Xehová aproba os que teñen fe nel
“Imitade os que herdan as promesas porque teñen fe e paciencia” (HEB. 6:12).
1, 2. Que desafío afrontaron Xefté e a súa filla?
A ESPERA chegou ó seu fin. Aliviada por ver a seu pai volver da batalla, a moza bota unha carreira para recibilo cantando e bailando pola súa incrible vitoria. Pero en vez de estar contento, el racha a roupa que levou á batalla e berra: “¡Ouh miña nena! Magoáchesme de verdade”. Entón pronuncia as palabras que cambiarían a vida da súa filla por sempre. Dille que fixo unha promesa que botaría por terra tódolos seus soños e esperanzas dunha vida normal. Como reacciona ela? Sen dubidalo, dálle a seu pai unha resposta fermosa na que o anima a cumprir co que lle prometeu a Xehová. O que dixo mostrou a gran fe que tiña. Ela sabía que o que Xehová nos pide sempre é o mellor (Xuí. 11:34-37). O corazón de seu pai énchese de orgullo porque esa disposición que ten a súa filla alegra a Xehová.
2 Xefté e a súa filla confiaron por completo na forma en que Xehová fai as cousas, incluso cando parece que nos pide demasiado. Eles estaban convencidos de que calquera sacrificio que fixesen pagaría a pena para conseguir a aprobación de Deus.
3. Por que nos pode ser de axuda o exemplo de Xefté e a súa filla?
3 Sabemos que non sempre é fácil manternos leais a Xehová. A verdade é que necesitamos loitar “con tódalas [n]osas forzas pola fe” (Xud. 3). Para poder logralo, imos analizar os desafíos que Xefté maila súa filla puideron superar. Como foron capaces de manterse leais a Xehová?
MANTEÑAMOS A FE A PESAR DO MUNDO QUE NOS RODEA
4, 5. a) Que mandato lle deu Xehová ós israelitas cando entraron na Terra Prometida? b) Segundo o Salmo 106, que lles pasou ós israelitas por culpa da súa desobediencia?
4 Seguro que Xefté e a súa filla recordaban cada día as desastrosas consecuencias de desobedecer a Xehová. Uns 300 anos antes, Deus mandáralles ós seus antepasados que matasen a tódolos pagáns que había Terra Prometida (Deut. 7:1-4). Como os israelitas desobedeceron, moitos deles acabaron coma os cananeos, é dicir, adorando deuses falsos e participando en actos inmorais e dexenerados (le Salmo 106:34-39).
5 Por culpa da súa desobediencia Xehová deixou de coidalos e protexelos (Xuí. 2:1-3, 11-15; Sal. 106:40-43). Para as familias que temían a Deus debeu ser todo un desafío manterse leais a El durante todos eses anos difíciles. Aínda así, a Biblia di que quedaban persoas fieis, tales como Xefté e a súa filla, Elcanah, Ana e Samuel. Todos eles estaban decididos a conseguir a aprobación de Deus (1 Sam. 1:20-28; 2:26).
6. Que influencias nos rodean neste mundo, e que debemos facer?
6 Vivimos nunha sociedade na que a xente pensa e actúa de forma similar á dos cananeos. Promoven o sexo, a violencia e o materialismo. Igual que no caso dos israelitas, Xehová deunos advertencias claras para protexernos destas influencias. Aprenderemos algo dos erros dos israelitas? (1 Cor. 10:6-11) Temos que esforzarnos por arrancar da nosa vida calquera forma de pensar que se pareza á dos cananeos (Rom. 12:2). Estamos facendo ese esforzo?
MANTEÑAMOS A FE A PESAR DAS DECEPCIÓNS
7. a) Que lle fixeron a Xefté os seus irmáns e os anciáns de Israel? b) Como reaccionou el?
7 Na época de Xefté, os israelitas acabaron escravizados polos filisteos e os amonitas por culpa da súa desobediencia (Xuí. 10:7, 8). Pero os retos ós que se enfrontou Xefté non viñan só das nacións inimigas, tamén viñan dos seus propios irmáns e dos líderes de Israel. Cheos de celos e de rabia, os seus medio irmáns botárono da casa e privárono ilegalmente da herdanza que lle correspondía como primoxénito (Xuí. 11:1-3). Xefté non permitiu que o maltrato que recibira cambiase a súa actitude. En vez de ignorar a petición de axuda dos anciáns de Israel, foi axudalos (Xuí. 11:4-11). Que motivou a Xefté a reaccionar coma un home espiritual?
