BIBLIOTECA EN LIÑA Watchtower
BIBLIOTECA EN LIÑA
Watchtower
Galego
  • BIBLIA
  • PUBLICACIÓNS
  • REUNIÓNS
  • w25 abril páxs. 8-13
  • Acercarnos a Deus é bo para nós

Ningún vídeo dispoñible.

Sentímolo, houbo un erro ó cargar o vídeo.

  • Acercarnos a Deus é bo para nós
  • A Atalaia. Anunciando o Reino de Xehová (estudo) 2025
  • Subtítulos
  • Información relacionada
  • ACERCARNOS A DEUS FAINOS FELICES
  • ACERCARNOS A DEUS DÁNOS UN PROPÓSITO E UNHA ESPERANZA
  • COMO SEGUIR ACERCÁNDONOS A DEUS
  • PODEMOS ACERCARNOS A DEUS INCLUSO CANDO COMETEMOS ERROS
  • ACERQUÉMONOS A DEUS POR TODA A ETERNIDADE
  • Acercarnos uns ós outros é bo para nós
    A Atalaia. Anunciando o Reino de Xehová (estudo) 2025
  • Recorda que Xehová é o “Deus vivo”
    A Atalaia. Anunciando o Reino de Xehová (estudo) 2024
  • Como resolver as dúbidas
    A Atalaia. Anunciando o Reino de Xehová (estudo) 2024
  • Sigue aprendendo sobre Xehová
    A Atalaia. Anunciando o Reino de Xehová (estudo) 2026
Ver máis
A Atalaia. Anunciando o Reino de Xehová (estudo) 2025
w25 abril páxs. 8-13

ARTIGO DE ESTUDO 15

CANCIÓN sjj 30 Meu amigo, meu Deus, meu Pai

Acercarnos a Deus é bo para nós

“No meu caso, acercarme a Deus é bo para min” (SAL. 73:28, TNM).

OBXECTIVO

Aprender como nos podemos acercar máis a Xehová e ver os beneficios de facelo.

1, 2. a) Que fai falta para ter unha amizade estreita con alguén? b) Que analizaremos neste artigo?

PENSA nun bo amigo teu. Como chegastes a ter esa amizade? Probablemente pasaches tempo con el, soubeches a que desafíos se enfrontou e descubriches o que lle gusta e o que non. Ademais, viches boas cualidades nel que che gustaría imitar. Así que chegaches a querelo moito.

2 Conseguir unha amizade estreita con alguén require tempo e esforzo. Pasa o mesmo coa nosa amizade con Xehová Deus. Neste artigo analizaremos como podemos achegarnos máis a Deus. Pero primeiro vexamos os beneficios que obteremos se o facemos.

3. Por que deberiamos meditar nos beneficios de acercarnos a Xehová? Pon un exemplo.

3 Seguro que estás de acordo en que nos beneficia acercarnos a Xehová. Pero reflexionar en ata que punto é bo pode motivarnos a seguir facéndoo (Sal. 63:7-9 [63:6-8, TNM]). Por exemplo, todos sabemos que seguir unha dieta equilibrada, facer exercicio físico, descansar o suficiente e beber auga abondo é bo para nós. Aínda así, moitos non pensan demasiado nestas cousas e descoidan a súa saúde. Pero canto máis pensemos no beneficioso que é ter bos hábitos, máis probable é que os manteñamos. De maneira parecida, quizais saibamos que acercarnos a Xehová é bo, pero meditar nos beneficios motivaranos a seguir estreitando a nosa amizade con el (Sal. 119:27-30).

4. Que sentimentos expresou o escritor do Salmo 73:28 (TNM)?

4 Le Salmo 73:28 (TNM). O escritor do Salmo 73 era un levita nomeado para servir como músico no templo de Xehová. É probable que adorase a Xehová fielmente durante anos. Pero, aínda así, sentía que tiña que recordarse a si mesmo e a outros que “[acercarnos] a Deus” é bo. Por que nos beneficia coñecer mellor a Xehová e fortalecer a nosa amizade con el?

