Sabíalo?
Como puido Esteban permanecer tan calmo ó sufrir persecución?
ESTEBAN enfrontouse a un grupo de homes hostís. Os 71 xuíces que compoñían o Sanedrín, o tribunal supremo xudeu, eran das persoas máis poderosas de toda a nación. Foron convocados polo sumo sacerdote Caifás, quen uns meses antes presidira o xuízo no que Xesús fora condenado á morte (Mat. 26:57, 59; Feit. 6:8-12). Mentres lanzaban unha e outra vez falsas acusacións contra el, notaron algo bastante sorprendente en Esteban: “Viron que a súa cara parecía a dun anxo” (Feit. 6:13-15).
Como puido Esteban manter a calma e estar sereno ante unha situación tan intimidatoria? Antes de que o arrastrasen diante do Sanedrín, Esteban dedicouse de cheo ó seu ministerio grazas á poderosa influencia do espírito de Deus (Feit. 6:3-7). E cando estaba no medio do xuízo, ese mesmo espírito consolouno e fíxolle recordar cousas (Xoán 14:16, nota). De feito, cando Esteban fixo a súa valente defensa, rexistrada no capítulo 7 de Feitos, o espírito santo tróuxolle á mente uns vinte ou máis relatos das Escrituras Hebreas (Xoán 14:26). Pero a fe de Esteban fortaleceuse aínda máis cando recibiu unha visión na que Xesús estaba de pé á dereita de Deus (Feit. 7:54-56, 59, 60).
Pode que algún día teñamos que enfrontarnos a ameazas e persecución (Xoán 15:20). Se nos alimentamos regularmente da Palabra de Deus e participamos activamente na predicación, permitiremos que o espírito santo inflúa na nosa vida. Así tamén teremos as forzas necesarias para resistir a oposición e, ó mesmo tempo, manter a nosa paz interior (1 Ped. 4:12-14).