ARTIGO DE ESTUDO 9
Mozos, como podedes gañar a confianza doutros?
“Tes un batallón de mozos, coma gotas de orballo” (SAL. 110:3, TNM).
CANCIÓN sjj 39 Un bo nome ante Deus
AVANCEa
1. Que se pode dicir dos mozos bautizados?
MOZOS, tendes moito que ofrecer. Moitos de vós sodes fortes e estades cheos de enerxía (Prov. 20:29). Sodes verdadeiras xoias para a vosa congregación. Seguro que desexas ser servo ministerial. Pero poida que sintas que os demais só che vexan coma un neniño que non ten moita experiencia para poder ter responsabilidades importantes. Aínda que sexas novo, hai cousas que podes facer xa mesmo para gañar a confianza e o respecto dos irmáns da túa congregación.
2. Que imos analizar neste artigo?
2 Neste artigo centrarémonos na vida do rei David. Tamén repasaremos brevemente algúns aspectos da vida de Asá mais de Xehosafat, dous reis de Xudá. Analizaremos a que clase de desafíos se enfrontaron estes tres homes, como reaccionaron e que poden aprender os mozos dos seus exemplos.
O QUE APRENDEMOS DO REI DAVID
3. Como lles poden axudar os mozos ós irmáns maiores da congregación?
3 Mentres que era novo, David aprendeu certas habilidades que eran útiles á vista de outros. Obviamente era unha persoa espiritual. Ademais, aprendeu a ser un bo músico e usou esa habilidade para axudar a Saúl, o rei nomeado por Deus (1 Sam. 16:16, 23). Mozos, tendes algunha habilidade que poida ser de axuda para algún irmán? Moitos de vós si. Por exemplo, sodes capaces de manexarvos ben coa tableta e outros dispositivos electrónicos. E os irmáns maiores valoran moitos que lles axudedes a sacar o máximo proveito destes aparellos para as reunións e para o estudo persoal. Saber tanto destes dispositivos pode ser de grande axuda para eles.
David foi responsable e confiable á hora de coidar do rabaño de seu pai, incluso protexeu as ovellas do ataque dun oso (ver o parágrafo 4).
4. Igual ca David, como deben ser os mozos? (Ver a foto da portada da revista).
4 Na súa vida cotiá, David demostrou ser responsable e alguén en quen se pode confiar. Por exemplo, cando era novo traballou duro por coidar das ovellas do seu pai, algo que resultou ser perigoso. Máis tarde, o propio David díxolle ó rei Saúl: “O teu servo é pastor das ovellas de seu pai. Se chega o león ou o oso e leva unha ovella do rabaño, eu saio correndo detrás del, zóupolle e arríncolla da boca” (1 Sam. 17:34, 35). Sentíase responsable do benestar das ovellas e loitou con valentía por defendelas. Os mozos poden imitar a David cumprindo con esmero calquera responsabilidade que lles dean.
5. Segundo Salmo 25:14 (TNM), que é o máis importante que os mozos poden facer?
5 Cando era novo, David cultivou unha relación estreita e persoal con Xehová. Esa amizade era máis importante que o valor de David ou a súa maña para tocar a arpa. E Xehová non só era o Deus de David, tamén o seu amigo, o seu mellor amigo (le Salmo 25:14, TNM). Mozos, a cousa máis importante que podedes facer é fortalecer a vosa relación co voso Pai celestial. Co tempo, seguramente recibiredes máis responsabilidades.
6. Que opinións negativas sobre David tiñan algúns?
6 David tiña que loitar contra o punto de vista negativo que outras persoas tiñan sobre el. Por exemplo, cando se ofreceu para loitar contra Goliat, o rei Saúl intentou disuadilo dicíndolle que tan só era un rapaz (1 Sam. 17:31-33). Antes disto, o seu propio irmán acusouno de ser irresponsable (1 Sam. 17:26-30). Pero Xehová non vía a David como unha persoa pouco madura nin irresponsable. Coñecía ben a este mozo. E como acudiu ó seu amigo Xehová para ser forte, puido derribar a Goliat (1 Sam. 17:45, 48-51).
7. Que podes aprender da experiencia de David?
7 Que podes aprender do que lle pasou a David? Unha lección é que necesitamos ser pacientes. Á xente que che coñece dende pequeno lévalle tempo verche coma un adulto. Pero podes estar seguro de que Xehová ve máis alá da túa aparencia exterior. Sabe ben quen es e o que podes facer (1 Sam. 16:7). Unha segunda lección é que debes fortalecer a túa amizade con Deus. David puido logralo observando atentamente a Creación e meditando no que lle ensinaba sobre Xehová (Sal. 8:4, 5 [8:3, 4, TNM]; 139:14; Rom. 1:20). E unha terceira lección é que podes pedirlle a Xehová as forzas que necesitas. Por exemplo, os teus compañeiros fan burla de ti porque es Testemuña? Nese caso, óralle a Xehová para que che axude a afrontarte a este desafío. Tamén podes pór en práctica os consellos útiles que están na Biblia e nas nosas publicacións e vídeos. Cada vez que vexas a man de Xehová nun problema, a túa confianza nel medrará. Ademais, se outros ven que confías nel, tamén te gañarás a confianza deles.
