Esdras
8 Estes foron os xefes das casas paternas e o rexistro da xenealoxía dos que subiron comigo de Babilonia durante o reinado do rei Artaxerxes: 2 dos fillos de Finehás, Guerxom; dos fillos de Itamar, Daniel; dos fillos de David, Hatús; 3 dos fillos de Secanías, que era dos fillos de Parós, Zacarías, e con el subiron 150 homes que estaban rexistrados na xenealoxía; 4 dos fillos de Pahat-Moab, Eliehoenai, que era fillo de Zerahías, e con el 200 homes; 5 dos fillos de Zatú, Secanías, que era fillo de Xahaziel, e con el 300 homes; 6 dos fillos de Adín, Ébed, que era fillo de Xonatán, e con el 50 homes; 7 dos fillos de Elam, Xesaías, que era fillo de Atalía, e con el 70 homes; 8 dos fillos de Xefatías, Zebadías, que era fillo de Miguel, e con el 80 homes; 9 dos fillos de Xoab, Abdías, que era fillo de Xehiel, e con el 218 homes; 10 dos fillos de Baní, Xelomit, que era fillo de Xosifías, e con el 160 homes; 11 dos fillos de Bebai, Zacarías, que era fillo de Bebai, e con el 28 homes; 12 dos fillos de Azgad, Xohanán, que era fillo de Hacatán, e con el 110 homes; 13 dos fillos de Adonicam, os últimos que volveron chamábanse Elifélet, Xeiel e Semaia, e con eles 60 homes, 14 e dos fillos de Bigvai, Utai e Zabbud, e con eles 70 homes.
15 Xunteinos a todos á beira do río que chega a Ahavá e acampamos alí durante tres días. Pero cando me puxen a buscar entre a xente do pobo e os sacerdotes, non encontrei ningún levita. 16 Así que mandei chamar a Eliezer, Ariel, Semaia, Elnatán, Xarib, Elnatán, Natán, Zacarías e Mexulam, que eran os xefes, e a Xoiarib e Elnatán, que eran mestres. 17 E mandeilles que fosen falar con Idó, o líder dun lugar chamado Casifiá. Díxenlles que lles pedisen a Idó e ós seus irmáns, que eran os servos do templo* que estaban en Casifiá, que nos trouxesen servos para a casa do noso Deus. 18 Como Deus estaba con nós*, trouxéronnos a Xerebías (un home sensato descendente de Mahlí, o neto de Leví, o fillo de Israel) e tamén ós seus fillos e ós seus irmáns. En total eran 18 homes. 19 Tamén nos trouxeron a Haxabías e a Xesaías, dos meraritas, e ós irmáns del e ós seus fillos. En total eran 20 homes. 20 Ademais, trouxéronnos 220 homes que eran descendentes dos servos do templo ós que David e os líderes do pobo* puxeran ó servizo dos levitas. Todos eles estaban rexistrados por nome na xenealoxía.
21 Entón mandei que se fixese xaxún* alí, ó lado do río Ahavá, para humillarnos diante do noso Deus e para pedirlle que nos guiase durante a viaxe que iamos facer cos nosos fillos e con tódolos nosos bens. 22 Deume vergonza pedirlle soldados e xinetes ó rei para que nos protexesen dos inimigos durante todo o camiño, porque lle dixeramos: “Deus está con* tódolos que o buscan, pero a súa forza e a súa furia están contra tódolos que o abandonan”. 23 Por iso fixemos xaxún e pedímoslle ó noso Deus que nos axudase con isto, e el escoitou as nosas súplicas.
24 Despois escollín 12 xefes dos sacerdotes: a Xerebías e a Haxabías e a 10 dos seus irmáns. 25 E pesei diante deles a prata, o ouro e os utensilios que o rei, os seus conselleiros, os seus oficiais de alto rango* e tódolos israelitas que estaban alí deran para a casa do noso Deus. 26 Despois de pesar todo, deilles 650 talentos* de prata, 100 utensilios de prata valorados en 2 talentos, 100 talentos de ouro, 27 20 cuncas pequenas feitas de ouro valoradas en 1000 dáricos* e 2 utensilios de cobre de boa calidade, de cor vermella brillante e tan valiosos coma o ouro.
28 Entón díxenlles: “Vós sodes santos para Xehová e os utensilios tamén son santos, e a prata e o ouro son unha ofrenda voluntaria para Xehová, o Deus dos vosos antepasados. 29 Coidade ben destas cousas ata que cheguedes a Xerusalén. Alí pesarédelas nos cuartos* da casa de Xehová diante dos xefes dos sacerdotes e dos levitas e diante dos oficiais de alto rango das casas paternas de Israel”. 30 E os sacerdotes e os levitas colleron a prata, o ouro e os utensilios que se pesaran, para levalos á casa do noso Deus, que está en Xerusalén.
31 O día 12 do primeiro mes* marchamos de onda o río Ahavá e viaxamos a Xerusalén. Deus estivo con nós e protexeunos dos inimigos e das emboscadas polo camiño. 32 Así que chegamos a Xerusalén e quedamos alí tres días. 33 Ó cuarto día pesamos a prata, o ouro e os utensilios na casa do noso Deus, e démosllos ó sacerdote Meremot, que era fillo de Urilla. El estaba con Eleazar, que era fillo de Finehás, e cos levitas Xozabad, que era fillo de Xesúa, e Noadías, que era fillo de Binuí. 34 Contouse e pesouse todo, e anotouse o peso total. 35 Os desterrados que volveran do cativerio fixéronlle sacrificios queimados ó Deus de Israel. Ofreceron 12 touros por tódalas persoas de Israel, 96 carneiros e 77 cordeiros. Tamén presentaron 12 machos das cabras como ofrenda polo pecado. Ofreceuse todo isto como ofrenda queimada para Xehová.
36 Despois démoslles as ordes do rei ós sátrapas* do rei e ós gobernadores da rexión que está ó oeste do río Éufrates. Eles apoiaron o pobo e déronlle todo o que necesitaba para a casa do Deus verdadeiro.