21 SAMUEL
Un neno que falou no nome de Xehová
EN CERTO sentido, Samuel tiña algo en común coa filla de Xefté e con Sansón. No caso dos tres as accións dos seus pais tiveron un profundo impacto na súa vida. Igual que a filla de Xefté, Samuel dedicou a súa vida a servir a Xehová dunha maneira especial (1 Sam. 2:11). Foi nazireo dende que naceu, igual que Sansón (Xuí. 13:7). E os tres necesitaron valor.
Cando Ana deixou de darlle o peito a Samuel, quizais ós tres anos ou máis, levouno ó tabernáculo en Xiloh para que servise a Xehová alí, tal e como prometera. Pero seguiu visitando o seu fillo tódolos anos levándolle roupa nova. Alí Samuel medrou ó coidado do sumo sacerdote Elí, que xa era maior. É posible que as mulleres que servían no tabernáculo tamén axudasen a coidar do neno.
Pero a adoración que se daba no tabernáculo estaba contaminada, e parte da culpa era de Elí. Os seus dous fillos, Hofní e Pinhás era homes malos. Estaban deitándose con algunhas das mulleres que servían a Xehová no tabernáculo e ensuciando a adoración pura doutras maneiras. Parece ser que Hofní e Pinhás ordenábanlles ós axudantes que collesen as mellores partes dos sacrificios que levaba a xente ó tabernáculo antes de que puidesen ofrecerllas a Xehová. Elí sabía o que estaban facendo os seus fillos. Pero o único que fixo foi reprendelos con suavidade, e eles non lle fixeron caso. A pesar de toda a maldade que había ó seu redor, Samuel creceu achegándose cada vez máis a Xehová e a xente queríao moito. E cando chegou o momento de corrixir os problemas que había en Xiloh, Xehová escolleu o pequeno Samuel para transmitir a súa mensaxe.
Unha noite, cando xa era moi tarde, Samuel espertou ó escoitar unha voz. Era Xehová que o chamaba! Pero Samuel pensou que era Elí, así que foi correndo onda o sumo sacerdote para preguntarlle que quería. Elí, que xa era moi maior e estaba cego, mandouno de volta para a cama porque non fora el quen o chamara. Isto pasou dúas veces máis, ata que finalmente Elí se deu conta do que estaba pasando. Díxolle a Samuel que se fose deitar outra vez, e se volvía escoitar que Xehová o chamaba tiña que contestarlle: “Fala, Señor, que o teu servo escoita”. Samuel fixo tal e como lle dixo.
Por cuarta vez, Xehová chamouno: “¡Samuel, Samuel!”. O rapaz contestoulle: “Fala: o teu servo escóitate”. Entón Xehová díxolle que ía corrixir os problemas que había en Xiloh e que castigaría a Elí por permitir que os seus fillos seguisen facendo cousas malas. Tamén castigaría toda a súa casa, incluíndo os seus fillos. E Samuel tiña que contarlle todo isto a Elí!
Samuel volveuse deitar, pero a Biblia non di se foi capaz de durmir outra vez. Ó amencer, levantouse para abrir as portas do patio do tabernáculo. Como é lóxico, “Samuel tiña medo de contarlle a Elí a súa visión”. Elí chamouno e preguntoulle polo que Deus lle dixera. Talvez se deu conta de que Samuel estaba asustado, así que engadiu: “Non mo ocultes”.
Aínda que era só un neno, Samuel tivo que transmitirlle ó sumo sacerdote Elí a mensaxe de xuízo de Xehová.
Seguro que este foi un momento moi duro para Samuel. Pode que respectase a Elí coma se fose o seu avó. En calquera caso era o sumo sacerdote, líder espiritual da nación! Aínda así, o rapaz contoulle todo o que Xehová lle dixera. Dese xeito, Elí chegou a saber da desgraza que lle viña enriba. Tomaría por fin medidas para corrixir os seus fillos? Non hai nada que o indique.
Xehová recompensou xenerosamente a Samuel polo seu valor. A Biblia di: “O Señor estaba con el”. E non só iso, usouno tamén de portavoz e “non deixou sen cumprimento ningunha palabra súa”. Todo o que Samuel profetizou sobre Elí e os seus fillos acabou cumpríndose. Samuel serviu lealmente como profeta e xuíz durante décadas. Durante todo ese tempo, Xehová usouno para dar guía espiritual a Israel. Grazas á axuda de Xehová aprendeu a ser valente dende moi pequerrecho, e seguiuno sendo toda a súa longa vida.
Le o relato da Biblia:
1 Samuel 1:9-11, 24-28; 2:12-36; 3:1-21; 25:1
Pensa nisto:
De que formas demostrou valor Samuel?
Afonda máis
1. Describe Xiloh, o lugar onde estaba o tabernáculo (w92 1/11 páxs. 8-9). A
Todd Bolen/BiblePlaces.com
Imaxe A: Lugar onde estaba a antiga Xiloh.
2. Como era a vida de Samuel no tabernáculo? (ia páxs. 60-62 pars. 9-13-wcgr). B
Imaxe B
3. En que sentido Samuel “non coñecía aínda o Señor” cando era neno? (1 Sam. 3:7; w02 15/12 páx. 8 pars. 5, 6-wcgr).
4. Como se cumpriu a profecía relacionada coa familia de Elí? (it “Elí, I” pars. 5-7-wcgr).
Medita no que aprendiches
Que poden aprender de Samuel os rapaces sobre a importancia de...
estar dispostos a obedecer? (1 Sam. 3:5).
ser educados e respectuosos? (1 Sam. 3:6-10).
ser responsables? (1 Sam. 3:15). C
Imaxe C
Cando é posible que un rapaz necesite valor para dar a súa opinión, e como lle pode axudar o exemplo de Samuel?
De que outras maneiras podes imitar o valor de Samuel?
Analiza o cadro completo
Que me ensina este relato sobre Xehová?
Como se relaciona este relato co propósito de Xehová?
Que me gustaría preguntarlle a Samuel cando resucite?
Aprende máis
Cando é posible que tanto novos coma adultos necesiten valor para defender o que é correcto?
Incluso cando a xente que o rodeaba desobedecía a Deus, o pequeno Samuel fixo o correcto.