Repara rápido a amizade co teu irmán!
FÍXOCHE tanto dano algún irmán ou irmá que agora estades enfadados? Para reparar ese dano e seguir sendo amigos tes que actuar rápido e cos motivos correctos.a
Unha situación así pode compararse coa rotura dun óso. É necesario buscar a axuda dun doutor para que co tempo cure e se vaia a dor. Pero se non se fai de inmediato, seguirá doendo. Ou incluso peor, pois pode quedar fóra do seu sitio e deixar de funcionar correctamente.
Igual que un óso roto, se se danou a relación cun dos nosos irmáns temos que tratar o asunto rapidamente. Se non, seguirá doendo, medrará o resentimento e quizais chegues a perder esa amizade. Xesús dixo: “Intenta resolver o problema [...] canto antes” (Mat. 5:25). Así que fala co teu amigo dunha maneira amable e cóntalle como te sentes. Pero, por que é posible que se che faga difícil? Vexamos dúas razóns.
Primeiro, quizais te sintas tentado a ignorar a situación sen resolvela porque te incomoda falar de problemas coma estes.b Pensa no que lles pasou a Evodia e Síntique, dúas irmás cristiás que se enfadaron entre elas. Parece que o seu problema durou bastante tempo, xa que incluso chegou ós oídos do apóstolo Paulo, que estaba lonxe en Roma. El suplicoulles que fixesen todo o posible para volver a ser amigas (Filip. 4:2). Se eran humildes, tiñan unha boa comunicación e se perdoaban de corazón, poderían curar esa amizade.
Segundo, quizais pensas que a outra persoa está equivocada e que debería ser ela a que viñese primeiro a falar contigo para dicirche que cometeu un erro. Pero ti queres recuperar o teu amigo, non demostrar quen ten a razón. Cando un doutor trata un óso roto céntrase en curalo, non en tódolos detalles do que sucedeu para que se rompese. Así que, cando fales co teu amigo, non te centres en quen ten a culpa do dano. Máis ben, recorda canto valoras ser o seu amigo e céntrate no que tes que facer para recuperar esa amizade.
Por que non intentas falar co teu irmán ou irmá hoxe para reparar o dano e recuperar a vosa amizade? “Non deixedes que se poña o sol mentres aínda estades enfadados” (Ef. 4:26). Ó dar os pasos rapidamente para solucionar o asunto, estarás axudando a protexer o noso “vínculo da paz” (Ef. 4:1-3).
a Cando hai pequenos desacordos, os irmáns deben falalo en privado e perdoarse entre eles (Mat. 5:23, 24). Se o asunto é máis serio, quizais se necesite a axuda dos anciáns (Mat. 18:17). Pero un irmán só dará este paso se primeiro seguiu os que aparecen en Mateo 18:15, 16.
b Se nos ofende un irmán pero seguimos sendo amigos, deberiamos simplemente pasar por alto o que fixo (Prov. 26:20).