Evanxeo segundo San Lucas
19 Chegou Xesús a Iericó e pasaba atravesando a cidade. 2 Había alí un home chamado Zaqueo, xefe dos recadadores e moi rico. 3 Intentaba ver quen era Xesús; pero impedíallo a xente, porque el era pequeneiro. 4 Entón botou a correr e subiu a unha figueira para velo, porque ía pasar por alí. 5 Ó pasar Xesús por aquel lugar, levantou a vista e díxolle:
—Zaqueo, baixa de contado, que hoxe teño que parar na túa casa.
6 El, baixando de contado, acolleuno moi contento. 7 Pero vendo aquilo, a xente empezou a murmurar:
—Entrou a se hospedar na casa dun pecador.
8 Zaqueo, posto de pé, díxolle ó Señor:
—Señor, darei a metade de todo canto teño ós pobres e, se algo roubei a alguén, devolvereille catro veces máis.
9 Entón Xesús dixo:
—Hoxe chegou a salvación a esta casa, pois tamén este é fillo de Abraham. 10 Porque o Fillo do Home vén buscar e salva-lo que estaba perdido.
11 Estando a xente escoitando estas cousas, engadiu unha parábola, por estar cerca de Xerusalén e por pensa-la xente que o Reino de Deus ía aparecer de contado. 12 Dixo:
—Un home nobre marchou a un país distante, a que o coroasen rei, e volver despois. 13 Chamou logo por dez dos seus criados, repartiulles dez onzas, e encargoulles: “Negociade ata que volva”. 14 Pero os seus súbditos, que o odiaban, mandaron tras el unha embaixada, dicindo: “Non queremos que este sexa o noso rei”.
15 Cando volveu, xa coroado coma rei, mandou chamar polos criados aqueles, ós que lles dera as onzas, para saber canto gañara cada un.
16 Presentouse o primeiro, dicindo: “Señor, a túa onza produciu outras dez”. 17 El contestoulle: “Ben, criado cumpridor: xa que fuches fiel en cousa pequena, serás rexedor de dez cidades”.
18 Chegou o segundo dicindo: “A túa onza, Señor, produciu outras cinco”, 19 Contestou-lle tamén a este: “Ti tamén serás rexedor de cinco cidades”.
20 E chegou outro, dicindo: “Señor, aquí te-la túa onza; tíñaa gardada nun paniño, 21 pois sabía que eras home esixente, que cólle-lo que non pos e seitúra-lo que non sementas”. 22 El contestoulle: “As túas palabras condénante, criado inútil. Así que ti sabías que son home esixente, que collo o que non poño, e seituro o que non semento. 23 Pois logo ¿por que non deixaches nun banco os meus cartos? Así, ó chegar, eu podía recolle-los intereses”.
24 E díxolles ós presentes: “¡Quitádelle a onza e dádella ó que ten dez!”. 25 Eles replicaron: “¡Señor, se ese xa ten dez onzas!”
El seguiu: 26 “Asegúrovos que a todo o que ten, háselle dar; pero ó que non ten, aínda o que ten se lle ha de quitar. 27 E a todos eses meus inimigos, que non me querían por rei, traédeos aquí, e degoládeos na miña presencia”.
28 E dito isto, botou a andar diante deles camiño de Xerusalén.
29 E cando se aproximaban a Betfagué e a Betania, ó pé do chamado Monte das Oliveiras, mandou dous discípulos, 30 dicíndolles:
—Ide á aldea que tedes aí diante, e atoparedes atado un burriño que ninguén montou aínda nunca. Soltádeo e traédeo. 31 E se alguén vos pregunta: “¿Por que o soltades?”, respondédelle: “Precísao o Señor”.
32 Foron os discípulos, e atoparon todo tal como lles dixera. 33 E cando ceibaron o burriño, preguntáronlle-los donos:
—¿Por que soltáde-lo burriño?
34 Eles contestaron:
—Precísao o Señor.
35 Levárono onda Xesús, botaron os mantos sobre o burriño e axudárono a montar. 36 E ó pasar el, a xente estendía os mantos polo camiño. 37 Cando se aproximaban á baixada do Monte das Oliveiras, a multitude de discípulos, cheos de alegría, comezaron a louvar a Deus con grandes gritos, por tódalas marabillas que tiñan visto. 38 Dicían:
—¡Benia o que vén, coma rei, no nome do Señor. Paz no ceo, e gloria no máis alto!
39 Algúns dos fariseos que estaban entre a xente, dixéronlle:
—Mestre, reprende a eses teus discípulos.
40 Pero el respondeulles:
—Asegúrovos que se estes calan, falarán as pedras.
41 E ó enxergaren a cidade, chorou sobre ela 42 dicindo:
—¡Ai, se ti tamén coñeceses neste día o que che podía traer paz! Pero os teus ollos non o dan visto. 43 E virán días nos que os teus inimigos te rodearán de trincheiras; asediarante, e apretarante por todas partes. 44 Esnaquizarante contra o chan a ti e mailos teus fillos. Non che deixarán pedra sobre pedra, por non recoñecére-la oportunidade de cando te visitaron.
45 Despois entrou no templo, e empezou a botar fóra os tendeiros, 46 dicíndolles:
—Está escrito: a miña casa ha ser casa de oración; pero vós convertéstela en cova de bandidos.
47 Ensinaba tódolos días no templo. Daquela xa os sumos sacerdotes, os letrados e mailos notables do pobo buscaban o xeito de acabaren con el. 48 Pero non o atopaban, porque todo o pobo estaba moi atento ó que el dicía.