Con humildade, os mozos poden axudar a outros de moitas maneiras (ver os parágrafos 8 e 9).
8, 9. a) Que lle axudou a David a esperar con paciencia ata que comezou a gobernar? b) Que poden aprender os mozos do exemplo de David?
8 A que outro desafío se enfrontou David? Despois de ser unxido para ser rei, aínda tivo que esperar uns anos para empezar a gobernar sobre Xudá (1 Sam. 16:13; 2 Sam. 2:3, 4). Que lle axudou a ser paciente durante ese tempo? Centrarse no que podía facer en vez de quedar paralizado polo desánimo. Por exemplo, cando era un fuxitivo que vivía en territorio filisteo, aproveitou a oportunidade para loitar contra os inimigos de Israel. Grazas a iso protexeu as fronteiras do territorio de Xudá (1 Sam. 27:1-12).
9 Que poden aprender os mozos do exemplo de David? Aproveitade as oportunidades que tedes á vosa man para servir os irmáns. Vexamos o exemplo dun irmán chamado Ricardo.b Dende os primeiros anos da súa adolescencia quixo ser pioneiro regular, pero aínda non estaba preparado. En vez de tirar a toalla ou amargarse, empezou a dedicarlle máis tempo á predicación. Ricardo admite: “Mirando atrás, a verdade é que necesitaba progresar un pouco máis. Centreime en asegurarme de volver visitar a quen mostraba interese. E incluso dirixín o meu primeiro curso da Biblia! Segundo ía gañando experiencia, a miña confianza ía a máis”. Agora, Ricardo é pioneiro regular e servo ministerial.
10. Nunha ocasión, que fixo David antes de tomar unha decisión importante?
10 Pensemos noutra cousa que lle pasou a David. Na época na que el e os seus homes eran fuxitivos, deixaban as súas familias na casa para ir á batalla. Nunha ocasión mentres estaban fóra, uns inimigos asaltaron os seus fogares e levaron secuestradas as súas familias. Con toda a experiencia que tiña David como guerreiro, seríalle fácil pensar nunha estratexia para rescatalos. Pero a súa reacción foi pedirlle a Deus a súa guía. A través do sacerdote Abiatar, David preguntoulle a Xehová: “¿Perseguirei esa banda? ¿Atrapareina?”. Xehová indicoulle que debían perseguilos e aseguroulle que os atraparían (1 Sam. 30:7-10). Que podes aprender disto?
Os irmáns novos deben pedirlles consello ós anciáns (ver o parágrafo 11).
11. Que podes facer antes de tomar decisións?
11 Pide consello antes de tomar decisións. Podes consultar ós teus pais ou tamén falar con anciáns de experiencia. Xehová confía neles e ti tamén podes facelo. De feito, Deus considéraos “regalos” para a congregación (Ef. 4:8). Tomarás boas decisións se imitas a súa fe e escoitas as boas suxestións que dan. Agora analizaremos o que podemos aprender do rei Asá.
O QUE APRENDEMOS DO REI ASÁ
12. Que calidades tiña o rei Asá cando comezou a gobernar?
12 Cando era novo, o rei Asá foi humilde e valente. Por exemplo, cando sucedeu a seu pai Abías, organizou unha campaña contra a idolatría. Tamén “animou a Xudá a servi-lo Señor, Deus de seus pais, e a observa-la lei e os preceptos” (2 Crón. 13:23–14:6 [14:1-7, TNM]). E cando Zérah o cuxita invadiu Xudá cun millón de soldados, Asá foi sabio e acudiu a Xehová por axuda dicíndolle: “Señor, cando queres axudar non distingues entre poderosos e febles. Axúdanos, Señor, noso Deus, que en Ti nos apoiamos”. Estas palabras tan fermosas amosan a profunda confianza que Asá tiña na habilidade de Xehová para salvalos. Confiou no seu Pai celestial e “o Señor derrotou os cuxitas” (2 Crón. 14:7-11 [14:8-12, TNM]).
