BIOGRAFÍA
“O Señor é dono da guerra”
ERA UN frío 28 de xaneiro de 2010 e eu estaba na fermosa cidade de Estrasburgo, en Francia. Pero a última cousa que tiña na cabeza era facer turismo. Estaba alí como parte dun equipo legal que se formara para defender os dereitos das testemuñas de Xehová diante do Tribunal Europeo de Dereitos Humanos (TEDH). O asunto en cuestión era se estaba xustificado que o goberno de Francia lles esixise ós nosos irmáns dese país pagar unha cantidade esaxerada de impostos, case 64 millóns de euros. E, sobre todo, estaba en xogo o nome de Xehová, a reputación do seu pobo e a súa liberdade para adoralo. O que sucedeu nesa reunión confirmou que “o Señor é dono da guerra” (1 Sam. 17:47). Deixade que volo explique.
O problema empezou en 1999, cando o goberno de Francia dixo que a nosa sucursal dese país tiña que pagar un imposto inxustificado polas doazóns que recibira entre 1993 e 1996. Levamos o caso ante os tribunais franceses pero non tivemos éxito. Intentamos apelar a decisión, pero a resposta foi a mesma e despois o goberno confiscou máis de 4,5 millóns de euros da conta bancaria da sucursal. A nosa única esperanza era levar o caso ó TEDH. Pero antes de dar a súa opinión sobre o caso, o TEDH dixo que nos reunísemos antes do xuízo para chegar a un acordo co equipo xurídico do goberno ante unha secretaria do Tribunal (unha funcionaria que forma parte do equipo responsable das actividades administrativas e xudiciais do mesmo).
Xa nos esperabamos que a secretaria quixese resolver o problema pedíndonos que aceptásemos pagar parte da cantidade que nos esixían. Pero tiñamos moi claro que se lles pagabamos tan só un euro estariamos violando os principios bíblicos. Os irmáns fixeran as súas doazóns para apoiar o Reino, así que iso non lle pertencía ó goberno (Mat. 22:21). Aínda así, fomos a esa reunión para demostrar que respectabamos os protocolos do Tribunal Europeo.
O noso equipo legal diante do TEDH, 2010
A reunión fíxose nunha das elegantes salas de conferencias do Tribunal pero non empezou moi ben. Nada máis comezar, a secretaria dixo que as testemuñas de Xehová terían que pagar parte dos impostos que lles esixía Francia. Entón, o espírito de Xehová impulsounos a preguntarlle: “Vostede sabe que o goberno xa nos confiscou máis de 4,5 millóns de euros da nosa conta bancaria?”.
Ela non podía crer o que lle diciamos, notábaselle na cara. Cando o equipo xurídico do goberno lle confirmou que fora así, a súa actitude co caso cambiou por completo. Recriminoulles o que fixeran e terminou a reunión nese momento. Entón, deime conta de que Xehová cambiara por completo a dirección que estaba levando o caso dunha maneira que nunca nos puidemos imaxinar. Saímos de alí eufóricos, non nos podiamos crer o que acababa de pasar.
O 30 de xuño de 2011, o TEDH decidiu de maneira unánime resolver o caso ó noso favor. Sentenciou que o imposto era ilegal e ordenoulle ó goberno a devolver os cartos que incautara, e con intereses! Esta sentenza histórica segue protexendo a adoración pura en Francia ata hoxe. Esa simple pregunta que non estaba preparada foi o que lle deu a volta á batalla, igual que a pedra que se afundiu na cabeza de Goliat. Por que gañamos? Porque, igual que David lle dixo a Goliat, “o Señor é dono da guerra” (1 Sam. 17:45-47).
Esta vitoria non é a única. Ata agora, os tribunais máis importantes de 70 países e varios tribunais internacionais ditaron 1225 sentenzas a favor das testemuñas de Xehová a pesar da poderosa oposición política e relixiosa. Estas vitorias legais protexen os nosos dereitos fundamentais, como o de ter recoñecemento legal como relixión, o de poder predicar publicamente, o de poder negarnos a participar en cerimonias patrióticas e o de rechazar o sangue.
Pero, por que estaba participando eu nun caso legal en Europa se servía na sede central das testemuñas de Xehová en Nova York (EEUU)?