8, 9. a) Que principios da Lei mosaica poida que axudasen a Xefté? b) Que era o máis importante para Xefté?
8 Xefté era máis que un guerreiro poderoso, tamén era un bo estudante da Lei mosaica e da historia de Israel. Coñecer tan ben estes temas permitiulle ter unha visión clara do que está ben e do que está mal ós ollos de Xehová (Xuí. 11:12-27). Os principios que había na Lei moldearon a súa forma de pensar e os seus sentimentos. Por exemplo, sabía que a Xehová non lle gustaba que alguén gardase resentimento, máis ben esperaba que os seus servos se mostrasen amor uns ós outros. A Lei tamén ensinaba que unha persoa non debe ignorar as necesidades dos demais, nin tampouco as necesidades do “adversario” (le Éxodo 23:5; Levítico 19:17, 18).
9 Os exemplos de persoas de fe como Xosé —quen mostrou misericordia a seus irmáns incluso cando o odiaban— poida que influísen na forma en que reaccionou Xefté (Xén. 37:4; 45:4, 5). Meditar neles seguro que axudou a Xefté a actuar dun xeito que lle agradase a Xehová. É evidente que se sentiu profundamente ferido polos seus irmáns, pero iso non lle impediu seguir servindo a Xehová e ó seu pobo (Xuí. 11:9). Para el, defender o nome de Deus era moitísimo máis importante ca calquera conflito persoal. Estaba máis que decidido a serlle fiel a Xehová, o que o beneficiou a el mesmo e os demais (Heb. 11:32, 33).
10. Como poden axudarnos os principios divinos a actuar coma cristiáns?
10 É posible que algúns irmáns nos tratasen mal ou nos decepcionasen. Se meditamos no exemplo de Xefté e permitimos que nos chegue ó corazón, non deixaremos que estes problemas nos impidan seguir servindo a Xehová, indo ás reunións e estando cos irmáns. Ó igual ca Xefté, deixemos que as normas de Xehová nos axuden a superar as circunstancias negativas e a seguir sendo unha axuda para os demais (Rom. 12:20, 21; Col. 3:13).
OS SACRIFICIOS QUE FAGAMOS SON PROBA DA NOSA FE
11, 12. Que voto fixo Xefté, e que implicaba?
11 Xefté decatouse de que necesitaría a axuda de Deus para liberar o pobo de Israel dos amonitas. Por iso, prometeulle a Xehová que se lle daba a vitoria ofreceríalle como “holocausto”, ou ofrenda queimada, a primeira persoa que saíse da súa casa cando volvese da batalla (Xuí. 11:30, 31). Que estaba implicado nesa ofrenda?
12 O sacrificio de humanos é algo que Xehová aborrece. Por iso sabemos que Xefté non estaba a falar de sacrificar a alguén literalmente (Deut. 18:9, 10). Cando a Lei mosaica estaba en vigor, unha ofrenda queimada ofrecíase por completo a Xehová. Así que Xefté estaba prometendo que dedicaría unha persoa exclusivamente ó servizo a Deus. Este voto ou promesa implicaba un servizo permanente no tabernáculo. Xehová estivo de acordo e bendiciuno cunha impresionante vitoria (Xuí. 11:32, 33). Agora queda unha pregunta por responder. A quen entregaría Xefté como ofrenda queimada?
13, 14. Que revelan sobre a súa feas palabras de Xefté en Xuíces 11:35?
13 Volvamos á situación da que se fala ó principio do artigo. Cando Xefté volve da batalla, quen sae a recibilo? A súa única e querida filla! E aquí vén o interesante. Cumpriría coa súa palabra e entregaría a súa filla para que servise no tabernáculo o resto da súa vida?
14 De novo, seguro que os principios da Lei axudaron a Xefté a tomar a decisión correcta. Pode ser que recordase as palabras de Éxodo 23:19, nas que se dicía que os servos de Deus deberían estar dispostos a dar o mellor a Xehová. A Lei tamén dicía que se un home facía unha promesa, era a súa obriga cumprila: “Se un home fai un voto ó Señor [...] non faltará á súa palabra; obrará conforme a todo o que prometeu” (Núm. 30:3 [30:2, TNM]). Igual que Ana —que probablemente viviu na mesma época— Xefté tiña que cumprir coa súa palabra, aínda sabendo o que implicaría para el e para a súa filla. Posto que non tiña máis fillos, a súa filla era a súa única esperanza de ter descendencia, a única que podía transmitir o seu nome e a súa herdanza (Xuí. 11:34). Non obstante, Xuíces 11:35 remata coas seguintes palabras de Xefté: “Dei a miña palabra ó Señor e non podo botarme atrás”. A fe que demostrou a pesar do prezo tan alto que pagou tróuxolle a aprobación e a bendición de Deus. E ti? Se estiveses nesa situación farías o mesmo?
