24-30 DE AGOSTO DE 2026
CANCIÓN sjj 65 Melloremos na predicación
Como nos axudan os grupos de predicación
“Louvarei o Señor con todo o corazón na xuntanza dos xustos, na asemblea [ou congregación]” (SAL. 111:1).
OBXECTIVO
Ver como nos beneficia formar parte dun grupo de predicación.
1, 2. Que pensan moitos sobre os grupos de predicación?
LÉMBRASTE do teu primeiro día como publicador das boas noticias? Seguro que foi un día moi feliz para ti porque chegaches a formar parte dun gran grupo de persoas que louvan o nome de Xehová (Sal. 148:1, 2, 12, 13). Nese momento posiblemente tamén empezaches a formar parte dun grupo máis pequeno, un formado por algúns dos teus irmáns e irmás da congregación: un grupo de predicación. Este xoga un papel fundamental en axudarnos a cumprir co mandato de predicar as boas noticias do Reino “por toda a terra habitada” (Mat. 24:14).
2 Que pensas sobre os grupos de predicación? Unha irmá chamada Wendya di: “O meu grupo de predicación axudoume de moitas maneiras. Aprendín dos demais como predicar e ensinar mellor, axudáronme a poñerme metas espirituais e a cumprilas e fixen moitas amizades marabillosas”. Un irmán chamado Rich comenta: “Para min, servir como superintendente dun grupo de predicación é un enorme privilexio. Mentres que algúns publicadores axudan ás persoas a dar pasos cara ó bautismo, o superintendente de grupo ten oportunidades únicas de axudar a esas persoas a progresar espiritualmente durante anos”. Unha irmá chamada Dinah conta: “Os grupos de predicación son marabillosos! Eu vexo o meu como a miña familia”.
3. Que veremos neste artigo?
3 Neste artigo, primeiro veremos que responsabilidades teñen o superintendente de grupo e o seu auxiliar, e como axudan ós irmáns e irmás do seu grupo. Despois analizaremos como cada un de nós podemos apoiar o noso grupo de predicación. Por último, veremos como nos poden axudar a nós os grupos de predicación.
O SUPERINTENDENTE DE GRUPO E O SEU AUXILIAR
4. a) Cal é a principal responsabilidade dun superintendente de grupo de predicación? b) Que ideas pode aplicar un superintendente para coidar do seu grupo? (Mira o recadro “Ideas prácticas para os superintendentes de grupo”).
4 O superintendente de grupo de predicación é un anciánb que ten a responsabilidade de axudar a un grupo de publicadores a progresar espiritualmente. Como fai isto? Primeiro, preocúpase persoalmente por cada publicador que está no seu grupo (Prov. 27:23). Coñece ben a todos e fala regularmente con eles para asegurarse de saber como están. Isto permítelle animalos espiritualmente, apoialos emocionalmente e darlles axuda práctica (Prov. 12:25; Is. 32:2; Sant. 2:15-17). Segundo, anima a cada publicador a que faga todo o que poida na predicación. El mesmo participa con entusiasmo, especialmente na fin de semana. Ademais, predica regularmente con cada publicador para animalo e axudarlle a predicar e ensinar mellor. Ás veces, quizais non poida saír co grupo, pero neses casos asegurarase de que estea ben coidado polo seu auxiliar ou por outro irmán cualificado. Terceiro, capacita os irmáns bautizados para que poidan facer máis pola congregación (1 Tim. 3:1). Felicítaos sinceramente, dálles consello baseado na Biblia e capacítaos regularmente para que co tempo poidan chegar a ser servos ministeriais e anciáns. Tendo en conta o papel tan importante que ten o superintendente de grupo de predicación, o corpo de anciáns escolle de entre eles ós que estean máis cualificados para cumprir con esta responsabilidade.
5. A que problemas se enfrontan algúns superintendentes de grupo?
5 Un superintendente de grupo quizais se encontre con dificultades ó coidar dos que están no seu grupo. Jörg é un superintendente de grupo de Alemaña que, como moitos anciáns, ten que atender máis dunha responsabilidade na congregación. El conta: “Manter un equilibrio entre varias responsabilidades non é fácil. Por iso, ás veces cústame cumprir coa miña meta de contactar con tódolos que están no meu grupo”. Abel, un ancián de Uganda que ten 70 anos, di: “Como somos moi poucos anciáns e servos ministeriais na nosa congregación, os grupos de predicación son moi grandes. Por iso, cústame animar e dedicar tempo a cada publicador tanto como me gustaría”. E Obed, un ancián de Suriname, admite: “Encántame capacitar a outros, pero iso require moito tempo e enerxías e os resultados non son sempre inmediatos. Así que a miúdo a capacitación é o primeiro que queda desatendido”. Que lles pode axudar ós anciáns que se enfrontan a estes e a outros problemas parecidos?
