BIBLIOTECA EN LIÑA Watchtower
BIBLIOTECA EN LIÑA
Watchtower
Galego
  • BIBLIA
  • PUBLICACIÓNS
  • REUNIÓNS
  • Lucas 18
  • A Biblia, SEPT

Ningún vídeo dispoñible.

Sentímolo, houbo un erro ó cargar o vídeo.

Traducións alternativas

Fai clic no número dun versículo para mostrar as traducións alternativas.
  • A Biblia, SEPT
  • Dispoñible en Tradución do Novo Mundo (nwt)
  • 1
  • 2
  • 3
  • 4
  • 5
  • 6
  • 7
  • 8
  • 9
  • 10
  • 11
  • 12
  • 13
  • 14
  • 15
  • 16
  • 17
  • 18
  • 19
  • 20
  • 21
  • 22
  • 23
  • 24
  • 25
  • 26
  • 27
  • 28
  • 29
  • 30
  • 31
  • 32
  • 33
  • 34
  • 35
  • 36
  • 37
  • 38
  • 39
  • 40
  • 41
  • 42
  • 43
A Biblia, SEPT
Lucas 18:1-43

Evanxeo segundo San Lucas

18 Propúxolles tamén unha parábola acerca da necesidade de orar sempre, sen cansar:

2 —Había nunha vila un xuíz que nin temía a Deus nin respectaba o home. 3 Na mesma vila había tamén unha viúva, que acudía a el dicíndolle: “Faime xustiza fronte ó meu contrario”. 4 El durante moito tempo non lle fixo caso ningún; pero despois cavilou: “Anque non temo a Deus nin respecto o home, 5 como esta viúva me está amolando, voulle facer xustiza, para que non me siga toleando toda a vida”.

6 E o Señor continuou:

—Escoitade o que di un xuíz inxusto. 7 ¿E logo Deus non lles vai facer xustiza ós seus elixidos, que claman día e noite, e non vai ter paciencia con eles? 8 Asegúrovos que lles fará xustiza a tempo. Pero cando chegue o Fillo do Home, ¿el atopará fe sobre a terra?

9 Propuxo tamén esa parábola dirixíndose a uns que estaban moi seguros de si mesmos, créndose perfectos e desprezando os demais:

10 —Dous homes subiron ó templo a orar; un era fariseo e outro recadador de impostos.

11 O fariseo, de pé, oraba para os seus adentros deste xeito: “Meu Deus, douche gracias porque non son coma os demais: ladrón, inxusto e adúltero; nin coma ese recadador. 12 Gardo o xexún dúas veces por semana e pago o dezmo de todo canto gaño”.

13 O recadador, en troques, manténdose a distancia, non se atrevía nin a levanta-los ollos ó ceo, senón que petando no peito dicía: “Meu Deus, ten compaixón de min, que son un pecador”.

14 Asegúrovos que este baixou reconciliado con Deus para a súa casa e, en cambio, o outro non. Porque a todo o que se teña por moito rebaixarano e a todo o que se rebaixe enaltecerano.

15 E levábanlle tamén os meniños para que os tocase. Pero os discípulos rifábanlles. 16 Entón Xesús chamounos e dixo:

—Deixade que os nenos se acheguen a min: non llelo privedes, porque dos que son coma eles é o Reino de Deus. 17 Asegúrovos que aquel que non reciba coma un neno o Reino de Deus non entrará nel.

18 Un home importante preguntoulle:

—Mestre bo, ¿que teño que facer para acada-la vida eterna?

19 El contestoulle:

—¿E por que me chamas bo? Ninguén é bo fóra de Deus. 20 Xa sábe-los mandamentos: Non cometas adulterio, non mates, non roubes, non deas falso testemuño, honra a teu pai e maila túa nai.

21 El respondeu:

—Todas esas cousas gardeinas desde a miña mocidade.

22 Oíndo aquilo Xesús díxolle:

—Aínda che queda unha cousa: vende todo canto tes, e repárteo entre os pobres, e terás un tesouro no ceo; e despois ven e sígueme.

23 Ó que oíu estas cousas, o home aquel quedou moi apesarado, porque era moi rico.

24 Xesús, ó velo así, comentou:

—¡Que difícil lles vai ser ós ricos entrar no Reino de Deus! 25 É máis fácil para un camelo entrar polo ollo dunha agulla, que para un rico entrar no Reino de Deus.

26 Tódolos que o escoitaban comentaron:

—Daquela ¿quen se vai poder salvar?

27 Pero el dixo:

—O que para os homes é imposible, é posible para Deus.

28 Entón díxolle Pedro:

—Pois nós, deixámolo todo, e seguímoste.

29 Xesús respondeulle:

—Tede por seguro que ninguén que deixa casa ou muller ou irmáns ou pais ou fillos polo Reino de Deus, 30 non pasará sen recibir agora cen veces máis, e no futuro a vida eterna.

31 E levando á parte ós Doce, díxolles:

—Ollade que subimos a Xerusalén, e vaise cumprir todo o que está escrito polos profetas acerca do Fillo do Home. 32 Vano entregar ós pagáns, burlaranse del, aldraxarano e cuspirán nel, 33 azoutarano e matarano. Pero ó terceiro día resucitará.

34 Pero eles non entenderon nada disto. Resultábanlle enigmáticas estas palabras e non comprenderon o que lles quería dicir.

35 Cando chegaba a Iericó, un cego estaba a pedir sentado á beira do camiño. 36 Oíndo o barullo da xente que pasaba, preguntou que era aquilo. 37 Dixéronlle que era Xesús de Nazaret, que pasaba por alí. 38 El exclamou:

—¡Xesús, Fillo de David, ten mágoa de min!

39 Os que ían diante empezaron a rifarlle, para que calase pero el aínda berraba máis alto:

—¡Fillo de David, ten mágoa de min!

40 Deténdose Xesús, mandou que llo levasen. Cando se achegou, preguntoulle:

41 —¿Que é o que queres que che faga?

El respondeu:

—Señor, que volva ver.

42 Xesús díxolle:

—Recobra a vista: salvoute a túa fe.

43 E no instante recobrou a vista, e foise detrás del, louvando a Deus. E todo o pobo, vendo aquilo, tamén louvaba a Deus.

Publicacións en galego (1986-2026)
Pechar sesión
Iniciar sesión
  • Galego
  • Compartir
  • Axustes
  • Copyright © 2026 Watch Tower Bible and Tract Society of Pennsylvania
  • Termos de uso
  • Política de privacidade
  • Axustes de privacidade
  • JW.ORG
  • Iniciar sesión
Compartir