31 DE AGOSTO-6 DE SETEMBRO DE 2026
CANCIÓN sjj 89 As bendicións de escoitar a Xehová
Presta atención a como escoitas
“Prestade atención a como escoitades” (LUCAS 8:18, NOTA).
OBXECTIVO
Comprender por que necesitamos prestar atención durante as reunións e outros programas espirituais, e como podemos facelo.
1, 2. a) Que fai Xehová polo seu pobo hoxe en día? (Salmo 23:1, 2, 5) b) Que veremos neste artigo?
HOXE en día Xehová dános abundante alimento espiritual. Así que estamos totalmente de acordo co que cantou David: “O Señor é o meu pastor: nada me falta” (le Salmo 23:1, 2, 5).
2 Unha maneira na que Xehová nos alimenta espiritualmente na actualidade é mediante as reunións. Nelas analizamos a miúdo información que xa coñecemos. Pero incluso se xa “[estamos] firmes na verdade”, todos necesitamos estes recordatorios (2 Ped. 1:12). Aínda así, cústache prestar atención cando escoitas algo na reunión que xa estudamos moitas veces? Pois este artigo pode axudarche. Por un lado, imos ver por que necesitamos escoitar con atención nas reunións. E por outro, veremos como os que ensinan na congregación poden axudarlles ós demais a prestar atención ó que se di. Ademais, analizaremos algúns consellos que nos poden axudar a estar máis atentos. Pero primeiro vexamos quen nos está ensinando realmente nas reunións.
RECORDEMOS QUE É XEHOVÁ QUEN NOS ESTÁ FALANDO
3. De que maneira nos fala Xehová, e como usan os seus servos a Biblia ó ensinar?
3 Xehová fálanos por medio da súa Palabra, a Biblia (2 Tim. 3:16, 17). Xesús sabíao ben. El usaba a Palabra de Deus con tanta habilidade que quen o escoitaba preguntábase: “Como pode este home saber tanto das Escrituras se non estudou nas escolas?” (Xoán 7:15). As persoas humildes que querían aprender sobre Xehová sentíanse moi agradecidas cando escoitaban a Xesús explicar a Palabra de Deus. Os cristiáns do primeiro século, coma o apóstolo Paulo e Apolos, tamén usaban moito as Escrituras cando razoaban con outros (Feit. 17:2, 3; 18:24, 28). E as testemuñas de Xehová sabemos que os nosos artigos, programas, discursos e vídeos están baseados na Biblia. De feito, moitas das persoas que veñen por primeira vez ás reunións quedan impresionadas pola maneira na que usamos a Biblia. Os que teñen asignacións nesas reunións baséanse na Palabra de Deus para ensinar, non só lendo dela, senón tamén mostrando como aplicar o que di (Luc. 24:32).
4. Que idea transmiten os verbos oír e escoitar?
4 Os verbos oír e escoitar úsanse a miúdo na Biblia co sentido de obedecer a alguén. Cando escoitamos como Xehová nos fala mediante a súa Palabra nas nosas reunións e entendemos que quere que fagamos e por que, fáisenos máis fácil obedecelo. Podemos estar seguros de que Xehová se pon contento cando o escoitamos e aplicamos o que aprendemos (Prov. 27:11).
POR QUE DEBEMOS ESTAR MOI ATENTOS
5. Que nos motiva a facer o noso amor por Xehová? (Xoán 4:23, 24; 1 Xoán 5:3).
5 Estamos atentos nas reunións porque amamos a Xehová (Mat. 22:37). Canto máis aprendemos sobre Xehová, máis o amamos. Ese amor fai crecer o desexo que temos de escoitalo, obedecelo e adoralo da maneira que el quere que o fagamos (le Xoán 4:23, 24; 1 Xoán 5:3).
6. Que aprendemos nas nosas reunións acerca de como axudar ós demais?
6 Estamos atentos nas reunións porque amamos ás persoas (Mat. 22:39). Nas nosas reunións, Xehová ensínanos como axudar ós nosos irmáns e ós que aínda non o coñecen. Por exemplo, o folleto O amor motívanos a facer discípulos ensinounos a mostrar boas calidades cos que falamos cando predicamos. Éche difícil comezar conversacións coas persoas de maneira natural? Entón, pode axudarche estar moi atento cando os irmáns participen na sección “Sexamos mellores mestres” durante a reunión de entre semana.
