BIOGRAFÍA
A pesar da timidez, cheguei a ser misioneira
CANDO era nena, era tímida e tíñalle medo á xente. Pero, co tempo, Xehová axudoume a amar as persoas e a chegar a ser misioneira. Como? Primeiro, axudoume grazas a meu pai, quen me ensinou moitas cousas boas sobre El. Despois, co gran exemplo dunha irmá adolescente. E, finalmente, coas palabras amables e sabias do meu marido. Permíteme contarche un pouquiño máis sobre a miña vida.
Nacín en 1951 en Viena, Austria, nunha familia católica. Era tímida e, aínda que me custaba falar cos demais, oráballe a miúdo a Deus. Cando tiña nove anos, meu pai empezou a estudar a Biblia coas testemuñas de Xehová e, pouco despois, uniuse miña nai.
Coa miña irmá, Elisabeth (á esquerda)
Ó pouco, chegamos a ser parte da congregación Döbling, en Viena. Faciamos moitas cousas en familia: liamos e estudabamos a Biblia, iamos ás reunións de congregación e axudabamos como voluntarios nos congresos. Durante aqueles anos, meu pai axudoume a querer moito a Xehová. De feito, el sempre oraba para que miña irmá mais eu nos fixésemos pioneiras. Pero daquela eu non tiña esa meta.
OS MEUS INICIOS NO TEMPO COMPLETO
Bauticeime en 1965, cando tiña 14 anos. Pero facíaseme moi difícil predicarlles a persoas que non coñecía. Tamén loitaba con sentimentos de inferioridade e necesitaba que outros rapaces me aceptasen. Así que, pouco despois de bautizarme, empecei a pasar tempo con persoas que non servían a Xehová. Aínda que me gustaba estar con eles, molestábame a conciencia porque sabía que non debía pasar tanto tempo con persoas que non o adoraban. Pero non tiña as forzas necesarias para cambiar. Que me axudou?
Aprendín moito de Dorothée (á esquerda)
Naquela época, unha rapaza de 16 anos chamada Dorothée chegou á nosa congregación. Impresionoume o seu entusiasmo na predicación de casa en casa. Eu era un pouco maior ca ela, pero non predicaba moito. Pensaba: “Meus pais son Testemuñas, pero Dorothée é a única da súa familia. Vive coa súa nai enferma e aínda así sempre está predicando!”. O seu exemplo motivoume a facer máis por Xehová. Entón Dorothée mais eu fixémonos pioneiras xuntas. Primeiro, fixémonos pioneiras auxiliares, logo “pioneiras de vacacións” e, máis tarde, servimos xuntas como pioneiras regulares. Ela tiña un entusiasmo contaxioso. Axudoume a empezar o meu primeiro curso da Biblia e, co tempo, empecei a sentirme máis relaxada predicando de casa en casa, nas rúas e noutras ocasións.
Durante o meu primeiro ano como pioneira regular, chegou á nosa congregación un irmán de Austria chamado Heinz. El aprendera a verdade no Canadá cando estaba visitando o seu irmán, que era Testemuña. A Heinz asignárano á nosa congregación como pioneiro especial. Gustoume desde que o coñecín, pero el quería ser misioneiro e eu non, así que ó principio non lle dixen que me gustaba. Pero máis tarde fixémonos noivos, casamos e empezamos a servir xuntos como pioneiros en Austria.
A META DE SER MISIONEIRA
Heinz falábame a miúdo do seu desexo de chegar a ser misioneiro. Aínda que nunca foi insistente, si que me axudaba a pensar sobre o tema facéndome preguntas como: “Dado que non temos fillos, poderiamos facer máis por Xehová?”. Como era tímida, tiña medo de ser misioneira. É certo que era pioneira, pero a idea de ser asignados como misioneiros superábame. Aínda así, Heinz seguiume axudando con paciencia a pensar sobre o asunto. Animoume a centrarme máis en axudarlles ás persoas que en min mesma. Iso axudoume moito.
Heinz dirixindo o estudo de A Atalaia nunha pequena congregación de fala iugoslava en Salzburgo, Austria, 1974
Pouco a pouco, empecei a ter o desexo de facernos misioneiros, así que mandamos unha solicitude para asistir ó Curso Bíblico de Galaad. Pero o servo de sucursal suxeriu que primeiro mellorase o meu inglés. Despois de pasar tres anos esforzándome por mellorar no inglés, sorprendeunos recibir unha asignación para unha congregación iugoslava en Salzburgo, Austria. Estivemos alí sete anos, dos cales un foi na obra de circuíto. O idioma serbocroata era difícil, pero tiñamos moitos cursos da Biblia.
Despois, en 1979, pedíronnos que fósemos de “vacacións” a Bulgaria. Non puidemos predicar naquelas “vacacións” porque estaba prohibido, pero si que puidemos pasar ás escondidas publicacións en miniatura para as cinco irmás que vivían na capital, en Sofía. Pasei moitísimo medo, pero Xehová axudoume. Ver o valor daquelas irmás e a alegría que tiñan a pesar do risco de acabar no cárcere deume a confianza necesaria para facer o mellor no que a organización de Xehová me pedise.
