12 CALEB
Mantívose leal ó seu Deus
MÁIS ou menos cando Moisés escapou de Exipto, un matrimonio de escravos israelitas tivo un bebé ó que chamaron Caleb. Ese neno medrou sendo escravo, pero co tempo foi liberado. Cando Caleb tiña uns 40 anos, Moisés volveu a Exipto porque Xehová lle mandara liberar o seu pobo, Israel. Caleb puido ver de primeira man o enorme poder de Xehová. Debeu de quedar moi impresionado ó ver como Xehová traía as dez pragas, dividía as augas do Mar Vermello e rescataba o seu pobo de Exipto.
Caleb nunca se esqueceu destes acontecementos que fortaleceron tanto a súa fe. E mantívose leal cando, só uns meses despois de saír de Exipto, moitos israelitas perderon a súa fe en Xehová e rebeláronse ó pé do monte Sinaí. Pouco tempo despois, Caleb recibiu unha responsabilidade especial: espiar a Terra Prometida xunto con Xosué e outros dez xefes israelitas.
Estes doce homes demostraron moito valor ó ir a Canaán, e pasaron alí corenta días espiando as cidades, a xente e os produtos que daba a terra. Cando volveron trouxeron algunhas froitas, entre elas un xigantesco acio de uvas que pesaba tanto que tiveron que levalo entre dous homes. Pero cando chegou o momento de darlles o informe ós israelitas, Caleb debeu quedar moi decepcionado ó ver que dez dos espías “desacreditaban ante os fillos de Israel a terra que exploraran”. Queixáronse de que os cananeos eran demasiado fortes e grandes para vencelos. Incluso chegaron a dicir que eran descendentes dos nefilim. Pero isto non tiña ningún sentido porque os nefilim foran destruídos no Diluvio. Este informe desanimou tanto o pobo que algúns incluso falaron de nomear un novo líder para que os levase de volta a Exipto.
Caleb e Xosué non se deixaron influenciar. Ó ver a falta de fe dos israelitas, intentaron animalos dicindo: “O Señor está connosco. ¡Non lles teñades medo!”. Pero iso só conseguiu que se enfadasen. De feito ata falaron de matalos a pedradas!
Iso doeulle moitísimo a Xehová. Despois de todo o que fixera para liberalos da poderosa nación de Exipto, os israelitas non tardaron en perder a súa fe nel. Pero para Deus non pasaron desapercibidos o valor e a fe de Caleb e Xosué. Incluso dixo do seu servo Caleb que tivera unha actitude diferente á dos demais e que o seguira fielmente con todo o corazón. Xehová decidiu que todos eses israelitas que non demostraron fe morresen no deserto.a En cambio, permitiulles a Caleb e a Xosué estar entre os poucos que vivirían o suficiente como para entrar na Terra Prometida.
Caleb púxose de parte de Xehová e fíxolle fronte a unha multitude de israelitas violentos e sen fe.
Durante os corenta anos nos que Israel estivo vagando polo deserto, Caleb apoiou lealmente a Moisés e seguiu demostrando fe e valor. Tamén apoiou a Xosué despois da morte de Moisés, cando Xehová o escolleu para guiar o seu pobo, cruzar o río Xordán e entrar na Terra Prometida. Incluso xa de maior, Caleb demostrou ter moito valor ó loitar contra os inimigos de Deus en Canaán.
Seis anos despois de que o pobo de Deus cruzase o río Xordán, xa conquistaran a maior parte da Terra Prometida. Caleb agora podería escoller o lugar no que vivir coa súa familia. E escolleu Hebrón, o mesmo sitio do que os dez espías dixeran que era imposible de conquistar porque estaba protexido por enormes guerreiros. Aínda que Caleb tiña 85 anos, estaba convencido de que Xehová estaría con el e de que podería botalos, tal como Deus prometera. E así foi. Caleb conquistou a cidade e estableceuse alí. Despois diso a Biblia di que “o país repousou da loita”.
Décadas antes Moisés dixéralle a Caleb: “Camiñaches detrás do Señor, o meu Deus”. Estamos seguros de que Caleb viviu á altura destas palabras o resto da súa vida. E seguro que o seguirá facendo cando Xehová o resucite!
Le o relato da Biblia:
Números 13:1–14:12, 20-38
Xosué 14:6-15
Pensa nisto:
De que formas demostrou valor Caleb?
Afonda máis
1. Por que podemos dicir que Números 13:23 non esaxera ó falar dos produtos que daba a Terra Prometida? (w06 15/6 páx. 16 pars. 1, 2-wcgr).
2. Realmente había abundancia de “leite e mel” na Terra Prometida tal e como dixeron Caleb e Xosué? (Núm. 14:8; w11 1/3 páx. 15). A
Institute of Archaeology/Hebrew University © Tel Rehov Excavations
Imaxe A: En Israel atopáronse colmeas de barro que datan entre o século X e principios do IX a. n. e.
3. Cando Moisés enviou os doce espías dende Cadex, a que distancia estaban os israelitas da Terra Prometida? (w04 15/10 páx. 17 pars. 11, 12-wcgr). B
Imaxe B
4. Como recompensou Xehová a fe e o valor de Caleb? (w06 1/10 páx. 18 par. 11-wcgr).
Medita no que aprendiches
Aínda que Caleb demostrou fe, tivo que deambular polo deserto co resto dos israelitas. A pesar diso, seguiu confiando en Xehová con humildade. En que situacións poderiamos imitar o seu exemplo?
Como nos axuda o exemplo de Caleb a resistir a presión de “ir coa maioría”? (Éx. 23:2). C
Imaxe C
De que outras maneiras podes imitar o valor de Caleb?
Analiza o cadro completo
Que me ensina este relato sobre Xehová?
Como se relaciona este relato co propósito de Xehová?
Que me gustaría preguntarlle a Caleb cando resucite?
Aprende máis
Analiza como a fe de Caleb estaba moi relacionada co seu valor.
“A fe e o temor de Deus dannos valor” (w06 1/10 páxs. 16-19 pars. 1-12-wcgr)
Cando Caleb tiña 85 anos, por que dixo que camiñou detrás de Xehová con todo o corazón? (Xos. 14:8).
a O decreto de Xehová non incluía os levitas ou calquera outro israelita que aínda non tivese 20 anos nese momento (Núm. 14:29).