18 XEDEÓN
Valente e precavido
O VERDADEIRO valor implica prudencia. E sen prudencia o valor convértese en simple temeridade. Xedeón foi tanto valente como precavido. Viviu nunha época na que os israelitas non obedecían a Xehová. Por iso Xehová lles permitiu ós madianitas invadilos, oprimilos e incluso destruír as súas colleitas. Pero Xedeón non tivo medo e mallou o trigo para darlles comida ós demais. Aínda así foi prudente e fíxoo ás escondidas nun lagar, probablemente nun depósito grande escavado na rocha.
A situación era tan difícil que finalmente os israelitas lle suplicaron axuda a Xehová. El respondeu enviándolles un profeta para recordarlles por que os abandonara. Despois mandoulle un anxo a Xedeón para encargarlle que rescatase o seu pobo. Xedeón pediulle ó anxo unha proba de que Xehová o enviara. O anxo fixo un milagre. Fixo que saíse lume dunha rocha e consumise un sacrificio que preparara Xedeón. Despois disto o anxo desapareceu. Esa mesma noite, Xehová faloulle a Xedeón e díxolle que destruíse o altar de Baal e o poste sagrado. Despois tería que construírlle un altar a Xehová e ofrecerlle un sacrificio. Xedeón obedeceu. Pero, como lle tiña medo ó seu pai e ós homes da cidade, decidiu facelo de noite cando ninguén puidese velo.
Pouco despois disto, os madianitas formaron un grande exército xunto cos amalecitas e os orientais, e atacaron Israel. Eran tantos que encheron todo o val de Iezrael, coma se fosen unha praga de langostas. Movido polo espírito de Xehová, Xedeón enviou mensaxeiros polas diferentes tribos de Israel pedíndolles que se unisen a el para loitar contra os seus inimigos. Unha vez máis Xedeón foi cauteloso e pediulle a Xehová que fixese dous milagres para demostrar que contaba co seu apoio. Xehová foi paciente e accedeu. Esa noite Xedeón puxo unha guedella de la no chan da eira. Xehová fixo que quedase empapada polo orballo mentres que todo o chan arredor dela estaba seco. A noite seguinte pasou todo o contrario. Xehová fixo que a la quedase seca mentres que todo o que estaba arredor quedou mollado.
Xedeón e os seus homes eran moi poucos en comparación co inimigo, pero Xehová díxolle que reducise o seu exército aínda máis.
Estes dous milagres déronlle a Xedeón o valor que necesitaba para guiar un exército relativamente pequeno de 32.000 homes contra os 135.000 do exército inimigo. Mentres os israelitas estaban acampados onda a fonte de Harod, Xehová díxolle a Xedeón que o seu exército era demasiado grande e que mandase para casa a tódolos soldados que tivesen medo. Só quedaron 10.000 homes. Pero Xehová díxolle que aínda seguían sendo moitos. Por iso, mandoulle que se fixase en como bebían auga os homes. Aqueles que se puxesen de xeonllos e acercasen a súa cara á auga para beber terían que marchar. Por outro lado os que se mantivesen en garda e subisen a auga ata a boca coa man serían seleccionados para a batalla. Agora a Xedeón só lle quedaban 300 homes!
Aínda así Xedeón foi valente e preparouse para a batalla. Pero Xehová aínda lle deu máis probas de que estaba con el. Díxolle que entrase ás agachadas pola noite no campamento inimigo. E así o fixo. Cando estaba no campamento escoitou un soldado contarlle a outro que tivera un soño no que Israel gañaba a batalla. Iso aínda lle deu máis confianza a Xedeón. Así que volveu cos seus homes e explicoulles a estratexia. Díxolles que copiasen todo o que fixese. Na escuridade da noite Xedeón e o seu exército rodearon o campamento inimigo. Cada un levaba unha xerra grande, un facho e un corno. Cando Xedeón lles deu o sinal, tocaron os cornos e romperon as xerras. Despois berraron: “¡Espada por Iavé e por Guideón!” O forte ruído e as luces fixeron que os soldados inimigos pensasen que estaban rodeados por un grande exército que os estaba atacando. Houbo unha gran confusión e todo o campamento entrou en pánico. Xehová fixo que se matasen uns ós outros. Só uns 15.000 soldados sobreviviron e fuxiron.
Xedeón saíu tras eles. Finalmente, derrotou os madianitas e executou os seus líderes. Tamén castigou os israelitas que foran desleais e se negaran a axudarlle na súa loita contra os inimigos de Xehová. Despois, o pobo intentou facer rei a Xedeón, pero el negouse dicindo: “Será o Señor quen mande sobre vós”. Xehová recompensou o valor e a prudencia deste home. Xedeón viviu moitos anos e durante todo o tempo que foi xuíz, Israel desfrutou de paz. Séculos despois, o apóstolo Paulo incluso o mencionou entre os homes e as mulleres de gran fe (Heb. 11:32).
Le o relato da Biblia:
Xuíces 6:1–7:22; 8:4-23, 28
Pensa nisto:
De que formas demostrou valor Xedeón?
Afonda máis
1. Nun soño, o soldado viu “un molete de pan de cebada”. Por que representa isto tan ben o exército de Xedeón? (Xuí. 7:13; it “Cebada” par. 7-wcgr).
2. Por que o son de 300 cornos confundiu e asustou os madianitas? (it “Corno” par. 3-wcgr). A
Imaxe A: Os cornos de carneiro usábanse para enviar un sinal ou unha advertencia.
3. Que tiveron que facer Xedeón e o seu exército para vencer os madianitas? (w04 15/10 páx. 16 pars. 9, 10-wcgr). B
Imaxe B: Xedeón perseguiu os madianitas por 80 quilómetros ata Iogbehah (descoñécese a ruta exacta).
4. Que detalles da Biblia demostran que este relato é exacto? (w05 15/4 páx. 32).
Medita no que aprendiches
Xedeón levou o pobo de Deus á vitoria. Pero el seguiu sendo humilde e falou pacificamente con outros (Xuí. 8:1-3). Como poden os cabezas de familia e os anciáns imitar a Xedeón cando alguén está enfadado con eles por algo que fixeron?
En que situacións é probable que necesitemos valor e prudencia? C
Imaxe C
Como podes imitar o valor de Xedeón na túa vida?
Analiza o cadro completo
Que me ensina este relato sobre Xehová?
Como se relaciona este relato co propósito de Xehová?
Que me gustaría preguntarlle a Xedeón cando resucite?
Aprende máis
Se recibes un privilexio de servizo, como podes imitar a Xedeón?
“A sabedoría vai cos modestos” (w00 1/8 páxs. 16-18 pars. 11-15-wcgr)
Utiliza esta historia bíblica ilustrada para axudar ós teus fillos a confiar en Deus.