ARTIGO DE ESTUDO 38
Aproveitemos ben as épocas de paz
“Aproveitando esta paz que lle concedeu o Señor, a calma que reinaba no país e a ausencia de guerras durante aqueles anos” (2 CRÓN. 14:5 [14:6, TNM]).
CANCIÓN sjj 60 Hai vidas que salvar
AVANCEa
1. Cando é máis difícil servir a Xehová?
CANDO cres que é máis difícil servir a Xehová? Cando tes problemas complicados ou cando desfrutas de paz relativa na túa vida? Se temos problemas acudimos rapidamente a Xehová. Pero, que facemos cando temos unha vida tranquila? Permitimos que outras cousas nos distraían de servilo? Xehová advertiulles ós israelitas que isto podería pasar (Deut. 6:10-12).
O rei Asá actuou con decisión contra a adoración falsa (ver o parágrafo 2)c
2. Que exemplo nos puxo o rei Asá?
2 O rei Asá puxo un bo exemplo do que é confiar completamente en Xehová. Non só serviu a Deus nos malos momentos, senón tamén nas épocas de paz. Dende que era novo, “o corazón de Asá estivo enteiro co Señor” (1 Reis 15:14). Un xeito no que o demostrou foi limpando Xudá da adoración falsa. A Biblia di que “suprimiu os altares estranxeiros e as ermidas dos outeiros, destrozou as estelas e cortou os cipos” (2 Crón. 14:2, 4 [14:3, 5, TNM]). Incluso lle quitou á súa avoa Macah a posición elevada que tiña porque estaba animando a xente a adorar un ídolo (1 Reis 15:11-13).
3. Que imos analizar neste artigo?
3 Asá non só se dedicou a desfacerse dos ídolos. Promoveu a adoración pura, axudando ó reino de Xudá a volver a Xehová. Cal foi o resultado? Deus bendiciunos cunha época de paz.b Durante dez anos no reinado de Asá, o país desfrutou de paz (2 Crón. 13:23 [14:1, TNM]; 14:3, 5 [14:4, 6, TNM]). Neste artigo veremos como usou Asá esta época de paz. Despois analizaremos o exemplo dos cristiáns do primeiro século que, ó igual que Asá, souberon aproveitar ben esa paz. E por último contestaremos esta pregunta: Se vives nun país no que hai liberdade relixiosa, como podes aproveitar esta época de paz?
ASÁ APROVEITOU BEN UNHA ÉPOCA DE PAZ
4. De acordo con 2 Crónicas 14:1, 5, 6 (14:2, 6, 7, TNM), como aproveitou Asá unha época de paz?
4 Le 2 Crónicas 14:1, 5, 6 (14:2, 6, 7, TNM). Asá díxolle ó pobo que fora Xehová quen “[lles concedera] paz cos veciños”. Non se tomou este período de paz como unha oportunidade para relaxarse. Todo o contrario, empezou a construír cidades, murallas, torres e portas. Díxolles ós habitantes de Xudá: “Podemos dispór libremente do país”. A que se estaba referindo? A que a xente se podía mover libremente polo país que Deus lles dera e construír sen a oposición dos inimigos. Por iso animou o pobo a aproveitar esta época de paz.
5. Por que Asá reforzou o seu exército?
5 Asá tamén aproveitou esa paz para fortalecer o seu exército (2 Crón. 14:7 [14:8, TNM]). Faríao porque non confiaba en Xehová? Para nada. Era consciente de que unha das súas obrigas como rei era preparar o pobo para os posibles problemas futuros. E sabía que o período de paz do que desfrutaba Xudá probablemente non duraría para sempre, cousa que foi verdade.
OS CRISTIÁNS DO PRIMEIRO SÉCULO APROVEITARON BEN UNHA ÉPOCA DE PAZ
6. Como aproveitaron os cristiáns do primeiro século unha época de paz?
6 Aínda que os cristiáns do primeiro século foron perseguidos a miúdo, tamén desfrutaron de períodos de paz. Como aproveitaron esas oportunidades? Aqueles discípulos fieis predicaron as boas noticias sen descanso. O relato de Feitos di que “andaban no temor de Xehová” e, como resultado, “seguiron medrando”. É evidente que Xehová bendixo a súa predicación tan entusiasta durante as épocas de paz (Feit. 9:26-31).
7, 8. Explica como Paulo e outros cristiáns aproveitaban ben as oportunidades que se lles presentaban.
