BIBLIOTECA EN LIÑA Watchtower
BIBLIOTECA EN LIÑA
Watchtower
Galego
  • BIBLIA
  • PUBLICACIÓNS
  • REUNIÓNS
  • w25 setembro páxs. 14-19
  • Mostrémoslles respecto ós demais

Ningún vídeo dispoñible.

Sentímolo, houbo un erro ó cargar o vídeo.

  • Mostrémoslles respecto ós demais
  • A Atalaia. Anunciando o Reino de Xehová (estudo) 2025
  • Subtítulos
  • Información relacionada
  • QUE SIGNIFICA RESPECTAR A OUTROS?
  • MOSTRÉMOSLLES RESPECTO ÓS NOSOS FAMILIARES
  • MOSTRÉMOSLLES RESPECTO ÓS NOSOS IRMÁNS
  • MOSTRÉMOSLLES RESPECTO ÓS QUE NON FORMAN PARTE DA CONGREGACIÓN
  • Que pasou co respecto?
    Despertade! (2024)
  • Por que respectar a autoridade
    Continúa no amor de Deus
  • Que pasou co respecto polos demais?
    Despertade! (2024)
  • Respecta as decisións dos demais
    A Atalaia. Anunciando o Reino de Xehová (estudo) 2026
Ver máis
A Atalaia. Anunciando o Reino de Xehová (estudo) 2025
w25 setembro páxs. 14-19

ARTIGO DE ESTUDO 38

CANCIÓN sjj 120 Sexamos mansos coma Xesús

Mostrémoslles respecto ós demais

“Ser respectado é mellor que ter prata e ouro” (PROV. 22:1, TNM).

OBXECTIVO

Aprender por que necesitamos respectar a outros e como podemos facelo incluso cando é difícil.

1. Por que nos gusta que nos mostren respecto? (Proverbios 22:1, TNM).

GÚSTACHE cando outros che mostran respecto? Seguro que si. Tódolos humanos necesitamos sentirnos respectados e é algo que nos fai felices. Por iso a Biblia di que “ser respectado é mellor que ter prata e ouro” (le Proverbios 22:1, TNM).

2, 3. Por que non é sempre fácil mostrarlles respecto a outros, e a quen deberiamos mostrarllo?

2 Quizais non sempre nos sexa fácil respectar os demais. Por un lado, non podemos evitar ver as súas imperfeccións. E, por outro, vivimos nun tempo no que é normal que a xente sexa irrespectuosa. Pero nós temos que ser diferentes. Por que? Porque Xehová quere que honremos, ou mostremos respecto, a “todo o mundo” (1 Ped. 2:17).

3 Neste artigo aprenderemos que significa respectar os demais e como podemos mostrárllelo 1) ós membros da nosa familia, 2) ós nosos irmáns e 3) ós que non forman parte da congregación. Centrarémonos en como facelo en circunstancias difíciles.

QUE SIGNIFICA RESPECTAR A OUTROS?

4. Que significa respectar a outros?

4 Como definirías a palabra respecto? Nalgúns idiomas, os termos respecto e honra están relacionados. Como? O respecto refírese principalmente a como vemos a unha persoa. Cando respectamos a outra persoa vémola como alguén que merece a nosa atención e consideración, quizais polas súas cualidades, logros ou autoridade. Pero honra refírese a como a tratamos. Cando honramos a alguén, tratámolo de maneira que se sinta valorado, apreciado e dignificado. Por suposto, para que a honra que lle deamos sexa verdadeira, ten que saírnos do corazón (Mat. 15:8).

5. Que nos pode axudar a mostrarlles respecto a outros?

5 Xehová quere que respectemos os demais. Por exemplo, el dinos que respectemos “as autoridades superiores” (Rom. 13:1, 7). Pero hai quen di: “A min non me importa respectar a outros, sempre e cando o merezan”. É correcto pensar así? Non. Nós entendemos que temos que respectar a outros, non polas súas accións, senón porque é o que Xehová quere que fagamos e nós queremos facelo feliz a el (Xos. 4:14; 1 Ped. 3:15).

6. É posible ser respectuoso con alguén que non te trata con respecto? Explica a túa resposta. (Ver tamén a imaxe).

