BIBLIOTECA EN LIÑA Watchtower
BIBLIOTECA EN LIÑA
Watchtower
Galego
  • BIBLIA
  • PUBLICACIÓNS
  • REUNIÓNS
  • w24 xuño páxs. 14-18
  • Xehová escoitou as miñas oracións

Ningún vídeo dispoñible.

Sentímolo, houbo un erro ó cargar o vídeo.

  • Xehová escoitou as miñas oracións
  • A Atalaia. Anunciando o Reino de Xehová (estudo) 2024
  • Subtítulos
  • Información relacionada
  • UNHA VISITA QUE CAMBIOU A NOSA VIDA
  • A VIDA DURANTE A GUERRA
  • CRECENDO ESPIRITUALMENTE
  • SERVINDO A TEMPO COMPLETO
  • DEFENDENDO OS DEREITOS LEGAIS DO POBO DE XEHOVÁ
  • MÁIS LIBERDADE EN CUBA
  • AXUDANDO ÓS NOSOS IRMÁNS EN RUANDA
  • DECIDIDO A SEGUIR FIEL
  • Case 70 anos servindo a Xehová en Cuba
    A Atalaia. Anunciando o Reino de Xehová (estudo) 2026
  • Desfrutei moito aprendendo e ensinando sobre Xehová
    A Atalaia. Anunciando o Reino de Xehová (estudo) 2022
A Atalaia. Anunciando o Reino de Xehová (estudo) 2024
w24 xuño páxs. 14-18
Marcel Gillet na súa oficina na sucursal de Bélxica.

BIOGRAFÍA

Xehová escoitou as miñas oracións

RELATADO POR MARCEL GILLET

UNHA noite, cando tiña dez aniños, quedei mirando como brillaban as estrelas. Sentín o impulso de poñerme de xeonllos e orar. Había pouco que coñecera a Xehová, pero expreseille como me sentía e o que me preocupaba. Aquela oración marcou o inicio da miña viaxe con Xehová, quen escoita as oracións (Sal. 65:3 [65:2, TNM]). Deixádeme que vos conte por que lle orei a un deus que acababa de coñecer.

UNHA VISITA QUE CAMBIOU A NOSA VIDA

Nacín o 22 de decembro de 1929 en Noville, unha pequena aldea de nove granxas cerca de Bastoña, nas Ardenas Belgas. Gardo moi bos recordos da miña infancia na granxa cos meus pais. O meu irmán pequeno Raymond e mais eu muxiamos as vacas tódolos días e axudabamos a recoller a colleita. Na nosa pequena aldea todos traballabamos xuntos para axudarnos uns ós outros.

Coa miña familia traballando na nosa granxa

Meus pais, Emile e Alice, eran católicos moi devotos. Asistían a misa cada domingo. Pero sobre o ano 1939 chegaron á miña aldea uns pioneiros de Inglaterra e ofrecéronlle ó meu pai unha subscrición á revista Consolation (agora coñecida como Despertade!). Rapidamente se deu conta de que iso era a verdade e empezou a ler a Biblia. Aínda que antes os veciños eran moi amigables, cando meu pai deixou de ir a misa opuxéronse moitísimo. Fixeron moita presión para que seguise sendo católico, e isto provocou discusións moi fortes.

Doíame moito ver o mal que trataban o meu pai. Isto fixo que lle pedise axuda a Deus na sentida oración que mencionei ó principio deste artigo. Púxenme moi contento cando os veciños deixaron de opoñerse. Isto convenceume de que Xehová escoita as oracións.

A VIDA DURANTE A GUERRA

A Alemaña nazi invadiu Bélxica o 10 de maio de 1940, provocando que moita xente marchase do país. A nosa familia fuxiu ó sur de Francia. Durante a viaxe vivimos situacións perigosas debido á loita entre o exercito francés e o alemán.

Cando volvemos á nosa granxa descubrimos que nos quitaran a maioría das cousas que tiñamos. Só estaba alí o noso can, Bobbie, para darnos a benvida. Esas experiencias fixeron que me preguntase por que existe a guerra e o sufrimento.

Marcel de adolescente.

Na adolescencia cultivei unha relación máis profunda con Xehová

Naquela época animounos moito a visita do irmán Emile Schrantz, un fiel ancián que servía como pioneiro.a Coa axuda da Biblia, explicoume claramente por que existe o sufrimento e respondeume moitas preguntas. Cheguei a ter unha relación máis profunda con Xehová e convencinme de que é un Deus de amor.

Incluso antes de que acabase a guerra, a nosa familia puido ter cada vez máis contacto cos irmáns. En agosto de 1943, o irmán José-Nicolas Minet visitou a nosa granxa para dar un discurso. El preguntou: “Quen quere bautizarse?”. Meu pai e mais eu levantamos a man. Bautizámonos nun pequeno río cerca da nosa casa.

