BIOGRAFÍA
Case 70 anos servindo a Xehová en Cuba
NACÍN en 1947 na fermosa illa de Cuba. Atópase na zona na que se encontran o mar Caribe e o océano Atlántico. Meus pais tiveron tres fillos: eu, que era o maior, e dúas nenas. Os cinco viviamos nunha vila que se chama Esmeralda.
Recordo que a vida na nosa pequena vila era tranquila. Viviamos cerca dalgúns dos nosos familiares, como tíos, tías e avós. Tiñamos o suficiente para comer e vivir unha vida feliz.
Cando tiña máis ou menos cinco anos meus pais comezaron a estudar a Biblia con Walton Jones. El predicaba as boas noticias con moito entusiasmo e camiñaba unhas 10 horas só para chegar á nosa vila. Cada vez que viña, moitos dos meus familiares ían á casa dos meus avós para falar da Biblia con el durante horas. A meus pais e a meus tíos Pedro e Ela encantoulles o que estaban aprendendo e pronto se bautizaron como testemuñas de Xehová. Ela ten case 100 anos e segue servindo como pioneira en Cuba.
Nese tempo, as testemuñas de Xehová podiamos predicar e ir ás reunións libremente en Cuba. Eramos coñecidos por predicar de casa en casa levando os nosos maletíns e bolsos cheos de publicacións bíblicas moi valiosas. E camiñabamos moito! Teño moi bos recordos de servir a Xehová durante aqueles “tempos bos”, cando era novo, pero achegábanse “tempos difíciles” (2 Tim. 4:2).
CHEGAN OS TEMPOS DIFÍCILES A CUBA
Naquel mesmo ano, cando eu aínda tiña uns cinco anos, meu pai e meu tío viaxaron a outra parte da illa para ir a un congreso. Por desgraza, os dous contaxiáronse de febre tifoide por beber auga contaminada. Recordo que cando volveron, meu tío, aínda que perdeu o pelo sobreviviu, pero tristemente meu pai morreu con tan só 32 anos.
Despois de que meu pai morrese, miña nai decidiu que nos mudásemos co seu irmán que vivía na vila de Lombillo. Isto significaba deixar os nosos familiares, incluídos os nosos avós, a quen queriamos moito. Pero seguimos servindo a Xehová como familia.
O 26 de agosto de 1957, cando tiña 10 anos, bauticeime nunha presa cerca de Lombillo. O que non me imaxinaba era que en menos de dous anos todo cambiaría para as testemuñas de Xehová en Cuba. En 1959 o goberno foi derrocado e empezou un réxime comunista.
Dende ese momento atopabámonos baixo un goberno que lle daba moita importancia ó servizo militar. Isto afectou ó pobo de Xehová, xa que arredor de todo o mundo mantense neutral en asuntos políticos e militares. Como resultado, fomos perdendo pouco a pouco a liberdade para predicar e reunirnos da que desfrutabamos antes. Co tempo, o goberno prohibiu as nosas actividades cristiás e centos de irmáns fieis foron encarcerados. A miúdo algúns eran maltratados fisicamente e non lles daban suficiente comida. Ademais, ás veces esta tiña sangue, algo que a Biblia di que non comamos.
A pesar de tódolos problemas, seguimos reuníndonos para adorar a Xehová (Heb. 10:25). Incluso tivemos congresos en granxas e noutros lugares arredor do país. Recordo que unha vez un irmán nos deixou unha corte moi grande que tiña para as ovellas para facer alí o congreso. Non puidemos limpala antes, nin tan sequera sacar as ovellas de alí. Aínda así, asistimos ó congreso tódalas ovellas xuntas, tanto as espirituais como as literais! (Miq. 2:12).
Estámoslles moi agradecidos a tódolos irmáns que nos axudaron a alimentarnos espiritualmente naqueles días. Por exemplo, os programas dos congresos gravábanse en casetes e despois os irmáns mandábanas ás Testemuñas de todo o país. Ás veces, había tan só dous irmáns encargados de gravar, preparar e mandar tódolos discursos do programa. Xa que os irmáns o facían de maneira clandestina, ás veces escoitabamos galos ou outros ruídos estraños de fondo. Se o lugar onde se celebraba o congreso non tiña electricidade, un irmán xerábaa pedaleando nunha bicicleta estática que tiña unha dínamo acoplada. Desta maneira podiamos alimentar o reprodutor das casetes e escoitar o programa. Quizais non tiñamos as circunstancias ideais nin a cantidade de publicacións impresas que tiñan outros irmáns noutros países, pero nunca nos faltou alimento espiritual. Dende logo, desfrutabamos de servir xuntos a Xehová (Neh. 8:10).