7. Por que é vital que sigamos escoitando a Xehová?
7 Estamos atentos nas reunións porque queremos ser felices e vivir para sempre. Igual que Xehová lles dixo ós seus servos en tempos bíblicos, para ser felices e desfrutar de vida eterna temos que obedecelo (Deut. 32:44-47). Ó prestar atención nas reunións recibimos o ánimo que necesitamos para seguir aguantando con paciencia ata que chegue o novo mundo (Rom. 8:25). Escoitar a Xehová agora é vital porque vivimos nos últimos días e temos que estar alerta en sentido espiritual (Mat. 24:42-44; Apoc. 1:3).
COMO AXUDAR ÓS DEMAIS A PRESTAR ATENCIÓN
8. Por que deben seguir esforzándose por mellorar a súa oratoria os irmáns que ensinan dende a plataforma?
8 Os irmáns que ensinan dende a plataforma, especialmente os que dan discursos públicos, deben seguir esforzándose por mellorar a súa oratoria. Un discurso ben preparado e baseado na Biblia pode achegar as persoas á verdade e axudar a que os irmáns se manteñan nela. Da mesma maneira, os que teñen outras asignacións na reunión non deben subestimar o bo que poden chegar a facer. Así que se tes unha asignación, pensa en como che poden axudar os seguintes puntos a ser un mellor mestre. Aínda que están dirixidos especialmente para os que dan discursos públicos, tamén poden aplicarse en calquera intervención da reunión (2 Tim. 4:2; Tito 1:9).
9. Que podes facer para que o teu discurso sexa fácil de entender?
9 Ordena as ideas de maneira lóxica. Cando deas un discurso, este debería ser fácil de seguir, pois o auditorio quizais se distraia se é moi complicado. Que che pode axudar a facer un discurso ben estruturado? Aquí tes algúns pasos: 1) Intenta destacar dende o principio cales son os puntos principais dos que vas falar. 2) Fala de cada punto un por un, facendo unha pausa entre cada un deles e deixando claro cal será o seguinte antes de continuar. 3) Repásaos brevemente na túa conclusión.
10. Por que é importante que chegues a desfrutar das ideas do teu discurso?
10 Desfruta da información que vas dar. Cando che gusta un tema queres falar del e iso nótase (Prov. 2:4, 5; Feit. 4:20). Para conseguir iso cos puntos do teu discurso, medita sobre a información e os textos que tes asignados. Un irmán maior dos Estados Unidos recorda un discurso que escoitou cando era adolescente. El di: “Aínda recordo como nos animou o discursante a meditar en profundidade cando leamos a Palabra de Deus. Explicou con claridade como facelo e puiden ver que era algo moi importante para el. Este discurso foi un antes e un despois na miña vida, cambiou a maneira na que lía a Biblia e a miña relación con Xehová”.
11. Por que é importante dar consellos específicos e prácticos nos discursos? (1 Timoteo 4:13-16).
11 Pensa no que necesita o teu auditorio e dálles consellos prácticos. En vez de dicir cousas que sexan demasiado xerais, usa a Biblia para animalos e axúdalles a ver como aplicar o que di na súa vida. Por exemplo, o apóstolo Paulo deulle a Timoteo varias suxestións específicas para axudarlle a manterse forte espiritualmente mentres estaba na súa asignación en Éfeso (le 1 Timoteo 4:13-16). Pensa no que necesitan realmente os que estean no auditorio e axúdalles a que vexan o que terían que facer para aplicar as ideas do teu discurso.
12. Por que é mellor falar dunha maneira natural ó discursar?
12 Practica o teu discurso en voz alta para que cando o deas soe natural. En vez de escribir palabra por palabra o teu discurso e lelo, intenta falarlle de maneira máis natural ó auditorio. Así seralles máis fácil prestar atención e entendelo. O folleto Melloremos na lectura e no ensino di que a naturalidade consiste en “ser un mesmo, falar dende o corazón e transmitir os sentimentos que un ten cara ó tema e ós presentes”. Se falas de maneira natural, os que te escoitan farano con máis atención, estarán máis interesados nos puntos que ensinas e quererán aplicalos na súa vida.
13. Cando prepares un discurso, por que deberías pedirlle axuda a un irmán de experiencia? (Ver tamén a imaxe).
13 Pídelle axuda a un irmán que teña experiencia discursando. Por exemplo, antes de discursar podes ensinarlle as túas notas a un irmán con experiencia e intentar poñer en práctica as ideas que che dea para mellorar. Ademais, pídelle que te escoite mentres o practicas para que che suxira como podes ser un mellor mestre (Prov. 1:5). Todos temos “puntos cegos” e quizais non sexamos capaces de ver se realmente estamos presentando as ideas dunha maneira clara e práctica, así que é bo pedir axuda. Queremos mellorar como oradores e mestres para que así quen nos escoite poida beneficiarse das xoias espirituais que se encontran na Palabra de Deus.a
Pídelle a un irmán que leve moito tempo dando discursos que che axude a mellorar como mestre (ver o parágrafo 13).