7 Os discípulos do primeiro século usaron tódalas oportunidades que tiñan para difundir as boas noticias. Por exemplo, cando Paulo recoñeceu que se lle abrira unha gran porta mentres estaba en Éfeso, aproveitou para predicar e facer discípulos nesa cidade (1 Cor. 16:8, 9).
8 Tamén se lles presentou outra oportunidade a Paulo e outros cristiáns cando se tomou a decisión sobre a circuncisión no ano 49 (Feit. 15:23-29). Despois de comunicarlles a decisión ás congregacións, os discípulos fixeron un grande esforzo para declarar “as boas noticias da palabra de Xehová” (Feit. 15:30-35). Que se conseguiu? A Biblia di que “as congregacións seguiron medrando cada vez máis e a súa fe foise facendo máis forte” (Feit. 16:4, 5).
APROVEITEMOS BEN AS ÉPOCAS DE PAZ
9. Que podemos facer en moitos lugares, e que nos deberiamos preguntar?
9 Na actualidade, hai moitos países nos que se pode predicar libremente. Vives nun destes países no que hai liberdade relixiosa? Nese caso pregúntate: “Como estou a usar esta liberdade?”. Durante estes emocionantes últimos días, a organización de Xehová iniciou a maior campaña de predicación e ensinanza que xamais existiu (Mar. 13:10). Cantas oportunidades temos neste labor!
Moitos cristiáns recibiron grandes bendicións por irse a outro país a servir ou por predicar noutro idioma (ver os parágrafos 10 a 12)d
10. Que nos anima a facer 2 Timoteo 4:2?
10 Como podes aproveitar unha época de paz? (Le 2 Timoteo 4:2) Por que non pensas nas túas circunstancias e consideras se ti ou alguén da túa familia pode predicar máis ou incluso servir como pioneiro? Agora non é momento de acumular fortunas e cousas materias, ese tipo de cousas non servirán de nada na gran tribulación (Prov. 11:4; Mat. 6:31-33; 1 Xoán 2:15-17).
11. Que fixeron algúns publicadores para lles predicar a tantos como sexa posible?
11 Moitos publicadores aprenderon un idioma para usalo á hora de predicar e ensinar. Para axudarlles, a organización de Deus produce información bíblica en cada vez máis idiomas. Por exemplo, en 2010 había publicacións nuns 500 idiomas. Agora, aumentou a máis de 1000 idiomas!
12. Que senten as persoas ó escoitaren a mensaxe na súa lingua materna? Pon un exemplo.
12 Que impacto ten na xente escoitar a verdade da Palabra de Deus no seu idioma materno? Vexemos a experiencia dunha irmá que asistiu a un congreso rexional en Memphis (Tennessee, EEUU). O programa presentouse no idioma ruanda, falado principalmente en Ruanda, República Democrática do Congo e Uganda. Despois do congreso, a irmá que falaba este idioma dixo: “É a primeira vez que fun capaz de entender por completo un programa espiritual dende que me mudei ós Estados Unidos hai dezasete anos”. Escoitar o alimento espiritual na súa lingua materna tocou profundamente o seu corazón. Se cho permiten as túas circunstancias, poderías aprender outro idioma para axudar a algunhas persoas da túa zona? Pode ser moi boa opción se no territorio da túa congregación hai persoas que se senten máis cómodas falando outro idioma. Os resultados pagan a pena.
13. Como aproveitaron os nosos irmáns de Rusia unha época de paz?
13 Non tódolos irmáns desfrutan de liberdade para predicar. Hai ocasións nas que os gobernos poñen restricións que limitan a nosa obra. Por exemplo, pensemos nos irmáns de Rusia. Despois de décadas de persecución, recibiron recoñecemento oficial en marzo de 1991. Naquel ano, había 16.000 proclamadores do Reino nese país. Vinte anos despois, esa cifra aumentou a máis de 160.000 publicadores! Está claro que os nosos irmáns aproveitaron ben o tempo cando tiveron a oportunidade de predicar libremente. E aínda que a tranquilidade non durou, o seu entusiasmo non se veu abaixo por culpa da súas circunstancias. Seguen facendo todo o posible por seguir servindo a Xehová.
AS ÉPOCAS DE PAZ HANSE ACABAR
Despois de que Asá suplicase a súa axuda, Xehová deulle a vitoria a Xudá contra o enorme exército (ver os parágrafos 14 e 15)
14, 15. Como empregou Xehová o seu poder para axudar ó rei Asá?