6 Algunhas persoas pode que se pregunten: “É realmente posible ser respectuoso con alguén que non te trata con respecto?”. Si. Vexamos algúns exemplos. O rei Saúl humillou o seu fillo Ionatán diante doutros (1 Sam. 20:30-34). Non obstante, Ionatán respectou a seu pai, quen era o rei, e apoiouno na batalla ata que Saúl morreu (Éx. 20:12; 2 Sam. 1:23). O sumo sacerdote Elí acusou a Ana de estar borracha (1 Sam. 1:12-14). Pero Ana faloulle con respecto a Elí, a pesar de que os seus erros como pai e como sumo sacerdote eran coñecidos en todo Israel (1 Sam. 1:15-18; 2:22-24). E algúns homes de Atenas insultaron o apóstolo Paulo, dicindo que andaba con lerias (Feit. 17:18). Aínda así, Paulo faloulles con respecto (Feit. 17:22). Estes exemplos son unha mostra evidente de que o noso amor por Xehová e o noso desexo de agradarlle poden movernos a mostrar respecto incluso cando é difícil. Analicemos quen merece o noso respecto e por que.

Ionatán, Saúl e soldados israelitas loitando coas súas espadas, lanzas e escudos nun campo de batalla.

Aínda que seu pai o humillou, Ionatán seguiu defendéndoo e apoiándoo como rei (ver o parágrafo 6).


MOSTRÉMOSLLES RESPECTO ÓS NOSOS FAMILIARES

7. Que pode facernos difícil respectar os nosos familiares?

7 O desafío. Pasamos moito tempo cos nosos familiares e chegamos a coñecer moi ben tanto as súas boas cualidades coma as súas imperfeccións. Algún pode que teña unha enfermidade que nos faga difícil coidar del ou que teña moita ansiedade. Outros poida que digan ou fagan cousas que nos doian. Algúns, en vez de intentar facer do seu fogar un lugar de descanso e paz, crean mal ambiente ó tratar con falta de respecto o resto da familia. Como resultado, a familia non está unida. Do mesmo xeito que a artrose fai que as diferentes partes do corpo non traballen ben xuntas, a falta de respecto fai que os diferentes membros da familia non traballen unidos. Pero, a diferenza da artrose, a cal non podemos curar por completo, si que podemos poñerlle fin á falta de respecto para que non siga danando a nosa familia.

8. Por que é importante respectar os nosos familiares? (1 Timoteo 5:4, 8, TNM).

8 Por que mostrar respecto? (le 1 Timoteo 5:4, 8, TNM) Na súa primeira carta a Timoteo, Paulo falou de que os membros da familia teñen que coidar uns dos outros. El explicou que debemos honrar os membros da nosa familia non porque teñamos que facelo, senón pola nosa “devoción a Deus”. Isto significa que o facemos porque amamos a Deus e porque o vemos como parte da nosa adoración a el. Cando honramos os nosos parentes, en realidade estamos honrando a Xehová, porque el é o Creador da familia (Ef. 3:14, 15). Que importante razón para respectalos!

9. Como poden un marido e unha muller mostrarse respecto entre eles? (Ver tamén as imaxes).

9 Como mostrar respecto. Un marido que honra a súa muller demostra en privado e en público que é moi valiosa para el (Prov. 31:28; 1 Ped. 3:7). El nunca lle pegaría, a avergonzaría diante doutros nin lle faría sentir que non é suficiente. Mateoa, un irmán que vive na Arxentina, di: “A enfermidade que ten a miña muller fai que ás veces diga cousas que me fan dano. Cando isto pasa, recórdome a min mesmo que o que di non é o que sente de verdade. Neses momentos tensos, acórdome de 1 Corintios 13:5, un texto que me axuda a falarlle con respecto e sen enfadarme” (Prov. 19:11). Unha muller que honra o seu marido fala ben del a outros, evita usar o sarcasmo, facer chistes desagradables del ou insultalo porque se dá conta de que iso é como o óxido que corroe o matrimonio (Ef. 5:33; Prov. 14:1). O marido dunha irmá de Italia sofre ansiedade, e ela di: “Ás veces sinto que as preocupacións do meu marido son esaxeradas. No pasado, as miñas palabras e as caras que poñía mostraban que non o respectaba. Pero algo que me axuda é pasar tempo con amigos que falan dos demais con respecto, porque me motiva a ser máis respectuosa co meu marido”.

Serie de imaxes: Un matrimonio tratándose con respecto. 1. O marido falándolle con cariño á súa muller mentres preparan xuntos a comida. 2. A muller falando ben do seu marido ós invitados mentres el lle serve comida a un irmán maior.