6. Por que manter os grupos de predicación pequenos axuda ós seus superintendentes a coidar dos publicadores?
6 Se é posible, os grupos de predicación deben ser relativamente pequenos para que os superintendentes poidan coñecer ben a tódolos publicadores do grupo e axudarlles a manterse fortes espiritualmente. E se hai poucos anciáns na congregación? En vez de facer grupos tan grandes que os superintendentes non poidan atender tódalas facetas da súa responsabilidade, o corpo de anciáns pode asignar durante un tempo a un servo ministerial para que atenda un grupo. Desta maneira, os superintendentes poden atender a súa responsabilidade máis importante: axudar a que os irmáns se manteñan fieis a Xehová e aguanten as dificultades.
7. Nas congregacións onde hai poucos anciáns, como poden os superintendentes asegurarse de que tódolos irmáns do seu grupo estean ben atendidos? (1 Pedro 5:2). (Ver tamén a imaxe).
7 Se es superintendente de grupo nunha congregación con poucos anciáns, céntrate en capacitar o teu auxiliar para que che axude a coidar do rabaño de Deus (le 1 Pedro 5:2). Delega cousas nel. Por exemplo, de vez en cando podes pedirlle que faga a reunión para predicar do grupo e que organice a predicación dese día. Tamén é importante que faledes sobre como os dous podedes axudar a cada publicador a mellorar as súas habilidades na predicación e a manterse cerca de Xehová. Leva o teu auxiliar contigo regularmente ás visitas de pastoreo. Fala con el antes sobre como os dous podedes animar o irmán. E despois de facer a visita dille o que fixo ben e no que podería mellorar, se é necesario. Como resultado desta capacitación, el poderá chegar a ser superintendente de grupo no futuro (2 Tim. 2:2). Tamén lles podes pedir a outros cristiáns maduros do teu grupo que axuden ós publicadores na predicación. Por exemplo, os pioneiros e os publicadores de experiencia poden saír a predicar cos que comezaron hai pouco e levan menos tempo predicando. Axudaranlles a empezar conversacións, facer revisitas e dirixir cursos bíblicos. Agora vexamos tres maneiras nas que podemos apoiar persoalmente ó noso grupo de predicación.
Os anciáns poden capacitar os servos ministeriais do seu grupo de predicación, por exemplo, pedíndolles que dirixan unha reunión para predicar (ver o parágrafo 7).
APOIA O TEU GRUPO DE PREDICACIÓN
8. Como podemos apoiar o noso grupo? (Romanos 1:12).
8 Predica co teu grupo. Animámonos uns ós outros cando saímos a predicar xuntos (le Romanos 1:12). Predicar co noso grupo tamén fai que nos sintamos menos nerviosos ó falar coa xente e que esteamos máis seguros ó ir por certos lugares. Se o teu traballo a miúdo non che permite saír a predicar co grupo, poderías falar co teu xefe para axustar o teu horario? Quizais te sorprenda a súa resposta (Neh. 2:4-6). Se pola mala saúde ou a idade avanzada che resulta difícil saír en persoa co teu grupo, por que non falas co teu superintendente? Quizais el poida organizar para que conectes por videoconferencia co grupo para predicar por carta ou teléfono. Es novo e tes boa saúde pero aínda así che custa saír a predicar regularmente? Se é así, por que non fas plans para saír a predicar en persoa con alguén do teu grupo cada semana? Quizais teñas que reconsiderar as túas prioridades ou axustar como xestionas o teu tempo (Rom. 12:11; Col. 4:5). O esforzo vale a pena. Óralle a Xehová, porque el che pode dar “tanto o desexo como as forzas para actuar” (Filip. 2:13).
9. Como podemos facer que o noso grupo de predicación sexa como unha familia? (Romanos 12:13).
9 Sé hospitalario. Para ter un ambiente de cariño e amor no noso grupo de predicación temos que “[ser] hospitalarios sempre” (le Romanos 12:13). Por exemplo, poderiamos ofrecer a nosa casa para que se faga alí a reunión para predicar do grupo. Nalgunhas congregacións, despois da reunión da fin de semana, os grupos rótanse para invitar a comer ó discursante se vén de fóra. E incluso se o discursante non pode, algúns grupos quedan a comer igualmente e pasan tempo xuntos. Unha pioneira especial chamada Sara di: “Póñome nerviosa cando invito a outros á miña casa, así que intento non complicarme moito. Esfórzome por coñecer mellor ós demais en vez de preocuparme por como quedará a comida”. Cando traballamos xuntos para que o grupo de predicación sexa como unha familia, facémonos máis amigos de Xehová e dos irmáns (Neh. 8:10; Feit. 20:35).
10. Que podemos facer para predicar e ensinar mellor? (Proverbios 1:5; 27:17). (Ver tamén a imaxe).
10 Toma a iniciativa. Canto mellor prediquemos e ensinemos, máis probable será que desfrutemos de saír a predicar co noso grupo. Hai algo no que che gustaría mellorar? Por que non tomas a iniciativa e lle pides axuda a alguén? (le Proverbios 1:5; 27:17) Podes comentarllo ó teu superintendente de grupo, pois quizais el tamén poida axudarche. Ademais poderías falar cun pioneiro ou publicador de experiencia. Unha irmá chamada Heather fixo isto a pesar da súa timidez. Ela di: “Pedinlle axuda a unha pioneira para facer revisitas. Ela foi moi amable e cariñosa, predicaba comigo con regularidade. Incluso me axudou a empezar un curso bíblico cunha das miñas revisitas. Estou moi contenta de terlle pedido axuda, porque agora desfruto de predicar outra vez”. Está claro que podemos apoiar ó noso grupo de predicación de moitas maneiras.
