LECCIÓN 11
Como lle podes sacar o máximo proveito á Biblia
Algunha vez quixeches empezar un proxecto moi grande pero sentías que era demasiado difícil? Para que che fose máis fácil, poida que o dividises en tarefas máis pequenas. Pasa o mesmo coa lectura da Biblia. Quizais te preguntes: “Por onde empezo?”. Nesta lección, imos analizar algunhas cousas básicas que che axudarán a desfrutar de ler e estudar a Biblia.
1. Por que debemos ler a Biblia con regularidade?
As persoas que len con regularidade a “vontade do Señor”, é dicir, a Biblia, serán felices e iralles ben (le Salmo 1:1-3). Para comezar a facelo, intenta lela uns minutiños cada día. Canto máis te familiarices coa Palabra de Deus, máis desfrutarás da súa lectura.
2. Que che vai axudar a sacar o máximo proveito de ler a Biblia?
Para sacar o máximo proveito de ler a Biblia, necesitamos parar e pensar no que estamos a ler. Isto quere dicir que, ademais de ler, tamén temos que meditar no que lemos (Xosué 1:8). Por exemplo, cando leas pregúntate: “Que me ensina isto sobre Xehová? Como podo aplicalo na miña vida? Como podo usar o que estou lendo para axudar a outros?”.
3. Como podes sacar tempo para ler a Biblia?
Cústache atopar tempo para ler a Biblia? A moitos tamén nos pasa. Intenta aproveitar o teu tempo o mellor posible (Efesios 5:16). Podes facelo apartando un momento específico para ler a Biblia cada día. Algúns sacan tempo para lela cedo polas mañás. Outros fano máis tarde, quizais cando paran para comer. E outros incluso a len pola noite, antes de ir durmir. Cal sería o mellor momento para ti?
AFONDA MÁIS
Aprende como podes facer máis interesante a túa lectura da Biblia e como podes prepararte ben para sacarlle o máximo proveito a este curso.
Igual que podemos aprender a desfrutar de diferentes comidas, tamén podemos aprender a desfrutar de ler a Biblia
4. Aprende a desfrutar de ler a Biblia
Pode que non sexa fácil empezar a ler a Biblia. Pero podes aprender a desfrutar da súa lectura igual que aprendes a desfrutar dunha comida nova. Lede 1 Pedro 2:2 e logo comentade esta pregunta:
Se les a Biblia tódolos días, pensas que che chegaría a gustar e que terías cada vez máis ganas de lela?
Poñede o VÍDEO e mirade como algúns empezaron a desfrutar de ler a Biblia. Logo comentade estas preguntas:
Que desafíos superaron os rapaces do vídeo?
Que lles axudou a seguir lendo a Biblia con regularidade?
Que fixeron para que a súa lectura da Biblia fose máis interesante?
Axudas para empezar
Escolle unha tradución da Biblia fiable e actual. Proba a ler La Biblia. Traducción del Nuevo Mundo se está dispoñible no teu idioma ou noutro que coñezas ben.
Empeza pola parte que che pareza máis interesante. Se queres algunhas ideas, mira o recadro “Por onde empezar a ler a Biblia”.
Anota o que vaias lendo. Usa o recadro “A miña lectura da Biblia” que aparece neste libro.
Usa a aplicación JW Library®. Con ela podes ler e escoitar a Biblia en moitos idiomas. Podes facelo dende calquera lugar usando o teu móbil ou outro dispositivo electrónico.
Utiliza os apéndices de La Biblia. Traducción del Nuevo Mundo. Estes apéndices inclúen un glosario, mapas e táboas que poden facer máis interesante a túa lectura.
5. Prepara as túas clases da Biblia
Lede Salmo 119:34 e logo comentade esta pregunta:
Por que é bo que ores antes de ler a Biblia e de preparar as clases?
Como podes sacar o máximo proveito de cada clase? Cando prepares unha lección deste curso, proba este método:
Le os parágrafos da primeira páxina da lección.
Busca e le os textos da Biblia, e intenta ver como se relacionan coa información.
Marca as palabras clave ou as frases que responden cada pregunta. Isto axudarache cando analices a lección co teu mestre.
Sabíalo?
As testemuñas de Xehová usamos diferentes traducións da Biblia. Pero a que máis nos gusta é La Biblia. Traducción del Nuevo Mundo porque é exacta, fácil de entender e usa o nome de Deus (mira o artigo web “Teñen as testemuñas de Xehová a súa propia Biblia?”).
HAI QUEN DI: “Estudar a Biblia é moi difícil. Estou demasiado canso e non teño tempo”.
Ti que pensas sobre estudar a Biblia?
RESUMO
Para sacar o máximo proveito da Biblia aparta tempo para lela, pídelle a Deus que che axude a entender o que les e prepara as túas clases da Biblia.
Repaso
Que che axudará a sacar o máximo proveito da Biblia?
Cando poderías sacar tempo para ler e estudar a Biblia?
Por que é bo que te prepares para as túas clases da Biblia?
INVESTIGA
Repasa algunhas ideas que che poden axudar a sacar o máximo proveito de ler a Biblia.
Aprende tres maneiras de ler a Biblia.
“Como me pode axudar a Biblia? | Parte 1. Descubre os tesouros da Biblia” (Artigo web)
Descubre como desfrutar lendo a Biblia.
“Como me pode axudar a Biblia? | Parte 2. Desfruta lendo a Biblia” (Artigo web)
Queres sacar máis proveito do teu estudo? Escoita algúns consellos de xente que leva moitos anos lendo a Biblia.