Cando respectamos os nosos familiares, honramos o noso Cabeza de familia, Xehová (ver o parágrafo 9).


10. Como poden os rapaces mostrarlles respecto a seus pais?

10 Rapaces, obedecede as normas que vosos pais puxeron na casa e faládelles con respecto (Ef. 6:1-3; Éx. 21:17). A medida que se fagan maiores, necesitarán máis da vosa atención, así que esforzádevos por coidalos ben. Vexamos o exemplo de María. O seu pai, quen non é Testemuña, enfermou e a ela facíaselle difícil coidalo porque a trataba de forma pouco amable. Ela recorda: “Oráballe a Xehová non só para que me axudase a terlle respecto a meu pai, senón para poder demostrarllo. Entendín que se Xehová me pide que respecte a meus pais, é lóxico que me dea as forzas para conseguilo. Co tempo, comprendín que non teño que esperar a que meu pai cambie a súa actitude para tratalo con respecto”. Cando honramos os membros da nosa familia incluso cando é difícil, respectamos a Xehová, quen creou a familia.

MOSTRÉMOSLLES RESPECTO ÓS NOSOS IRMÁNS

11. Por que pode ser difícil tratar os irmáns con respecto?

11 O desafío. Os irmáns esfórzanse por vivir da maneira na que nos ensina a Biblia, pero ás veces algúns poden tratarnos mal, xulgarnos inxustamente ou molestarnos. Se un irmán nos dá “motivos para [queixarnos]”, quizais nos custe seguir tratándoo con respecto (Col. 3:13). Que nos pode axudar a conseguilo?

12. Por que é importante respectar os irmáns? (2 Pedro 2:9-12).

12 Por que mostrar respecto? (le 2 Pedro 2:9-12) Na súa segunda carta inspirada, Pedro dixo que algúns cristiáns da congregación do primeiro século estaban faltándolles ó respecto ós “Seres Gloriosos”, é dicir, ós anciáns. Como reaccionaron os anxos fieis que viron o que estaba pasando? Por respecto a Xehová non dixeron nada malo daquelas persoas. Que interesante! Os anxos perfectos aseguráronse de non falar mal daqueles homes arrogantes. Máis ben, deixaron que Xehová os xulgase e os reprendese (Rom. 14:10-12; compara con Xudas 9). Que podemos aprender do exemplo dos anxos? Se nin sequera eles lles faltaron ó respecto ós que se opoñían á verdade, con moita máis razóns nós temos que evitar facer isto cos nosos irmáns que aman a Xehová. Todo o contrario, debemos tomar “a iniciativa de [honralos]” (Rom. 12:10). Facendo isto demostramos que respectamos a Xehová.

13, 14. Como podemos mostrarlles respecto a outros na congregación? Pon algúns exemplos. (Ver tamén as imaxes).

13 Como mostrar respecto. Anciáns, cando lles ensinedes a outros facédeo sempre con amor (Filem. 8, 9). Se tedes que aconsellar a alguén, facédeo con amabilidade e non cando esteades frustrados. Irmás, podedes facer moito por crear e protexer un ambiente de respecto na congregación se vos negades a falar mal doutros ou calumnialos (Tito 2:3-5). Todos nós podemos demostrarlles respecto ós anciáns da congregación cooperando con eles e agradecéndolles o bo traballo que fan ó dirixir as reunións, ó organizar a predicación e ó axudar ós que deron “un paso en falso” (Gál. 6:1; 1 Tim. 5:17).

14 A unha irmá chamada Rocío fíxoselle difícil respectar a un irmán que lle deu un consello. Ela di: “Molestoume o que me dixo porque sentín que fora pouco amable comigo [...]. Na casa falei mal del. Aínda que intentei non demostralo, no meu interior sentín que realmente non me quería axudar, e por iso non escoitei o seu consello”. Que lle axudou? Rocío explica: “Na miña lectura da Biblia lin 1 Tesalonicenses 5:12, 13. Cando me dei conta de que non lle estaba mostrando respecto a este irmán, empezou a molestarme a conciencia. Oreille a Xehová e investiguei nas nosas publicacións para encontrar información específica que me axudase a cambiar a miña actitude. Co tempo deime conta de que o problema non era o irmán, senón o meu orgullo. Agora entendo que hai relación entre a miña humildade e a miña capacidade de respectar os demais. Aínda necesito mellorar, pero mentres me esforzo por mostrar respecto síntome en paz con Xehová”.

