Preguntas dos lectores
Cando proclamarán as nacións “paz e seguridade”?
Como se considerou nun artigo “Preguntas dos lectores” dun número recente da revista A Atalaiaa, Xehová pronto poñerá no corazón dos “10 cornos” (tódolos gobernos) “o pensamento” de darlle o poder e a autoridade que teñen á “besta salvaxe que era dunha cor vermella intensa” (as Nacións Unidas). A esta besta tamén se lle chama a “imaxe da besta salvaxe” (Apoc. 13:14, 15; 17:3, 16, 17). Despois os “10 cornos” e a besta salvaxe, agora chea de poder, eliminarán tódalas relixións falsas do mundo. Pero, cando proclamarán as nacións “paz e seguridade”b, antes ou despois da destrución das relixións falsas? (1 Tes. 5:3).
A verdade é que non sabemos exactamente cando proclamarán as nacións “paz e seguridade”. Se soubésemos tódolos detalles non necesitariamos estar “sempre vixiantes”, tal e como Xesús lles aconsellou unha e outra vez ós seus seguidores (Mat. 24:42; 25:13; 26:41). Vexamos a profecía inspirada que o apóstolo Paulo lles escribiu na súa carta ós tesalonicenses.
Paulo escribiu: “Cando anden dicindo ‘Paz e seguridade!’, entón virá sobre eles de repente a destrución” (1 Tes. 5:2, 3). As nosas publicacións a miúdo explicaban as palabras de Paulo desta maneira: a proclamación de “paz e seguridade” será xusto antes de que empece a gran tribulación coa destrución de Babilonia a Grande, o imperio mundial das relixións falsas. Tamén diciamos que cando se proclamase “paz e seguridade” saberiamos que a gran tribulación está a punto de empezar.
En cambio, despois de estudalo a fondo parece que hai outra posible explicación que non podemos descartar. Quizais a proclamación de “paz e seguridade” se faga despois da destrución das relixións falsas. Por que pode que sexa así? Analicemos as seguintes preguntas.
Que papel tiveron as relixións falsas nas guerras? Falando de Babilonia a Grande, “a gran prostituta”, a Biblia di: “Nela encontrouse o sangue [...] de tódolos que foron asasinados na terra” (Apoc. 17:1, 5; 18:24). Ó longo da historia, as relixións falsas fomentaron as guerras e, moitas veces, o terrorismo. Así que estas relixións son un dos motivos polos que hai guerras e violencia, non paz e seguridade. Pero entón, proclamarán as nacións “paz e seguridade” só despois de eliminar a Babilonia a Grande? Pode ser, pero non o sabemos con seguridade.
Que virá despois da proclamación de “paz e seguridade”? A Biblia di: “Entón virá sobre eles de repente a destrución” (1 Tes. 5:3). A nota de estudo para este versículo di: “Paulo aquí indica que pasará pouco tempo, ou incluso ningún, entre a proclamación de ‘paz e seguridade’ e a destrución dos que farán esta proclamación. Esta destrución será de repente e non poderán escapar dela”. Se primeiro se eliminan as relixións falsas e despois os gobernos políticos deste mundo proclaman “paz e seguridade”, entón a destrución das nacións si que sería sorprendentemente repentina.
Como reaccionará o pobo de Xehová ante os acontecementos preditos? Paulo dixo: “Vós, irmáns, non estades en escuridade como para que ese día vos colla por sorpresa igual que a luz do día sorprendería a uns ladróns” (1 Tes. 5:4). Se primeiro se destrúe as relixións falsas e despois se proclama “paz e seguridade”, para o pobo de Deus quedará claro que a destrución das nacións é inminente. En cambio, dende o punto de vista das nacións a súa destrución virá coma un ladrón: de repente e sen aviso.
Do que si estamos seguros é de que dentro de pouco os “10 cornos” e a besta salvaxe, que nese momento terá moito poder e autoridade, destruirán as relixións falsas. Isto será o inicio da gran tribulación. Tamén sabemos que, nalgún momento, as nacións proclamarán “paz e seguridade”. Cando? Vimos dúas posibilidades. 1) Que as nacións fagan esta proclamación antes de destruír as relixións falsas. 2) Que as nacións fagan esta proclamación despois de destruír as relixións falsas por completo. En calquera caso, teremos que esperar para ver como sucede. Moitas veces as profecías bíblicas chegan a entenderse por completo cando se están cumprindo ou despois de que xa se cumprisen (compara con Xoán 12:16).
De todos modos, o máis importante para nós non é en que momento se proclamará “paz e seguridade” senón seguir sendo leais a Deus. Temos que seguir despertos e manter o noso bo xuízo para estar totalmente preparados sen importar en que orde sucedan as cousas (1 Tes. 5:6).
a Mira o artigo “Preguntas dos lectores” de A Atalaia de novembro de 2025.
b As palabras que usou o apóstolo Paulo permiten entender que esta proclamación podería ser tanto un único suceso como unha serie deles.