40 NEHEMÍAS
Reconstruíu a muralla
NEHEMÍAS vivía na cidade persa de Xuxán, pero o seu corazón estaba lonxe, en Xerusalén. Amaba moito esa cidade, pois o templo de Xehová estaba alí. Aínda que o pobo de Deus puido volver despois dun longo exilio, a adoración pura non estaba no seu mellor momento. A muralla da cidade estaba en ruínas, e naquel tempo unha cidade sen muralla estaba indefensa ante ataques inimigos. Iso facía que pouca xente quixese vivir alí.
Nehemías era un respectado oficial do goberno do rei persa Artaxerxes. Pero ante todo, era un leal servo de Xehová. Un día o irmán de Nehemías foi de visita e contoulle que Xerusalén estaba nunha situación terrible. Díxolle que as murallas seguían sen reconstruír e que a xente se sentía humillada.
Nehemías estaba profundamente angustiado. Despois escribiu: “Sentei, chorei e a pena apoderouse de min durante uns días”. Oroulle a Xehová rogándolle que se acordase do seu pobo e lles axudase. Máis tarde, mentres lle servía viño a Artaxerxes, o rei preguntoulle por que parecía estar triste. Nese momento Nehemías sentiu un gran temor, pero aínda así faloulle da mala situación na que estaba Xerusalén. Artaxerxes preguntoulle que quería. Axiña, Nehemías oroulle “ó Deus dos ceos”. Entón díxolle a este poderoso gobernante que lle gustaría deixar o seu posto por un tempo para volver a Xerusalén e axudar a reconstruír a muralla e as súas portas. O rei concedeulle todo o que lle pediu.
Nehemías fixo a longa e perigosa viaxe ata Xerusalén. Tres días despois de chegar levantouse durante a noite, para non chamar a atención, e foi inspeccionar a muralla. Entón organizou a xente e deulles ánimo para traballar na reconstrución. Ademais púxolles o exemplo participando na obra. A maioría do pobo estivo disposto a participar, incluídos os príncipes e outros homes ricos importantes. Ata as fillas dun dos príncipes traballaron na reconstrución xunto co seu pai!
Os xudeus tiñan moitos inimigos que non querían ver Xerusalén convertida nunha cidade segura e poderosa. Ó principio aqueles inimigos ríronse deles. Un dixo que incluso un raposo podería tirar a muralla que Nehemías e a súa xente estaban a construír. Pero Nehemías ignorounos e seguiu animando os traballadores.
A pesar das burlas, das ameazas e das trampas puido reconstruír a muralla de Xerusalén.
A oposición foi a máis. Cando a muralla xa chegaba á metade da altura que querían, apareceu unha ameaza: os inimigos preparáronse para atacar Xerusalén dende tódalas direccións! Así que Nehemías tomou medidas prácticas para asegurar a cidade. Frustrados, os inimigos abandonaron a idea dun ataque directo. De aí en diante, Nehemías e a metade dos homes protexían a cidade levando as súas armas, mentres que a outra metade seguía traballando. Pero os seus inimigos non se renderon.
A seguinte táctica foi ameazar de morte a Nehemías para que se asustase e se escondese dentro do templo de Xehová, violando a Lei. Pero Nehemías negouse a facelo e dixo: “¿Un home coma min emprenderá a fuga?”. Seguiu traballando sabendo que os xudeus estaban facendo a vontade de Xehová e que contaban co seu apoio. E vaia se os apoiou! En tan só 52 días a muralla estaba completamente reconstruída e aqueles burlóns perseguidores foron humillados.
Agora Nehemías necesitaría valor para tratar co seu propio pobo. Tiña que tomar a iniciativa axudándolles a vivir de acordo coas leis de Xehová. Por exemplo, cando os ricos abusaron dos pobres dándolles préstamos e cobrándolles intereses moi altos, tivo o valor de chamarlles a atención. Tempo máis tarde, cando oíu que algúns homes desobedeceran a Xehová casando con mulleres estranxeiras, corrixiunos con dureza dicíndolles que iso era un pecado moi grave e que ía en contra da Lei.
Nehemías tamén reconfortou o pobo cando fixo falta. Por exemplo, nunha ocasión na que o pobo estaba desanimado polos seus erros e pecados, Nehemías díxolles: “A felicidade que vén de Xehová é a vosa fortaleza” (Neh. 8:10, TNM). Nehemías sabía que servir o Deus feliz produce moita satisfacción. Non hai muralla nin fortaleza que puidese facelos sentir máis seguros que a felicidade que vén de Xehová. E na actualidade dános esa mesma felicidade para que nós tamén poidamos ter valor.
Le o relato da Biblia:
Pensa nisto:
De que formas demostrou valor Nehemías?
Afonda máis
1. Que implicaba ser o copeiro do rei? (w10 1/7 páx. 9 pars. 5-7-wcgr). A
National Museum of Iran, Tehran, Iran/Bridgeman Images
Imaxe A: Relevos persas mostran o copeiro de Darío I o Grande, o avó de Artaxerxes.
2. En que se diferenciaban as fillas de Xalum dos homes importantes de Tecoa? (Neh. 3:5, 12; w19.10 páx. 23 par. 11-wcgr).
3. Como podían os que levaban as cargas traballar “cunha man, mentres a outra sostiña unha arma”? (Neh. 4:11, 12 [4:17, 18, TNM]; w06 1/2 páx. 9 par. 1-wcgr). B
Imaxe B
4. Por que lle preocupaba a Nehemías que algúns nenos xudeus non soubesen falar hebreo? (Neh. 13:23-27; w16.10 páx. 14 par. 4-wcgr).
Medita no que aprendiches
Que poden aprender de Nehemías os anciáns sobre...
confiar en Xehová? (Neh. 1:4-11; 4:8 [4:14, TNM]; 13:1-3).
ter ganas de traballar cos seus irmáns? (Neh. 4:9, 15-17 [4:15, 21-23, TNM]).
estar dispostos a escoitar? (Neh. 5:1-7). C
Imaxe C
Que nos ensina o exemplo de Nehemías sobre as recompensas de renunciar a un estilo de vida cómodo para facer máis por Xehová?
De que outras maneiras podes imitar o valor de Nehemías?
Analiza o cadro completo
Que me ensina este relato sobre Xehová?
Como se relaciona este relato co propósito de Xehová?
Que che gustaría preguntarlle a Nehemías cando resucite?
Aprende máis
Que podemos aprender de Nehemías sobre o poder da oración?
“Jehová contestó su oración” (“Actividades para estudiar la Biblia” de jw.org en español)
Neste vídeo, mira como Nehemías mostrou valor cando os opositores trataron de paralo unha e outra vez.
Nehemías: A felicidade que vén de Xehová é a nosa fortaleza (parte 1) (fragmento) (5:22)