Serie de imaxes: Unha irmá maior lendo a Biblia e pensando no moito que se esforzan os anciáns de distintas maneiras. 1. Un ancián dando un discurso nunha reunión de congregación. 2. El axudando un irmán que está en cadeira de rodas. 3. El quitando neve no exterior do Salón do Reino.

Todos nós podemos demostrarlles respecto ós anciáns da congregación cooperando con eles e agradecéndolles o bo traballo que fan (ver os parágrafos 13 e 14).


MOSTRÉMOSLLES RESPECTO ÓS QUE NON FORMAN PARTE DA CONGREGACIÓN

15. Por que nos pode custar mostrarlles respecto ás persoas que non son testemuñas de Xehová?

15 O desafío. A miúdo nos encontramos con xente na predicación á que non lle importa Deus nin a Biblia (Ef. 4:18). Outros non escoitan a nosa mensaxe polo que lles ensinaron cando eran nenos. Quizais teñamos que enfrontarnos a xefes ou profesores que nunca están contentos co que facemos ou a compañeiros de traballo ou escola que son pouco amables. Co tempo, poderiamos perder o respecto por eles e deixar de tratalos con amabilidade.

16. Por que é importante mostrarlles respecto ós que aínda non serven a Xehová? (1 Pedro 2:12; 3:15).

16 Por que mostrar respecto? Temos que recordar que Xehová fíxase en como tratamos as persoas que non cren nel. O apóstolo Pedro recordoulles ós cristiáns que a súa boa conduta debía motivar a outros a darlle gloria a Deus. Por iso díxolles que explicasen as súas crenzas de maneira apracible e con moito respecto (le 1 Pedro 2:12; 3:15). Tanto se estaban nun xuízo pola súa fe como defendendo as súas crenzas ó falar cun veciño, os cristiáns tiñan que tratar os non crentes coma se o estivesen facendo diante de Deus. Despois de todo, Xehová está vendo e escoitando o que dicimos e como o dicimos. Que razón tan importante para tratar con respecto os que non forman parte da congregación!

17. Como podemos mostrarlles respecto ós que non forman parte da congregación?

17 Como mostrar respecto. Na predicación nunca queremos dar a impresión de que os que coñecen pouco ou nada sobre a Biblia nos parecen menos intelixentes ca nós. Máis ben, temos que recordar que son moi importantes para Deus e superiores a nós (Axeo 2:7; Filip. 2:3). Se alguén te insulta polas túas crenzas, esfórzate por non contraatacar, por exemplo dicindo algo enxeñoso pero sarcástico que o deixe quedar mal (1 Ped. 2:23). Se dixeches algo do que te arrepintes, descúlpate de inmediato. E no traballo, como podes mostrar respecto? Traballa duro e esfórzate por ver as cousas boas das persoas para as que traballas e dos teus compañeiros (Tito 2:9, 10). Se es honrado e traballador, pode ser que agrades ás persoas ou pode ser que non, pero seguro que farás feliz a Deus (Col. 3:22, 23).

18. Por que merece a pena mostrarlles respecto a outros?

18 Cantas boas razóns temos para mostrarlles respecto ós demais! Vimos que cando respectamos a nosa familia, honramos o noso Cabeza de familia, Xehová. Da mesma maneira, cando respectamos os nosos irmáns, honramos o noso Pai celestial. E cando respectamos os que non forman parte da congregación, facémoslles máis fácil que algún día glorifiquen, ou honren, o noso gran Deus. Incluso se os demais nunca nos chegan a respectar, merecerá a pena que nós si o fagamos. Por que? Porque Xehová nos bendicirá. El prometeu: “Honro ós que me honran” (1 Sam. 2:30).

QUE RESPONDERÍAS?

  • Como podemos mostrarlles respecto ós nosos familiares?

  • Como podemos mostrarlles respecto ós nosos irmáns?

  • Como podemos mostrarlles respecto ós que non forman parte da congregación?

CANCIÓN sjj 129 Seguiremos aguantando

a Cambiáronse algúns nomes.

    Publicacións en galego (1986-2026)
    Pechar sesión
    Iniciar sesión
    • Galego
    • Compartir
    • Axustes
    • Copyright © 2026 Watch Tower Bible and Tract Society of Pennsylvania
    • Termos de uso
    • Política de privacidade
    • Axustes de privacidade
    • JW.ORG
    • Iniciar sesión
    Compartir