Evanxeo segundo San Lucas
17 Díxolles ós seus discípulos:
—É irremediable que haxa escándalos; pero ¡ai de quen os provoca! 2 Máis lle valía que lle colgasen unha pedra de muíño no pescozo e que o largasen ó mar antes que escandalizar a un destes pequeniños. 3 Andade con coidado.
Se o teu irmán che fai mal, repréndeo; se se arrepinte, perdóao. 4 E se te ofende sete veces no día e sete veces volve a ti dicindo: “Síntoo moito”, perdóao.
5 Rogáronlle os apóstolos ó Señor:
—¡Auméntano-la fe!
6 O Señor respondeulles:
—Se tivesedes polo menos unha fe coma un gran de mostaza, diriádeslle a esta moreira: “Arríncate e plántate no mar”, e seguro que vos obedecía.
7 E ¿quen de vós que teña un criado arando ou pastoreando, lle di cando chega da veiga: “Entra axiña e ponte á mesa”. 8 ¿Non lle dirá máis ben: “Prepara a cea, viste a roupa de traballo e ponme a comida; e cando eu remate de comer e beber, comerás e beberás ti?” 9 ¿Ou é que aínda lle vai ter que estar agradecido ó criado por face-lo que lle manda? 10 Así tamén vós, cando fagades todo o que se vos mande, dicide: “Somos simples servidores: total, non fixemos máis do que tiñamos que facer”.
11 Indo camiño de Xerusalén, mentres pasaba entre Samaría e Galilea, 12 ó entrar nunha aldea, saíronlle ó paso dez gafos. Pararon ó lonxe, 13 e dando voces suplicáronlle:
—Xesús, Mestre, ten dó de nós.
14 El, ó velos, díxolles:
—Ídevos presentar ós sacerdotes.
E aconteceu que cando ían para alá, quedaron limpos. 15 E un deles, ó se decatar de que estaba curado, volveu louvando a Deus con grandes voces. 16 E postrándose, rostro en terra, ós pés de Xesús, deulle as gracias. Era un samaritano. 17 Xesús dixo:
—¿Non foron dez os que quedaron limpos? ¿Onde están os outros nove? 18 ¿Ninguén, fóra dun estranxeiro, volveu para lle dar gloria a Deus?
19 E engadiu:
—Érguete e vaite: salvoute a túa fe.
20 Preguntado polos fariseos cando chegaría o Reino de Deus, respondeulles:
—O Reino de Deus chegará sen deixarse sentir. 21 De tal xeito, que non se dirá: “Velaquí, ou velaí está”; porque a verdade é que o Reino de Deus xa está entre vós.
22 E díxolles ós seus discípulos:
—Virán tempos nos que arelaredes pasar un só día co Fillo do Home e non poderedes. 23 E diranvos: “Mirádeo aí, ou aquí”; pero vós non vaiades nin corrades detrás. 24 Porque coma o lóstrego brilla refulxente desde un extremo a outro do ceo, así será o Fillo do Home no seu día. 25 Pero antes é preciso que padeza moito e que esta xeración o rexeite.
26 O que pasou no tempo de Noé pasará tamén no tempo do Fillo do Home. 27 Comían e bebían e casaban eles e elas, ata o día no que Noé entrou na arca; logo veu o diluvio e acabou con todos. 28 O mesmo pasou no tempo de Lot: comían, bebían, mercaban, vendían, plantaban, construían. 29 Pero cando saíu Lot de Sodoma, choveu lume e xofre do ceo, e acabou con todos. 30 O mesmo pasará cando se manifeste o Fillo do Home.
31 Aquel día o que estea na azotea e teña as cousas dentro da casa que non baixe por elas; e o que estea na leira que tampouco non volva atrás. 32 Que vos acorde o caso da muller de Lot. 33 Quen intente salva-la súa vida perderaa; e quen a perda salvaraa. 34 Asegúrovolo: nesa noite estarán dous nunha mesma cama: levarán a un e deixarán ó outro. 35 Estarán dúas moendo xuntas; levarán a unha e deixarán a outra.
36 —
37 Eles preguntáronlle:
—¿Onde Señor?
Respondeulles:
—Onde estea o cadáver xuntaranse os voitres.