BIOGRAFÍA
Deixando que Xehová me axude a mellorar
NUNCA esquecerei o primeiro día que empecei a traballar no taller de encadernación do Betel de Brooklyn, en Nova York (EEUU). Tan pronto como entrei alí, impactoume o forte ruído e o incesante movemento das máquinas de encadernación. Había po de papel flotando polo aire e un forte cheiro a aceite.
Entre as cousas que me chamaron a atención, o que deixou un impacto máis forte en min foron as persoas. Alí había irmás e irmáns novos facendo traballos que parecían monótonos sen que fosen o centro de atención. Pero, aínda así, estaban felices. O seu exemplo ensinoume o que significa servir a Deus con humildade.
Ó longo dos anos Xehová axudoume a ir mellorando cada día como servo seu. Pero primeiro deixade que vos conte a miña busca da verdade cando era budista.
BUSCANDO A DEUS CANDO ERA NENO
Nacín e crieime en Chicago, Illinois (EEUU), cos meus tres irmáns, dos cales eu son o maior. Meus pais emigraron do Xapón a Chicago para intentar conseguir o chamado “soño americano”. Querían que os seus fillos recibisen a mellor educación posible e que tivesen éxito na vida.
Meus pais eran budistas moi devotos. Miña nai criárase nunha casa que tiña un templo e tanto seu pai coma seus dous irmáns eran monxes. Así que o budismo tivo un papel moi importante na miña infancia. O primeiro que facía cando volvía á casa do colexio era queimar incenso e facer unha ofrenda de arroz e auga ó noso ídolo. Os domingos iamos a un templo budista onde lle cantabamos a un ídolo parecido, só que este era máis grande e estaba recuberto de ouro.
Cando tiña uns 7 anos, recordo quedarme mirando para o ídolo que tiñamos en casa e pensar: “Como será a miña vida despois de morrer?”. O budismo ensinárame que cando morrese converteríame nun espírito. Así que deime conta de que algún día a miña vida acabaría, porque quizais existiría coma un espírito pero xa non desfrutaría como ser humano. Que triste! De repente invadíronme sentimentos de impotencia.
Cando tiña uns 15 anos empecei a sentir que os rituais budistas que practicaba non tiñan sentido. Faltaba algo na miña vida (Mat. 5:3). No fondo sentía que tiña que existir un Deus todopoderoso e quería coñecelo. Pensei que quizais podería atopar respostas na Biblia. Así que comprei unha Biblia King James Version de segunda man, nada menos que nun festival budista!
Con Wilson Bashou, o irmán que me ensinou a verdade
Cando tiña 17 anos, un irmán que se chamaba Wilson Bashou acercóuseme pola rúa mentres paseaba o can e preguntoume: “Sabes o que promete Deus para o futuro?”. Esta pregunta levou a unha conversación moi profunda da Biblia. Wilson leu Apocalipse 17:1 e preguntoume: “Que son as ‘moitas augas’ sobre as que está sentada a prostituta?”. Eu non tiña nin idea. Despois ensinoume o versículo 15 onde di que as augas son a xente. Impresionoume ver como as Testemuñas deixaban que a Biblia se interpretase a si mesma. Antes de marchar, Wilson deume o libro chamado La verdad que lleva a vida eterna. Ese pequeno libro azul cambiou a miña vida.
Dez días máis tarde fun por primeira vez a unha reunión no Salón do Reino. Nunca esquecerei o cariño co que me recibiron. Levo indo as reunións desde entón. Despois, Wilson empezou a estudar a Biblia comigo. Gustábame tanto aprender sobre a Biblia que houbo veces nas que estivemos estudando 8 horas seguidas. Meus pais estaban asustados e puxéronse totalmente en contra de que seguise estudando. Pero canto máis aprendía, máis me convencía de que era a verdade. Bauticeime en 1983.
DEIXO A UNIVERSIDADE PARA SER PIONEIRO
Para o tempo no que me bauticei, estaba estudando medicina nunha universidade prestixiosa. Meus pais sacrificaran moito para que eu puidese recibir esa educación. Eu podería ter continuado cos meus estudos, pero quería darlle a Xehová o mellor e servilo a tempo completo.
