“As vosas obras terán a súa recompensa”
O REI Asá dirixe o seu exército dende a parte montañosa de Xudea ata a zona de costa. Detense cando chega a un lugar onde pode observar o xigantesco exército inimigo. Debe haber un millón de soldados etíopes, mentres que Asá só ten pouco máis da metade.
Agora que a batalla é inevitable, que é o primeiro que fará Asá? Darlle ordes ós seus xenerais? Animar as tropas? Mandar cartas a súa familia? Nada disto. Ó enfrontarse a esta perigosa situación o primeiro que fai é orarlle a Deus.
Antes de analizar a súa oración e de examinar o que pasou nesta ocasión, pensemos na clase de persoa que era Asá. Que o levou a actuar daquel xeito? Estaba no certo ó pensar que Xehová lle axudaría? Que nos ensina este relato sobre como Xehová apoia e protexe os seus servos?
A HISTORIA DE ASÁ
Asá empezou a gobernar no ano 977 a. n. e., uns vinte anos despois de que Israel se dividira en dous reinos. Cando chegou a ser rei, moita xente en Xudá estaba adorando deuses cananeos. Que faría Asá? O relato inspirado di que “fixo o que o Señor, o seu Deus, aproba e estima. Suprimiu os altares estranxeiros e as ermidas dos outeiros, destrozou as estelas e cortou os cipos” (2 Crón. 14:1, 2 [14:2, 3, TNM]). Tamén expulsou do reino de Xudá os prostitutos de templo, quen mantiñan relacións sexuais con outros homes como parte dos seus ritos pagáns. Pero Asá non se limitou a eliminar a adoración falsa, senón que animou o pobo a “servi-lo Señor, Deus de seus pais, e a observa-la lei e os preceptos” (1 Reis 15:12, 13; 2 Crón. 14:3 [14:4, TNM]).
Grazas a que Asá se esforzou por restaurar a adoración verdadeira, Xehová recompensouno con moitos anos de paz durante o seu reinado. Por iso puido dicir: “Servímo-lo Señor, noso Deus, e El concedeunos paz cos veciños”. A xente aproveitou esa paz fortificando as cidades do reino de Xudá “con pleno éxito” (2 Crón. 13:23 [14:1, TNM]; 14:5, 6 [14:6, 7, TNM]).
NO CAMPO DE BATALLA
Vendo o home espiritual que era Asá, non nos sorprende que lle orase a Xehová cando se ía enfrontar ó maior exército que se menciona nas Escrituras. Asá sabía que Deus sempre axuda a quen se mantén leal. Na súa oración, suplicoulle a Xehová por axuda, recoñecendo que se confiaba nel non importaba o xigantesco ou poderoso que fose o inimigo. Tamén sabía que o nome de Xehová estaba envolto. Por iso orou deste xeito: “Axúdanos, Señor, noso Deus, que en Ti nos apoiamos e no teu nome nos diriximos contra esa multitude. Ti e-lo noso Deus. Non te deixes vencer por un home” (2 Crón. 14:10 [14:11, TNM]). Noutras palabras, Asá estaba dicindo: “O exército etíope estache atacando a ti Xehová. Non deixes que deshonren o teu nome permitindo que esta xente derrote os teus servos”. Sabemos que Xehová respondeu a súa oración porque a Biblia di que “o Señor derrotou os cuxitas [ou etíopes] ante Asá e Xudá. Os cuxitas fuxiron” (2 Crón. 14:11 [14:12, TNM]).
Hoxe en día, o pobo de Deus enfróntase a opoñentes moi poderosos. É verdade que non loitamos contra eles con armas físicas nun campo de batalla. Pero podemos estar seguros de que se nos poñemos de parte de Xehová os inimigos non poderán connosco. Cada un de nós pode que teña que librar as súas propias batallas contra a influencia deste mundo, as nosas debilidades ou calquera cousa que poida danar a espiritualidade da nosa familia. Sexa cal sexa a nosa loita, a oración de Asá pódenos axudar. Gañou a batalla porque Xehová pelexou por el. O que mostra que se confiamos en Xehová tamén poderemos gañar as nosas batallas. Ningún poder humano pode contra Deus.
DEULLE ÁNIMO E UNHA ADVERTENCIA
O profeta Azarías foi ver a Asá despois de que regresase da batalla. O profeta deulle ánimo e tamén unha advertencia. Díxolle: “Escoitádeme, Asá, Xudá e Benxamín: se estades co Señor, El estará convosco; se o buscades, deixarase encontrar; pero se o abandonades, abandonaravos. [...] Cobrade ánimo, non desfalezades, que as vosas obras terán a súa recompensa” (2 Crón. 15:1, 2, 7).
Estas palabras poden fortalecer a nosa fe. Mostran que Xehová estará connosco se o servimos lealmente. Cando acudimos a el por axuda, podemos estar seguros de que nos escoita. Azarías dixo: “Cobrade ánimo”. Ás veces necesitamos moito ánimo e valor para facer o correcto, pero sabemos que coa axuda de Xehová poderemos conseguilo.