Despois dalgún tempo, volvemos solicitar asistir a Galaad e desta vez invitáronnos. Pensabamos que teriamos que ir ós Estados Unidos e facelo en inglés, pero en novembro de 1981 empezou a facerse tamén na sucursal de Wiesbaden, Alemaña. Como as clases eran en alemán foi moito máis fácil para min. A onde nos asignarían?
PREDICANDO NUN PAÍS EN GUERRA
A nosa asignación foi Kenya! Despois, a sucursal de alí preguntounos se estariamos dispostos a servir no país veciño, Uganda. Uns dez anos antes, o goberno daquel país fora derribado cun golpe de estado liderado polo xeneral Idi Amin. A partir de entón, a súa ditadura fixo que miles de persoas morresen e que millóns sufrisen moito. Despois, en 1979, algúns opositores de Idi Amin acabaron co seu goberno. Creo que non é necesario explicar por que tiña medo de mudarme a un país con tanta violencia. Pero Galaad preparounos para confiar en Xehová, así que aceptamos a asignación.
A vida en Uganda era un caos. O goberno non era capaz de subministrar auga, electricidade e outros servizos básicos. Os teléfonos non funcionaban. Había tiroteos e roubos, especialmente pola noite. Así que en canto anoitecía, todos quedaban na casa e esperaban, incluso oraban, para que ninguén lles fose roubar ou intentase acabar coa súa vida. A pesar destes problemas, os irmáns de alí mantiñan forte a súa fe.
Preparando unha comida na casa da familia Waiswa
En 1982, chegamos a Kampala, a capital de Uganda. Durante os primeiros cinco meses quedamos na casa de Sam e Christina Waiswa xunto cos seus cinco fillos e catro familiares máis. Estes irmáns e a súa familia a miúdo só tiñan unha comida ó día, pero sempre estaban dispostos a compartir o pouco que tiñan con nós. Durante o tempo coa familia Waiswa, Heinz e eu aprendemos leccións prácticas que nos axudaron na nosa vida como misioneiros. Por exemplo, aprendemos como aforrar auga lavándonos con só uns poucos litros e usando a auga coa que nos aclarabamos para tirar da cadea dos baños. En 1983, Heinz mais eu mudámonos a unha zona máis segura de Kampala.
Desfrutamos de verdade predicando. Recordo que un mes deixamos máis de 4000 revistas! Pero o mellor eran as persoas. Respectaban a Deus e querían falar sobre a Biblia. Normalmente Heinz e eu tiñamos uns 10 ou 15 cursos da Biblia cada un. Aprendemos moito dos nosos estudantes. Por exemplo, aínda que tiñan que ir camiñando ás reunións tódalas semanas, nunca se queixaban e sempre estaban felices.
En 1985 e en 1986 houbo dous conflitos militares máis en Uganda. Vimos moitos nenos soldados armados con fusís de asalto e facendo controis. Durante aquel tempo, pediámoslle a Xehová que nos axudase a ser sabios para evitar o perigo e a non ter medo mentres predicabamos, e el respondeu as nosas oracións. Os nosos medos desaparecían rapidamente cando coñeciamos a alguén que quería aprender sobre Xehová.
Heinz mais eu con Tatjana (no medio)
Tamén desfrutamos de predicarlles a estranxeiros. Por exemplo, estudamos con Murat e Dilbar Ibatullin, un matrimonio da República de Tatarstán (Rusia central). Murat era doutor. Ambos se bautizaron e seguen servindo a Xehová fielmente. Máis tarde, tivemos o privilexio de coñecer a Tatjana Vileyska, unha muller de Ucraína que pensara en suicidarse. Despois de bautizarse, mudouse a Ucraína e máis tarde axudou a traducir as nosas publicacións a ucraíno.a
NOVOS RETOS
En 1991, cando Heinz mais eu estabamos de vacacións en Austria, a sucursal de alí contactou con nós para informarnos que nos cambiaban de asignación: iriamos a Bulgaria. Despois da caída do comunismo na Europa do leste, a obra das testemuñas de Xehová legalizouse en Bulgaria. Como contei antes, Heinz e eu pasáramos publicacións ás escondidas cando a obra estaba prohibida, pero agora mandábannos alí a predicar.
Dixéronnos que non volvésemos a Uganda. Así que, sen volver á nosa casa misional para recoller as nosas cousas e despedirnos dos nosos amigos, fomos ó Betel de Alemaña, déronnos un coche e viaxamos a Bulgaria. Asignáronnos a un grupo duns 20 publicadores en Sofía.
Tivemos varios problemas en Bulgaria. Primeiro, non coñeciamos o idioma. Segundo, só había dúas publicacións dispoñibles en búlgaro: La verdad que lleva a vida eterna e Mi libro de historias bíblicas. E terceiro, era difícil empezar cursos da Biblia. A pesar de todo, o noso pequeno grupo predicaba con entusiasmo. Pero ós membros da Igrexa Ortodoxa búlgara non lles gustaba que predicásemos e entón foi cando empezaron os problemas de verdade.