A MIÑA VIDA COMO PIONEIRO, MARIDO E PAI
Cando fixen 18 anos, empecei a servir como pioneiro regular na cidade de Florida. Máis ou menos un ano despois, fun nomeado pioneiro especial na cidade de Camagüey, a capital da provincia. Alí foi onde coñecín a Emilia, unha irmá moi guapa de Santiago de Cuba. Empezamos a saír e casamos antes de que pasase un ano.
(Esquerda) No Curso do Ministerio do Reino para anciáns en Camagüey, Cuba, 1966
(Dereita) O día da nosa voda, 1967
Empecei a traballar a tempo completo nunha das moitas fábricas de azucre que tiña o goberno. Emilia e eu xa non podiamos seguir sendo pioneiros pero queriamos seguir dedicando todo o tempo que podiamos ás actividades espirituais. Eu traballaba na fábrica dende as 3 da mañá ata as 11. Non me gustaba madrugar tanto, pero o horario permitíame seguir predicando regularmente e ir ás reunións con Emilia.
En 1969 naceu o noso primeiro fillo, Gustavo, e máis ou menos naquela data pedíronme empezar a servir como superintendente de circuíto. Naqueles tempos, era común que os superintendentes de circuíto de Cuba tivesen fillos. Iso foi o comezo dunha das etapas máis ocupadas pero felices da nosa vida. Emilia e eu sentímonos privilexiados de poder servir así ós nosos irmáns. Mentres estabamos nesa asignación naceu o noso fillo Obed, despois Abner e uns anos máis tarde a nosa filla Mahely.
Cando miro atrás e penso nos anos que pasamos na obra de circuíto en Cuba, faime moi feliz ver como Xehová bendiciu o seu pobo alí. Ademais, axudounos a conseguir que os nosos fillos chegasen a amalo a el tamén. Deixade que vos explique como foi a vida para Emilia e para min naqueles tempos como superintendente de circuíto.
SERVINDO COMO SUPERINTENDENTE DE CIRCUÍTO EN TEMPOS DE PROSCRICIÓN
Nos anos 60 e 70 foi cando empezamos a notar de verdade os efectos de que a nosa obra estivese prohibida. Pecharon os Salóns do Reino, deportaron os nosos misioneiros, arrestaron e mandaron ó cárcere a moitos irmáns xoves e tamén pecharon a sucursal da Habana.
Na obra de circuíto, anos 90
Por culpa da prohibición, só podiamos visitar as congregacións nas fins de semana. Así que pasabamos dúas fins de semana con cada unha delas. Levabamos pouca equipaxe e a miúdo usabamos unha bicicleta, pois era a maneira de viaxar que menos chamaba a atención. Por suposto, faciamos as nosas visitas en segredo. Tiñamos que facer coma se estivésemos visitando a nosa familia, e isto era moi fácil. Ás veces case nos esqueciamos de que estabamos facendo unha visita de circuíto xa que realmente sentiamos que estabamos visitando a nosa familia (Mar. 10:29, 30). Aínda así tiñamos que ter moito coidado. A miúdo a policía seguíanos e interrogábanos. Os irmáns que nos aloxaban incluso se arriscaban a ser arrestados se nos descubrían (Rom. 16:4).
Durante aquela época, coñecemos moitos irmáns que eran incriblemente xenerosos a pesar de ter moi pouco en sentido material. Nalgúns lugares había moitísimos mosquitos, pero os nosos amigos dábannos a súa única rede antimosquitos para que puidésemos durmir comodamente pola noite. Outros estaban dispostos a aloxarnos aínda que tiñan moi pouca comida para compartir. De feito, houbo veces nas que fomos nós os que levamos comida para compartir con eles.
Cando visitabamos as congregacións, non levabamos tódolos nosos fillos con nós. Así que viaxabamos con un mentres que miña nai e miña irmá coidaban dos demais. En realidade viaxar cun bebé era unha protección para nós. Ás veces a policía rexistrábanos pero nós tiñamos as publicacións escondidas na bolsa dos cueiros sucios do bebé, un lugar onde ninguén buscaría.
