Xoán o Bautista ensínanos a seguir sendo felices
GUSTARÍACHE ter unha responsabilidade na congregación que agora está fóra do teu alcance? Quizais é unha responsabilidade que ten outra persoa ou que tiveches no pasado algunha vez. Pode ser que a idade, a mala saúde, os problemas económicos ou as responsabilidades familiares limiten o que podes facer agora. Ou poida que tiveses que deixar un privilexio que tiveches durante moitos anos debido a cambios na organización. Sen importar a razón, é posible que sintas que non estás a facer todo o que che gustaría no servizo a Deus. É comprensible que, ante estas situacións, ás veces poidas sentirte decepcionado. Aínda así, como podes evitar que os sentimentos negativos como o desánimo, a amargura ou o resentimento te invadan? Que podes facer para manter a alegría?
O exemplo de Xoán o Bautista pode ensinarnos unha lección sobre como manter a alegría. Desfrutou de privilexios extraordinarios, pero probablemente esperaba que a súa vida servindo a Xehová fose diferente. Seguro que nunca imaxinou que pasaría máis tempo no cárcere que levando a cabo o seu ministerio. Aínda así, Xoán seguiu sendo feliz e mantivo esa actitude o resto da súa vida. Que lle axudou? E como podemos manter a alegría incluso cando levamos decepcións?
UNHA RESPONSABILIDADE QUE O FIXO FELIZ
Na primavera do ano 29, Xoán empezou a preparar o camiño para o Mesías dicindo: “Arrepentídevos, porque o Reino dos ceos xa está cerca” (Mat. 3:2; Luc. 1:12-17). Cal foi a resposta da xente? Viñeron multitudes de tódalas partes a escoitar a súa mensaxe e moitos deles arrepentíronse e bautizáronse. Xoán tamén advertiu con valentía os líderes relixiosos, que se crían superiores os demais, do xuízo que lles esperaba se non cambiaban (Mat. 3:5-12). O momento máis importante do seu ministerio foi no outono do ano 29, cando bautizou a Xesús. A partir dese momento, Xoán díxolle á xente que seguise a Xesús, o Mesías prometido (Xoán 1:32-37).
Polo papel tan importante que tivo Xoán, Xesús puido dicir: “Non naceu ninguén superior a Xoán o Bautista” (Mat. 11:11). Está claro que Xoán valorou as bendicións que recibiu. Ó igual que el, hoxe moitos tamén teñen abundantes bendicións. Por exemplo, un irmán chamado Terry e a súa muller Sandra, estiveron no servizo a tempo completo máis de cincuenta anos. El di: “Tiven moitas oportunidades marabillosas de servir a Xehová. Servín como pioneiro, betelita, pioneiro especial, superintendente de circuíto, superintendente de distrito e agora de novo como pioneiro especial”. Alégranos moito recibir este tipo de responsabilidades, pero como aprenderemos do exemplo de Xoán, manter a alegría require esforzo cando as nosas circunstancias cambian.
SEXAMOS AGRADECIDOS
Algo que axudou a Xoán o Bautista a seguir sendo feliz foi estar agradecido polas responsabilidades que tiña. Vexamos un exemplo. Despois do bautismo de Xesús, o ministerio de Xoán empezou a diminuír mentres que o ministerio de Xesús empezou a aumentar. Os discípulos de Xoán estaban preocupados por esta situación e dixéronlle: “Está bautizando e todos están indo onda el” (Xoán 3:26). Xoán contestou: “Quen casa coa noiva é o noivo. Pero cando o amigo do noivo está cerca del e o escoita, alégrase moito ó oír a voz do noivo. Por iso agora estou cheo de alegría” (Xoán 3:29). Xoán non competía con Xesús, nin pensaba que o seu traballo tivese menos valor pola responsabilidade tan importante que tiña Xesús. Máis ben, seguiu sendo feliz porque valoraba o seu papel como “amigo do noivo”.
A boa actitude de Xoán axudoulle a estar contento a pesar de todo o que esixía a súa responsabilidade. Por exemplo, Xoán era nazireo de nacemento e por iso tiña prohibido beber viño (Luc. 1:15). Referíndose a vida austera de Xoán, Xesús dixo que “non come nin bebe”. Polo contrario, Xesús e os seus discípulos non tiñan este tipo de restricións e levaban unha vida máis normal (Mat. 11:18, 19). Por outra banda, Xoán sabía que non podía facer milagres pero que os discípulos de Xesús si os podían facer, incluídos algúns que inicialmente eran os seus seguidores (Mat. 10:1; Xoán 10:41). En vez de deixar que estas diferenzas o distraesen, Xoán cumpriu con entusiasmo a responsabilidade que Xehová lle dera.