ACERCARNOS A DEUS FAINOS FELICES

5. a) Por que nos fai felices acercarnos a Xehová? b) Como che axuda e te protexe a sabedoría que che dá Xehová? (Proverbios 2:6-16).

5 Canto máis cerca esteamos de Xehová, máis felices seremos (Sal. 65:5 [65:4, TNM]). Isto é así por moitas razóns. Por exemplo, beneficiámonos de aplicar a sabedoría práctica que atopamos na súa Palabra, a Biblia. O que Xehová nos ensina protéxenos do que nos pode facer dano e de cometer erros graves (le Proverbios 2:6-16). Con razón a Biblia di: “Ditoso o home que dá coa Sabedoría e o que vén dotado de discernimento” (Prov. 3:13).

6. Por que perdeu a alegría o salmista?

6 Por suposto, incluso os amigos de Xehová pasan por períodos de tristeza. O escritor do Salmo 73 perdeu a alegría cando empezou a pensar en cousas negativas. Comezou a sentirse molesto e a ter envexa porque, segundo el, a xente mala que non se preocupaba por Deus nin por seguir a súas normas tiña unha vida mellor. Chegou á conclusión equivocada de que as persoas violentas e arrogantes conseguían calquera cousa que querían, tiñan mellor saúde e incluso non sufrían (Sal. 73:3-7, 12). O salmista estaba tan preocupado que chegou ó punto de preguntarse se os seus esforzos por servir a Xehová valían a pena. Estando moi triste dixo: “Entón, para nada gardo eu limpo o corazón e manteño puras as mans” (Sal. 73:13).

7. Que podemos facer cando nos sentimos tristes? (Ver tamén a imaxe).

7 O salmista non permitiu que a súa tristeza o paralizase, senón que fixo algo para cambiar os seus pensamentos. Entrou no magnífico santuario de Deus, onde Xehová corrixiu a súa maneira de pensar (Sal. 73:17-19). Xehová, o noso mellor amigo, sabe ben cando estamos tristes. Podemos orarlle pedíndolle que nos axude a saber que facer e a aceptar o consello e o apoio que nos dá mediante a súa Palabra e a congregación. Desta maneira recibiremos a forza interior necesaria para seguir servíndoo aínda que esteamos tristes. Incluso se temos tantos problemas que non sabemos nin que facer, Xehová axudaranos a sentir calma (Sal. 94:19).a

Un levita de pé entre o altar de bronce e o pórtico do templo.

O levita que escribiu o Salmo 73 de pé diante do magnífico santuario de Deus (ver o parágrafo 7).


ACERCARNOS A DEUS DÁNOS UN PROPÓSITO E UNHA ESPERANZA

8. De que outras maneiras importantes nos beneficia acercarnos a Deus?

8 Achegarnos a Deus benefícianos doutras dúas maneiras importantes. Primeiro, fai que teñamos un propósito na vida. E segundo, dános unha esperanza confiable para o futuro (Xer. 29:11). Analicemos máis detidamente estes beneficios.

9. Por que acercarnos a Xehová fai que sexamos máis felices?

9 Acercarnos a Xehová fai que teñamos un propósito na vida. Hoxe en día, moitos negan a existencia de Deus. Así que non saben por que estamos aquí e pensan que, no futuro, a humanidade desaparecerá. Pero grazas ó noso estudo da Palabra de Deus, chegamos a estar convencidos de que el “recompensa os que o buscan” (Heb. 11:6). E xa agora vivimos máis felices, porque estamos cumprindo co propósito para o que fomos deseñados: servir ó noso Pai celestial, Xehová (Deut. 10:12, 13).

