pensar durante as semanas previas á Conmemoración?
8 Antes de ir á Conmemoración deste ano, dedica tempo a pensar no que significa para ti o perdón de Xehová. Por exemplo, grazas ó rescate, non tes que sentirte culpable nin desanimado polos pecados dos que xa te arrepentiches. Fáiseche difícil aceptar que os teus pecados están perdoados de verdade? Quizais penses: “Eu entendo que Xehová pode perdoarme, pero eu non me dou perdoado a min mesmo”. Se te sentes así, recorda: Xehová é quen perdoa e el deulle ó seu fillo a responsabilidade de xulgarnos. Deus non che deu a ti nin a ningún humano o dereito de decidir a quen vai perdoar e a quen non. A Biblia di: “Se andamos na luz, tal como [Xehová] está na luz, [...] o sangue do seu Fillo Xesús límpanos de tódolos pecados” (1 Xoán 1:6, 7). Podemos confiar en que isto é tan certo como calquera outra ensinanza bíblica. Grazas ó rescate, Xehová ten o dereito de perdoarnos e a súa palabra di que el está “disposto a perdoar” (Sal. 86:5, TNM).
TEMOS A ESPERANZA DE SER PERFECTOS GRAZAS Ó RESCATE
9. Que significado ten a palabra pecado cando se utiliza na Biblia? (Salmo 51:5, TNM e nota).
9 Na Biblia a palabra pecado non só se refire a facer algo malo senón á imperfección coa que nacemos (le Salmo 51:5, TNM e nota). Ó herdar o pecado, non só nos sentimos inclinados a facer o que está mal, senón que o noso corpo tampouco pode funcionar tal e como o deseñou Xehová e por iso enfermamos, facémonos maiores e morremos. Iso axúdanos a comprender por que incluso os neniños que acaban de nacer e que non fixeron nada malo poden enfermar e incluso morrer. Tamén nos axuda a explicar por que tanto as persoas malas como as boas sofren e morren. Como Adán pecou, todos estamos nesta triste situación.
10. Como se sentiron Adán e Eva despois de pecar?
10 Pensa en como se sentiron Adán e Eva despois de pecar e volverse imperfectos. O pecado fixo que se sentisen moi mal. Despois de rebelarse, Adán e Eva sentiron de inmediato as consecuencias de desobedecer a lei de Deus, unha lei que estaba “escrita nos seus corazóns” (Rom. 2:15). Notaron que algo ía mal, de repente sentiron a necesidade de cubrir parte do seu corpo e de esconderse do seu Creador (Xén. 3:7, 8). Por primeira vez, Adán e Eva tiveron sentimentos de culpa, angustia, inseguridade, dor e vergonza. E tiveron que vivir con eses sentimentos ata que morreron (Xén. 3:16-19).
11. Como nos fai sentir ser imperfectos?
11 Xa que todos somos imperfectos, ás veces tamén nos sentimos culpables, avergonzados e angustiados. A nosa imperfección é a causa do noso sufrimento físico e emocional. Aínda que intentemos mellorar a nosa vida e evitar os problemas, sempre haberá algo que non poidamos resolver por nós mesmos. Por que? Porque, como di a Biblia, estamos sentenciados “a unha vida sen esperanza para o futuro” (Rom. 8:20). Isto non só é certo para nós individualmente, senón para toda a humanidade. Por exemplo, pensa nos esforzos que fan os gobernos para resolver os problemas medioambientais, para acabar coa violencia, para eliminar a pobreza e para conseguir a paz no mundo. A pesar dos pequenos avances que se conseguiron, todos eses esforzos foron inútiles. Aínda así, grazas ó rescate temos unha esperanza real. Cal é?
12. Que esperanza nos dá o rescate?
12 Grazas ó rescate temos a esperanza “de que a creación [...] será liberada de vivir escravizada a un corpo que morre” (Rom. 8:21). Isto significa que cando sexamos perfectos no Paraíso non sufriremos enfermidades físicas, mentais ou emocionais. Non volveremos a sentir culpa, angustia, inseguridade, dor ou vergonza. Ademais, o “Príncipe de Paz”, Xesús, quen pagou o rescate por nós, será o noso gobernante. E el axudaranos ós seres humanos a acabar cos problemas que non podemos resolver por nós mesmos (Is. 9:6, 7, TNM).
13. En que máis podes pensar antes de ir á Conmemoración este ano?
13 Pensa en como será a túa vida cando xa non sexas imperfecto. Imaxina como será levantarte cada mañá sentíndote ben, como será vivir cada día sen ter medo de que ti ou algún ser querido teu pase fame, se poña enfermo ou morra. Incluso agora, podes sentirte máis tranquilo se te agarras “ben á esperanza [...] que é segura e firme [..] coma unha áncora para as nosas vidas” (Heb. 6:18, 19). Igual que unha áncora pode darlle estabilidade a un barco, pensar nesa esperanza con regularidade pode fortalecer a túa fe e axudarche a aguantar calquera dificultade pola que poidas pasar agora. Podes estar seguro de que Xehová “recompensa os que se esforzan moito por buscalo” (Heb. 11:6). Só grazas ó rescate podemos estar tranquilos agora e ter unha esperanza para o futuro.