CRIADO POR UNS PAIS CO ESPÍRITO DE MISIONEIROS
Eu nacín en 1956 cando meus pais, George e Lucile, estaban servindo en Etiopía despois de graduarse da clase número 12 de Galaad. Chamáronme Philip, por como se lle chama en inglés ó evanxelizador do primeiro século (Feit. 21:8). Ó ano seguinte, o goberno prohibiu a nosa obra. Aínda que só era un neno, recordo perfectamente facer a nosa adoración en familia en segredo. Daquela parecíame emocionante! Foi unha pena que nos obrigaran a saír do país en 1960.
Á esquerda, Nathan Knorr visitando a miña familia en Adís Abeba, Etiopía, 1959
Mudámonos a Wichita, en Kansas (EEUU), pero meus pais nunca perderon o amor que tiveran pola predicación cando eran misioneiros. Ensináronnos a min, á miña irmá maior Judy e ó meu irmán pequeno Leslie —que naceran tamén en Etiopía— a amar a Xehová e a servilo con todo o noso corazón. Bauticeime cando tiña 13 anos e tres anos máis tarde a nosa familia mudouse a Arequipa, no Perú, para apoiar un sitio de máis necesidade.
En 1974, cando só tiña 18 anos, a sucursal do Perú asignoume a min e a outros catro imáns como pioneiros especiais. Tiñamos que predicar en zonas onde ninguén predicara antes, no alto da Cordilleira Central dos Andes. Isto incluía predicarlles ós pobos indíxenas quechua e aimará. Viaxabamos nunha autocaravana á que lle chamabamos con cariño “A Arca” porque parecía unha caixa moi grande. Encántame pensar nas veces que usamos a Biblia para ensinarlles ós indíxenas que Xehová pronto acabará coa pobreza, coas enfermidades e coa morte (Apoc. 21:3, 4). Moitos aceptaron a mensaxe do Reino.
“A Arca”, 1974
ASÍGNANME SERVIR NA SEDE CENTRAL
Cando o irmán Albert Schroeder, un membro do Consello Reitor das testemuñas de Xehová, visitou O Perú en 1977, animoume a enviar unha solicitude para servir no Betel da sede central. E iso fixen. Pouco despois, o 17 de xuño de 1977, empecei a servir no Betel de Brooklyn. Durante os seguintes catro anos colaborei cos departamentos de Limpeza e Mantemento.
O día da nosa voda, 1979
En xuño de 1978 coñecín a Elizabeth Avallone nun congreso internacional en Nova Orleans, Louisiana. Ela tamén fora criada polos seus pais na verdade, igual ca min. Levaba servindo como pioneira regular durante catro anos e quería seguir no tempo completo o resto da súa vida. Mantivemos o contacto, coñecémonos mellor e enamorámonos. Casamos o 20 de outubro de 1979 e seguimos servindo en Betel como matrimonio.
Os irmáns da nosa primeira congregación, Brooklyn Spanish, eran moi cariñosos. Co paso dos anos servimos noutras tres congregacións que nos apoiaron durante o noso servizo en Betel. Agradecemos moito a súa axuda e a dos familiares e amigos que nos botaron unha man cos nosos pais cando estes xa eran maiores.
Betelitas da congregación Brooklyn Spanish, 1986
COLABORANDO CO DEPARTAMENTO LEGAL
Para a miña sorpresa, en xaneiro de 1982 cambiáronme para o Departamento Legal de Betel. Tres anos despois, pedíronme que fose a universidade para facerme avogado. Encantoume aprender que a xente nos Estados Unidos e noutros países poden facer con liberdade certas cousas que dan por sentadas grazas ás vitorias legais conseguidas polas testemuñas de Xehová. Nas clases analizamos en detalle estes casos importantes.
En 1986, cando tiña 30 anos, nomeáronme superintendente do Departamento Legal. Como era tan novo e sabía que non era unha asignación fácil, sentinme privilexiado pero ó mesmo tempo superado.
Gradueime como avogado en 1988, pero non me dera conta de canto afectara a universidade á miña relación con Xehová. A educación superior pode alimentar a ambición das persoas e facerlles sentir que son mellores que os que non teñen unha educación parecida. Elizabeth veu no meu rescate. Axudoume a restablecer a rutina espiritual que tiña antes da universidade. Levoume un tempo, pero puiden recuperarme e volver a sentirme moi cerca de Xehová. Podo asegurar por experiencia que ter moito coñecemento non é o máis importante na vida. O que lle dá verdadeiro valor é ter unha boa relación con Xehová e querelo moito a El e ó seu pobo.
