41 ZACARÍAS E ELÍSABET
“Xustos ós ollos de Deus”
A ZACARÍAS esperáballe un gran día. Ía desfrutar dun privilexio exclusivo, un que probablemente só tería unha vez na súa vida. Era un dos moitos sacerdotes descendentes de Aarón e hoxe tocáballe ofrecer incenso no altar de ouro do santuario do templo. Seguro que para el e a súa muller, Elísabet, era un día moi especial.
Zacarías e Elísabet levaban moitos anos casados e desfrutaron de moitas bendicións. Pero desexaban unha que aínda non recibiran: ter fillos. Este era un asunto moi importante naquel tempo, e Zacarías e Elísabet “xa eran maiores”. Pero a Biblia descríbeos como “xustos ós ollos de Deus”, así que seguiron orándolle ó seu Deus, confiando en que el os escoitaría, mesmo se parecía que xa non había esperanza.
Zacarías entrou no santuario mentres unha multitude oraba no exterior. Estando só no silencio daquela gran sala, de repente apareceu unha figura ó lado do altar do incenso. Era un anxo de Xehová! Díxolle a Zacarías que Deus escoitara as súas oracións e faría que Elísabet lle dese un fillo. Terían que chamalo Xoán. Cando medrase contaría “co espírito e co poder de Elías”. Faría un gran traballo e prepararía o pobo para que volvese a Xehová.
Pero Zacarías tiña dúbidas de que isto fose certo, así que pediulle un sinal. O anxo corrixiuno dicindo: “Eu son Gabriel, o que está de pé diante de Deus”. Non había ningunha razón para dubidar deste poderoso servo de Xehová. Por iso Gabriel engadiu que non podería volver falar ata que Deus cumprise as súas promesas. Cando Zacarías saíu do santuario só puido explicar con xestos o que lle pasara.
Un matrimonio maior e sen fillos recibiu unha mensaxe do ceo que lles cambiaría a vida.
Dalgún xeito, Zacarías encontrou a maneira de explicarlle a Elísabet que terían un fillo e, tan só “uns días despois”, ela quedou embarazada. Mantívose illada na súa casa durante cinco meses, pero no sexto mes recibiu a visita dunha parente. Era María de Nazaret, a filla de Helí. Xusto no momento no que María entrou na casa o neno que Elísabet levaba dentro saltou de alegría. Elísabet recibiu espírito santo e chegou a saber que María estaba embarazada e que o neno sería o Mesías. Así que sentiuse impulsada a chamarlle “a nai do meu Señor”. En lugar de sentir celos, tratou de fortalecer aquela muller nova para cumprir coa responsabilidade que tiña por diante.
Cando Elísabet deu a luz, a súa familia e veciños trataron de convencela de que lle puxese ó pequecho o nome do seu pai. Pero Elísabet sabía o que Gabriel lle dixera ó seu home: “Tes que chamarlle Xoán”. Por iso rexeitou a proposta e dixo: “Non! Vaise chamar Xoán”. Como non conseguiron saírse coa súa, intentaron convencer a Zacarías. Aínda sen poder falar, escribiu nunha táboa: “O seu nome é Xoán”. Nese instante recuperou a fala.
Entón, Zacarías encheuse de espírito santo e empezou a profetizar. Baixo inspiración, declarou unha mensaxe de esperanza e dixo que Xehová mostraría misericordia e salvaría o seu pobo. Profetizou que o seu fillo iría “diante de Xehová para preparar os seus camiños”. E así foi. Xoán o Bautista precedeu o Mesías, preparando a xente para aceptar a mensaxe de Xesús sobre o Reino de Deus.
A chegada do Mesías implicaría cambios moi grandes na forma na que o pobo de Deus trataría os non crentes e os opositores. En séculos anteriores, moitos dos servos de Deus demostraran valor ó loitar en guerras contra os inimigos de Xehová. Pero unha nova era estaba a punto de comezar, e Deus non lles pediría nunca máis ós seus servos humanos que loitasen nunha guerra deste tipo. Aínda así, seguirían necesitando valor. Os que aceptasen o Mesías terían que usar o precioso agasallo da fala para darlle gloria a Xehová e para proclamar as boas noticias sobre Xesucristo, igual que fixeron Zacarías e Elísabet.
Le o relato da Biblia:
Pensa nisto:
De que formas demostraron valor Zacarías e Elísabet?
Afonda máis
1. Aínda que Zacarías e Elísabet eran imperfectos, por que di a Biblia que “obedecían de maneira irreprochable”? (Luc. 1:6; it “Exento de culpa” par. 2-wcgr).
2. Que di a Biblia sobre Gabriel? (it “Gabriel” pars. 2, 3-wcgr). A
Imaxe A
Imaxe A
3. Gabriel díxolle a Zacarías que debía chamarlle ó seu fillo Xoán. Que significa este nome? (it “Xoán” par. 1-wcgr).
4. Quedou Zacarías xordo ademais de mudo? (w08 15/3 páx. 30 par. 6-wcgr).
Medita no que aprendiches
Nos días de Zacarías os rabinos xudeus autorizaban a un home a divorciarse da súa muller se esta non lle daba fillos, pero Zacarías mantívose leal a Elísabet. Que poden aprender del os homes casados? B
Imaxe B
A pesar da presión dos seus familiares e veciños, Elísabet apoiou lealmente a decisión do seu home (Luc. 1:58-61). Que poden aprender dela as mulleres casadas?
Como podes imitar o valor de Zacarías e Elísabet?
Analiza o cadro completo
Que me ensina este relato sobre Xehová?
Como se relaciona este relato co propósito de Xehová?
Que che gustaría preguntarlles a Zacarías e Elísabet se resucitan na Terra?a
Aprende máis
Mira como recuperou Zacarías a fala e como a usou para louvar a Deus.
Que aprendemos da visita que lle fixo María a Elísabet sobre como Xehová nos pode dar forzas?
a Se Zacarías e Elísabet morreron antes do Pentecostés do ano 33 n. e. resucitarán para vivir na Terra.