14 No tempo de Asá, a época de paz estaba a punto de rematar. Un xigantesco exército dun millón de soldados viña dende Etiopía. O comandante era Zérah e estaba convencido de que podía derrotar a Xudá. Pero Asá confiou máis en Xehová que en simples números. Por iso lle rogou: “Axúdanos, Señor, noso Deus, que en Ti nos apoiamos e no teu nome nos diriximos contra esa multitude” (2 Crón. 14:10 [14:11, TNM]).
15 Aínda que o exército etíope case os duplicaba, Asá era consciente do poder e da capacidade que tiña Xehová para axudar ó seu pobo. E Xehová non o decepcionou, o exército etíope sufriu unha derrota humillante (2 Crón. 14:7-12 [14:8-13, TNM]).
16. Por que sabemos que a época de paz que temos acabará?
16 Non sabemos o que nos pasará a cada un de nós no futuro. Pero o que si sabemos é que calquera época de paz da que desfrute o pobo de Deus vai ser temporal. De feito, Xesús predixo que nos últimos días os seus discípulos serían odiados por “tódalas nacións” (Mat. 24:9). O apóstolo Paulo tamén dixo que “tódolos que queren vivir con devoción a Deus como discípulos de Cristo Xesús tamén van ser perseguidos” (2 Tim. 3:12). O Demo está “cheo de furia” e estariamos sendo parvos se pensásemos que imos escapar dos seus ataques (Apoc. 12:12).
17. De que xeitos é probable que se probe a nosa fe?
17 Dentro de pouco, todos nos enfrontaremos a probas de fe. O mundo experimentará “unha gran tribulación. Desde o principio do mundo ata agora, non houbo unha tribulación igual” (Mat. 24:21). Durante ese tempo, pode que algún membro da nosa familia se volva en contra nosa e que se prohiba a nosa obra (Mat. 10:35, 36). Faremos coma Asá? Confiaremos en Xehová e pedirémoslle axuda e protección?
18. Segundo Hebreos 10:38, 39, que nos axudará a estarmos preparados para o que vén?
18 Xehová estívonos preparando espiritualmente para o que vai vir. Está guiando “o escravo fiel e prudente” para que nos dea “alimento ó tempo debido” (Mat. 24:45). Pero nós temos que poñer da nosa parte para fortalecer ó máximo a nosa fe en Xehová (le Hebreos 10:38, 39).
19, 20. Tendo en conta o que di 1 Crónicas 28:9, que nos debemos preguntar, e por que?
19 Ó igual ca Asá, necesitamos “servi-lo Señor” (2 Crón. 14:3 [14:4, TNM]; 15:1, 2). Empezamos a servilo cando nos bautizamos. Agora, aproveitamos cada oportunidade para fortalecer o noso amor por Xehová. Para ver como nos atopamos neste aspecto, podémonos preguntar: “Asisto regularmente ás reunións de congregación?”. Nas reunións fortalécese a nosa relación con Xehová e recibimos ánimo dos irmáns (Mat. 11:28). Tamén deberiamos preguntarnos: “Teño bos hábitos de estudo persoal?”. Se vives coa túa familia, apartas tempo cada semana para facer a adoración en familia? Ou se vives só, apartas tamén ese tempo, ó igual que fan as familias? Estas dando o máximo á hora de predicar e ensinar?
20 Por que deberiamos facernos estas preguntas? A Biblia dinos que Xehová examina os nosos pensamentos e desexos. Non deberiamos facer nós o mesmo? (Le 1 Crónicas 28:9) Se vemos que necesitamos facer algún cambio nas nosas metas, actitudes ou pensamentos, pidámoslle axuda a Xehová. Agora é cando nos debemos preparar para as probas que han vir. Que nada che impida aproveitar unha época de paz!
CANCIÓN sn 28 A nova canción
a Vives nun país no que podes adorar a Xehová libremente? Se é así, como estás aproveitando esta época de paz? Este artigo axudarache a ver como podes imitar o rei Asá de Xudá e os cristiáns do primeiro século. Son un exemplo porque usaron ben o tempo cando non tiveron complicacións.
b IDEA IMPORTANTE: O termo “paz” implica máis que a ausencia de guerras. A palabra hebrea tamén transmite a idea de ter boa saúde, seguridade e benestar.
c DESCRICIÓN DA IMAXE: O rei Asá quitoulle á súa avoa a posición elevada que tiña porque fomentaba a adoración falsa. Os que apoiaban lealmente a Asá seguiron as súas instrucións e destruíron os ídolos.
d DESCRICIÓN DA IMAXE: Un matrimonio entusiasta está simplificando a súa vida para poder servir onde hai máis necesidade de publicadores.