13. Que lle pasou despois a Asá, e por que?
13 Seguro que estás de acordo en que enfrontarse a un exército dun millón de soldados era un reto colosal, un reto que Asá foi capaz de superar con éxito. Tempo despois viuse ameazado polo rei Baxá de Israel. Aínda que aquela situación no era tan perigosa, Asá cometeu o lamentable erro de non pedirlle axuda a Xehová, senón ó rei de Siria. Esta decisión acabou en desgraza. Mediante o profeta Hananí, Xehová díxolle a Asá: “Por te apoiares no rei de Siria en vez de apoiarte no Señor, teu Deus, escapóuseche das mans o exército do rei de Siria”. De aquí en diante, Asá estivo constantemente en guerra (2 Crón. 16:7, 9; 1 Reis 15:32). Que aprendemos?
14. a) Como podes demostrar que confías en Xehová? b) De acordo con 1 Timoteo 4:12, que lograrás se o fas?
14 Mantente humilde e continúa confiando en Xehová. Cando te bautizastes, demostrastes unha gran fe e confianza en Xehová. Pola súa parte, Xehová deuche a grande oportunidade de forma parte da súa familia. O que necesitas facer é seguir confiando nel. Pode que pareza fácil cando temos que tomar as decisións máis importantes da vida, pero tamén temos que facelo noutras ocasións. Iso inclúe decisións relacionadas co entretemento, co traballo e coas metas. Non confíes na túa propia sabedoría. É mellor que busques principios bíblicos que che apliquen e te deixes guiar por eles (Prov. 3:5, 6). Así farás feliz a Xehová e gañaraste o respecto dos irmáns (le 1 Timoteo 4:12).
O QUE APRENDEMOS DO REI XEHOSAFAT
15. De acordo con 2 Crónicas 18:1-3; 19:2, que erros cometeu o rei Xehosafat?
15 Claro, ó igual que todos ti tamén es imperfecto e ás veces cometerás erros. Pero isto non che pode deter de facer todo o que poidas no teu servizo a Xehová. Pensa no rei Xehosafat. Tiña moi boas cualidades. Dende novo, imitou “o Deus de seu pai, cumprindo os seus preceptos”. Tamén enviou príncipes polas cidades de Xudá para que a xente coñecese a Xehová (2 Crón. 17:4, 7). Aínda que era sincero, algunhas veces tomou malas decisións. Como resultado dunha desas decisións, un dos representantes de Xehová censurou a Xehosafat (le 2 Crónicas 18:1-3; 19:2). Que lección podes aprender?
Os rapaces que son traballadores e confiables gáñanse unha boa reputación (ver o parágrafo 16).
16. Que podes aprender da experiencia de Rajeev?
16 Acepta e aplica os consellos. Como a moitos outros mozos, é posible que che custe priorizar as cousas máis importantes na túa vida. Non te desanimes, fíxate no que lle pasou a Rajeev. Falando da súa adolescencia di: “Nesa época, houbo momentos nos que me sentín perdido. Ó igual que outros rapaces, tiña máis interese polos deportes e por pasalo ben que por ir as reunións ou saír predicar”. Que lle axudou? Un ancián aconsellouno con cariño. El conta: “Axudoume a meditar no principio de 1 Timoteo 4:8”. Rajeev foi humilde, aceptou o consello e reexaminou cales eran as súas prioridades na vida. Finalmente dixo: “Decidín poñer por riba de todo as miñas metas espirituais. Uns anos máis tarde de recibir o consello, puiden cumprir cos requisitos para ser servo ministerial”.
FAI QUE O TEU PAI NOS CEOS ESTEA ORGULLOSO DE TI
17. Que opinan os adultos dos mozos que serven a Xehová?
17 Os irmáns da congregación aprecian de corazón os rapaces que serven a Xehová xunta eles (Sof. 3:9). Están encantados de que teñas tantas enerxías e cumpras coas túas responsabilidades con entusiasmo. Gañaches o seu respecto e confianza (1 Xoán 2:14).
18. Tendo en conta Proverbios 27:11, como se sente Xehová ó ver os mozos que o serven?
18 Mozos, nunca esquezades que Xehová vos quere e confía en vós. El predixo que nos últimos días habería un batallón de mozos que se ofrecerían con entusiasmo (Sal. 110:1-3, TNM). É moi consciente de canto o queres e o desexo que tes de darlle o mellor de ti. Así que sé paciente con outros e contigo mesmo. Cando cometas erros, acepta os consellos e a disciplina que recibas e pensa que veñen de Xehová (Heb. 12:6). Esfórzate por atender calquera responsabilidade que se che asigne. E sobre todo, fai que o teu Pai celestial se sinta orgulloso de ti en todo o que fagas! (Le Proverbios 27:11).
CANCIÓN sjj 135 “Meu fillo, faime feliz sendo sabio”
a Segundo van madurando espiritualmente, os irmáns novos queren facer máis por Xehová. Para poder ser servos ministeriais, necesitan gañar e manter o respecto dos demais irmáns. Como poden conseguilo?
b Cambiáronse algúns nomes.