Se nós tamén valoramos as responsabilidades que temos agora no noso servizo a Xehová, poderemos manter a alegría. Terry, mencionado antes, di: “Enfoqueime en cada responsabilidade que recibín”. Cando mira atrás na súa vida dedicada ó servizo a tempo completo, el di: “Non me arrepinto de nada, só teño recordos fantásticos”.
Podemos ser máis felices no servizo a Deus meditando no que lle dá verdadeiro valor a calquera responsabilidade teocrática: ter o privilexio de ser “colaboradores de Deus” (1 Cor. 3:9). Tal e como pulir unha reliquia familiar pode manter o seu brillo, meditar no profundo honor de servir a Deus pode evitar que puntos de vista equivocados nos rouben a alegría. Sería un erro comparar os nosos sacrificios cos sacrificios doutros ou non valorar os nosos privilexios por pensar que os dos demais son mellores (Gál. 6:4).
CENTRÉMONOS EN ASUNTOS ESPIRITUAIS
Seguramente Xoán era consciente de que o seu ministerio iría a menos, pero non se imaxinou que terminaría tan repentinamente (Xoán 3:30). No ano 30, uns seis meses despois do bautismo de Xesús, o rei Herodes encarcerou a Xoán. Aínda así, fixo todo o que puido por seguir dando testemuño (Mar. 6:17-20). Que lle axudou a manter a alegría a pesar destes cambios? Centrouse en asuntos espirituais.
Cando Xoán estaba en prisión recibiu informes do aumento que estaba a ter o ministerio de Xesús (Mat. 11:2; Luc. 7:18). Xoán estaba convencido de que Xesús era o Mesías, pero pode ser que se preguntase como cumpriría todo o que as Escrituras profetizaran sobre el. Tendo en conta que o Mesías ía ser rei, empezaría Xesús a gobernar pronto? Se fose así, liberaría a Xoán da prisión? Xoán tiña moitas ganas de entender claramente o papel de Xesús, por iso enviou dous dos seus discípulos a preguntarlle: “Es ti o que ten que vir ou temos que esperar a outro?” (Luc. 7:19). Cando chegaron de volta, seguro que Xoán escoitou con atención todo o que lle contaron. Faláronlle sobre as curacións milagrosas que facía Xesús e transmitíronlle a seguinte mensaxe da súa parte: “Agora os cegos ven, os coxos camiñan, os leprosos son curados, os xordos oen, os mortos son resucitados e ós pobres anúncianselles as boas noticias” (Luc. 7:20-22).
De seguro que estas noticias fortaleceron a Xoán porque verificaban que Xesús estaba a cumprir as profecías mesiánicas. Aínda que Xesús non o ía liberar do cárcere, Xoán sabía que o seu servizo non fora inútil. A pesar das súas circunstancias tiña boas razóns para ser feliz.
Centrarnos nos bos informes da nosa predicación mundial pode axudarnos a seguir sendo felices.
Igual que Xoán, se nos centramos en asuntos espirituais poderemos aguantar con alegría e paciencia (Col. 1:9-11). Podemos logralo lendo a Biblia e meditando nela, recordando que o que fagamos para Deus nunca é en balde (1 Cor. 15:58). Sandra di: “Ler un capítulo da Biblia cada día axudoume a estar máis cerca de Xehová. Iso axudoume a centrarme nel e non en min”. Tamén podemos fixarnos nos informes que explican todo o que se está a facer polo Reino. Poden axudarnos a ver máis alá das nosas propias circunstancias e concentrarnos no que Xehová está logrando. Sandra segue dicindo: “Os programas mensuais de JW Broadcasting® axúdannos a sentirnos máis cerca da organización e a manter a alegría no traballo que se nos asignou”.
Xoán o Bautista levou a cabo o seu breve ministerio “co espírito e co poder de Elías”. E ó igual que Elías, “era un home con sentimentos coma os nosos” (Luc. 1:17; Sant. 5:17). Se imitamos o seu exemplo sendo agradecidos e centrándonos nos asuntos espirituais, poderemos seguir sendo felices no noso servizo a Xehová pase o que pase.