42 MARÍA
Tivo o valor de aceptar
CAL foi a responsabilidade máis importante que Xehová lle deu a un ser humano imperfecto? Pensemos en María, unha virxe xudía. Un día, cando estaba na súa casa de Nazaret de Galilea, recibiu de súpeto unha visita pouco habitual: o anxo Gabriel!
O anxo díxolle: “Saúdote a ti, que tes o favor de Deus de maneira especial. Xehová está contigo”. Ó principio María “quedou moi desconcertada”, non cría que merecese un eloxio así. Gabriel animouna dicíndolle que tiña “o favor de Deus”. Entón explicoulle que Xehová lle asignara unha responsabilidade sen precedentes: “Vas quedar embarazada, darás a luz un fillo”. E engadiu: “El será grande e será chamado Fillo do Altísimo”. O seu fillo gobernaría como rei e sería o herdeiro máis importante do rei David.
Pero, aínda que María estaba prometida, non estaba casada e seguía sendo virxe. Así que tivo valor e preguntoulle ó anxo: “Como pode ser iso?”. Gabriel explicoulle que Xehová usaría o seu propio poder, o espírito santo, para que quedase embarazada. O fillo que tería sería perfecto e chamaríaselle “santo, Fillo de Deus”. Tamén lle contou o que Xehová fixera por Elísabet, a súa parente. Iso xa foi suficiente para tranquilizala. Así que simplemente dixo: “Aquí está a escrava de Xehová! Que me pase tal e como dixeches”. Ela víase a si mesma coma unha escrava obediente e a Xehová coma o seu dono cariñoso. Sabía que se facía a súa vontade el sempre a axudaría e a protexería. Ese punto de vista deulle o valor para aceptar esta seria responsabilidade.
Despois de que marchase o anxo, María foi visitar a Elísabet. As dúas mulleres animáronse mutuamente para afrontar o que tiñan por diante. María expresou a súa fe en Xehová, demostrando de onde sacaba o seu valor. Nunha soa conversación fixo máis de vinte referencias ás Escrituras Hebreas! Está claro que María era unha muller de fe que meditaba profundamente na Palabra de Deus. Polo tanto coñecía ben a Xehová e tiña boas razóns para confiar nas súas promesas. María quedou con Elísabet uns tres meses antes de volver á súa casa. Necesitaba moito valor para contarlle a Xosé que estaba embarazada e explicarlle como sucedera. Ó principio, a Xosé custoulle crer o que María lle dixo. Pero o anxo de Xehová explicoulle que María lle estaba contando a verdade.
María e Xosé casaron, e acercábase o momento do nacemento do neno. Con todo, Xosé levouna con el a Belén, porque o césar decretara que tódolos habitantes tiñan que inscribirse no rexistro na súa cidade de orixe. No punto do embarazo no que estaba María, ter que viaxar uns 150 quilómetros nun burro debeu ser moi difícil. Pero aínda así foi. Acabou dando a luz nunha corte e deitando o pequeno nun comedeiro para animais. A pesar de todo, María tivo valor e confiou en Xehová. Estaba decidida a facer todo o que podía na súa situación para coidar do seu querido filliño.
Mediante un anxo, Xehová deulle a María unha responsabilidade que ninguén tivera nunca antes.
Durante os seguintes días e anos María tamén necesitaría valor. Necesitaríao cando ela, Xosé e o pequeno Xesús escaparon a Exipto porque o rei Herodes quería matar o neno. Necesitaríao cando, a pesar de ser pobres, tiveron que criar polo menos seis nenos máis. Necesitaríao cando morreu o seu querido home, Xosé, probablemente antes de que Xesús chegase a ser o Mesías. Necesitaríao cando Xesús deixou a súa casa para cumprir coa súa misión. Necesitaríao sobre todo cando acusaron falsamente a Xesús, o detiveron e o executaron. E por último, necesitaría valor para unirse ós seguidores do seu fillo e enfrontarse ó odio da sociedade xudía.
Está claro que María tiña unha responsabilidade moi grande. De onde sacou o valor para cumprir con ela? A Biblia mostra que cada vez que María aprendía algo novo que fortalecía a súa fe gardábao no seu corazón. Grazas a iso chegou a ter moitos tesouros espirituais nos que meditar. Algúns viñan da Palabra de Deus, outros viñan de anxos e doutros servos de Xehová, e outros viñan do seu fillo. Meditar en todas estas cousas axudou a María a superar tódolos desafíos ós que se enfrontou ó longo da súa vida.
Le o relato da Biblia:
Pensa nisto:
De que formas demostrou valor María?
Afonda máis
1. Que proba histórica demostra o que di Lucas 2:1-3? (g 4/11 páx. 11 pars. 4, 5-wcgr). A
British Library, London, UK, from the British Library archive/Bridgeman Images
Imaxe A: Censo decretado polo gobernador romano de Exipto, 104 n. e.
2. Por que puido ser a viaxe a Belén unha auténtica odisea para María? (ia páxs. 153-155 pars. 4-7-wcgr).
3. Cando Xesús aínda era un bebé, un home chamado Simeón díxolle a María: “Unha espada longa atravesarache a alma”. Como se cumpriron estas palabras? (Luc. 2:35; w08 15/3 páx. 30 par. 8-wcgr).
4. Por que podemos dicir que María está agora no ceo? (w18.07 páx. 10 par. 14-wcgr). B
Imaxe B: María e os seus fillos estaban en Xerusalén os días previos ó Pentecostés do ano 33.
Medita no que aprendiches
Cando María necesitou forzas e ánimo foi visitar a Elísabet (Luc. 1:39, 40). Por que debemos buscar axuda cando nos enfrontemos a problemas ou teñamos unha responsabilidade que se nos faga difícil? C
Imaxe C
Aínda que María estaba comprometida con Xosé, Xehová enviou o seu anxo para que falase primeiro con María. Que podemos aprender disto sobre a forma que ten Xehová de ver as mulleres fieis?
Como podes imitar o valor de María?
Analiza o cadro completo
Que me ensina este relato sobre Xehová?
Como se relaciona este relato co propósito de Xehová?
Por que estás agradecido de que María probablemente fose escollida para gobernar con Cristo no ceo?
Aprende máis
Pensa en maneiras nas que María traballou duro para coidar do seu fillo.
“Que podemos aprender de María?” (w09 1/1 páx. 5 par. 5–páx. 6 par. 2-wcgr)
Como se sentiu María cando recibiu de Gabriel unha responsabilidade tan importante e única?