Admiro moito a miña muller por coidar dos nosos nenos e apoiarme a min durante todos eses anos no servizo a tempo completo. No meu caso puiden compaxinar o meu traballo segrar na fábrica coas miñas responsabilidades como superintendente de circuíto. Como? Ás veces traballaba dobres quendas unha ou dúas veces á semana para poder librar as fins de semana. Pero máis tarde cambiáronme de posto a supervisor e tiña que traballar os sete días da semana. Non podía negarme a ter este horario pero descubrín que se lle daba suficiente traballo ó meu equipo para estar ocupado a fin de semana, eles podían cubrirme mentres eu visitaba as congregacións. Polo que sei, os meus xefes nunca se deron conta de que non ía traballar eses días!
MANTENDO A ALEGRÍA EN TEMPOS DE CAMBIOS
Primeiro congreso público despois do fin da prohibición, 1994
Un día de 1994 os irmáns que dirixían a obra en Cuba reuníronnos ós 80 superintendentes viaxantes do país nunha reunión especial na Habana. Foi moi bonito coñecernos por fin despois de tantos anos! Naquela reunión primeiro falamos sobre algúns cambios na organización e despois déronnos un anuncio impactante: os irmáns dixéronnos que estaban planeando darlles os nomes de todos nós ás autoridades! Por que farían algo así?
Explicaron que tiveran reunións cos funcionarios do goberno para mellorar a relación entre eles e nós, as testemuñas de Xehová. As autoridades pediran unha lista de tódolos nomes dos superintendentes de circuíto, e nós estivemos de acordo en dárllela. Dende entón, as conversacións que tivemos coas autoridades deron bos resultados.
Co tempo, puidemos volver a reunirnos e predicar abertamente a pesar de que a idea de ser unha relixión rexistrada legalmente aínda non estaba sobre a mesa. Despois soubemos que as autoridades xa coñecían os nomes dos que eran superintendentes viaxantes pero querían que lles confirmásemos a información que tiñan.
En setembro de 1994, déronnos permiso para volver a abrir unha sucursal. E resultou que puidemos utilizar o mesmo edificio que nos pecharan 20 anos antes.
Máis tarde, en 1996, Emilia e eu recibimos unha chamada na que nos invitaban a servir en Betel. Despois de superar o impacto inicial, recordeilles ós irmáns que aínda tiña dous fillos na casa e que eran a miña prioridade. Os irmáns foron moi amables, volveron considerar a miña situación e máis tarde confirmáronnos que aínda así querían que fósemos. Aceptamos e empezamos a facer plans para mudarnos como familia á Habana.
(Esquerda) Emilia no Departamento de Costura na sucursal de Cuba, principios dos anos 2000
(Dereita) Dedicación dun Salón de Congresos, 2012
A verdade é que ó principio non desfrutaba de estar en Betel. Pasara tantos anos no circuíto que a miña mente e corazón estaban nesa asignación. Custábame sentarme detrás dunha mesa. Pero os meus compañeiros betelitas, e especialmente a miña muller, axudáronme a cambiar o meu punto de vista. Co tempo recuperei a alegría e agora sirvo felizmente en Betel.
(Esquerda) Graduación do Curso Bíblico para Matrimonios Cristiáns, 2013
(Dereita) Comité de Sucursal de Cuba, 2013
Nun congreso de circuíto coa nosa filla e o seu marido
Emilia e eu xa non somos uns rapaces. Pero non podemos estar máis contentos ó pensar en tódolos irmáns e irmás que tivemos o privilexio de coñecer e cos que servimos durante anos. Tamén nos fai especialmente felices ver como os nosos fillos e netos serven a Xehová. Sentímonos de maneira parecida ó apóstolo Xoán, que cando ía maior dixo: “Nada me alegra máis que escoitar que os meus fillos seguen andando no camiño da verdade” (3 Xoán 4).
Despois de levar case 30 anos en Betel, miña muller e mais eu seguimos facendo todo o que podemos por cumprir coa nosa asignación a pesar das loitas diarias contra o cáncer e a idade avanzada. Durante os nosos anos de servizo a Xehová tivemos algúns problemas, pero alégranos moito poder terlle servido ó “Deus feliz” durante uns 70 anos aquí, na illa de Cuba! (1 Tim. 1:11; Sal. 97:1).