Asá tivo que ser forte e quitarlle a posición elevada de “raíña-nai á súa avoa Macah porque fixera unha imaxe de Axtarté”. Non só lle quitou o título —algo que lle foi moi difícil—, senón que tamén queimou o seu ídolo (1 Reis 15:13). Asá recibiu bendicións pola lealdade e polo valor que demostrou. Nós tamén debemos apegarnos a Xehová e as súas xustas normas independentemente de se a nosa familia é ou non é leal a Deus. Así, Xehová recompensará a nosa lealdade.
Despois de ver o moito que Xehová lle axudara a Asá, moitos israelitas do reino do norte empezaron a vir e a establecerse en Xudá. Apreciaban tanto a adoración pura que escolleron deixar as súas casas para vivir cos servos de Xehová. Entón, Asá e todo Xudá “fixeron un pacto, comprometéndose a servi-lo Señor, Deus de seus pais, con todo o corazón e con toda a alma”. Grazas a isto, Deus “deixouse encontrar por eles e concedeulles paz cos seus veciños” (2 Crón. 15:9-15). Que alegría nos dá ver que persoas de bo corazón empezan a servir a Xehová!
Pero Azarías non lle regalou os oídos. Tamén lle deu unha advertencia: “Se o abandonades [a Xehová], abandonaravos”. As consecuencias de abandonar a Xehová e de perder a súa axuda poden ser terribles (2 Ped. 2:20-22). A Biblia non di o motivo polo que Xehová lle deu esta advertencia. O que si sabemos é que Asá pouco caso lle fixo.
“FIXECHES UNHA LOUCURA”
No ano 36 do goberno de Asá, o rei Baxá de Israel empezou a ameazar Xudá. Este rei púxose a fortalecer a cidade fronteiriza de Ramá, que estaba 8 km ó norte de Xerusalén. Posiblemente fixo isto para evitar a toda costa que a súa xente empezase a apoiar a Asá e adorar a Xehová. Asá puido buscar a axuda de Deus como xa fixera cos etíopes, pero nesta ocasión preferiu a axuda dun simple humano. Mandoulle un regalo ó rei de Siria e pediulle que atacase o reino de Israel. Despois de que os sirios fixeran algúns ataques, a Baxá non lle quedou máis remedio que marchar de Ramá (2 Crón. 16:1-5).
Como era de esperar, a Xehová non lle gustou nadiña o que fixera Asá, así que lle mandou ó profeta Hananí. Despois de ver como Deus lle axudara cos etíopes, Asá debeu aprender que “o Señor repasa a terra enteira cos seus ollos para fortalecer ós que lle son leais de corazón”. Pode ser que chegase á conclusión de que podía derrotar a Baxá el soíño por culpa dun mal consello ou que pensase que tiña forza abondo para derrotalo sen axuda de Deus. Sexa como sexa, Asá preferiu facer as cousas á súa maneira. De aí que Hananí lle dixera: “Fixeches unha loucura e de agora en adiante vivirás en guerra” (2 Crón. 16:7-9).
Asá reaccionou mal e empezou a botar fume. Deulle unha arroutada e botou a Hananí no cárcere (2 Crón. 16:10). É posible que Asá pensase: “Despois de manterme fiel durante tantos anos, merezo que me veñan corrixir a min?”. Tamén existe a posibilidade de que perdese a cabeza. Non obstante, a Biblia non menciona o motivo desta reacción.
No ano 39 do seu reinado, Asá púxose moi enfermo por culpa dunha doenza nos seus pés. Aprendería algo? O relato di: “Aínda que a enfermidade se foi agravando, acudiu só ós médicos, sen acudir ó Señor nen sequera na enfermidade”. Está claro que Asá deixou de coidar da súa saúde espiritual. Tristemente, todo indica que foi así ata que morreu no ano 41 do seu reinado (2 Crón. 16:12-14).
Pero aínda que Asá cometeu erros, non esquecemos as súas boas cualidades e o seu entusiasmo pola adoración pura. De feito, en toda a súa vida nunca deixou de servir a Xehová (1 Reis 15:14). Tendo en conta as cousas boas que fixo, que aprendemos da súa vida? Aprendemos que ter presente como Xehová nos axudou no pasado vainos motivar a pedirlle axuda cando pasemos por problemas. Tamén aprendemos que non deberiamos pensar que non necesitamos a guía da Palabra de Deus tan só por levar moitos anos sendo os seus servos. Sen importar canto tempo levemos sendo leais, Xehová vainos corrixir se cometemos un erro. E para sacar proveito desa disciplina, debemos ser humildes e aceptala. Pero o máis importante de todo é que se lle somos leais a Xehová, el vainos axudar. Os seus ollos repasan toda a terra para atopar a aqueles que lles son leais de corazón e recompénsaos usando o seu poder para axudarlles. Isto é o que fixo por Asá, e podemos estar seguros de que tamén o fará por nós.
[Frase destacada]
Xehová daranos a vitoria se lle somos fieis.
[Frase destacada]
Fai falta ánimo e valor para facer o que está ben ós ollos de Xehová.