PREGUNTAS DA XUVENTUDE
Debería bautizarme? | Parte 1: O que significa o bautismo
Tódolos anos bautízanse moitos mozos que creceron en familias que serven a Xehová. Ti tamén estás pensando en bautizarte? Se é así, primeiro tes que entender o que significan a dedicación e o bautismo.
Que é o bautismo?
O bautismo do que fala a Biblia implica somerxerse completamente en auga, non simplemente botar ou salpicar un pouco de auga sobre a cabeza de alguén. Ademais, esta inmersión simboliza algo moi importante.
Cando te mergullas na auga ó bautizarte, demostras publicamente que xa non vivirás para facer o que a ti che guste.
Cando saes da auga, demostras que comezas unha nova vida centrada en facer o que lle gusta a Deus.
Cando te bautizas, recoñeces en público que Xehová ten autoridade para decidir o que está ben e mal. Ademais, prométeslle a Deus que sempre farás o que el quere que fagas.
Pensa nisto: Que razóns poderías ter para comprometerte publicamente a obedecer a Xehová para sempre? Mira 1 Xoán 4:19 e Apocalipse 4:11.
Que é a dedicación?
Antes de bautizarte, debes dedicarte a Xehová en privado. Como podes facelo?
Nunha oración persoal, dislle a Xehová que prometes servilo para sempre e que farás o que el quere sen importar o que pase ou o que decidan facer os demais.
O bautismo é a maneira de mostrar en público que te dedicaches a Deus en privado. Así os demais ven que xa non vives para ti, senón que agora a túa vida lle pertence a Xehová (Mateo 16:24).
Pensa nisto: Por que mellora a túa vida cando a dedicas a Xehová? Le Isaías 48:17, 18 e Hebreos 11:6.
Por que é importante bautizarse?
Xesús estableceu o bautismo como un requisito que os seus discípulos debían cumprir (Mateo 28:19, 20). Este segue sendo un requisito para os cristiáns da actualidade. De feito, a Biblia di que é necesario para obter a salvación (1 Pedro 3:21).
Con todo, os teus motivos para bautizarte deben ser que amas a Xehová e que a túa relación con el é moi importante para ti. Deberías ter a actitude do salmista, que escribiu: “¿Con que lle pagarei ó Señor todo o ben que me fai? [. . .] [Invocarei] o nome do Señor; cumprirei os meus votos ó Señor” (Salmo 116:12-14).
Pensa nisto: Que cousas boas fixo Xehová por ti, e como podes agradecerllas? Mira Deuteronomio 10:12, 13 e Romanos 12:1.