Que os grupos de predicación sexan pequenos permítenos coñecer mellor ós demais e saír a predicar con eles (ver o parágrafo 10).
POR QUE SON BOS PARA NÓS OS GRUPOS DE PREDICACIÓN
11, 12. Como pode axudarche o teu grupo de predicación a manterte cerca de Xehová e a ser un mellor cristián? Pon un exemplo.
11 Os beneficios espirituais. Cada un de nós podemos beneficiarnos espiritualmente de ser parte dun grupo de predicación. Por exemplo, o superintendente de grupo pode coidar daqueles ós que Xehová lles ten un cariño especial e que quizais necesiten máis axuda, como as viúvas, os orfos e os maiores (1 Tes. 2:8; Sant. 1:27). Por outro lado, saír co noso grupo axúdanos a predicar e ensinar mellor. Ademais, os irmáns bautizados que sexan exemplares recibirán axuda para cumprir cos requisitos para ter máis responsabilidades na congregación (1 Tim. 3:10).
12 Vexamos como os grupos de predicación axudaron a Wendy, de quen xa falamos antes. Ela conta: “Como meu pai se opoñía á verdade, á miña nai case nunca lle era posible saír a predicar os fins de semana co seu grupo. Pero eu si tiña permitido ir. Unha pioneira maior fíxose a miña amiga e predicaba moito comigo. Ensinoume a predicar mellor e axudoume a aprender como facer máis na congregación. Recordo varias veces nas que o meu superintendente de grupo me deu consellos con cariño baseados nas Escrituras que aínda me seguen axudando hoxe en día”.
13. Cales son algúns beneficios emocionais que obtemos ó apoiar o noso grupo de predicación? (Ver tamén a imaxe).
13 Os beneficios emocionais. Cando predicamos cos irmáns do noso grupo facémonos bos amigos deles (Filip. 1:27). Ter grupos de predicación pequenos pode axudar ós que son máis tímidos ou ós que se senten incómodos en grupos grandes a facer bos amigos con máis facilidade (2 Cor. 6:13). Esas amizades que fagamos axudarannos cando pasemos por momentos difíciles, como cando esteamos enfermos, nos sintamos deprimidos ou suframos pola perda dun ser querido (1 Tes. 5:14). A medida que se achega a gran tribulación, cada vez necesitamos máis bos amigos (Mat. 24:21). Os nosos problemas quizais non desaparezan, pero levarémolos mellor se sabemos que podemos contar con irmáns que nos queren e nos apoian (Prov. 17:17).
Dúas irmás do mesmo grupo de predicación saíndo a predicar xuntas (ver o parágrafo 13)
14. Como nos axudará o noso grupo de predicación cando suceda unha catástrofe ou unha emerxencia?
14 Os beneficios prácticos. A través do noso grupo de predicación recibimos a axuda que necesitamos e no momento oportuno cando hai unha emerxencia médica, epidemias, desastres naturais, persecución ou crises económicas. Cando pasan cousas coma estas, os superintendentes de grupo están listos para axudar. Por exemplo, cando hai unha catástrofe, contactarán con cada familia do seu grupo para ver que necesitan, como talvez comida, auga, coidados médicos, aloxamento ou roupa. Por outro lado, tamén falarán co Comité de Servizo sobre que irmáns necesitan axuda extra e como llela farán chegar. Canta axuda práctica e cariño recibimos do noso grupo de predicación!
15. En que colaboramos tódolos que formamos parte da organización de Xehová?
15 Como vimos, a organización de Xehová é moi grande. Só a parte celestial está formada por centos de millóns, quizais miles de millóns, de anxos fieis. E na parte terrestre hai máis de 9 millóns de persoas que adoran a Xehová, e este número aumenta cada día máis (Zac. 8:23; Apoc. 5:11). Tódolos seus servos colaboramos para declarar as boas noticias do Reino de Deus! (Apoc. 14:6, 7) Desfrutemos ó máximo posible dos beneficios de ter os grupos de predicación, pois estes nos axudan a honrar a Xehová con todo o noso corazón (Sal. 111:1).
CANCIÓN sjj 61 Adiante, Testemuñas!
a Cambiáronse algúns nomes
b Se é necesario, pode usarse un servo ministerial coas cualidades necesarias ata que se poida encargar un ancián. A un servo ministerial que se lle asigna coidar dun grupo de predicación chámaselle servo de grupo, dado que non é un superintendente da congregación. Máis ben, axuda ós anciáns a coidar do grupo e eles guíano e danlle consello para que saiba como facelo.