39 ESTER
“Aínda que teña que morrer”
UNHA muller nova foi ó palacio real e entrou na estancia onde o rei estaba sentado no seu trono. Sabía que podía morrer por atreverse a presentarse alí cando el non a chamara. Pero aínda que tiña medo, seguiu camiñando. Quen era esta muller e como acabou nesa situación?
Chamábase Ester. Os seus pais morreran cando ela era unha nena e o seu primo Mardoqueo, que era moito maior ca ela, adoptouna coma filla e converteuse no seu titor. Vivían na cidade de Xuxán, unha cidade real do Imperio Persa, onde Mardoqueo traballaba como servo do rei. Ester medrou e converteuse nunha moza moi atractiva.
Un día o rei Axuero (probablemente Xerxes I) decidiu escoller unha nova muller e pediu que se buscasen as virxes máis guapas do imperio. Os homes do rei decatáronse da gran beleza de Ester e levárona ó palacio real. Antes de que se vise obrigado a separarse dela, Mardoqueo aconselloulle que non lle dixese a ninguén que era xudía.
No palacio, Ester gañouse o cariño de “tódolos que a vían”. Despois de doce meses recibindo tratamentos de beleza levárona diante do rei. “O rei quíxolle máis a Ester do que a tód[a]las outras mulleres” e escolleuna para ser a nova raíña daquel poderoso imperio. Aínda así, Ester obedeceu a Mardoqueo e mantivo en segredo que era xudía.
Naquel tempo o rei nomeou primeiro ministro a un home chamado Hamán. Este home odiaba a Mardoqueo, quen se negaba a inclinarse diante del. Mardoqueo negouse porque era un servo fiel de Xehová e parece que Hamán viña dunha nación que Deus consideraba inimiga. En calquera caso, Hamán estaba moi furioso con Mardoqueo e tramou unha conspiración para matar a tódolos xudeus que vivían no imperio. Cando Mardoqueo soubo deste plan sentiuse profundamente aflixido. Mandoulle unha mensaxe a Ester para pedirlle que fose con urxencia onda o rei para interceder pola súa xente. Esta foi a proba máis grande á que ela se enfrontou.
Ester explicoulle a Mardoqueo que podería enfrontarse á pena de morte se se presentaba diante do rei sen ser invitada. Este monarca era coñecido polo seu mal carácter. Aínda así, Mardoqueo animouna a ir, e lembroulle que posiblemente chegou a ser raíña precisamente para iso, para protexer o pobo de Xehová. Así que Ester conseguiu vencer os seus medos. Dixo: “Entrarei onda o rei, aínda que teña que morrer”. O único que pediu é que o pobo fixese xaxún durante tres días. Está claro que ela e tódolos xudeus deberon orar moito eses días para pedirlle a Xehová que a protexese. Entón foi ver o rei.
Cando Axuero viu a Ester de pé no patio do palacio real non se enfadou. Así que non ordenou a súa morte. Máis ben preguntoulle que podía facer por ela. Ester respondeu invitándoo a el e a Hamán a un banquete que preparara para eles. Nese banquete demostrou ser prudente e sabia e non dixo nada do que andaba maquinando Hamán. Limitouse a invitar os dous a un segundo banquete ó día seguinte. Hamán usou ese tempo para seguir conspirando contra Mardoqueo e mandou levantar un madeiro porque quería velo colgado nel. Pero o plan de Hamán acabaríase volvendo na súa contra.
Tivo que convencer o seu home, un monarca moi poderoso, de que impedise o exterminio do pobo de Deus.
No segundo banquete, Axuero volveulle preguntar a Ester que podía facer por ela. Pero esta vez non gardou silencio. Con moito respecto díxolle ó rei que estaba en marcha unha conspiración para destruíla a ela e o seu pobo. Dixo que podería quedar calada pero que esa trama podería danar o propio rei. Sorprendido, Axuero preguntoulle quen era o conspirador. Ester respondeulle que era o malvado Hamán! Cheo de carraxe, o rei ordenou que o executasen. Nun xiro dramático dos acontecementos, Hamán acabou colgado no mesmo madeiro que mandara levantar para Mardoqueo.
Hamán esperaba poder acabar con Mardoqueo e co pobo de Deus en todo o Imperio Persa. Pero en vez diso, el e moitos outros inimigos de Xehová e do seu pobo acabaron mortos. Xehová usou unha moza valente e con moita fe para protexer unha vez máis o seu pobo.
Le o relato da Biblia:
Ester 1:1–9:1, 5, 13-17
Pensa nisto:
De que formas demostrou valor Ester?
Afonda máis
1. Que probas temos de que este relato histórico foi real? (ia páx. 138, recadro-wcgr). A
Ungnad, Arthur. “Neubabylonische Privaturkunden aus der Sammlung Amherst.” Archiv für Orientforschung, vol. 19, 1959, pp. 74–82
Imaxe A: Escrito persa antigo que menciona a Marduka (Mardoqueo).
2. Por que é posible que Mardoqueo se negase a inclinarse ante Hamán? (ia páx. 131 par. 18-wcgr).
3. Que demostra que Satán e os seus demos estiveron envoltos no intento de exterminar os xudeus? (g02 8/9 páx. 7 par. 3–páx. 8 par. 2-wcgr). B
Cube. Lot of Yahali, puru. Neo-Assyrian Clay. (YPM BC 021122). Courtesy of the Peabody Museum, Division of Anthropology, Babylonian Collection, Yale University; peabody.yale.edu
Imaxe B: Dado antigo que se usaba para botar sortes.
4. Que profecía axudaron a cumprir Ester e Mardoqueo? (ia páx. 142, recadro-wcgr).
Medita no que aprendiches
Ester foi sabia e obediente, incluso cando non estaba con outras persoas que adoraban a Xehová. Que poden aprender dela os rapaces?
Axuero escoitou a Ester porque ela foi paciente, respectuosa e sincera. Como poden as cristiás casadas imitar o seu exemplo? C
Imaxe C
De que outras maneiras podes imitar o valor de Ester?
Analiza o cadro completo
Que me ensina este relato sobre Xehová?
Como se relaciona este relato co propósito de Xehová?
Que che gustaría preguntarlle a Ester cando resucite?
Aprende máis
Neste vídeo musical podes ver as moitas leccións que os nenos poden aprender de Ester.
Como imitaron a Ester os cristiáns de tempos modernos cando os seus irmáns necesitaron protección?
Imita os que herdan as promesas por ser pacientes. Mardoqueo e Ester (3:05)