ARTIGO DE ESTUDO 20
CANCIÓN sjj 7 Xehová é a nosa forza
Busca o consolo de Xehová
“¡Bendito sexa Deus, [...] Pai misericordioso e Deus de toda consolación!” (2 COR. 1:3).
OBXECTIVO
Analizar algunhas leccións que podemos aprender da maneira na que Xehová consolou os xudeus que estaban exiliados en Babilonia.
1. Cal era a situación dos xudeus exiliados en Babilonia?
DURANTE moitos anos, os xudeus desobedeceron unha e outra vez a Xehová. Como resultado, el permitiu que os babilonios destruísen a súa terra e os levasen cativos. Como era para os xudeus vivir en Babilonia? (2 Crón. 36:15, 16, 20, 21) Desfrutaban de certa liberdade para atender os asuntos normais do día a día (Xer. 29:4-7). Pero aínda así, a súa vida non era fácil e non estaban alí porque eles quixesen. Como se sentían ante esa situación? Fíxate nas palabras que dixo un deles: “Á beira dos ríos de Babel sentabámonos e chorabamos, lembrándonos de Sión” (Sal. 137:1). Está claro que os xudeus estaban moi desanimados e necesitaban consolo. Pero, onde poderían encontralo?
2, 3. a) Que fixo Xehová polos xudeus exiliados? b) Que analizaremos neste artigo?
2 Xehová é o “Deus de toda consolación” (2 Cor. 1:3). El ama os seus servos e quere consolalos. Xehová sabía que, cando os xudeus estivesen exiliados, algúns deles se arrepentirían e volverían a servilo da maneira correcta (Is. 59:20). Así que uns cen anos antes de que os levasen a Babilonia, inspirou o profeta Isaías para que escribise o libro que leva o seu nome. Cal era o obxectivo? Isaías di: “Consolade, consolade o meu pobo: —dío o voso Deus” (Is. 40:1). Por medio das palabras deste profeta, Xehová encargouse de dar o consolo que os xudeus exiliados ían necesitar.
3 Igual que aqueles xudeus exiliados, nós tamén necesitamos consolo de vez en cando. Neste artigo analizaremos tres formas nas que Xehová os animou a eles: 1) prometendo que perdoaría os que se arrepentisen, 2) dándolles esperanza e 3) calmando os seus medos. Ademais, tamén veremos como Xehová nos consola a nós hoxe en día destas mesmas maneiras.
XEHOVÁ PERDÓANOS
4. Como demostrou Xehová que é un Deus misericordioso? (Isaías 55:7).
4 Xehová é un “Pai misericordioso” (2 Cor. 1:3). Deixou claro que ten esta cualidade cando prometeu que perdoaría os xudeus exiliados que se arrepentisen (le Isaías 55:7). El dixo: “Con amor eterno teño compaixón de ti” (Is. 54:8). Como demostraría Xehová a súa compaixón ou misericordia? Aínda que os xudeus ían estar en Babilonia durante moitos anos como castigo pola súa desobediencia, Xehová prometeulles que non quedarían alí para sempre (Is. 40:2). Canto deberon consolar estas palabras ós xudeus que se arrepentiron!
5. Por que temos aínda máis motivos que os xudeus exiliados para estar seguros de que Xehová perdoa os nosos pecados?
5 Que aprendemos? Xehová está disposto a perdoar xenerosamente os seus servos. Hoxe en día temos aínda máis motivos que os xudeus exiliados para estar seguros disto. Por que? Porque sabemos todo o que Xehová fixo para poder perdoar os nosos erros. Centos de anos despois de que Isaías falase sobre o perdón de Xehová, El enviou o seu querido Fillo á Terra para que dese a súa vida por tódolos pecadores arrepentidos. Este sacrificio sentou as bases para que os pecados “sexan borrados”, é dicir, para que desaparezan completamente (Feit. 3:19; Is. 1:18; Ef. 1:7). Que misericordioso é o noso Deus!