DEFENDENDO E ESTABLECENDO LEGALMENTE AS BOAS NOTICIAS
Despois de acabar a carreira, concentreime en axudar ó noso departamento a coidar das necesidades legais de Betel e en protexer a organización e o noso dereito de predicar as boas noticias. O meu traballo era moi emocionante, pero tamén era todo un reto porque na nosa organización as cousas cambian moi rápido. Por exemplo, antes pediamos contribucións a cambio das nosas publicacións. Pero dende 1991, pedíuselle axuda ó Departamento Legal para cambiar isto. A partir de entón, as publicacións estarían dispoñibles de maneira gratuíta. Isto facilitou o traballo tanto en Betel como na predicación, e segue axudándonos a evitar problemas co pago de impostos. Algúns pensaron que este cambio nos deixaría sen cartos e que faría máis difícil a predicación. Pero sucedeu todo o contrario. Dende 1990 hai máis do dobre de servos de Xehová, e hoxe en día a xente pode obter alimento espiritual sen ter que pagar nada. Vivín de primeira man como os grandes cambios na nosa organización saen ben só grazas a axuda de Xehová e á guía que recibimos do escravo fiel e prudente (Éx. 15:2; Mat. 24:45).
Non gañamos os casos nos xuízos só porque teñamos bos avogados. A miúdo o que motiva ós xuíces e a outros oficiais do goberno a axudarnos é a boa conduta do pobo de Xehová. Vin un exemplo disto en 1998, cando tres membros do Consello Reitor e as súas mulleres asistiron a varios congresos moi especiais en Cuba. O seu comportamento amable e respectuoso axudou máis a aclarar as ideas equivocadas que as autoridades tiñan sobre as Testemuñas que calquera cousa que dixemos en reunións oficiais.
Pero cando os asuntos legais non se poden resolver de maneira amistosa, “[defendemos] e [establecemos] legalmente as boas noticias” nos tribunais (Filip. 1:7, TNM). Por exemplo, durante moitos anos as autoridades de Europa e de Corea do Sur non recoñeceron o noso dereito de negarnos a facer o servizo militar. Como resultado, uns 18.000 irmáns en Europa e máis de 19.000 en Corea do Sur foron encarcerados pola súa obxección de conciencia ó servizo militar.
Finalmente, o 7 de xullo de 2011, o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos ditou a histórica sentenza Bayatyan contra Armenia que esixe que tódolos países europeos permitan servizos civís alternativos ós que se neguen a facer o servizo militar debido ás súas crenzas relixiosas. Despois tomouse unha decisión parecida no Tribunal Constitucional de Corea do Sur o 28 de xuño de 2018. Ningunha destas vitorias sería posible se tan sequera uns poucos irmáns cedesen na súa neutralidade.
O Departamento Legal da sede central e os das sucursais de todo o mundo están traballando sen descanso por defender o noso dereito de adorar a Xehová e de predicar sobre o Reino. Para nós é un honor representar os irmáns que se enfrontan á oposición dos gobernos. Sen importar se gañamos nos tribunais ou non, damos testemuño a gobernadores, reis e nacións (Mat. 10:18). Cando os xuíces, os representantes do goberno, os medios de comunicación e a xente en xeral len os documentos que presentamos ou escoitan as nosas declaracións tamén len e escoitan as citas bíblicas que incluímos. As persoas de corazón sincero aprenden quen somos as testemuñas de Xehová e que as nosas crenzas están baseadas na Biblia. É máis, algúns destes chegaron a ser os nosos irmáns.
GRACIÑAS XEHOVÁ!
Nos últimos 40 anos tiven o privilexio de colaborar en asuntos legais con diferentes sucursais por todo o mundo e de comparecer ante moitos tribunais e funcionarios importantes. Quero e admiro moito os meus compañeiros do Departamento Legal da sede central e dos diferentes departamentos legais arredor do mundo. Tiven moitas bendicións na miña vida e síntome satisfeito.
Elizabeth apoioume con lealdade e cariño durante os últimos 45 anos, tanto nos bos coma nos malos momentos. Admíroa moito por ter feito todo iso a pesar de estar loitando contra unha enfermidade que a deixa sen forzas.
Puidemos comprobar por nós mesmos que as forzas e o éxito non se conseguen grazas ás nosas habilidades. Tal e como dixo David: “O Señor é a forza do seu pobo” (Sal. 28:8). Está claro que “o Señor é dono da guerra”.