15. Que voto fixemos moitos de nós, e como podemos demostrar que temos fe?
15 Cando dedicamos as nosas vidas a Xehová, prometémoslle que fariamos a súa vontade con todo o noso corazón. Sabiamos que vivir de acordo con esa promesa implicaba facer sacrificios. Aínda así, o noso desexo de facer o que Xehová nos pide ponse a proba cando nos pide algo que non nos gusta. Cando facemos eses sacrificios e servimos a Deus fóra da nosa zona de confort, demostramos a fe que temos nel. As bendicións que recibimos están a anos luz de calquera sacrificio que fagamos sen importar o grande que sexa (Mal. 3:10). Pero que hai da filla de Xefté? Como reaccionou ela ó voto de seu pai?
Como podemos demostrar unha fe como a de Xefté e a súa fila? (Ver os parágrafos 16 e 17).
16. Como reaccionou a filla de Xefté ó voto de seu pai? (Ver a imaxe do principio do artigo).
16 Para a filla de Xefté non debeu ser nada fácil aceptar as consecuencias do voto de seu pai. Este caso foi diferente a cando Ana prometeu que entregaría o seu fillo Samuel para servir no tabernáculo como nazireo (1 Sam. 1:11). Un nazireo podía casar e formar unha familia. Pero a filla de Xefté era unha especie de ofrenda queimada, é dicir, tiña que esquecerse da posibilidade de ter unha familia (Xuí. 11:37-40). Como filla do vitorioso líder de Israel, seguramente podería casar co mellor home do país. Pero agora esa opción desapareceu e tería que ser unha humilde serva no tabernáculo. Cal foi a súa reacción? Demostrou que puxo o servizo a Xehová por riba de todo ó dicir: “Meu pai: se deches unha palabra ó Señor, fai comigo segundo o que prometiches” (Xuí. 11:36). Sacrificou os seus desexos naturais de ter marido e fillos por dedicarse de cheo a Deus. E nós? Como a podemos imitar?
17. a) Como podemos imitar a fe de Xefté e da súa filla? b) Como che animan as palabras de Hebreos 6:10-12 a facer sacrificios?
17 Miles de mozos e mozas están dispostos a non casar ou ter fillos, polo menos por agora, para poder servir a Xehová ó máximo. E os máis maiores tamén sacrifican do tempo que poderían pasar cos seus fillos e netos para traballar en proxectos de construción, ir o Curso para Evanxelizadores do Reino e para servir en zonas nas que hai máis necesidade de publicadores. Outros deixan a un lado os seus asuntos persoais para participar de cheo na campaña da Conmemoración. Estes sacrificios que se fan de todo corazón alegran moitísimo a Xehová, quen nunca vai esquecer o seu traballo nin o amor que lle mostraron (le Hebreos 6:10-12). Agora pensa nas túas circunstancias. Poderías facer algún sacrifico para servir máis a Xehová?
QUE FOI O QUE APRENDEMOS?
18, 19. Que aprendemos do relato bíblico sobre Xefté e a súa filla, e como podemos imitalos?
18 Aínda que a vida de Xefté estaba chea de desafíos, deixou que a forma de pensar de Xehová guiase as súas decisións. Rexeitou a influencia do mundo que o rodeaba. Non permitiu que a súa fe se debilitase aínda que as cousas que fixeron os demais o decepcionasen. Xehová bendiciunos tanto a el como a súa filla polos seus sacrificios e usounos a ambos para promover a adoración pura. E cando outros abandonaron os consellos de Deus, Xefté maila súa filla aferráronse a eles.
19 A Biblia anímanos a imitar “os que herdan as promesas porque teñen fe e paciencia” (Heb. 6:12). Imitemos a Xefté e a súa filla demostrando coa nosa forma de vivir que estamos de acordo con esta verdade fundamental: Xehová aproba os que teñen fe nel.