PODEMOS TER UNHA BOA RELACIÓN CON XEHOVÁ DE NOVO GRAZAS Ó RESCATE
14. Como afectou o pecado á nosa relación co Creador, e por que?
14 Dende que Adán e Eva pecaron, os humanos non puidemos ter unha relación estreita con Xehová. A Biblia incluso di que a humanidade foi separada de Deus (Rom. 8:7, 8; Col. 1:21). Por que? Porque Xehová é perfecto e non pode aprobar o pecado. A Biblia di de Xehová: “Os teus ollos son demasiado puros como para ve-lo mal, non podes contempla-la opresión” (Hab. 1:13). Dende que os humanos nos volvemos imperfectos é coma se houbese unha gran distancia entre nós e Xehová. Ningún de nós pode ter unha relación con el a non ser que haxa unha ponte que nos permita cruzar esa distancia. O rescate é coma esa ponte que nos permite ser amigos de Xehová de novo.
15. Como permitiu a morte de Xesús que tódolos seres humanos teñamos unha boa relación con Xehová de novo?
15 A Biblia di que Xesús é “un sacrificio de reconciliación polos nosos pecados” (1 Xoán 2:2). A palabra grega que se traduce como sacrificio de reconciliación tamén pode significar “medio para calmar”. En que sentido foi Xehová calmado polo rescate? Non sería lóxico pensar que a morte de seu Fillo o puido calmar dalgunha maneira. Máis ben, o rescate, calmou ou satisfixo o sentido da xustiza de Xehová. Agora ten unha base para reparar a relación entre el e a humanidade (Rom. 3:23-26). Incluso puido considerar xustos a aqueles que o adoraron fielmente antes da morte de Cristo (Xén. 15:1, 6). Por que foi posible? Porque Xehová estaba completamente seguro de que o seu Fillo, Xesús, pagaría o rescate (Is. 46:10). Iso abriu o camiño para que os humanos se reconciliasen con Deus.
16. En que máis podes pensar os días ou as semanas previas á Conmemoración? (Ver tamén a imaxe).
16 Pensa no que significa para ti reconciliarte con Deus. Por exemplo, quizais te refiras a Xehová coma o teu “Pai”, tal e como nos dixo Xesús que fixésemos (Mat. 6:9). Ás veces pode ser que tamén digas que é o teu “Amigo”. Cando usemos estes termos temos que facelo con moito respecto e humildade. Por que? Porque como somos pecadores, non é grazas a nós que podemos estar cerca de Xehová ou tan sequera ter unha relación con el, senón que é grazas ó rescate. Mediante Xesús, Xehová “reconciliou consigo mesmo todo o demais, as cousas na terra e as cousas nos ceos, e estableceu a paz mediante o sangue que Xesús derramou no madeiro de tortura” (Col. 1:19, 20). Ese é o motivo polo que podemos ter unha relación con Xehová, incluso agora que somos imperfectos.
Só a morte de Xesús podía dar a base legal para restaurar a boa relación entre Xehová e a humanidade (ver o parágrafo 16).
O RESCATE DEMOSTRA CANTO NOS QUERE XEHOVÁ
17. Como destaca o rescate a misericordia de Xehová? (Efesios 2:4, 5).
17 O rescate destaca que Xehová “é moi misericordioso”. El “[deunos] vida [...] cando estabamos mortos por culpa das nosas ofensas” (le Efesios 2:4, 5). Os que teñen “a actitude correcta para obter vida eterna” suplican axuda porque se dan conta de que están atrapados no pecado herdado e de que necesitan ser rescatados (Feit. 13:48). Xehová axuda a estas persoas asegurándose de que coñezan as boas noticias do Reino, para que así poidan acercarse a el e ó seu Fillo, Xesús (Xoán 17:3). Se Satanás pensaba que o pecado de Adán e Eva frustraría o propósito de Deus, estaba equivocado.
18. Mentres meditamos no rescate, que temos que recordar?
18 Cando meditamos en canto nos axuda o rescate a nós persoalmente, temos que recordar que hai unha razón máis importante pola que Xehová o proporcionou. En vez de ver o rescate como algo que só nos beneficia a nós, temos que recordar que é o medio que Xehová usa para responder á acusación coa que Satanás o desafiou no Xardín de Edén (Xén. 3:1-5, 15). Mediante o rescate, Xehová santifica o seu nome, limpándoo de tódalas mentiras que Satanás dixo sobre el. Tamén nos libera do pecado e da morte, demostrando así que é un Deus de amor. E pola súa bondade inmerecida, aínda que somos pecadores, permítenos demostrar que o que dixo Satanás sobre el é mentira (Prov. 27:11). Como podemos demostrar que valoramos o rescate? Responderemos a esta pregunta no seguinte artigo.
CANCIÓN sjj 19 A Cea do Señor
a IDEA IMPORTANTE: Un rescate é o prezo que se paga por liberar alguén que foi capturado. A morte en sacrificio de Xesús é un rescate que libera os humanos obedientes do pecado e da morte.