En decembro de 1944, o exército alemán empezou o seu último grande ataque da Segunda Guerra Mundial no oeste de Europa, coñecido como A Batalla das Ardenas. Como viviamos cerca de onde tivo lugar o combate, estivemos case un mes confinados no soto da nosa casa. Un día, cando saín para darlles de comer ós animais, uns proxectís explosivos impactaron contra a granxa e romperon o tellado do almacén. Un soldado americano que estaba cerca gritoume: “Tírate ó chan!”. Eu botei a correr, tumbeime cerca del e el púxome o casco para protexerme.

CRECENDO ESPIRITUALMENTE

O día da nosa voda

Despois da guerra buscamos a maneira de manter o contacto coa congregación de Liexa, que estaba 90 km ó norte de onde nós viviamos. Co tempo, puidemos formar un grupo de estudo en Bastoña. Empecei a traballar no sector da administración de impostos e tiven a oportunidade de estudar nunha escola de dereito. Tempo despois traballei nunha notaría. En 1951 organizamos un pequeno congreso de circuíto en Bastoña. Asistiron unhas 100 persoas, entre elas unha pioneira moi entusiasta chamada Elly Reuter. Para vir tivo que viaxar 50 km en bicicleta. En pouco tempo namorámonos e comprometémonos. Elly recibira unha invitación para asistir ó Curso Bíblico de Galaad nos Estados Unidos. Así que escribiu á sede central para explicar por que sentía que tiña que rechazar a invitación. O irmán Knorr, que naquel momento dirixía a organización, contestoulle amablemente que quizais algún día ela podería asistir ó Curso de Galaad co seu marido. Casamos en febreiro de 1953.

Elly e o noso fillo, Serge

Ese mesmo ano, Elly e mais eu asistimos ó congreso “A Sociedade do Novo Mundo” que se celebrou no Estadio dos Yankees de Nova York. Alí coñecín un irmán que me ofreceu un bo traballo e nos invitou a mudarnos ós Estados Unidos. Despois de orarlle a Xehová sobre o asunto, Elly e mais eu decidimos rechazar a oferta e volver a Bélxica para apoiar o pequeno grupo duns dez publicadores que había en Bastoña. O ano seguinte, sentímonos moi felices cando naceu o noso filliño Serge pero, tristemente, sete meses despois enfermou e morreu. Expresámoslle a Xehová en oración a profunda tristeza que sentiamos, e el deunos forzas mediante a esperanza da resurrección.

SERVINDO A TEMPO COMPLETO

En outubro de 1961, puiden encontrar un traballo de media xornada que me permitiría servir como pioneiro. Pero aquel mesmo día recibín unha chamada telefónica do servo de sucursal de Bélxica, que me preguntou se estaría dispoñible para comezar a servir como servo de circuíto (o que agora se chama superintendente de circuíto). Eu preguntei: “E non poderiamos servir primeiro como pioneiros antes de aceptar esta asignación?”. Pareceulles ben a nosa proposta. Así que puidemos servir como pioneiros durante oito meses antes de empezar na obra de circuíto en setembro de 1962.

Despois de dous anos na obra de circuíto invitáronnos a servir no Betel de Bruxelas. Chegamos alí en outubro de 1964. Esta nova asignación tróuxonos moitas bendicións. Pouco despois de que o irmán Knorr visitase a nosa sucursal en 1965, sorprendeume recibir o privilexio de ser nomeado servo de sucursal. Máis tarde, invitáronnos a Elly e mais a min a asistir á clase número 41 do Curso Bíblico de Galaad. Ó final, o que dixera o irmán Knorr trece anos antes resultou ser certo. Cando nos graduamos regresamos ó Betel de Bélxica.

DEFENDENDO OS DEREITOS LEGAIS DO POBO DE XEHOVÁ

Ó longo dos anos tiven o privilexio de usar os meus coñecementos de dereito para defender a nosa liberdade relixiosa en Europa e en moitos outros sitios (Filip. 1:7). Isto púxome en contacto con funcionarios de máis de 55 países nos que a nosa obra estaba restrinxida ou prohibida. En vez de destacar a miña experiencia xurídica, presentábame como “un home de Deus”. Sempre lle oraba a Xehová buscando a súa axuda, recordando que “a mente do rei [ou do xuíz] está na man do Señor, el víraa para onde quere” (Prov. 21:1).

Unha experiencia que nunca esquecerei é a conversación que tiven cun membro do Parlamento Europeo. Solicitara moitas veces falar con el ata que finalmente accedeu. Díxome: “Douche cinco minutos, nin un máis”. Eu baixei a cabeza e empecei a orar. O home, nervioso, preguntoume que estaba facendo. Levantando a cabeza, díxenlle: “Deille grazas a Deus porque es un dos seus servidores”. El contestou: “Que queres dicir?”. Ensineille Romanos 13:4 e isto chamou a súa atención, xa que el era protestante. Cal foi o resultado? Ó final puiden falar con el media hora e tivemos unha reunión moi produtiva. Incluso chegou a expresar o seu respecto pola obra das testemuñas de Xehová.

Ó longo dos anos, as testemuñas de Xehová en Europa libraron moitas batallas legais sobre a neutralidade cristiá, a custodia de menores e o pago de impostos, entre outros asuntos. Tiven o privilexio de poder ver de cerca como Xehová nos axudou a ter éxito. As testemuñas de Xehová ganaron máis de 140 casos ante o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos.

