PREGUNTAS DA XUVENTUDE
Debería bautizarme? | Parte 3. Que me está freando?
Dáche medo a idea de dedicarte a Xehová e bautizarte? Se é así, este artigo axudarache a superar estes medos.
Neste artigo verás:
Que pasa se cometo un pecado grave despois de bautizarme?
Por que che pode dar medo: Pode que coñezas a alguén que cometese un pecado grave e que tivese que ser sacado da congregación (1 Corintios 5:11-13). E igual tes medo de que che pase o mesmo a ti.
“A primeira vez que pensei en bautizarme dábame medo facer algo que estivese mal. Só podía pensar na vergonza que ían pasar meus pais” (Rebekah).
Texto clave: “Que o malvado deixe o seu vieiro, [...] que se volva ó Señor para que teña misericordia del, que (se volva) ó noso Deus que ¡tanto engrandece ó perdoar!” (Isaías 55:7).
Pensa nisto: Aínda que os que cometen un pecado grave e non se arrepinten son sacados da congregación, Xehová móstralles misericordia ós que se arrepinten con humildade e aceptan a corrección (Salmo 103:13, 14; 2 Corintios 7:11).
Ademais, ten en conta isto: aínda que es imperfecto, podes resistir calquera tentación coa axuda de Deus (1 Corintios 10:13). Despois de todo, quen decide o que vas facer? Ti ou os demais?
“Tiña medo de cometer un erro grave despois de bautizarme, pero entón deime conta de que o erro sería pospoñer o bautismo. Entendín que ter medo polo que podería pasar no futuro non debería impedir que faga o que debo facer” (Karen).
En resumo: A decisión está nas túas mans. Podes decidir non cometer pecados graves, igual que fan a maioría dos servos de Xehová (Filipenses 2:12).
Necesitas axuda? Le o artigo “¿Qué puedo hacer para resistir las tentaciones?”.
Que pasa se me asustan as responsabilidades que poida ter despois de bautizarme?
Por que che pode dar medo: Por exemplo, pode que coñezas a algúns rapaces que se mudaron lonxe das súas familias e amigos para facer máis por Xehová. E quizais che preocupe que a xente espere que ti fagas o mesmo.
“Cando un cristián se bautiza pode facer máis no servizo a Xehová, pero algúns non están preparados para facerse dispoñibles ou non teñen as circunstancias para facelo” (Marie).
Texto clave: “Que cada un analice as súas propias accións e así terá motivos para alegrarse polo que el mesmo fai, sen compararse con outros” (Gálatas 6:4).
Pensa nisto: En vez de compararte cos demais, céntrate no que di Marcos 12:30: “Ama a Xehová o teu Deus con todo o teu corazón”.
Fíxate en que debes servir a Xehová con todo o teu corazón, non co dos demais. Se de verdade amas a Xehová, encontrarás maneiras de darlle o mellor de ti.
“Aínda que o bautismo é un paso serio, non vai facer que a túa vida sexa máis difícil. Se te xuntas con boas compañías, poderás contar coa súa axuda. Pouco a pouco recibirás responsabilidades que te farán feliz. Se evitas bautizarte, faraste dano a ti mesmo” (Julia).
En resumo: Canto máis agradecido esteas polo amor que Xehová che demostrou, máis motivado te sentirás a darlle o mellor de ti (1 Xoán 4:19).
Necesitas axuda? Le o artigo “¿Soy una persona responsable?”.
Que pasa se sinto que non merezo servir a Xehová?
Por que che pode dar medo: Xehová é o Soberano do Universo e, comparados con el, os humanos non somos nada. Por iso poida que incluso te preguntes se Xehová sabe que existes.
“Como os meus pais son testemuñas de Xehová, preocupábame que a miña relación con el só fose unha ‘herdanza’ deles. Pensaba que Xehová non se fixara en min persoalmente para acercarme a el” (Natalie).
Texto clave: “Ninguén pode ser o meu seguidor a non ser que o Pai, que me enviou, o acerque a min” (Xoán 6:44).
Pensa nisto: O feito de que esteas pensando en bautizarte quizais sexa unha mostra de que Xehová te está acercando a el para que sexades bos amigos. Queres aceptar a súa invitación?
Ademais recorda que é Xehová, non ti nin ningunha outra persoa, o que decide quen pode ser o seu amigo. De feito, a súa Palabra di: “Acercádevos a Deus e el acercarase a vós” (Santiago 4:8).
“Que coñezas a Xehová e que el queira ser o teu amigo é unha proba de que te quere. Así que cando penses que non mereces servilo, recorda que el non está de acordo. E Xehová sempre ten a razón” (Selina).
En resumo: Se cumpres cos requisitos que hai na Biblia para o bautismo, podes adorar a Xehová. De feito, el merece que o adores (Apocalipse 4:11).
Necesitas axuda? Le o artigo “Por que debería orar?”.