INTRODUCIÓN
Podes servir a Xehová con valor!
1-3. Por que sabemos que Xesús foi moi valente ó dicir: “Levantádevos, que imos marchar”?
“LEVANTÁDEVOS, que imos marchar.” Poida que estas sexan as palabras máis valentes que nunca dixera un ser humano. Por que? Teremos a resposta se pensamos en quen dixo isto e por que (Mat. 26:46).
“Levantádevos, que imos marchar.” (Mat. 26:46)
2 Foi Xesús quen lles dixo iso ós seus seguidores fieis. Esta non foi a primeira vez que lles dixera algo parecido (Xoán 14:31). Pero esta vez era moi diferente. Estaba nun xardín na ladeira dunha montaña ó lado da cidade de Xerusalén. Xa era tarde e a Lúa brillaba no ceo. Xesús sabía que unha multitude armada se estaba achegando e o que esta quería facerlle. Estaba a punto de enfrontarse á proba máis difícil que nunca tivera que pasar un ser humano, e sabía que tería que enfrontarse a esa proba só.
3 Xesús non intentou evitar o perigo que lle esperaba. Aínda que podería pedirlle a Xehová que enviase os seus poderosos anxos para protexelo, nunca o fixo (Mat. 26:53). En lugar diso, sinxelamente dixo: “Levantádevos, que imos marchar”. E onde marchou? Foi directo cara ó perigo, cara ós homes que o ían torturar e matar. Por que estaba disposto a facer iso? Porque amaba o seu Pai e os seus seguidores.
4, 5. Que tipo de valor demostrou Xesús, e por que necesitamos ser valentes coma el?
4 Non hai dúbida de que Xesucristo foi o home máis valente que xamais viviu. Se ti es un dos seus seguidores, tamén es moi valente. Os verdadeiros cristiáns temos que ter valor, pois vivimos en tempos difíciles e perigosos, e necesitamos esta calidade máis que nunca.
5 Como podemos mostrar o mesmo valor que Xesús? O verdadeiro valor non implica non terlle medo a nada, poñerse en perigo innecesariamente ou pensar que nada nos pode facer dano. Tampouco implica participar en actos violentos para demostrar que somos duros (Sal. 11:5). O valor que Xesús mostrou non se parece en nada a iso! Máis ben é unha especie de fortaleza interior que nos permite seguir adiante facendo o que lle agrada a Deus, sen importar o difícil ou aterrador que poida ser.
Podes imitar o valor de Xesús!
6. Se pensamos que nos falta valor, como pode animarnos o que Xesús lles dixo ós seus discípulos?
6 É posible que te preguntes se ti tamén poderás ser valente coma Xesús cando te enfrontes a probas. Se é así, lembra que Xesús é razoable. Igual que o seu Pai, el nunca espera de nós máis do que podemos dar (Sal. 103:14; Xoán 14:9). Por exemplo, esa mesma noite no xardín de Xetsemaní Xesús pediulles ós seus apóstolos que quedasen despertos con el, pero eles non o fixeron. A pesar disto, el díxolles con cariño: “Claro, a intención é boa, pero o corpo é débil” (Mat. 26:41). Coñecía as súas limitacións e tamén coñece as túas.
7, 8. Como demostrou Xesús que confiaba nos seus seguidores?
7 Xesús tamén demostrou que confiaba nos seus seguidores. Imaxina o tranquilizador ton da súa voz cando lles dixo: “Sede valentes! Eu vencín o mundo” (Xoán 16:33). El sabía que poderían seguir os seus pasos, e así o fixeron. Xesús usou en varias ocasións expresións parecidas. Por exemplo, antes de dicirlle a un home paralítico que os seus pecados foran perdoados (Mat. 9:2). Tamén usou unha despois de curar unha muller dunha enfermidade terrible (Mat. 9:22). Usou outra para tranquilizar os seus discípulos cando se asustaron durante unha forte tempestade de vento (Mat. 14:27). E cando un grupo de xuíces enfurecidos case mata a Paulo, díxolle dende o ceo: “Sé valente!” (Feit. 23:9-11).
8 En certo sentido, o teu Rei estache dicindo a ti o mesmo: “Sé valente!”. E sabe que es capaz. O seu Pai, Xehová, deuche exactamente o que necesitas para conseguilo.
Como pode axudarnos a Biblia a ter máis valor?
9. Como pode animarnos a Palabra de Deus?
9 Con moito cariño, Xehová encheu a súa Palabra inspirada con exemplos que poden axudarnos a ter máis valor. Nela encontramos historias reais de moitos homes e mulleres, mozos e vellos, con diferentes circunstancias. Todos eles tiñan “sentimentos coma os nosos”, tal e como tiña o profeta Elías (Sant. 5:17). Igual que todos nós, eran humanos imperfectos coas súas debilidades, limitacións e erros, que se enfrontaron a todo tipo de obstáculos, desafíos e incluso perigos. Aínda así foron capaces de vencelos, igual que fixo Xesús. Foron valentes e deixáronnos exemplos extraordinarios que seguen animándonos.
10, 11. Que podes conseguir grazas á axuda deste libro, e como podes usalo? (Mira tamén o recadro “Como podes usar esta publicación para o teu estudo persoal e a adoración en familia”).
10 Este libro está deseñado para axudarche a ter máis valor. Nos próximos 54 capítulos verás como Xehová axudou a humanos imperfectos coma ti a obter o valor que necesitaban. Le cada relato e afonda máis investigando os antecedentes e as circunstancias de cada personaxe. Mentres o fas poderás ir coñecendo cada vez mellor a estes homes e mulleres.
11 Que os seus exemplos che axuden a ser máis valente e así poder aguantar nestes difíciles “últimos días” (2 Tim. 3:1). Lembremos cada día a promesa de Xehová: “Nunca te deixarei e nunca te abandonarei”. Como explicou Paulo, estas palabras poden axudarnos a “dicir cheos de confianza: ‘Xehová é o meu axudante. Non vou ter medo.’” (Heb. 13:5, 6).