Meu pai advertírame: “Como deixes a universidade vótote da casa!”. Estaba triste e non sabía que facer porque lles tiña moito cariño a meus pais e non quería decepcionalos. Así que ía a miúdo ó xardín do campus tarde pola noite e oráballe a Xehová baixo o ceo estrelado: “Xehová, por favor, axúdame con esta decisión”. Cando finalmente me decidín a deixar a universidade, meu pai votoume da casa. Chamei a Wilson para contarlle o que pasara e el foi moi amable pois me invitou a ir vivir con el. Collín un bus cara a súa casa con tódalas miñas cousas nunha soa maleta. Entón recordo sentir unha calma indescritible. Sabía que tomara a decisión correcta.
Sentinme coma un paxaro liberado! Por fin era libre de dedicarme por completo a predicar. Empecei a servir como pioneiro en 1984.
Durante os meus anos como pioneiro, Xehová axudoume a conseguir cualidades moi importantes, como a persistencia. Un día, parecía que todo se poñía en contra para que non saíse a predicar. Estaba desanimado porque ninguén me podía acompañar aquela tarde, pero saín igualmente. Despois de dúas horas decidín chamar o último edificio. Estaba cansado, sentíame só e ademais parecía que ía chover. Pregunteime: “Debería marchar xa?”. Cando subía polas escaleiras á terceira planta, vin un rapaz filipino diante miña e pensei: “Seguro que non está interesado”. Que equivocado estaba! Empecei a estudar con el e un tempo máis tarde bautizouse.
APRENDO LECCIÓNS IMPORTANTES NO BETEL DE BROOKLYN
Despois de levar dous anos vivindo con Wilson, invitáronme a servir no Betel de Brooklyn en 1985. Como mencionei ó principio, asignáronme a Encadernación. Un día que estaba traballando coa máquina de estampado, estraguei sen querer a portada de centos de libros. A Oficina de Encadernación pediume que fixese un informe sobre o que sucedera. Expliqueilles tódalas razóns polas que tiven aquel accidente, pero faltoume unha cousa. O superintendente recordoume dunha maneira moi amable: “Sempre é bo pedir perdón”. Naquel momento aprendín a importancia de recoñecer os meus erros e de desculparme.
Facendo un tour da zona de encadernación en Brooklyn
Tamén aprendín a facer máis por outros observando os betelitas fieis e que xa ían maiores. Un día, o irmán Milton Henschel, que era membro do Consello Reitor, sentou a comer na nosa mesa. Naquela ocasión o comedor estaba demasiado cheo, e os camareiros traballaban sen parar para repartir a comida. Os máis novos da mesa estabámonos queixando polo baixiño do lento que estaban servindo. De pronto, sen dicir unha palabra, o irmán Henschel levantouse e empezou a repartir as xerras de auga e os pratos de pan e manteiga xunto cos camareiros. Nunca se me esquecerá aquel acto tan humilde. Recordoume a Xesús servindo ós seus apóstolos (Xoán 13:3-5).
“DEBERÍAS ESTUDAR XAPONÉS!”
Con Michiko Oda e seu marido
En 1987 fixen unha viaxe ó Xapón e impresionoume o entusiasmo e a humildade dos publicadores de alí. Quería axudarlles pero o problema era que eu non aprendera xaponés. Unha irmá que estaba en Betel, chamada Michiko Oda, miroume e díxome: “Deberías estudar xaponés!”. E iso foi xusto o que fixen. Daquela non tiña nin idea do moito que cambiarían a miña vida aquelas palabras.
Uns meses máis tarde, cambieime para unha congregación de fala xaponesa en Nova York. Aprender este idioma abriume moitas portas no meu servizo a Xehová. En 1989 fun ó meu primeiro congreso en xaponés en Los Ángeles, California. Alí, Miwako Onami, unha pioneira que participou na representación dramática, chamou a miña atención.
Miwako e eu casamos en 1992, e tivemos o privilexio de servir como matrimonio no Betel de Brooklyn. Ela é unha persoa atenta e cariñosa, sempre disposta a axudar a outros. O seu exemplo axudoume a tratar mellor ós demais. É todo un regalo de Xehová, e sempre me fai feliz.