10. Que lles promete Xehová ós que confían nel? (Salmo 37:29).

10 Moitos non teñen unha esperanza real para o futuro. Só traballan, forman unha familia e aforran para cando xa non poidan traballar máis. Deus non é parte da súa vida. En cambio, os servos de Xehová poñemos a nosa esperanza nel e sabemos que coidará de nós (Sal. 25:3-5; 1 Tim. 6:17). Confiamos no Deus ó que nos acercamos e sabemos que cumprirá o que nos prometeu. O noso futuro inclúe a oportunidade de adoralo para sempre no Paraíso (le Salmo 37:29).

11. Que ocorre cando nos acercamos a Deus, e como o facemos sentir?

11 Acercarnos a Deus é bo para nós por moitas outras cousas. Por exemplo, Xehová promete perdoar os pecadores arrepentidos que están cerca del (Is. 1:18). Grazas a isto, xa non temos que seguir preocupándonos polos pecados que cometemos no pasado (Sal. 32:1-5). Ademais, temos o privilexio de facer feliz a Xehová (Prov. 23:15). Seguro que se che ocorren moitas outras bendicións das que podemos desfrutar por ser amigos de Deus. Pero, como podemos seguir acercándonos máis a el?

COMO SEGUIR ACERCÁNDONOS A DEUS

12. Que pasos deches para acercarte a Deus?

12 Se es un cristián bautizado, xa deches moitos pasos para estar máis cerca de Xehová. Para empezar, aprendiches moitas verdades sobre el e Cristo Xesús, arrepentícheste dos teus pecados, demostraches que tes fe nel e esforzácheste por obedecelo. Pero, para acercarte aínda máis a Deus, tes que seguir facendo estas cousas (Col. 2:6).

13. Que tres cousas poden axudarnos a seguir acercándonos a Xehová?

13 Que nos axudará a seguir acercándonos a Deus? Primeiro, non deixar de ler e de estudar a Biblia. Ó facer isto, o noso obxectivo non debería ser simplemente aprender as cousas básicas sobre Deus. Máis ben, temos que intentar entender como pensa el, saber o que quere que fagamos e despois vivir de acordo con iso (Ef. 5:15-17). Segundo, fortalecer a nosa fe reflexionando nas moitas probas que nos demostran que nos quere. E, terceiro, continuar odiando as cousas que el odia e evitar a amizade con persoas que as practican (Sal. 1:1; 101:3).

14. Segundo 1 Corintios 10:31, cales son algunhas cousas que podemos facer no noso día a día para alegrar a Xehová? (Ver tamén as imaxes).

14 Le 1 Corintios 10:31. É importante facer as cousas que sabemos que lle gustan a Xehová. Isto implica máis que predicar e asistir ás reunións. Inclúe todo o que facemos na nosa vida diaria. Por exemplo, cando somos honrados en todo e compartimos o que temos con outros, alegramos a Deus (2 Cor. 8:21; 9:7). Tamén queremos demostrar que valoramos o regalo da vida. Por iso nos esforzamos por ter unha dieta equilibrada, non excedernos coas bebidas alcohólicas e ter outros hábitos que nos axudan a manternos sans. Calquera esforzo por alegrar a Xehová, por pequeno que nos pareza, fará que nos queira máis (Luc. 16:10).

Serie de imaxes: Maneiras de facer feliz a Xehová. 1. Conducir de forma segura: un irmán conducindo un coche parando nun semáforo en vermello. 2. Coidar de nós mesmos: un irmán camiñando a paso lixeiro ó aire libre. 3. Levar unha dieta saudable: Diferentes alimentos sans nun prato. 4. Compartir o que temos cos demais: unha irmá levándolle flores e unha comida a unha irmá maior que ten o brazo vendado.

Conducir de forma segura, compartir o que temos cos demais e coidar de nós mesmos facendo exercicio e levando unha dieta saudable son algunhas maneiras de alegrar a Xehová (ver o parágrafo 14).


15. Como quere Xehová que tratemos os demais?

15 Xehová é bo tanto cos xustos coma cos inxustos, e quere que nós fagamos o mesmo (Mat. 5:45). El pídelles ós seus servos que “non difamen a ninguén, que sexan pacíficos, [...] amables con todo o mundo” (Tito 3:2). Por iso non nos cremos superiores ós que non comparten as nosas crenzas (2 Tim. 2:23-25). Se tratamos os demais sempre con amabilidade, acercarémonos máis a Xehová.

