Esdras
7 Despois dun tempo, durante o reinado do rei Artaxerxes de Persia, Esdras* volveu de Babilonia. Esdras era fillo de Seraia, que era fillo de Azarías, que era fillo de Hilquías, 2 que era fillo de Salum, que era fillo de Sadoc, que era fillo de Ahitub, 3 que era fillo de Amarías, que era fillo de Azarías, que era fillo de Meraiot, 4 que era fillo de Zerahías, que era fillo de Uzí, que era fillo de Buquí, 5 que era fillo de Abixúa, que era fillo de Finehás, que era fillo de Eleazar, que era fillo do sacerdote principal Aarón. 6 Este Esdras subiu de Babilonia. Era un copista* experto na* Lei de Moisés, a que dera Xehová, o Deus de Israel. O rei deulle todo o que pediu porque Xehová, o seu Deus, estaba con el*.
7 Algúns israelitas, sacerdotes, levitas, cantores, porteiros e servos do templo* tamén subiron a Xerusalén no sétimo ano do rei Artaxerxes. 8 Esdras chegou a Xerusalén no quinto mes*, no sétimo ano do rei. 9 O primeiro día do primeiro mes*, Esdras saíu de Babilonia. E chegou a Xerusalén o primeiro día do quinto mes, porque o seu Deus estaba con el. 10 Esdras preparara o seu corazón para* consultar a Lei de Xehová, poñela en práctica e ensinarlles ás persoas de Israel as normas e as decisións xudiciais* da Lei.
11 Esta é unha copia da carta que o rei Artaxerxes lle deu a Esdras, o sacerdote e copista, que era un experto no estudo* dos mandamentos e normas que Xehová lle dera a Israel:
12 * “De parte de Artaxerxes, o rei de reis, para o sacerdote Esdras, o copista da Lei do Deus dos ceos: Que teñas moita paz. 13 Dei unha orde para que poidan ir contigo a Xerusalén tódolos israelitas do meu reino que estean dispostos a ir, incluídos os sacerdotes e os levitas. 14 O rei e os seus sete conselleiros mándante para investigar se se está cumprindo a Lei do teu Deus en Xudá e Xerusalén, a lei que tes contigo*. 15 Ademais, leva a prata e o ouro que o rei e os seus conselleiros quixeron darlle ó Deus de Israel, que ten a súa casa en Xerusalén. 16 Leva tamén toda a prata e o ouro que che dean* en toda a provincia de Babilonia, e os regalos que a xente e os sacerdotes queiran dar para a casa do seu Deus, que está en Xerusalén. 17 Con eses cartos, compra canto antes touros, carneiros e cordeiros, e tamén o que se necesita para as ofrendas de gran e as ofrendas líquidas* correspondentes. E tes que ofrecer isto no altar da casa do teu Deus en Xerusalén.
18 ”E co resto da prata e do ouro, facede o que vos pareza ben a ti e ós teus irmáns, de acordo coa vontade do voso Deus. 19 Ademais, tes que entregar diante de Deus en Xerusalén tódolos recipientes que che dean para o servizo da casa do teu Deus. 20 E calquera outra cousa que faga falta e que teñas que dar para a casa do teu Deus, págaa cos fondos do tesouro real.
21 ”Eu, o rei Artaxerxes, deilles a orde a tódolos tesoureiros da rexión que está ó oeste do río Éufrates de que lle entreguen inmediatamente ó sacerdote Esdras, o copista da Lei do Deus dos ceos, todo o que el lles pida: 22 como máximo, 100 talentos* de prata, 100 coros* de trigo, 100 batos* de viño e 100 batos de aceite, e tamén todo o sal que queira. 23 Que tódalas cousas que o Deus dos ceos mande facer para a súa casa se fagan con dilixencia. Así, o Deus dos ceos non se enfadará coa* xente do reino, co rei e cos seus fillos. 24 Ademais, fago saber que non está permitido cobrarlles impostos nin tributos nin peaxes ós sacerdotes, ós levitas, ós músicos, ós porteiros, ós servos do templo ou ó resto dos que traballen nesta casa de Deus.
25 ”E ti, Esdras, usa a sabedoría que o teu Deus che deu e nomea maxistrados e xuíces para xulgar a tódolos habitantes da rexión que está ó oeste do río Éufrates, é dicir, a tódolos que coñecen as leis do teu Deus. Pero se entre eles hai alguén que aínda non coñece estas leis, tedes que ensinarllas. 26 E tódolos que desobedezan a Lei do teu Deus e a lei do rei teñen que ser condenados inmediatamente, xa sexa á morte, ó desterro, a pagar unha multa ou á prisión”.
27 Que Xehová, o Deus dos nosos antepasados, sexa louvado! Porque puxo no corazón do rei o desexo de facer máis fermosa a casa de Xehová en Xerusalén. 28 Deus demostroume amor leal e concedeume o favor do rei, dos seus conselleiros e dos seus oficiais de alto rango*. Por iso, armeime de valor* porque Xehová o meu Deus estaba comigo, e xuntei a algúns xefes de Israel para que subisen comigo a Xerusalén.