MÁIS LIBERDADE EN CUBA

Durante a década dos noventa colaborei co irmán Philip Brumley, da sede central, e co irmán Valter Farneti, de Italia, co obxectivo de conseguir máis liberdade relixiosa para os irmáns de Cuba, onde a nosa obra estaba restrinxida. Escribín á embaixada de Cuba en Bélxica, e tivemos unha reunión co funcionario encargado da nosa solicitude. Durante as primeiras reunións non conseguimos aclarar os malentendidos que levaran ó goberno a restrinxir a nosa obra alí.

Con Philip Brumley e Valter Farneti durante unha das nosas visitas a Cuba nos anos noventa

Despois de pedir a guía de Xehová en oración, solicitamos permiso para enviar 5000 Biblias a Cuba, e concedéronnolo. As Biblias chegaron sen problema e distribuíronse entre os irmáns. Isto convenceunos de que Xehová estaba bendicindo os nosos esforzos. Entón pedimos permiso para mandar 27.500 Biblias máis. E tamén nolo concederon. Axudarlles ós nosos irmáns de Cuba a ter a súa copia persoal da Palabra de Deus fíxome moi feliz.

Visitei Cuba en numerosas ocasións para axudar a mellorar a situación legal da nosa obra. No proceso puiden establecer boas relacións con moitos oficiais do goberno.

AXUDANDO ÓS NOSOS IRMÁNS EN RUANDA

En 1994, máis de 1.000.000 de persoas foron masacradas nun xenocidio contra os tutsis en Ruanda. Tristemente, algúns dos nosos irmáns e irmás tamén foron asasinados. Rapidamente se lle pediu a un grupo de irmáns que organizasen axuda humanitaria para as Testemuñas do país.

Cando o noso grupo chegou a Kigali, a capital, vimos que tanto a oficina remota de tradución como as publicacións estaban cheas de buratos de bala. Escoitamos moitas historias tráxicas de irmáns que foran asasinados con machetes. Pero tamén escoitamos moitas outras sobre o amor que se demostraron entre eles. Por exemplo, coñecemos un irmán tutsi que estivo escondido durante 28 días nun burato na terra, protexido por unha familia de irmáns hutus. En Kigali, nunha reunión, puidemos darlles ánimo e consolo a máis de 900 irmáns e irmás.

Serie de imaxes: 1. un libro de tapa dura roto. 2. Marcel e outros dous irmáns no medio do material de axuda humanitaria.

Esquerda: Un libro cun burato de bala na nosa oficina remota de tradución

Dereita: Colaborando cos labores de axuda humanitaria

Despois cruzamos a fronteira do Zaire (o que agora é a República Democrática do Congo) para buscar alí un grupo grande de irmáns ruandeses que fuxiran a un campo de refuxiados cerca da cidade de Goma. Como non os atopabamos, pedímoslle axuda a Xehová en oración. Entón vimos alguén que camiñaba cara a nós e preguntámoslle se coñecía algunha testemuña de Xehová. El contestou: “Si, eu son Testemuña. Estaría encantado de levarvos onda o Comité de Socorro”. Despois dunha animadora reunión cos irmáns deste comité, démoslles ánimo e consolo a uns 1600 refuxiados. Tamén lles lemos unha carta do Consello Reitor. Os irmáns emocionáronse moito ó escoitar as seguintes palabras: “Témosvos moi presentes nas nosas oracións. Estamos convencidos de que Xehová non vos vai abandonar”. Que certas resultaron ser estas palabras! Actualmente, máis de 30.000 irmáns serven a Xehová unidos e felices en Ruanda.

DECIDIDO A SEGUIR FIEL

Despois de case 58 anos de matrimonio, no 2011 perdín a miña querida Elly. Expreseille a miña dor a Xehová en oración, e el consoloume. Tamén me axudou moito compartir as boas noticias do Reino cos meus veciños.

Aínda que teño máis de 90 anos, sigo participando na predicación tódalas semanas. Tamén me fai moi feliz colaborar co Departamento Legal da sucursal de Bélxica, compartir a miña experiencia con outros e poder pastorear os máis novos da familia Betel.

Hai uns 84 anos que me dirixín por primeira vez a Xehová en oración. Foi o principio dunha viaxe marabillosa que me acercou moito a el. Estou moi agradecido de que, durante toda a miña vida, Xehová sempre escoitase as miñas oracións (Sal. 66:19).b

a A biografía do irmán Schrantz publicouse en La Atalaya do 1 de febreiro de 1974, páxinas 90 a 94 (dispoñible en español).

b O irmán Marcel Gillet morreu o 4 de febreiro de 2023, mentres se preparaba esta biografía.

    Publicacións en galego (1986-2026)
    Pechar sesión
    Iniciar sesión
    • Galego
    • Compartir
    • Axustes
    • Copyright © 2026 Watch Tower Bible and Tract Society of Pennsylvania
    • Termos de uso
    • Política de privacidade
    • Axustes de privacidade
    • JW.ORG
    • Iniciar sesión
    Compartir