PODEMOS ACERCARNOS A DEUS INCLUSO CANDO COMETEMOS ERROS

16. Como se sentiu o escritor do Salmo 73 despois dun tempo servindo a Xehová?

16 Pero, e se ás veces sentes que Xehová non está cerca túa polos erros que cometiches? Como xa comentamos, ó escritor do Salmo 73 pasoulle algo parecido. El queixouse: “Por pouco non esvaro, por nada os pés non se me van” (Sal. 73:2). Recoñeceu que “estaba amargurado” e “que era parvo”, “coma unha besta” diante de Xehová (Sal. 73:21, 22). Pensou el que, pola súa mala actitude, Xehová xa non o querería nin o perdoaría?

17. a) Que fixo o salmista incluso cando estaba moi desanimado? b) Que leccións podemos aprender da súa experiencia? (Ver tamén as imaxes).

17 Se o salmista se sentiu rechazado por Xehová, debeu de ser só durante pouco tempo. Incluso cando peor se sentía, sabía que necesitaba estar cerca de Deus. El escribiu: “Mais eu estou sempre contigo [Xehová] e ti cóllesme da dereita. Condúcesme co teu consello e acóllesme con honor” (Sal. 73:23, 24). Nós tamén deberiamos ver a Xehová coma unha Roca que nos pode dar estabilidade cando notemos que a nosa fe está débil ou cando nos sintamos desanimados polos nosos propios erros (Sal. 73:26; 94:18). Incluso se cometemos un pecado grave, podemos volver a Xehová e ter a seguridade de que el está “disposto a perdoar” (Sal. 86:5, TNM). Especialmente nos peores momentos, debemos acercarnos aínda máis a Deus (Sal. 103:13, 14).

Serie de imaxes: 1. Un irmán desanimado sentado na cama. 2. Máis tarde, está sorrindo mentres un matrimonio o saúda nunha reunión de congregación.

Cando nos sentimos débiles en sentido espiritual, debemos acercarnos a Xehová orando máis e asistindo regularmente ás reunións (ver o parágrafo 17).


ACERQUÉMONOS A DEUS POR TODA A ETERNIDADE

18. Por que poderemos seguir acercándonos a Xehová por toda a eternidade?

18 Poderemos seguir acercándonos a Xehová por toda a eternidade. Nunca deixaremos de aprender del, pois a Biblia di que os seus camiños, a súa sabedoría e o seu coñecemento son “inexplorables” (Rom. 11:33).

19. Que nos aseguran os Salmos?

19 O Salmo 79:13 di: “Nós, o teu pobo, ovellas do teu rabaño, cantaremos polas xeracións as túas louvanzas”. Ti tamén podes estar seguro de que, se segues acercándote a Deus, recibirás bendicións por toda a eternidade e poderás dicir con confianza: “Deus é para sempre a miña rocha e a miña sorte” (Sal. 73:26).

QUE RESPONDERÍAS?

  • Por que deberiamos reflexionar nos beneficios de acercarnos a Deus?

  • De que maneiras nos beneficia acercarnos a Deus?

  • Como podemos seguir acercándonos a Deus?

CANCIÓN sn 27 Vente con Xehová!

a Se alguén sente ansiedade ou tristeza durante un longo período de tempo, quizais necesite a axuda dun profesional. Para saber máis, mira a revista A Atalaia, núm. 1 do 2023.

    Publicacións en galego (1986-2026)
    Pechar sesión
    Iniciar sesión
    • Galego
    • Compartir
    • Axustes
    • Copyright © 2026 Watch Tower Bible and Tract Society of Pennsylvania
    • Termos de uso
    • Política de privacidade
    • Axustes de privacidade
    • JW.ORG
    • Iniciar sesión
    Compartir