O día da nosa voda
A SUCURSAL DE XAPÓN E O NOSO CAMBIO DE ASIGNACIÓN
Co tempo, ámbolos dous pais de Miwako, que vivían no Xapón, puxéronse moi enfermos. Permitíusenos moi amablemente que nos mudásemos á sucursal de alí en 1999 para poder estar cerca deles e coidalos.
A familia Betel do Xapón recibiunos con moito cariño, e adaptámonos ó noso novo fogar. Axudoume moito a mellorar imitar as bonitas cualidades dos irmáns de alí, como a súa impresionante xenerosidade e hospitalidade. Ademais, no que ten que ver co traballo son moi serios e están moi centrados pero tamén traballan moi ben en equipo. Isto é así porque na cultura xaponesa é moito máis importante traballar de maneira unida con outros que intentar facer as cousas por un mesmo. O seu bo exemplo animoume a ser máis humilde con outros no meu traballo e a apreciar como a miña pequena aportación axuda a que se cumpra o propósito de Xehová.
Aínda así, debido as diferenzas na cultura, houbo ocasións nas que me custou entender por que se fixeran as cousas de certa maneira. Tiven que aprender a ser paciente e a non reaccionar de maneira esaxerada. Co tempo axustei o meu punto de vista e deime conta de que Xehová pode bendicir calquera decisión sempre que sigamos a dirección que nos dá mediante a súa organización. Ó final, é Xehová quen fai que as cousas funcionen.
A miúdo comparo a capacitación que recibín en Betel coa que recibiu o profeta Moisés. Xehová axudou a Moisés a cultivar mansedume durante os 40 anos que foi pastor. Igual ca el, eu recibira moi boa educación. No meu caso permitín que esta me fixese ser orgulloso e que confiase demasiado en min mesmo. Pero Betel ensinoume a ser humilde e a confiar máis en Deus. Igual que Xehová axudou a mellorar con paciencia a Moisés, fixo o mesmo comigo ó longo dos anos.
Traballando na sucursal do Xapón
Coidamos dos pais de Miwako durante uns 24 anos ata que faleceron. Houbo moitas chamadas de teléfono, momentos de preocupación e viaxes ó hospital. A saúde de súa nai, Masako, empeorou ata o punto que case non se podía levantar para camiñar. Non lle era fácil ir ás reunións de congregación ou saír a predicar e nas súas últimas semanas tivo que usar unha cadeira de rodas. Pero a pesar de todo iso, o seu amor por Xehová nunca se debilitou. Iluminábaselle a cara de alegría cada vez que falaba da verdade. O seu exemplo de servir a Deus e de estar feliz sen importar cales fosen as circunstancias sempre será algo que quererei imitar.
Predicando con Miwako en Okinawa
En 2024 vivimos un cambio dramático na nosa vida. Recibimos unha nova asignación e marchamos de Betel despois de levar alí máis de 30 anos. Agora servimos como pioneiros especiais na illa de Okinawa e temos o privilexio de predicarlles ás familias da base militar que hai cerca. A boa capacitación que recibimos en Betel axudounos a que esa transición fose moito máis suave. Intentamos manter un bo horario e usar da mellor maneira o noso tempo centrándonos na predicación e esforzándonos o máximo. Xehová foi moi bo con nós e bendiciunos con estudantes da Biblia que chegaron a ser como a nosa familia. Estamos aprendendo de primeira man a importancia de querer moito ás persoas. Miwako e mais eu dámoslle as grazas a Xehová cada día por esta fermosa asignación.
DECIDIDO A DEIXAR QUE XEHOVÁ ME SIGA AXUDANDO A MELLORAR
A miña familia xa non se opón, pero polo de agora ningún deles serve a Xehová. Aínda así, Xesús prometeu que os que deixasen a súa familia para facerse discípulos seus recibirían 100 veces máis agora mediante unha familia espiritual (Mar. 10:29, 30). Eu mesmo vin que isto é certo. Son tantas as familias arredor do mundo que me quixeron e coidaron durante estes anos coma se fose parte delas que non me podo acordar de todas.
Aínda teño aquel libro La verdad que me dera Wilson. Aquel libriño azul é un recordatorio moi poderoso do bo que foi Xehová ó deixar que o encontrase (1 Crón. 28:9). Estou decidido a seguir deixándome mellorar por el e a axudar a outros a aprender a verdade que leva á vida eterna.