6. Por que é animador pensar no perdón de Xehová? (Ver tamén a imaxe).
6 As palabras inspiradas por Xehová en Isaías 55:7 poden animarnos se nos angustian os sentimentos de culpa. Algúns de nós quizais nos seguimos sentindo mal, incluso despois de arrepentirnos, por un erro que cometemos no pasado. Isto pode pasar sobre todo se aínda estamos sufrindo as consecuencias do que fixemos. Pero, se confesamos o noso erro e deixamos de ir por ese camiño, podemos estar seguros de que Xehová xa nos perdoou. E cando el perdoa, escolle non acordarse máis do que fixemos mal (compara con Xeremías 31:34). Igual que Xehová non pensa máis no asunto, nós tampouco deberiamos facelo. O que lle importa é o que facemos agora, non os erros do pasado (Ezeq. 33:14-16). E pronto, no novo mundo, o noso cariñoso Pai eliminará para sempre todo o sufrimento que temos por culpa das cousas que fixemos mal.
O que lle importa a Xehová non son os erros que cometiches no pasado senón o que estás facendo agora (ver o parágrafo 6).
7. Que nos pode motivar a falar cos anciáns se estivemos ocultando un pecado grave?
7 Que deberiamos facer se nos molesta a conciencia porque estamos ocultando un pecado grave? A Biblia anímanos a pedirlles axuda ós anciáns (Sant. 5:14, 15). É posible que se nos faga difícil admitir o que fixemos. Pero temos que recordar que Xehová utiliza estes homes para axudarnos e que nos tratarán con cariño e misericordia igual que o faría el. Se recordamos isto e estamos arrepentidos, teremos o desexo de falar con eles. Pensa en como ver a misericordia de Xehová animou un irmán chamado Arthur.a El sentíase moi culpable polo que fixera. “Estiven vendo pornografía durante máis ou menos un ano”, conta Arthur. “Pero despois de escoitar un discurso que falaba sobre a conciencia, confeséillelo á miña muller e ós anciáns. Isto fíxome sentir moito mellor porque quitei unha enorme carga da miña conciencia, pero aínda estaba moi triste polo que fixera. Os anciáns recordáronme que Xehová quería que seguise sendo o seu amigo e que el nos corrixe porque nos ama. As súas cariñosas palabras animáronme e axudáronme a ver que Xehová realmente me perdoara”. Na actualidade Arthur é pioneiro e servo ministerial. Que animador é saber que Xehová nos perdoa se nos arrepentimos!
XEHOVÁ DÁNOS ESPERANZA
8. a) Que esperanza lles deu Xehová ós exiliados? b) Segundo Isaías 40:29-31, que efecto podería ter a esperanza nos xudeus arrepentidos?
8 Os xudeus puideron pensar que xamais volverían á súa casa xa que os babilonios eran coñecidos por non liberar nunca os seus prisioneiros (Is. 14:17). Pero Xehová deulles esperanza ós seus servos. Prometeulles que os liberaría, e nada podería impedir que cumprise coa súa palabra (Is. 44:26; 55:12). Para Xehová o poder dos babilonios era coma unha capa de po que se pode eliminar con tan só soprar (Is. 40:15). Como lles axudaría esta promesa ós xudeus exiliados? Daríalles moito consolo, pero tamén algo máis. Isaías escribiu: “Ós que teñen esperanza no Señor renóvanselle-las forzas” (le Isaías 40:29-31). Serían coma aguias que remontan o seu voo cara ó ceo, porque a esperanza daríalles forzas.