En 1994, o goberno deixou de recoñecer as testemuñas de Xehová como unha relixión e moitos búlgaros pensaban que eramos unha seita perigosa. Arrestaron algúns irmáns. Os medios de comunicación espallaron mentiras terribles sobre nós, dicían que matabamos ós nenos e non só iso, senón que convenciamos a outras Testemuñas de que se suicidasen. A Heinz e a min fíxosenos difícil predicar. A miúdo nos encontrabamos con persoas agresivas que nos berraban, chamaban a policía e incluso nos lanzaban cousas. Non era posible conseguir publicacións no país e alugar locais para as reunións era todo un reto. A policía incluso interrompeu un dos nosos congresos e impediu que se acabase. Heinz e eu non estabamos acostumados a tanto odio. Era totalmente contrario á xente de Uganda, que estaba disposta a estudar a Biblia. Que nos axudou a manter a alegría?
Pasar tempo cos irmáns foi o que nos axudou. Estaban moi felices por encontrar a verdade e apreciaban o apoio que lles dabamos. Todos se mantiveron unidos e se apoiaban entre eles. Aprendemos que podemos ser felices en calquera asignación se nos centramos nos demais en vez de nos nosos problemas.
Na sucursal de Bulgaria, 2007
Despois dalgúns anos, as cousas melloraron. A nosa organización volveu a estar recoñecida en 1998 e ó pouco fixéronse dispoñibles moitas publicación en búlgaro. Despois, en 2004, dedicouse unha nova sucursal. Actualmente hai 57 congregacións en Bulgaria con 2953 publicadores en total. Durante o último ano de servizo asistiron á Conmemoración 6475 persoas. En Sofía antes había só cinco irmáns, e agora 9 congregacións! Vimos realmente como se cumprían estas palabras: “O máis pequeno volverase un millar” (Is. 60:22).
LOITANDO CONTRA DIFICULTADES PERSOAIS
Tiven algúns problemas de saúde. Durante anos, aparecéronme varios tumores, incluído un na cabeza. Recibín radioterapia e sometinme a unha operación de 12 horas na India para quitar gran parte del. Despois de recuperarme na sucursal da India, volvemos á nosa asignación en Bulgaria.
Ademais, Heinz empezou a sufrir unha enfermidade rara hereditaria chamada a enfermidade de Huntington. Tivo problemas para camiñar, falar e controlar os seus movementos. A medida que progresaba a enfermidade, volveuse máis dependente de min. Ás veces sentinme superada e preocupada por como irían as cousas. Pero un irmán noviño chamado Bobi invitaba a miúdo a Heinz a predicar. A el non lle daba vergonza que Heinz non puidese falar ou controlar os seus movementos. Bobi sempre estivo aí para axudarme con Heinz. Aínda que decidiramos non ter fillos neste sistema, sentimos que Xehová déranos a Bobi coma un fillo! (Mar. 10:29, 30).
Heinz tamén tivo cáncer. Tristemente, o meu querido marido morreu en 2015. Sentinme moi insegura despois da súa morte, non podía crer que xa non estivera. Pero aínda está vivo na miña memoria (Luc. 20:38). Durante o día, recordo perfectamente as súas cariñosas palabras e os bos consellos que me deu. Estou moi agradecida polos anos de fiel servizo que desfrutamos xuntos.
AGRADECIDA POLA AXUDA DE XEHOVÁ
Xehová axudoume a superar todo tipo de probas. Tamén me axudou a converterme nunha misioneira que ama as persoas a pesar da miña timidez (2 Tim. 1:7). Grazas a Xehová, a miña irmá pequena mais eu estamos no servizo a tempo completo. Agora ela e o seu marido serven nun circuíto serbio en Europa. Xehová respondeu as oracións que facía meu pai cando eramos pequenas!
Cada vez que estudo a Biblia sinto moita paz. Nos tempos difíciles aprendín a orar “con máis intensidade”, como fixo Xesús (Luc. 22:44). Unha maneira na que se responden as miñas oracións é mediante o amor e o cariño dos meus amigos da congregación, en Nadezhda, Sofía. Invítanme a pasar tempo xuntos e móstranme canto me queren, e iso faime moi feliz.
Medito moitas veces na resurrección e imaxino que meus pais están diante da nosa casa, tan guapos como o día no que casaron, que a miña irmá anda preparando unha comida e que Heinz está ó lado do seu cabalo. Imaxinar estas cousas elimina os sentimentos negativos da miña cabeza e enche o meu corazón de gratitude a Xehová.
Ó reflexionar na miña vida e pensar no futuro, síntome totalmente de acordo coas palabras de David do Salmo 27:13, 14 (TNM): “Onde estaría eu se non tivese fe en que vería a bondade de Xehová na terra dos vivos? Pon a túa esperanza en Xehová; sé valente e forte de corazón. Si, pon a túa esperanza en Xehová”.
a Mira a biografía de Tatjana Vileyska na revista ¡Despertad! do 22 de decembro do 2000, páxinas 20 a 24.