COMO ESTAR MÁIS ATENTOS
14. Que deberiamos sentir sobre os recordatorios de Deus? (Salmo 119:24, 111, 167).
14 Estaremos máis atentos ás reunións se sempre temos presente que os recordatorios de Xehová son moi importantes. Necesitamos os recordatorios de Xehová porque nos axudan a facerlles fronte ós problemas que temos nestes “tempos críticos e difíciles de soportar” (2 Tim. 3:1). Así que, incluso se sentimos que xa escoitamos falar da mesma información moitas veces, intentemos ver os recordatorios de Deus coma o escritor do Salmo 119 (le Salmo 119:24, 111, 167).
15. Como podemos seguir valorando o alimento espiritual que recibimos nas reunións?
15 É importante que vexamos o alimento espiritual que recibimos nas reunións coma un regalo que nos dá Xehová. Podemos aprender do que lles pasou ós israelitas co maná que lles deu Deus mentres estaban no deserto (Éx. 16:15, 31). Ó principio, os israelitas estaban moi contentos co maná, porque viña de Xehová, sabía ben e mantíñaos con vida. Pero co tempo, algúns cansáronse de comelo tódolos días (Núm. 21:5). Cal é a lección? Hoxe en día nós nunca deberiamos ver o alimento espiritual que recibimos como algo común e innecesariamente repetitivo. Máis ben temos que recoñecer que é Xehová quen nolo dá. Recordemos que está coidadosamente preparado pola súa organización e que o que aprendemos pode axudarnos a tomar boas decisións e a vivir para sempre (Prov. 3:13, 16-18; Xoán 17:3).
16. Que lles axudou a algúns irmáns que levan moitos anos servindo a Xehová a atender mellor nas reunións? (Mira tamén o recadro “Ideas para estar máis atentos”).
16 Estaremos máis atentos nas reunións se aplicamos estes consellos prácticos. Que lles axudou a algúns irmáns que levan moitos anos servindo a Xehová a atender mellor nas reunións? Ashley, quen leva máis de 30 anos servindo a Xehová, di: “Prepararse é a clave para prestar atención. Se non levo a reunión preparada, cústame comentar e non me concentro”. József, quen leva 52 anos servindo a Xehová, conta: “Gústame escoitar o mesmo tema unha e outra vez nas reunións. Cando fan discursos ou outros comentan sobre ese tema, sempre aprendo cousas novas. [...] Se un irmán non destaca pola súa oratoria, intento pensar máis no que está dicindo que en como o está facendo, porque o que está explicando vén da Biblia, e polo tanto de Xehová”.
17. Que máis podes facer para prestar máis atención? (Ver tamén a imaxe).
17 Aquí tes outras ideas que che poden axudar a atender mellor. 1) Non comas moito antes das reunións para evitar que che entre o sono. 2) Chega cedo e busca un sitio antes de que empece o programa. 3) Pon os aparellos electrónicos en silencio e non deixes que te distraian durante a reunión. 4) Pensa nos puntos dos que quizais se fale. 5) Céntrate no orador. 6) Toma notas breves ou fai debuxos simples dos puntos principais. 7) Presta atención ós textos bíblicos e intenta pensar en como están relacionados uns cos outros. 8) Pregúntate: “Como podo usar isto para axudar a alguén da congregación ou do territorio?”. 9) Antes dos congresos, mira o programa e le o tema do día, os títulos dos discursos e os textos principais para cada un deles. 10) Prepara o teu corazón sentándote en silencio e prestando atención ós preludios e vídeos musicais que hai ó inicio do programa.
Non deixes que o teléfono ou a tableta te distraian durante as reunións (ver o parágrafo 17).
SIGAMOS ESCOITANDO A XEHOVÁ
18. Por que deberiamos seguir atendendo nas reunións?
18 Deberiamos prestar atención nas reunións porque así permitimos que Xehová nos ensine como facelo feliz (Sal. 23:3; 31:4 [31:3, TNM]). Precisamos esa guía para seguir facendo o que é correcto e non ser coma un barco que se desvía do seu rumbo polo vento. Así que “[prestemos] atención a como [escoitamos]” e poñamos en práctica o que se di nas reunións (Luc. 8:18). Se escoitamos a Xehová poderemos ser felices hoxe en día e ter vida eterna no futuro (Sal. 119:2, 14).
CANCIÓN sjj 87 Ven á reunión!
a Para ver máis ideas sobre como podes mellorar como orador e como mestre, mira o folleto Melloremos na lectura e no ensino e o libro Benefíciese de la Escuela del Ministerio Teocrático.