9. Por que podían estar seguros os exiliados de que Xehová cumpriría a súa promesa de liberalos de Babilonia?
9 Xehová tamén lles deu razóns ós exiliados para confiar nas súas promesas. Cales? Pensa nas profecías que eles xa sabían que se cumpriran. Por exemplo, sabían que Asiria conquistara o reino de dez tribos de Israel e levara os seus habitantes ó exilio (Is. 8:4). Tamén viran como Babilonia destruíra Xerusalén e como levaran cativos os seus habitantes (Is. 39:5-7). Sabían que o rei de Babilonia cegara a Sedecías e que tamén o deportara (Xer. 39:7; Ezeq. 12:12, 13). Todo o que Xehová profetizara cumprírase (Is. 42:9; 46:10). Isto debeu fortalecer a súa confianza en que a promesa de Xehová de liberalos tamén se faría realidade.
10. Que nos pode axudar a manter a nosa esperanza durante estes últimos días?
10 Que aprendemos? Cando nos sentimos desanimados a esperanza pode consolarnos e axudarnos a recuperar as forzas. Vivimos en tempos moi difíciles nos que temos que enfrontarnos a inimigos moi poderosos, pero non deberiamos angustiarnos. Xehová deunos unha esperanza marabillosa: vivir para sempre no Paraíso, onde haberá paz e seguridade. Debemos centrarnos nela para mantela clara na nosa mente e corazón. Senón, a nosa esperanza podería debilitarse e chegar a ser coma unha fermosa paisaxe que vemos borrosa porque a estamos mirando a través dunha ventá sucia. Como podemos “limpar a ventá”? Dedicando tempo regularmente a imaxinar como será a nosa vida no novo mundo. Temos dispoñibles artigos, vídeos e cancións que falan sobre este tema e que nos axudarán. Ademais, podemos orarlle a Xehová sobre as promesas que desexamos ver cumpridas.
11. Que lle axudou a unha irmá que tiña problemas graves de saúde a recuperar as forzas?
11 Vexamos como a esperanza consolou e fortaleceu a unha irmá que se chama Joy, quen ten problemas graves de saúde. Ela conta: “Cando sinto que xa non podo máis, cóntolle a Xehová os meus sentimentos máis profundos, pois sei que el me entende. Nesas ocasións el dáme a súa ‘forza tan extraordinaria’” (2 Cor. 4:7). Joy tamén se imaxina a si mesma no novo mundo, onde “ningún habitante dirá: ‘Estou enfermo’” (Is. 33:24, TNM). Se nós tamén lle abrimos o noso corazón a Xehová e nos concentramos na nosa esperanza teremos forzas para aguantar as dificultades.
12. Que razóns temos para confiar nas promesas de Xehová? (Ver tamén a imaxe).
12 Igual que ós xudeus que estaban exiliados en Babilonia, Xehová deunos moitas razóns para confiar nas súas promesas. Pensemos nas profecías que estamos vendo cumprirse. Por exemplo, vemos como se cumpren as seguintes palabras na potencia mundial formada polo Reino Unido e Os Estados Unidos: “Unha parte [...] será forte e outra parte será fráxil” (Dan. 2:42, 43). Tamén vemos que hai terremotos en moitos lugares e que se lle está predicando a xente de “tódalas nacións” (Mat. 24:7, 14). Tanto estas coma moitas outras profecías fortalecen a nosa fe en que as bonitas promesas de Xehová que aínda non se cumpriron tamén se farán realidade.
As profecías que estamos vendo cumprirse na actualidade dannos razóns para confiar en Xehová (ver o parágrafo 12).
XEHOVÁ AXÚDANOS A NON TER MEDO
13. a) A que problemas se enfrontarían os xudeus no tempo da súa liberación? b) Segundo Isaías 41:10-13, como animou Xehová os exiliados?
13 Aínda que Xehová consolou os exiliados cunha marabillosa esperanza, sabía que se enfrontarían a problemas durante o tempo da súa liberación. Xehová predixera que cara ó final do seu exilio, un conquistador acabaría coas nacións que estaban arredor de Babilonia e atacaría esta cidade (Is. 41:2-5). Tiñan algo do que preocuparse os xudeus? Anos antes de que isto pasase Xehová animou este pobo dicíndolle: “Non teñas medo, que estou contigo; non mires con medo, que eu son o teu Deus” (le Isaías 41:10-13). Que quixo dicir con “eu son o teu Deus”? Non lles estaba recordando que tiñan que adoralo, pois isto xa o sabían. Máis ben estáballes recordando que el aínda estaba ó seu lado (Sal. 118:6).
14. Que máis fixo Xehová para tranquilizar os exiliados?
14 Xehová tamén tranquilizou os exiliados recordándolles que o seu poder e coñecemento son ilimitados. Pediulles que mirasen as estrelas do ceo e entón díxolles que non só as creou senón que tamén sabe como se chaman todas elas (Is. 40:25-28). Se Xehová coñece o nome de cada unha das estrelas, como non vai saber o dos seus servos! E se tivo o poder para crealas está claro que tamén ten o poder para axudarlle ó seu pobo. Por iso os xudeus exiliados non tiñan motivos para ter medo.
15. Como preparou Xehová os exiliados para o que terían que vivir?
15 Xehová tamén preparou os seus servos para o que vivirían no futuro. Ó principio do libro de Isaías, Deus díxolle á súa nación: “Entra nas túas habitacións e pecha as portas detrás de ti, escóndete rapidamente un pouquiño ata que pase a ira” (Is. 26:20). Probablemente os xudeus seguiron esta instrución cando o rei Ciro atacou Babilonia. Un antigo historiador grego chamado Xenofonte dixo que cando Ciro entrou naquela cidade “deulles [ós seus soldados] a orde de matar os que sorprendesen fóra [da súa casa]”.b Imaxina o asustados que debían estar os habitantes de Babilonia! Pero é probable que os xudeus exiliados se salvasen grazas a obedecer as instrucións de Xehová.
16. Por que non debería darnos medo a gran tribulación? (Ver tamén a imaxe).
16 Que aprendemos? Pronto empezará a gran tribulación, e será a peor época da historia da humanidade. Cando chegue, a maioría da xente estará confundida e aterrorizada. Pero este non será o caso do pobo de Xehová, pois sabemos que el é o noso Deus. Poñerémonos de pé sabendo que “chega o día da [nosa] liberación” (Luc. 21:28). Incluso cando nos ataque unha coalición de nacións, seguiremos confiando en Xehová. El usará os anxos para protexernos e daranos instrucións para que nos salvemos. Como nolas fará chegar? Teremos que esperar para velo, pero é moi probable que as recibamos mediante as congregacións. Pode que estas sexan as “habitacións” onde nos manteremos a salvo. Como podemos prepararnos para o que nos espera? Temos que fortalecer a nosa relación cos irmáns, estar convencidos de que Xehová guía a nosa organización e estar dispostos a obedecer as instrucións que recibimos dela (Heb. 10:24, 25; 13:17).
Se meditamos no poder de Xehová e na súa capacidade para salvarnos non teremos por que sentirnos angustiados durante a gran tribulación (ver o parágrafo 16).c
17. Como podes buscar o consolo de Xehová?
17 Aínda que a vida dos xudeus exiliados en Babilonia non foi fácil, Xehová deulles o consolo que necesitaban. E podemos estar seguros de que fará o mesmo por nós. Así que, sen importar o que suceda mañá, segue acudindo a Deus para que te console. Para iso tes que ter fe en que el perdoa de verdade os seus servos fieis e en que se preocupa por ti. Ademais, debes manter forte a túa esperanza. E, por último, recorda: se Xehová é o teu Deus non tes nada que temer.
CANCIÓN sjj 3 A nosa forza, a nosa esperanza, a nosa confianza
a Cambiáronse algúns nomes.
b Ciropedia, vol. II, libro VII, cap. V, páx. 411, par. 31, escrito por Xenofonte, traducido ó español por Ana Vegas Sansalvador.
c DESCRICIÓN DA IMAXE: Un pequeno grupo de irmáns reunidos. Confían plenamente no poder de Xehová e na súa capacidade para protexer os seus servos, sen importar onde vivan.